Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Rivas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Rivas. Amosar todas as publicacións

mércores, 2 de maio de 2018

Carta aberta ao Presidente da RAG

Carta aberta ao Presidente da RAG, no Sermos Galiza:

Diante das manifestacións realizadas polo Presidente da RAG na entrevista publicada en Sermos Galiza o día 22 de abril de 2018, os académicos de número abaixo asinantes vémonos obrigados a facer unha serie de consideracións e puntualizacións:

sábado, 28 de abril de 2018

Por unha Xunta menos eficaz

por Manuel Rivas en Luzes:

Temos os erros equivocados. Estamos a queixarnos continuamente dunha Xunta ineficaz, dun Goberno de inútiles, dun Partido Popular de poder absoluto e absoluta incompetencia.

martes, 1 de decembro de 2015

Dous nenos na Liña do Horizonte

por Manuel Rivas, en La Voz de Galicia:


Arinco a escribir unha lembranza de Xosé Neira Vilas e un chío telefónico, acompañado da inquietante vibración, trae a noticia da morte de Xosé Chao Rego. Agora estou a velos, aos dous, na Liña do Horizonte. É curioso. Non os vexo como vellos. Teñen a presenza, o xeito e a fala de dous nenos das viñetas de Castelao. Chao era de Vilalba e Neira de Gres, mais eu penso que nacer naceron ou renaceron aí, nese espazo da ollada fértil deseñado coa man sincera. Están aí, ensumidos, sentados entre o aquén e o alén.

xoves, 29 de outubro de 2015

'O lápis do carpinteiro'. Falando da novela e a película no IES de Rodeira

O lapis do carpinteiro from lingualiza on Vimeo.

Cantas veces escoitamos dicir que a mocidade está botada a perder, que os seus intereses están lonxe do mundo da cultura e do coñecemento.... Este vídeo é a demostración de que isto non é así. Dá gusto oir a estas tres rapazas comentando o libro de Manuel Rivas ou escenas das película que Antón Reixa fixera sobre ese texto. O alumnado de 4º da ESO do curso pasado tiveron un obradoiro de cine e literatura no IES de Rodeira (Cangas). Como parte deste traballo tres alumnas fixeron este vídeo, digno de calquera programa cultural da TVG. O audiovisual serviría como punto de partida dun debate arredor.
Desexo que todo este traballo e coñecemento teña o recoñecemento que merece.

mércores, 13 de marzo de 2013

Coa esperanza nos dentes

por Manuel Rivas en La Voz de Galicia:

Benquerido Xesús, prezado profesor:Permíteme este trato, o de mestre, non porque fora alumno teu, como moitos tiveron a sorte de ser, senón porque me considero un permanente aprendiz ás ceibas que en moitos dos teus libros atopou saberes, luces e tamén un compromiso rexo pola redención de Galicia e coa primeira das patrias: a xustiza.

venres, 1 de xuño de 2012

De quen é a lingua galega?

por Manuel Rivas, en El País:

O galego non é patrimonio de ninguén. Esta é unha das frases estrela, das que alumea en neon, no discurso político dos que hoxe gobernan na maioría de institucións galegas.
Eu gusto tanto como o señor presidente desa declaración anarquista, non posesiva, verbo da lingua. No fondo, somos dous libertarios, o presidente e mais eu.

domingo, 22 de abril de 2012

Quen saíu cazar a lingua galega?

por Manuel Rivas, en El País:

Tivo a voz d’a alma perdida un estremecemento porvirista e o Viaxeiro acolleu unha Espranza: a de que algún día os homes que non tiñan alma chegarían a ter saudade d’ela”. Teño nas mans unha alma. O que Frazer (A póla dourada) chama unha alma externada, unha alma que anda por fóra e pousou nalgún lugar protector. Esta alma que eu teño na man, e da que tanta saudade tiñamos, é un libro. Un libro que brinca porque é un almeiro que emerxe do invisíbel. Un cardume que reúne escritos na maioría inéditos. Que vibra e escintila coa felicidade do rescate. Por fin, a obra completa de Manuel Antonio (1900-1930). E este que bule nas mans é o volume primeiro e tamén o máis agardado por esa natureza en gran parte oculta. O da prosa. Os detalles limiares, a calidade da edición, correspóndese coa importancia da obra. E así nace unha nova colección que se denomina Clásicos da Academia.

mércores, 4 de maio de 2011

O galego é a chave. Desenvolvemento do acto de Queremos Galego.

