A axustada elección presidencial na Academia Galega (RAG) amosa a necesidade de desenvolver unha intelixente política de concordia que reformule, canda outras Institucións e axentes sociais, os alicerces da acción normalizadora na sociedade dos últimos trinta anos, limitada canto aos seus éxitos.
Páginas
luns, 22 de abril de 2013
Tirarmos as hipotecas da lingua
domingo, 28 de novembro de 2010
O galego suma, o galego integra
domingo, 19 de setembro de 2010
O 40% dos pais galegos, sen escola
O Decreto do galego, baixo o pretexto de favorecer a escolla da lingua de introdución no ensino infantil, ven de xerar o efecto contrario. O 40% dos pais das crianzas deste nivel de ensino manifestaron a súa opción a prol do galego. Malia esta escolla, só a rentes do 10% dos centros usarán a nosa lingua no ensino infantil.
A suposta liberdade só existe, pois, para elixir o castelán. E, mentres, impleméntase unha das medidas máis eficaces para garantir que o galego sexa unha lingua extraña para os nosos nenos cando sexan maiores de idade, á volta duns quince anos. E para arrincar do País a súa alma, o que fai de nós algo irrepetíbel no mundo.
Agora ben, na escolla contracorrente a prol da nosa lingua deste 40% dos pais e nais novos, maniféstase unha pulsión de fidelidade ás raíces e unha aposta polo futuro da lingua, xuntando conscientemente a escolla do galego co do mellor porvir. E, no político, albíscase un aviso moi serio ao traballo de deconstrución nacional exercido dende a Xunta.
sábado, 18 de setembro de 2010
Decreto do galego: todo por decidir
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de rexeitar a solicitude de medidas cautelares (suspensión dos seus artigos 5, 6, 7 e 21) que a Mesa pola Normalización Lingüística fixer a respecto do Decreto da Xunta de Galicia 79/2010, que regula o chamado supostamente plurilingüismo no ensino non universitario da Galicia. Como queira que hai persoas (a principiar polo propio señor conselleiro de Educación da Xunta) que tentan confundir unha tal decisión cun xuízo primario a respecto da legalidade do Decreto, convén deixar claras algunhas circunstancias xurídicas e procesuais que concorren neste caso, coma noutros parellos.
O TSXG rexeitou as medidas cautelares que pediu a Mesa recorrente sen ningunha caste de avaliación a respecto do fondo do asunto, xa que a Lei procesual que rexe a adopción de medidas cautelares non llelo esixe. Neste intre procesual, o Decreto presenta unha fasquía de presunción de legalidade, como todos os demais Regulamentos que no exercicio de cadansúas competencias ditan os Gobernos do Estado, das nacións e rexións constituídas en CC AA e os propios concellos. Neste contexto, a suspensión dun artigo dun Regulamento constitúe unha auténtica excepción, nas normativas imperantes antes e despois da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa do 1998, que neste caso foron interpretadas xurisprudencialmente de xeito análogo, malia diferenzas formais de texto na redacción da Lei antiga e da Lei nova. A regra xeral será a pervivencia do que regulen os Gobernos, que desfrutan de presunción de facer as cousas lexitimamente até que unha sentenza dos Tribunais diga outra cousa.
Xa que logo, o TSXG nunca, en ningures e de xeito ningún ten validado as solucións adoptadas pola Xunta a respecto do uso do galego no ensino non universitario. O único que ten manifestado o mércores é que o Decreto ha seguer vixente mentres as partes non usen da súa plenitude de medios de argumentación e proba e entón, e só entón, decidirá a medio dunha sentenza na que estude e considere todos os argumentos deitados polas partes que, até de agora non tiveron ocasión de se expór de modo.
¿Existen pegadas no auto notificado o mércores que poidan dar pé a facer predición a respecto da futura sentenza? Verdadeiramente non. Só cómpre salientar un detalle a prol dos recorrentes: o recoñecemento, polo TSXG, que o Consello Consultivo axuizou desfavorábelmente a libre escolla de lingua polos país inserida no artigo 5 do Decreto recorrido, que non foi adaptado como si se fixo cos outros artigos iniciais atinxidos polo informe desfavorável do máximo órgano consultivo da Galiza. Polo demáis, non hai pegada ningunha de ningunha caste de xuízo anticipado, como, por outra banda, lle cómpre ao estado procesual do preito .
