O pasado 6 de marzo Feijóo clausuraba en Compostela o I encontro Dintel co sector público "Tecnoloxías e servizos públicos na administración galega do século XXI". O presidente aproveitou a ocasión para falar do Plan Senda 2014 para a modernización da Xustiza, no que o Goberno galego leva investido, desde o ano 2010, 13,7 millóns de euros en dotación de carácter informático e avanzou que nos vindeiros días vai asinarse un novo convenio co Goberno central que suporá un investimento doutros 5 millóns de euros neste ámbito. Bastaría con que se adicase un 0,1% desa cantidade a procurar que o programa Minerva, de xestión dos procedementos xudiciais, poidese usarse en galego. Dase o caso de que este programa foi implantado precisamente no ano 2010, momento desde o que o galego está excluído por falta de vontade política xa que vistas as cifras de gasto non se pode argumentar de modo algún que carecemos da versión en galego do Minerva por razóns económicas.
Van alá tres anos perdidos para o galego na administración de xustiza e non hai razóns para pensar que isto cambie nun futuro próximo. Basta con escoitar a Feijóo facendo a súa intervención en castelán en pleno centro de Santiago nun congreso sobre as novas tecnoloxías na Xunta. Foi para isto para o que os galegos escolleron a Feijóo para dirixir o seu goberno? Podemos seguir permitindo que o presidente use o seu cargo para desprezar a lingua e a cultura que mesmo por mandato institucional ten o deber de facer bandeira dela.
Algo anda mal na sociedade galega cando se permite sen maior escándalo que se gasten 20 millóns de euros en tecnoloxía informática para a xustiza mentres que pola contra nin tan siquera un deses euros vai estar destinado a que esa mesma tecnoloxía poida ser usada na nosa lingua.
Ningún comentario:
Publicar un comentario