Foi un acto moi dinámico, instrutivo e divertido o que se pudo presenciar o pasado día 30 na Sala Capitol de Santiago. Combináronse as intervencións de moitas personalidades do mundo académico e social con actuacións musicais realmente impresionantes.
Falaron Ernesto Chao, presidente de Escena Galega, Manuel Rivas [vídeo], Xosé Lois (O Carrabouxo), Pilar García Negro [vídeo] e Carlos Callón [vídeo].
Na parte musical desfrutamos das actuacións de Ugía Pedreira, Roberto Sobrado [vídeo], ou dun moi celebrado Miro Casabella [vídeo]
Mais eu quixera destacar unha intervención e unha actuación. A primeira é o magnífico discurso de Teresa Moure, por claro, anovador e polo ben escrito que está. Unha perla. No apartado musical o que para min foi un descubrimento, Roi Casal, con catro cancións realmente excepcionais, unha delas "Máxicamente vello" é precisamente a adaptación do poema de Manuel María que lle daba título ao acto: O galego é a chave coa que abrimos o mundo.


venres, 1 de abril de 2011

O segundo enterro de Castelao

Manuel Rivas, reivindicando a Castelao, o ano de Castelao, e tirándolle das orellas aos que renegan de Castelao, no diario El País:


"Castelao era o símbolo humano das arelas morais do seu pobo... A alma galega descóbrese a si mesma coa súa nidia pureza esencial na personalidade humana de Castelao". Quen escribe isto? Quen sinala así un nome que escintile de tal xeito no ceo libre da historia?
Quen fai a escolla non era ningún fanático de Castelao. Non era un incondicional. Pola contra mantivo con el unha relación en especial dramática, dolorosa, pois esgazou en parte o mundo do exilio e o da resistencia interior. Ramón Piñeiro, moito máis novo en idade, non partillaba todas as decisións de Castelao, en particular a estratexia para derrubar a ditadura. Mais iso non o cegou. Tiña un problema oftalmolóxico serio, os seus lentes semellaban reproducións de petroglifos de circos concéntricos, mais tiña unha boa vista para o acontecer histórico e para avaliar a calidade humana.
Por iso, o fundador de Galaxia, o home que encarnou o galeguismo práctico, o que era quen de amansar coa lóxica espiral da voz a tipos rudos como Rosón ou Fraga, cando tivo que escoller o gran referente moral do seu pobo escribiu unha biografía así titulada:Castelao.
Velaí temos a un xuíz esixente, tamén consigo mesmo, tal era Piñeiro, a escoller a Castelao non para metelo nesa manga ancha dos "bos e xenerosos", senón para presentalo como "o símbolo humano das arelas morais" de Galicia.
Hai un bo poema de Virgilio Giotti que se titula Siroco e que di así: Un pocheto te 'speti / se anca xe la tua ora, /ti, inverno. La foiuzza / rossa la xe là ancora. É dicir: Aínda que sexa a túa hora, espera un pouco, inverno. As follas vermellas aínda non caeron.
Si, espera un pouco, non te vaias, ti que no Parlamento galego votaches en contra de que este 2011 fose declarado Ano Castelao, como correspondía polo 125 aniversario do seu nacemento e pola obriga de desenvolver a resolución, aprobada hai un ano, de declarar Ben de Interese Cultural a súa obra.
Se se declarase o 2011, como cumpría, Ano Castelao, sería un ano normal. Un país que honra o que noutros chaman "pai fundador", como nos Estados Unidos de Thomas Jefferson ou Benjamin Franklin. Es ti, ao negalo, o que estragas o tempo. O que volve a enterrar o noso mellor símbolo de valor humanista.
Si, espera un pouco, home, non te vaias. Ao cabo, o que ti esteas aí, o que exista unha autonomía, cun Parlamento autónomo, débesllo a el e á xente como el. Non sei como serás de deputado, pero dígoche unha cousa: Es macanudo tirando pedras contra o propio tellado!
Honrar ao autor de Sempre en Galiza sería, segundo ti, apoiar "un traballo da ideoloxía nacionalista". E aínda máis: "O PP sabe que o nacionalismo é inherente a Castelao como a noite é o día". Pero, home, sempre estás a pensar no mesmo? Es ti, noite e día, o que todo o reduce a ideoloxía. Non é doado achar un espírito máis solidario, máis internacionalista, que o que Castelao mostrou en obra e vida. O final da súa biblia é o máis acabado programa federalista: un goberno mundial para unha confederación planetaria. É dicir, unha ONU de verdade. A súa mente era a dun Bertrand Russell, un Gandhi ou un Martin Luther King. Non é de estrañar que, despois de facer o albume de Harlem, en Nova York, fora nomeado presidente honorífico das sociedades en loita contra o racismo.
Era un patriota, si. E foi despoxado da súa patria. Non tiña nin eira nin beira. Vostede cobra por selo. Respecte o seu nome. Non cuspa ao ceo.
Pero hai algo máis que aclarar.
"En poucos artistas será máis traballoso de arredar a vida da obra, o pensamento dos feitos. Foi un artista integral".
Quen escribe isto? Quen fai esta afirmación que contradí a de tantos paifocos?
Non é tampouco un fanático de Castelao. Nin un incondicional. Foi unha persoa que lle causou moita dor, que esgazou o Partido Galeguista cando aínda estaba viva a República, que se sumou ao franquismo. E á marxe desas circunstancias, foi un sabio de moitos saberes. Quen escribiu iso foi un home de dereitas: Xosé Filgueira Valverde.
Así comeza unha das súas lembranzas, a titulada Castelao, o humanismo, publicada nesa arca de sabedoría que son os tomos de Adral: "Cando falamos do humanismo de Castelao non encaramos somentes esa faceta intelectual do cultivo de esprito que se avigora co achegamento ás mellores creacións e que sabe vibrar diante elas e as corresponde, senón que nos referimos ao home enteiro que foi, e que mostrou, en cada un dos seus logros, que a súa personalidade era superior (...) Fixo sorrir, e chorar, e profundar..."
Mire por onde. Tamén vostede, un dos que decidiu enterrar por segunda vez a Castelao, provoca esa reacción. Fainos sorrir, e chorar, e profundar.
Sorrir. Entre outras cousas, pensando no que faría Castelao ante este espectáculo que nos recorda o aforismo de Stanislaw J. Lec: "Pobre terra! Todas as nosas sombras caen sobre ela".
Chorar. Porque comprobamos outro aforismo, este de Mark Twain: "A diferenza entre unha trola e un gato é que o gato só ten nove vidas".
E profundar...
Hai un libro que se titula Fantasmones rojos: la venjança falangista contra Catalunya (1939-1940), publicado por Acontravent, en 2009. Chegou ás miñas mans grazas a ese extraordinario vedoiro galego en Barcelona que é XGG. Trátase dunha escolma de contido arrepiante: unha serie de "biografías" que certos xornalistas publicaron na prensa fascista para destruír a honra de persoas relevantes só polo feito de seren leais á República. Un dos elixidos para ser aniquilados simbolicamente, xa que non o tiñan a man, foi precisamente Castelao. O autor daquela ignominia tiña nome galego: José María García Rodríguez. Presentábase como poeta, narrador e crítico de arte. O personaxe non deixou nada que mereza perder un minuto. Todo fede. A tinta era veleno líquido.
Non foi o único.
Castelao sobreviviu a toneladas de veleno e prexuízos.
Profunda un pouco, ho. Xa vai sendo hora de cambiar de disco.

venres, 21 de xaneiro de 2011

As senadoras, o galego e o Espírito Santo

por Manuel Rivas, no xornal El País:


Nós non temos un idioma. Temos un problema.
Eu pensar pensaba que tiñamos un idioma nacido en Galicia e que iso era un ben, unha sorte, unha propiedade en man común, unha marabillosa crianza. Unha benzón. Se tivese que lle pór un prezo, non sabería. Canto vale un idioma de seu? Mais agora xa sei que para algúns non vale un can. Nin o prezo duns pinganillos. É un gasto. Un traste. Un problema. Como dixo o señor Rajoy, "las lenguas son para entenderse y no para crear problemas". Que é o que iso significa na práctica, falando en prata? Pois, polo que imos vendo, que hai dúas clases de linguas. Unha lingua,stricto sensu. E logo, os problemas. Así que eu pensaba que falaba galego e o que falo é un problema.
E ten razón don Mariano. Iso funciona así, de xeito orgánico. Canto máis galego falas, máis problemático te encontras. Por iso el non fala unha verba en galego. Para non meterse en problemas.
Os políticos andan como tolos detrás do "momento histórico". Alí onde hai un "momento histórico" alí procuran aparecer todos. Resulta conmovedora esa querenza polo "momento histórico". Tamén no fútbol hai a teima do "partido histórico". De tal xeito que se facemos caso dos fanáticos todas as tardes de domingo serían "históricas". "Eses momentos tan momentáneos", que diría Cantinflas. Mais, no fondo, a xente sabe o que é "histórico" e o que non é.
O do outro día, no Senado, ben merece o adxectivo. Si que foi un día histórico na historia de España. Na mellor, e non na triste historia. Algunha que outra vez se oíra falar en éuscaro, catalán e galego, ademais do castelán. Pero fora dun xeito moi excepcional, efémero. Mais nese día, o martes 19 de xaneiro de 2011, o que sucedeu foi a estrea dunha nova xeira. O uso normal das linguas cooficiais no que debería ser a cámara de representación territorial. Un gran espazo democrático de convivencia e integración. Este, o de ser hábitat exemplar da pluralidade lingüística, é o paso máis importante e serio que se ten dado nese sentido.
A mellor proba de que foi unha xornada histórica para o Senado é que nunca se falou tanto do Senado. Pasou de ser un ente invisíbel a converterse no epicentro do ágora. Mais non foi por un disparate, como esbardalla a opinión máis túzara, senón polo intelixente acordo dunha gran maioría que achega o Senado ao papel constitucional. Todo o proceso de tradución que garante a pluralidade lingüística, ese motivo de tanto escándalo, suma arredor dos 300.000 euros en persoal e medios técnicos, durante un ano. Menos do custe dun festexo taurino. Nin unha campaña publicitaria de millóns de euros faría tanto polo Senado. Oxalá en todos os momentos "históricos" houbese ese balanzo positivo entre o que se acada e o seu custe.
E se ese martes plural fixo visíbel o Senado, tamén permitiu saber da existencia de dúas senadoras galegas.
Non porque falasen o galego, senón por negarse a falalo.
Non por exercer os seus dereitos, senón por rexeitalos.
Non por representar o seu país, a súa cultura, senón por representar soamente un oportunismo sectario.
Mais estes que refiro son trazos parciais do caso Sáinz & Pan. Poderíamos pensar que non estiveron á altura da historia. Mais depende de que altura. E depende de que historia. O seu comportamento pode ser criticado, mais non por non ser "histórico". Mesmo deberíamos recoñecer que Sáinz & Pan fixeron todo o posíbel para pasar á historia. Coido que o lóxico é que falasen galego, polo menos en situación tan extraordinaria. Despois da moción do catalán Ramón Aleu, a senadora galega Sáinz tiña a ocasión de inaugurar un tempo novo. E o que fixo foi desinauguralo. Pois ese é outro xeito de pasar a historia! Desinaugurala.
Xa o dixo Mallarmé: "A destrución foi o meu amor, a miña Beatriz!"
Sei de xente que viviu ese desaire con vergonza allea. Que o sufriu como unha mágoa e como un aldraxe, envolto nunha declaración amorosa. A min, en troques, pareceume unha situación conmovedora. Velaí unha senadora, unha dona competente, con formación académica, profesoral, e que declara que podería falar galego, mais que non o vai facer. Por que? Por amor.
Este detalle apaixonante de María Jesús Sáinz, na liña "quen te quere, fará que sufras", permitiu dous intres históricos. O dela. E o da senadora guipuscoana, do PNV, Miren Leanizbarrutia, que no seu parlamento en éuscaro meteu unha frase en galego: "É unha pena que vostede sexa galega e non faga uso da lingua na que Rosalía de Castro escribiu tan fermosos versos".
Se Sáinz falase en galego, só teriamos un "momento histórico". E así temos dous. O da senadora galega que ama o galego pero non o fala. E o da senadora vasca, unha muller de Aretxabaleta, que non sabemos que tipo de relación ten con el, pero que non o ignora.
Hoxe non hai ninguén en Galicia que non declare amar o galego. Mais o amor ou é carnal ou é platónico. O galego debe ser a lingua que máis amores ten, estando como está entre dúas estacións pouco recomendábeis. As que os estudosos das políticas lingüísticas denominan Morte (Language Death) e Perigo (Language Endangerment). O amor coas linguas, dispensando, ou é ou non é.
A relación cunha lingua, co que se di dunha lingua, tamén se pode ver á luz da dialéctica de Eros e Tánatos.
Se o que temos non é un idioma senón un problema, ou un Idioma ao que chamamos Problema, pois máis que política lingüística o que nos fai falta é ir ao santo Freud.
Ou ao Espírito Santo.
Sigmund Freud e o Espírito Santo son de diferentes escolas, pero, verbo das linguas, veñen dicir o mesmo. Aínda que eu vexo moito máis resolutivo ao Espírito Santo no "momento histórico", como ben se demostra no Pentecostés.
Ese "intre histórico" é relatado así no Novo Testamento (Feitos dos apóstolos): "Sucedeu de súpeto que se produciu un ruído como do ceo semellante a un vento. Apareceron entón linguas de lume que pousaron sobre a cabeza da cada un deles (dos apóstolos e discípulos) enchéndose todos do Espírito Santo e comezaron a falar en diferentes linguas".
E se non o remedian nin Freud nin o Espírito Santo, sempre haberá para o galego un convoi ou un coche de liña con parada en Aretxabaleta. Ou na Universidade de Bremen, onde Zuzana Pesselova vén de escribir unha tese que atribúe á "modestia galega" a marcha que leva a lingua cara ao "falecemento". A Bremen fuxiron os músicos do conto cando se decataron de que ían morrer en mans do amor.

