Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 8 de marzo de 2013

Rosalía non a admitiría na súa casa

Comunicado de Prolingua en relación ao convite da Xunta de Galicia á escritora galegófoba Marta Rivera de la Cruz para a homenaxe a Rosalía:

Como xa era sabido –e agora confirmado coa publicación da biografía de Murguía por X. R. Barreiro (Galaxia, 2012)–, Rosalía de Castro escribiu en 1863 os seus Cantares Gallegos para promover a recuperación da lingua galega, non por ansia de gloria persoal, senón «para cantar as belezas da nosa terra naquel dialecto suave e mimoso que queren facer bárbaro os que non saben que aventaxa ás demais linguas en dozura e fermosura», como ela mesma escribía no prólogo desta obra.Agora vemos que a Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, decidiu conmemorar este 8 de marzo o Día da Muller Traballadora cun acto institucional de homenaxe a Rosalía de Castro, e na súa casa, convidando unha única escritora galega, Marta Rivera de la Cruz, coñecida pola súa belixerancia en contra do proceso de normalización da lingua galega, como o demostran as súas declaracións en diversos medios nos que aseguraba sen proba de ningunha caste, non só que en Galicia se intentara eliminar o castelán da vida pública e que había colexios nos que se perseguía profesores por falaren en castelán, senón que tamén se asociaba a defensa do galego con actos violentos e vandálicos e se instaba as administracións públicas a condenaren o galego á completa inanición eliminando de raíz todo tipo de subvencións a prol do noso idioma.Respectamos as opcións lingüísticas de calquera escritor/a nado/a en Galicia, pero non se pode admitir que unha señora con este grao de agresividade contra o idioma propio de Galicia sexa a elixida pola Xunta de Galicia para lle render homenaxe a Rosalía de Castro na súa casa e no ano en que estamos a celebrar o 150º aniversario da publicación dos Cantares Gallegos, un libro que tivo a súa orixe, en palabras do propio Murguía, no claro compromiso de Rosalía coa lingua galega. Con esta inexplicable actitude, a Xunta de Galicia non só ignora o legado e a mensaxe rosaliana, senón que despreza a todas as escritoras na lingua propia de Galicia –algunhas con premios nacionais e internacionais– e escolle a unha monolingüe en castelán e declaradamente belixerante contra (xa é paradoxal!) a desprezada lingua de pobres que Rosalía defendeu e dignificou.A unha persoa así, a que agora profana a casa da Matanza, coma a aqueles que no seu tempo «sen razón nin coñecemento nos desprezan (…), e que a nosa lingua non é aquela que bastardean e chapurrean torpemente nas máis ilustradas provincias cunha risa de mofa» (Cantares Gallegos), Rosalía, que lle dedicara a unha escritora en castelán esta súa obra –por ser muller e por se apartar «de las vulgares preocupaciones con que se pretende manchar mi país»–, non a admitiría na súa casa.En definitiva, sufrimos unha aldraxe máis do noso goberno contra o que representa o noso idioma, moito máis que un sistema de signos, tan claramente expresado no citado prólogo dos Cantares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario