Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 23 de xullo de 2026

O plan da nada


 por Alberte Mera, no Nós Diario:

Como se dunha gala se tratase, artistas e creadoras de contido amenizaron onte moi agradecidos a presentación do plan do galego do Goberno de Alfonso Rueda. O acto foi convocado oficialmente pola Xunta da Galiza como presentación da proposta para actualizar o Plan xeral de normalización da lingua galega, coa idea de renovar o de 2004 —após os datos do IGE de 2024 certificaren a perda récord de galegofalantes—. A base do plan ían ser as conclusións das comisións de expertos convocadas pola Consellaría de Cultura e Lingua. Ora ben, Rueda xa deixou claro esta semana que o plan era da Xunta e non dos expertos; así o dixo o día antes de que o coordinador das comisións, Manuel González, entregase ao conselleiro as conclusións dos devanditos grupos de expertos. Finalmente, o documento presentado pola Xunta ten moito de desexo bonito e pouco de propostas prácticas. Para mostra, un botón —que coincide coa liña vermella imposta por Rueda e o sector duro do PP—: o decreto de Núñez Feixoo que desde 2010 limita o galego nas aulas non se cuestiona nin se toca. De novo, no PP galego impúxose o sector máis radical fronte ás voces internas que pedían remodelar o decreto do ensino para que a intención do plan fose críbel. Lémbrese que a situación do galego é reversíbel se hai vontade normalizadora.