domingo, 19 de decembro de 2010

A Santa Compaña salvará a lingua

por Manuel Rivas, o paasado venres 17/12/2010 no xornal El País:

Está a espallarse un novo esplendor da arquitectura galega: o do tanatorios. En Galicia vivimos un tempo de futuro pretérito. Por iso a arquitectura máis viva é a dos tanatorios. Ocupan os mellores locais. Os lugares estratéxicos. Agora a vangarda son os tanatorios.
A da morte é unha das máis interesantes reconversións producida en Galicia nos últimos anos. Hai quen pensa que a desaparición dos velorios no fogar é unha grave perda etnográfica. O que eu penso é que os mortos, con ese sentido solidario que adoitan ter os defuntos, levaron a etnografía aos tanatorios. Cada día nótase máis. Non é que a xente deveza ou teña présa por morrer, mais o tanatorio xa non ten esa connotación de frigorífico, de penoso presidio no camiño do Xuízo Final. Até hai pouco o defunto galego aínda rexurdía para que non o levasen ao Tanatorio. Rebulía na caixa. Oíanse toses, xuramentos. O que pasa é que todo o mundo se facía o despistado.
-E iso que foi?
-O que?
-Pareceume oír a voz do avó. Un xuramento.
-Será o aire acondicionado!
O defunto galego ía ao tanatorio como se o levasen á pensión de Psicose, de Alfred Hitchcock. Mais agora os sen-lugar son lugares de información. De encontro. De transmisión de experiencias. As esquelas fanse en castelán, pero onde máis galego se fala é nos tanatorios. E un aprende alí de marabilla o que é o "e" paragóxico. A Santa Compaña salvará a lingua! Mágoa que non teñan un bo ambigú para os brindes de despedida. Pero todo se andará.
Aquí a crise non é da construción, senón do enfoque. E é que se orientaron mal as cousas. Veña masa, veña tixolo, veña urbanizacións. O negocio só pensaba nos vivos. Tiña esa miraxe colonial. Esa cousa da imitación da gran soleira mediterránea ou dos formigueiros metropolitanos, onde pousan as grandes migracións. Mais en Galicia, os vivos van a menos. Os vivos son o pasado. Como quen di, os vivos en Galicia son unha minoría. Unha minoría minoritaria.
Os mortos, dalgún xeito, son os que mellor resisten a crise. Os que nos botan unha man. Un dos propósitos do capitalismo foi converter os mortos en eliminados, romper a conexión entre as dúas parroquias, as dos vivos e as dos mortos.
Durante anos de confusión, a maior produción foi a de Baleiro. A xente pensaba que se estaban a facer edificios, polígonos, casas. Pois non. O que se estaba a construír era o Baleiro. Hoxe temos un excedente brutal de Baleiro. O problema do Baleiro e que é un produto moi difícil de colocar. É un produto triste. Unha cousa son os metros cadrados de esperanza e outra os metros cúbicos de baleiro.
O baleiro, ademais, é caro. Moi caro.
Unha das cousas máis impresionantes na Galicia de hoxe son os polígonos industrias desertos. Non é que pecharan ou marcharan as industrias. É que nunca estiveron. Talvez esa era a idea inconsciente. Que a terra criase industria. Se non hai fábricas, xa naceran. Hai que ter paciencia. O caso é facerlle sitio. Hoxe sae unha toxeira no polígono, pero se cadra mañá medra unha colleita de pneumáticos Pirelli con calendario de nus e todo. Esa é unha confianza cega. O que vai medrar é o baleiro.
Producimos menos leite. Menos barcos. Menos investigación. Mais somos os campións na produción de baleiro.
O grande monumento ao baleiro é, claro, a Cidade da Cultura. Velaí vemos o determinismo histórico. O baleiro, que é a Nada, facéndose co Todo. O gran espectáculo do goce sadomasoquista: todo un país a debater o como se enche algo que naceu para albergar... o baleiro. Todo este absurdo teríase solucionado de sermos realmente informados do que se pretendía facer. Agora todo o mundo di que non se sabía o porqué da obra de Gaiás, o que sería un auténtico delito merecente de "estado de alarma": gastar centos de millóns de euros, o que non temos, en algo que non se sabía o que era e para que!