Velaí que o conselleiro cometera (como todos os que anticipan o senso das futuras resolución xudiciais) un erro de xuízo e de ponderación. Porque, no que atinxe á legalidade do Decreto do galego, o TSXG nin decidiu nin prexulgou cousa ningunha. Fica todo por escribir, probábelmente nun lapso que abanea entre os 9 e 18 meses posteriores á resolución que o mércores coñecimos.
luns, 26 de xullo de 2010
Da patria e da bandeira
O patriotismo non había ser cousa de modas. O patriotismo agroma natural nas colectividades que sinten partillar un proxecto de futuro. O que non prexudica sermos universalistas e solidarios. Pensar globalmente. Sermos cosmopolitas (nada a ver co cosmopailanismo que algún profesan). O patriotismo é complementario do europeísmo e compatíbel totalmente con partillar historia, futuro, obxectivos e afectos co resto dos pobos e nacións do Estado español. Vivirmos a patria é o noso xeito de actuar localmente, como seres humanos universais.
Somos un país moi autorestrinxido na expresión dos nosos sentimentos nacionais. Son, sen dúbida, longas eras de autonegación e desprezo polo propio. Mais agora somos un país moderno, europeo, cun alto grao de incorporación ao ensino, cun proceso de urbanización moi consolidado. Non hai, xa, desculpas. O normal é que expresemos a nosa galeguidade, se é que estamos satisfeitos dela ou sentimos orgullo de pertencermos a este país.
E, nos países máis desenvolvidos da Europa e do mundo, as primeiras expresións da nacionalidade son a bandeira e o himno nacional. Nos USA o uso da bandeira nacional é continuo (e tamén na California e en Texas o uso de cadansúa propia), o mesmo ca en Francia. En Múnic ves bandeiras da Bavaria en todas as súas rúas céntricas. E en Edinburgh ou St. Andrews a bandeira escocesa é omnipresente.
A nosa bandeira é coñecida e non xera resentimento ningún. E, porén, usase pouco. Restrínxese ao mundo político, cultural e sindical do nacionalismo, ao seu frío uso institucional e ao seu uso máis cívico nalgunhas bisbarras do Norte (a branca e azul é moito máis normal a pé de rúa en Ferrolterra ou Ortegal ca no resto do País). De quén ou qué nos agochamos? De qué temos medo?
Velaí que iniciativas coma a de Santiago Domínguez, vice-alcalde de Vigo, ao lle distribuir aos cidadáns e entidades cívicas 5.000 bandeiras na cidade máis poboada da nosa Galicia no Día da Patria, sexan dignas a se ter en conta polo resto dos alcaldes e alcaldesas. Os nosos paseos, peiraos, os mastros nos terreos onde se asentan as vivendas unifamiliares… son todos espazos aptos para exteriorizar o noso orgullo e a nosa galeguidade amosando a nosa bandeira.
E, coa azul e branca na casa, no escritorio ou cara ao fútbol, seremos iguais ou mellores persoas, iguais ou mellores profesionais, iguais ou mellores homes e mulleres fillos do noso tempo e cidadáns do mundo.
Probábelmente mellores. Porque só coñecendo e valorando o que é de noso somos –seremos– quen de lle achegar ao mundo, á ciencia, técnica e cultura universal un contributo digno, unha achega verdadeiramente cualitativa.
domingo, 23 de maio de 2010
Seis verdades sobre o galego
1. O galego é a única lingua propia da Galicia. O que non quita que o castelán sexa a lingua materna, por razóns históricas, de ducias de milleiros de galegos e galegas, da maioría dos vascos. Como o árabe de millóns de franceses e o inglés é lingua franca para os indios.
2. A literatura galega é a editada en galego. Cela e Torrente Ballester foron senlleiros escritores galegos da narrativa española, como Kafka foi un grande creador da literatura alemá, malia ser checo. Protexer a creación cultural en castelán non é da responsabilidade das institucións galegas, xa que é un labor para o que o Goberno do Estado inviste xa centos de milleiros de euros, non atendendo as creacións galegas, catalás e vascas.
3. A nosa lingua constitúe unha riqueza inmaterial incalculábel, mais tamén unha riqueza económica. Arredor do 3% do PIB galego ven xerado polas nosas industrias culturais, editoriais e audiovisuais, que naceron pola nosa diferenza nacional, cultural e lingüística. Galiza veu nacer empresas modernas nos ámbitos da creación cultural, produción editorial, produción e creación audiovisual, produción de eventos, contidos na web… que loitan por se reinventar fronte a crise e fronte ao desleixo e apatía do Goberno do PP a respecto das súas angueiras (e as do tecido empresarial galego, en xeral).
