Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 13 de marzo de 2013

Coa esperanza nos dentes

por Manuel Rivas en La Voz de Galicia:

Benquerido Xesús, prezado profesor:Permíteme este trato, o de mestre, non porque fora alumno teu, como moitos tiveron a sorte de ser, senón porque me considero un permanente aprendiz ás ceibas que en moitos dos teus libros atopou saberes, luces e tamén un compromiso rexo pola redención de Galicia e coa primeira das patrias: a xustiza.
Verbo da túa carta aberta (La Voz de Galicia, 6 de marzo), vou comezar polo final, cunha resposta clara e pública ao asunto en que me emprazas: seguirei na Academia Galega. En tempo de crise, non vou deixar o meu remo, non por considerarme importante, nin sequera necesario, senón por unha estraña obriga que adoita ter o nome de responsabilidade, aínda que confeso, e isto debería ir entre paréntese, que dentro de min se segue a librar un combate. Por que esta inquietude? Porque de ningún xeito se debería ter chegado a esta situación.A sensación de desacougo aumenta cando esta crise se produce e amplifica xusto nun período en que a actividade da RAG ten maior repercusión social e aparece como unha referencia positiva, un espazo independente e non expropiábel da nosa cultura, é dicir, da esperanza galega. E iso porque está a cumprir de xeito insubornábel o obxectivo que é a súa razón de ser e sinala o artigo 1 dos Estatutos: «A ilustración, defensa e promoción do idioma galego». Unha tarefa que se desenvolve a continuación e que se resume nun mandamento: «Velar polos dereitos do idioma galego».Se a RAG fora un morto, unha institución zombi, unha momia, estariamos a falar de crise? Habería o debate, a controversia e mesmo o ruidoso quilombo que ás veces se manifesta? É evidente que non. Se todo isto pasa é pola súa condición de organismo vivo e operativo. A presidencia de Xosé Luís Méndez Ferrín e a xestión da comisión executiva teñen sido determinantes nesta visibilidade do traballo e iniciativas da Academia. Por suposto, as bases estaban postas nos dous fértiles mandatos anteriores de Francisco Fernández del Riego e Xosé Ramón Barreiro, mais non se caeu na tentación dunha comodidade conformista. No camiño ás veces tortuoso da Academia, que mesmo en tempos infames sobreviviu cun fío de aire, hai nesta xeira logros que ficarán como históricos. Por exemplo, acabar coa incríbel discriminación que viña sufrindo a RAG no trato institucional e nos orzamentos do Estado español, onde simplemente non existía, a diferenza das entidades equivalentes en Cataluña e Euskadi, ademais, claro, da RAE.Sen independencia, a Academia si que sería un organismo demoucado, innecesario. Esa é outra trabe fundamental dos seus Estatutos e da súa razón de ser. Esa independencia coa presidencia de Ferrín púxose a proba co recurso ante os tribunais polo chamado decreto de plurilingüismo do actual Goberno da Xunta, que rompeu o consenso básico da Lei de Normalización Lingüística. Ese decreto esterilizador foi recorrido ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que fallou en contra da substancia da norma da Xunta, e agora ante o Tribunal Supremo, impugnando a súa totalidade. A Academia deu proba da súa autonomía, cumpriu co seu deber e mostrouse como unha ferramenta utilísima, en defensa do valor patrimonial galego, que non defende o seu Goberno. Está en perigo a independencia da Academia Galega? Si. Coido que si. Onte mesmo líamos unhas declaracións de voceiros da Xunta nas que amoestaban á Academia por utilizar fondos públicos para presentar eses recursos xurídicos. Que vergoña. Consideran acaso que as achegas públicas implican unha obediencia partidaria, unha relación servil e subalterna? Pero velaí o chasco: o equipo xurídico que elaborou con tanto rigor os recursos da Academia non cobrou polo seu traballo. Fíxoo por sentido de país. Eis algo que se descoñece: o nivel de voluntariado que existe en moita da xente que colabora coa Academia. Non é o poder e a gloria o que os leva alí, senón o contribuír no cultivo da cultura e da liberdade de Galicia.Si, ten habido problemas na xestión durante este mandato. Ninguén é perfecto. Eu non pertenzo a esa executiva, son un peón na Academia, pero procuro ser obxectivo. Eses problemas se resolverán, e se están a resolver, con espírito autocrítico. É algo que nos consta. Non houbo vontade de aproveitarse da entidade. Pola contra, coa ollada limpa de prexuízos, todos temos constancia dunha entrega xenerosísima, os primeiros Méndez Ferrín e Xosé Luís Axeitos. Posto todo na balanza, o resultado da xestión é moi positivo. Niso hai unanimidade. É hora de construír pontes. De recompoñer a confianza básica. Este episodio non pode acabar ao xeito do Divino Sainete de Curros. Xa abonda de cainismo, de facer churrasco de bos e vitela de xenerosos. A Academia ten que ser verbívora. Alimentarse de verbas. Un almeiro das palabras. E o que hai que levar nos dentes é a esperanza. Creo que aí nos encontraremos, profesor.Manuel Rivas

Ningún comentario:

Publicar un comentario