Mais non é así. Fraga sabía o que quería e Peter Eisenman, tamén. Sendo diferentes os intereses, a coincidencia era tácita. Houbo quen o suxeriu, mais foi acalado. Non se recoñeceu a verdade. E até certo punto era lóxico. A natureza da Cidade da Cultura é o segredo. Como nas pirámides. Fraga quería o mausoleo, sen proclamalo. E Peter Eisenman quería elevar o concepto e a sensación do baleiro a sublime arquitectura. No fondo, a sintonía de obxectivos era perfecta, sen necesidade de ser expresada: tratábase de construír a Catedral do Baleiro, o perfecto Mausoleo da Postmodernidade. A funcionalidade nunca foi contemplada. Iso é cousa da arquitectura de Niemeyer, o autor brasileiro que vén de revolucionar Avilés transformando a vella siderurxia en epicentro internacional de cultura. O mundo á espreita desa obra, feita con sentido, a escala, e con imaxinación, e non a golpe de talonario. Mais Óscar Niemeyer é comunista e ten 103 anos. E pensa no destino da obra. As desgrazas nunca veñen soas. Que importaba o destino da obra en Gaiás? Estaba á marxe, ou era o de menos, nesa arquitectura da Nova Idade Media, obxecto de feitizo, de adoración, símbolo de si mesma e do concepto do poder que a pariu. O mestre Mateo levou o universo do ben e o mal, mediante a Apocalipse, ao Pórtico da Gloria. Rosalía de Castro escribiu: "Como me miran estes demos, /e aqueles mortos!". Só hai un xeito de encher de verdade o inmenso baleiro de Gaiás. Cos demos e cos mortos. Co falar e co mirar da pedra. Si, só hai un xeito de acabar con Baleiro Totalitario. Coa Santa Compaña. E o resto xa se irá dando. Cando estaba no sanatorio en Santiago, a Valle-Inclán encontráronlle un cesto de nécoras debaixo da cama. O médico pregúntolle: "E este marisco?". E don Ramón, que mesmo de enfermo era xenial, respondeu con naturalidade: "Aquí, con este clima, cría de todo". Ese é o medo que eu teño. Que en Gaiás metan moito deshumidificador. Hai que deixar á natureza que traballe. Que críe. Que encha o baleiro.
Os mortos aquí sempre foron por diante. A comezar polo último rei de Galicia, amante das artes, tamén da ars amandi, e que aborrecía a guerra, aquel Don García que morreu traizoado e cuberto de cadeas no castelo da Lúa. E Valle-Inclán, ao seu xeito, tamén era un rei galego. Non é casual que o enterro fose o día de Reis de 1936. E na comitiva, baixo a chuvia, ía o pobo e non os das cadeas. Na fosa, o caixón de táboas aboiou como unha barca. E cando un mozo tirou do crucifixo, destapouse o cadaleito e alí estaba don Ramón como un céltico rei Lear a botar a última ollada dende a última nave. Aquela ollada ía do tempo ao intemporal.
A mellor historia de Galicia, e da humanidade, é a dos que combateron o baleiro con retallos de luz.
O poema de Nazim Hikmet:
"Estes homes, Dino,
con retallos de luz nas mans,
u-lo van
nesta penumbra, Dino?"
Na Coruña, na mañá do sábado, día 18, no cemiterio de Santo Amaro, vaise lembrar cun roteiro organizado pola Academia Galega vaise homenaxear a Luís Seoane e as portadores de retallos de luz que alí repousan. E ao día seguinte, moi perto do camposanto, vaise inaugurar o memorial, impulsado pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, no que figuran os nomes de seiscentos loitadores pola liberdade asasinados polo fascismo na bisbarra coruñesa. O último libro de John Berger títulase Coa esperanza nos dentes. Así viviron eles, coa esperanza nos dentes, para encher o noso baleiro.