4. O galego aínda é a lingua maioritaria de uso, mais atópase minorizado por razóns sociais, económicas, xurídicas e institucionais. Malia a forte redución na cadea de transmisión da lingua nos últimos 20 anos o galego segue a ser a lingua de uso maioritario no conxunto da cidadanía. Porén, subsisten moitos esquemas diglósicos, moitos complexos sociais e, sobre todo, razón xurídicas (a Constitución e o Estatuto non recoñecen a absoluta igualdade do galego a respecto do castelán), sociais, económicas e institucionais que minorizan o galego no seu propio país e Estado. Un madrileño comprende mellor o dereito á diferenza dun holandés có dun galego ou catalán.
5. Existen un Estatuto, un Goberno e un Parlamento de Galicia por existir previamente un país galego e unha lingua galega. O Dereito limítase a recoñecer realidades preexistentes. Se España recoñeceu na Constitución o noso carácter nacional foi por existirmos como realidade diferente anterior á da propia Constitución e do Estatuto. En grande medida pola nosa lingua, que é a máxima creación da nosa cidadanía. Cando o Goberno actual elimina a protección da nosa lingua está a atentar contra un dos alicerces da súa propia existencia.
6. Moitos galegos non valoran a súa lingua por complexos e autoodio. Historicamente as nosas elites eclesiásticas e funcionariais e mesmo empresariais adoitaban ser forasteiras, porque Galicia non se gobernaba por si propia. A maioría galegofalante sofría discriminación no seu propio país, identificando o castelán como lingua de progreso e poder.
domingo, 18 de abril de 2010
O galego nas cidades
Os datos que se tiran no último estudo do Instituto Galego de Estatística a respecto do uso e coñecemento da lingua galega, con ser negativos, non achegan nada que non coñeceramos ou percibiramos. Morren máis galegofalantes dos que nacen e o progresivo amoreamento da poboación nas vilas e áreas urbanas reforza un proceso de substitución lingüística parcial, só matizado en parte por unha meirande conciencia do valor dunha lingua propia en certos sectores da nosa sociedade, pola moderada incorporación de neofalantes e por unha lixeira mellora nas capacidades de ler e escribir a lingua.
Coa realidade obxectiva da nosa demografía e da remuda na fasquía do noso poboamento, o problema da lingua galega e o cerne de toda política lingüística atópase, cada vez máis, no mundo urbano. O galego será lingua de futuro se a política lingüística é quen de se alicerzar na realidade da cidade para se proxectar nos mundos das telecomunicacións, das redes sociais, do deporte, da empresa e da creación científica, artística e técnica. Velaí que sexa esencial prestixiar a nosa lingua nos ámbitos máis vencellados co futuro da nosa sociedade.
Vencellar o galego aos sectores sociais emerxentes. Presentar a lingua como vector de futuro. E este programa esixe grande tolerancia e ductilidade na relación coa cidadanía, mais moita firmeza e ideas claras na política a seguer a respecto do conxunto do sector público, incluíndo os concesionarios dos servizos, os contratistas das obras e máis os Colexios Profesionais e as organizacións empresariais, sindicais e sociais representativas de intereses colectivos.
O galego é a única lingua propia e –aínda– a maioritaria no seu uso, mais atópase gravemente minorizada nos media, xustiza, empresa e publicidade. E, a pesares desta realidade, boa parte das nosas élites políticas e sociais amosan grave desleixo a respecto dela.
Se falamos das cidades galegas, no contexto europeo é impensábel o uso monolingüe castelán que os alcaldes Losada e Caballero e os candidatos do PP Negreira e Porro exercen decote. É impensábel que o Goberno deste País consagre o castelán como lingua única no ensino infantil e nas aulas para impartir matemáticas, ciencias e tecnoloxía. Como se o galego fose prescindíbel ou sinónimo de pasado, do fracaso ou dunha opción partidista.
Mais o cerne da cuestión atópase moito máis na praxe que todos e cada un de nós temos que facer do uso da lingua. Porque a lingua vencéllase co futuro do País, con ese 3% do PIB que xeran as nosas industrias culturais e audiovisuais, coa nosa identidade. Falando só castelán seríamos meramente un 5% do PIB e un 6% da poboación do Estado. En devalo, polo de agora.
O futuro do galego é urbano. É posíbel que aqueles que poden prestixiar o uso do galego consintan no seu esmorecemento? Non nos decatamos que así esmorece a nosa economía e a nosa viabilidade como proxecto en común?