luns, 22 de marzo de 2010

Galicia e o 'buraco in progress'

por Manuel Rivas, escritor, o pasado venres 19-3-2010, no xornal El País

Se tivese que escoller agora dúas viñetas de Castelao, unha sería a do gato cínico que recita a Bécquer: "Volverán las oscuras golondrinas en su balcón los nidos a colgar... Pero aquela que papei o ano pasado, esa non volverá." E a outra? A outra é aquela na que aparecen unha nai e un meniño e a muller pregunta: "Por que non queres ir á escola?". E o rapaciño di: "Porque sempre me preguntan o que non sei".
Cómpre a liberdade de circulación na estrada: esquerda ou dereita por votación dos condutores
Son dúas pequenas obras mestras de humor e humanidade que refulxen en todo tempo. E que deberían terse proxectado en power point no Parlamento autónomo mentres se debatía o "estado da nación".
O gato paródico ten hoxe o seu correspondente no cinismo político. Verbo do modelo lingüístico no ensino, o gato do Goberno papou unha boa andoriña e esa xa non volverá. A andoriña papada pódese ver como unha alegoría do que era un consenso básico laboriosamente construído. E perdido de golpe. O verdadeiro anarquismo quería ser a "máxima expresión de orde". En cambio, a anarco-dereita medra co caos.
Tamén a outra viñeta preséntase hoxe cun alto sentido paródico. Se falamos de "liberdade de escolla" ao xeito pueril e irresponsábel en que o emprega a neo-dereita, a primeira liberdade debería ser a que reclama o neno: a de ir ou non ir á escola. O rapaz desa viñeta é un pícaro entrañábel. Aí está a refinada intelixencia e a vontade de estilo popular. No decreto que o Goberno teima en aprobar, podemos ver o reverso caricaturesco desta viñeta. A desvalorización da función docente e a invitación a exercer "a liberdade de non saber". Agora o pícaro pode ir á escola tranquilo, coñecedor de que o seu "dereito a non saber" está por riba dos deberes escolares, e que o seu "non querer saber" está avaliado polos que mandan e por un fato de pais fronte aos sospeitosos valedores da función docente.
Non hai en todo o orbe mundial un decreto máis marxista. Por suposto estou a falar do que ocorre no disparatado Camarote dos Irmáns Marx. Podería darse a circunstancia matemática, e non é broma, de que o voto dun só pai inclinase o modelo lingüístico dunha escola infantil perante catro anos. E en primaria e secundaria, tal como está feito este decreto, pode darse con toda normalidade este diálogo entre profesor e alumno.
-Desculpe por molestalo, prezado alumno, mais agradecería inmenso que vostede teña a amabilidade de responder a esta miña pregunta en galego xa que estamos en clase de Coñecemento do Medio. Podería dicirme, por favor, un nome en galego deste insecto coleóptero de nome científico Lampyris nocticula e en castelán coñecido como luciérnaga?
-Ni entiendo lo que dices ni entiendo por que me preguntas lo que no sé. A mi no me vas a practicar tú la inmersión y hay un decreto que dice que en el aula puedo hablar la lengua que me sale de los huevos y escribir los exámenes en la que me salga de los cojones. Paso de ti, tío.
-Paso-de-ti. Magnífico! Xa temos un novo nome para o vagalume. Lucecú, vella, lucerna, corcoño... e Paso-de-ti!
A trapallada ten a súa propia lei, moi semellante á da gravidade. Ou perseveras na trapallada ou saes decididamente da trapallada. Non hai xeito de saír da trapallada tentando convertela en media trapallada, pois o que resulta é que media trapallada equivale ao final a trapallada e media.
Isto é o que está a pasar con este decreto sobre a lingua no ensino. E o encirrado debate vén ser unha grande metáfora do que está a pasar neste país.
Durante meses estiveron dándolle voltas á agulla de marear polos famosos tres terzos. Algúns avisamos que era unha trapallada, e ademais unha trapallada inviábel. Mais todos tivemos que andar nesa nora, a dar voltas como os cabaliños dun carrusel de feira. Agora, de súpeto, esquécese a xenial ocorrencia dos tres terzos e lánzase un discurso de recambio: o do presunto equilibrio. Que pasou co inglés? Outra "andoriña" no papo? Pois pasou que se xogaba de farol, o caso é que viraramos na nora, que viviramos na miraxe, mentres na realidade se estaban a recortar os orzamentos das escolas oficiais de idiomas en toda Galicia. En aparencia, hai correccións. Mais non son por vontade propia, autocrítica ou procura do consenso. É o test da realidade o que vai corrixindo o absurdo. Pero, claro, a realidade non dá feito con tanto absurdo. Quere que lle boten unha man. Por exemplo, o absurdo xira agora arredor de dous eixos que se asentan na falsidade: o das materias "troncais" e o poder determinante dos pais. No currículo educativo non existen materias "troncais". Non hai materias de primeira e outras de segunda. É un disparate! En que criterios pedagóxicos se fundamenta a decisión de que todos os estudantes de Galicia teñan que aprender á forza matemáticas en castelán?
¿E que dicir do poder discrecional dunha parte dos proxenitores para decidir sobre o ser ou non ser dunha lingua que é patrimonio común? Neste país, todos pagamos o ensino público (e o privado concertado!), é dicir, todos somos pais e nais. Mesmo o presidente e os conselleiros que non teñen fillos, tamén eles, nunha sociedade democrática, tamén eles son pais e nais. Non, non é a liberdade o que se instaura, senón o caos. Non é a cordialidade o que se implanta, senón a rifa permanente. Non sei se viñamos dun "bilingüismo cordial", mais si dunha "tranquilidade relacional" que agora pode estoupar. Dise que había un compromiso electoral, mais nunca se especificou o contido da reforma. E aínda que para afagar orellas fanáticas se fixese algunha promesa, o gobernante ten a obriga de revisala cando esa promesa vai contra o espírito do Estatuto, da Constitución e da Carta Europea das Linguas.
E se non se fai así, se non se volve á sensatez dun gran consenso lingüístico, que garanta a protección do galego, o que cómpre é espallar o modelo Camarote dos Irmáns Marx a todos os eidos da sociedade. Que se decrete a "liberdade" de pagar impostos, taxas e multas. A "liberdade" de circulación automobilística a esquerda ou dereita por votación dos condutores en cada estrada e cada catro anos. Que os clientes das caixas de aforro teñan dereito a votar en urnas e sucursal a sucursal (que menos!) se apoian ou non unha fusión. E que, dunha vez por todas, decidamos en votación se na catedral de Compostela está enterrado o apóstolo Santiago ou o herexe Prisciliano.
A educación é o núcleo de abastecemento de esperanza dun país. O que se fixo perante un ano enteiro non só foi perder o tempo senón espallar en todo o corpo docente, en mestres e profesores, a síndrome do burn-out, o queime, o chamado "infarto da alma". A relación dun bo gobernante co seu país debería semellarse a do artista coa súa obra. Velo como un work in progress. Unha obra aberta. Mais a forma que agora mesmo ten o país é a dun buraco in progress. Aborrecían a "inmersión" e, mira por onde, estamos todos mergullados nun Camarote absurdo, ocupados en facer buracos no baleiro.

sábado, 6 de marzo de 2010

Deus, Galicia e o 'Tribunal de Orden Público'

por Manuel Rivas, escritor, no xornal El País

O día en que o presidente da Xunta era recibido no Vaticano polo Papa Bieito XVI celebrábase en San Bartolomeu de Pontevedra o funeral de corpo presente por Manuel Espiña. Sen flores, sen esquelas. E eu diría que sen morte. Porque Manuel Espiña, nacido en Folgoso (Terra de Montes), cóengo da Colexiata de Coruña, fundador da comunidade do Home Novo, un santo clandestino e minimalista, sempre coas mans e as palabras cheas de frangullas de felicidade, Espiña, digo, enfrontouse á morte no seu día. Sen medo, a peito descuberto.

O retrato deste Goberno, un ano despois, é a dun grupo humano que mira con estupor o país
Foi en setembro de 1975. O ditador, nas portas el xa da porte, aínda tivo a derradeira vileza de asinar cinco condenas a pena de morte contra outros mozos antifascistas. Nin o rogo de Pablo VI conseguiu abrandalo. Nin o teléfono atendeu. Cando chamou o Papa, el mandou dicir que estaba a durmir.
Houbo un cura en Galicia que subiu ao púlpito ese domingo e chamou ao crime e ao criminal polo seu nome. E dixo que o ditador non estaba por enriba da lei de Deus, aínda que moitos fanáticos o cresen. Non, non foi hai tanto tempo. Manuel Espiña sabía que no templo había membros da policía secreta do franquismo a anotar as súas verbas. Sabíao ben, porque alí, na igrexa das Capuchinas da Coruña, ían cada domingo dende que en 1965 o arcebispo Quiroga Palacios autorizou aos padres Espiña e Morente a dar a santa misa en lingua galega.
Foi unha revolución. En realidade, Manuel Espiña non era un carácter para levar adxectivos. Era conservador e progresista, segundo en que cousas. Revolucionario? A iso dá unha boa resposta Victorino Pérez Prieto no seu magnífico libro Galegos e cristiáns (Editorial Sept), cando nos fala dun "cura con sotana" que, sobre todo, é un home bo: "Sería moito máis adiante cando descubrirá o galeguismo como compromiso cunha terra e o cristianismo como 'unha revolución sen estrear'".
Mais volvamos ao Vaticano, esta segunda feira. Segundo o testemuño de Núñez Feijoo, o Papa moveu con estilo a pequena réplica do botafumeiro con que foi agasallado e tamén preguntou se o Códice Calixtino, outro agasallo, estaba en lingua galega.
Mágoa que o xefe da Igrexa católica, a gran fe da maioría da xente galega, non preguntara por Espiña, o autor de Terra santa e un dos primeiros en verter os Evanxeos ao galego, que estaba a ter a derradeira despedida nese intre, cuberto o cadaleito coa bandeira galega, mentres no adro soaba o himno coa elevación das gaitas. E o Papa non sabería del, ho!
Si. É posíbel que Bieito XVI non se lembrase, mais aqueloutro que foi antes de ser papa, o cardeal Ratzinger si. El, o prefecto do Santo Oficio, el si tiña que saber a historia de Espiña. El tiña, ten, toda a información na cabeza. El sabería a historia daquel cura da Coruña que se atreveu a chamar verdugo a Franco. Que foi xulgado polo Tribunal de Orden Público (TOP) da ditadura e condenado finalmente a unha multa de 150.000 pesetas, que daquela eran millóns.
E tampouco non tería nin idea o señor Núñez Feijóo?
Coido que teño unha resposta para esta última pregunta. Non creo que o presidente da Xunta nin ningún dos seus conselleiros souberan de Espiña, autor d'A alma dos galegos. O retrato deste Goberno, un ano despois da gañar as eleccións, é o dun grupo humano que mira con estupor o país que goberna. Criticouse moitos días á Rosa Pexorativa, que non era a primeira que piaba, mais o rosadiecismo é unha compoñente ideolóxica fundamental do actual grupo dominante na dereita galega. O rosadiecismo está representado nos dicires e nos feitos de gran parte da Xunta e dos voceiros na política e na opinión xornalística.
Espiña non calou ante os devoradores do galego, por moi poderosos que fosen e cando os tempos eran dun viruxe que facía tremer as carqueixas. El publicou sempre en galego, e perante trinta anos, a sección O outeiro de San Xusto, La Voz de Galicia. Comezou en xaneiro de 1970, a proposta do entón director Francisco Pillado. Cada domingo, Espiña subía un chanzo daquel outeiro. Era unha epístola cada vez máis valente, máis luminosa, máis ecuménica, máis radical no sentido de profundadora.
Era un home dotado dunha "sinxeleza bíblica". E ese era o seu xeito para se relacionar con todo. Sabía que Xesús Cristo e os seus falaban a lingua do pobo, non tiñan complexos, e mesmo as imaxes e as parábolas recollidas polos evanxeos, e mesmo ese sentido común revolucionario que trouxo en moitos eidos o cristianismo, todo iso estaba moi inspirado pola cultura popular. El mamou o galego como o fillo do carpinteiro o arameo. Home animado, afábel, risoño como santo cómico con sotana, levaba con dor o calvario da lingua na que naceran as Cantigas de Santa María: "Galicia está viva, nunca estivo morta, aínda que houbo quen lle cantou o funeral. O espírito de Galicia sempre estivo con ela... Mais temos que confesar que en Galicia hai moitas cousas mortas e outras a piques de morrer. O máis grande que temos, a nosa lingua, pra moitos é como as follas secas, que se espera que o vente as leve a calquera recanto onde apodrezan... O pecado vén de moito atrás, xa case é pecado orixinal".
Unha vez nomearon un bispo que non quería saber nada do galego e entón Espiña mudou o desacougo e o fastío en humor e escribiu por primeira e última vez a sección co título El oterito de San Justino: "Pude ver con toda claridad que eso de que Galicia es diferente a Castilla y de que tiene una lengua e identidad propias, es una absoluta tontería. Aquí el noventa y cinco por ciento de los curas hacen todo en castellano y sus obispos también, y el diminuto número de disidentes es por política, y una política heterodoxa, separatista, revolucionaria y casi atea".
O Outeiro era o seu Sermón da Montaña, que non pretendía adoutrinar, senón, como os doce consellos de Xesús, espallar a Lei do amor. Esa que ten por regra de ouro: "Facede vós cos demais todo o que desexades que fagan eles convosco". El tiña moi presente o primeiro dos consellos: renunciade a acumular tesouros perecedoiros e buscade o tesouro que non esmorece endexamais. Con ese tesouro andaba o noso home. Cando lle puxeron aquela multa impagábel por denunciar a inhumanidade do medio de tanto silencio cómplice, chegoulle una inesperada axuda. A do pintor Luís Seoane, que lle enviou un dos cadros emblemáticos da pintura galega moderna: O Cristo obreiro. E co cadro unha mensaxe: "No Deus que vostede predica, tamén creo eu".
Si, a morte pasou de lonxe cando o enterro de Espiña. Respectouno. El non fora covarde. Dixéralle a verdade, pan por pan, o día miserábel.