Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 30 de abril de 2014

Novo Leixaprén cunha proposta de participación

Xa é a 3ª edición do Premio Leixaprén. Desta vez os candidatos propostos para o premio son:
As candidaturas seleccionadas nesta edición son:

Fernando Vázquez, xogador e adestrador. Emprega habitualmente a lingua galega ante os medios de comunicación e nos actos públicos e defende o seu uso e promoción implicándose activamente en diferentes iniciativas normalizadoras.
María Xosé Silvar “Sés”, cantante. Coa mesma actitude enérxica e contaxiosa que define os seus directos, o seu compromiso co idioma queda claro cando expresa “Fago música en galego porque son galega e estou lonxe de avergonzarme de selo”.
María Mera, actriz e presentadora. Utiliza o galego de maneira habitual no seu traballo, nos eventos que presenta e nas súas manifestacións públicas en xeral, e defende a súa promoción social como demostra na campàña Como cho digo :-) polo uso da lingua nos medios de comunicación
Esther García del Barrio, licenciada en paro.  Madrileña de nacemento, viviu un tempo na Coruña e aprendeu con interese a lingua da súa terra de acollida, por iso non dubida en engadir o seu coñecemento alto en lingua galega no currículum. Apareceu últimamente moito nos medios porque un hotel rexeitou o seu currículum ao considerar que o galego é “absurdo, ridículo e innecesario” .Esther afirma que por nada do mundo eliminará o galego do seu currículo e que está moi orgullosa de investir o seu tempo en aprendelo. Pensa, ademais, que se os galegos non o defenden, se non se coida e non se ensina nas escolas pode rematar por desaparecer.

A proposta chega con esta boa suxestión por parte da CGENDL:

Para que teña difusión entre o alumnado, pódese organizar unha actividade para dar a coñecer os/as candidatos/as por medio dun mural, panel ou taboleiro no que se penduren as súas imaxes, a biografía e novas relacionadas con eles, tanto da súa faceta profesional como de apoio á lingua. Tamén se poden proxectar a través dos sitios web dos equipos e centros (páxinas, blogues, redes sociais...), nos que ademais se pode recorrer a vídeos dos protagonistas.
Finalmente, pódese organizar unha votación entre o alumnado e o profesorado a través de urna ou de medios electrónicos premiando a participación con algún agasallo simbólico.

martes, 29 de abril de 2014

22 esopías

Podían ser moitas máis, pero estas 22 foron as que máis nos gustaron aos membros do xurado do IES Pintor Colmeiro (Silleda).
En primeiro lugar, que é unha esopía? Unha esopía é un relato, comentario ou poema cun máximo de 140 caracteres (tweet), onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas cifras do número pi: 3,14159265....

Por primeira vez, e en vista do éxito que tivera noutros centros o concurso de esopías, decidímonos a mergullarnos nel colaborando conxuntamente o Equipo de Normalización Lingüística e o Departamento de Matemáticas co fin de demostrar, unha vez máis, que a lingua galega e os números fan boa compañía.
O resultado foi sorprendente. Tanto que nos animamos a editar esta escolma coas 22 esopías ( unha pequena parte do total das entregadas neste concurso) que máis nos chamaron a atención e que son unha boa mostra das dificultades que tivo o xurado para escoller aos premiados. Calquera das creacións que se poden ver aquí é merecedora do noso recoñecemento.




O noso alumno David Cabaleiro (3ºB),  foi o gañador do concurso de esopías convocado pola Fundación Educabarrié en colaboración con AGAPEMA na categoría de ESO e Bacharelato.
David tamén foi o gañador do concurso co convocado no centro e co que o ENDL e o Departamento de Matemáticas promovían a elaboración deste curioso tipo de creación escrita.
Dáse o caso curioso de que a esopía coa que David Cabaleiro gañou o concurso convocado por Educabarrié e AGAPEMA era distinta daqueloutra pola que recibiu o premio no noso centro. Primeiro achegámosvos a esopía coa que gañou o certame do centro:
Son o mito, o fogar acolledor, os berros feros; voz veraz, palabras olvidadas, romance enmeigado, son de Lúa, inmortal soño: lingua de utopía pura

E a obra pola que recibiu o premio esta fin de semana no transcurso da VII Feira Matemática nas instalacións de Palexco (A Coruña):
Vou á cama e durmo, tranquila. Os ventos calan sen razón, silencio alarmante. Síntome esquecida, soa na Lúa. Fantasía, soño, engano de agonía cega.



luns, 28 de abril de 2014

Queremos galego, queremos futuro!

por Marcos Maceira, o novo presidente da Mesa ao que lle desexamos a mellor das sortes, no portal da Mesa


A lingua é o principal elemento que distingue o xénero humano de calquera outra especie animal. A diversidade de linguas é mostra da diversidade humana. Sen idioma, o desenvolvemento cultural, económico, social de cada un dos pobos que conformamos a humanidade non sería posíbel. Sen lingua de seu os pobos non só non avanzan, desaparecen.

domingo, 27 de abril de 2014

Os galegofalantes entre dúas augas: a ideoloxía oculta nas palabras



Esta semana estivo a celebrarse no Teatro Principal de Pontevedra a XXXI Semana Galega de Filosofía organizada pola Aula Castelao. Presentamos aquí a conferencia impartida por Ana Iglesias,titulada 'Os galegofalantes entre dúas augas: a ideoloxía oculta nas palabras'.
Ana Iglesias usa unha metodoloxía de traballo cualitativo. Así o fixo no seu libro (que recomendo) Falar galego: "no veo por qué" e aquí presenta un adianto dun novo traballo sobre os discursos de rapaces que cursan 4º da ESO sobre os discursos presentes na sociedade sobre o uso da lingua. Estamos polo tanto, diante dun traballo que comparte moitas características co presentado por Valentina Formoso no libro Do estigma á estima. Efectivamente, a partir do minuto 1h:24m preséntanse varios extractos de relatos discursivos moi coincidentes na liña dos que recollía Valentina no seu libro.

Apuntes sobre a intervención de Ana Iglesias
Nesta conferencia recóllese o tópico dos prexuízos lingüísticos, mostrándonos como históricamente parten dun esquema de prexuízos de clase: os galegofalantes eran os campesiños e mariñeiros e os nobres e burgueses eran os que falaban en castelán. Así, etiquétase a lingua española como a lingua de cultura. Partimos de dous grupos sociais monolingües. É ésta unha sociedade bilingüe? Este estado de cousas, foi estable mentres non houbo posibilidade de mobilidade social nin de aprendizaxe da outra lingua. Este estatu quo rómpese coa industralización e a xeneralización do ensino obrigatorio.
Ana Iglesias fálanos dos neohablantes, que sería o termo co que poderiamos identificar a aqueles galegofalantes que abandonan o uso da súa lingua. O natural é pasar do galaego ao castelán, a este grupo non lle cómpren etiquetas. O estraño é pasar de falar castelán a falar galego, de aí que os etiquetados sexan os galegofalantes.
Falou dunha situación cualifacada como bilingüismo asimétrico: os galego falantes teñen a obriga de saber castelán para poder desenvolverse socialmente, pola contra os castelánfalantes non teñen por que saber falar en galego. Os galegofalantes cambian a súa lingua para moitas funcións: falar coas autoridades, o médico,.... É esta a situación da ditadura.
Coa chegada da democracia chega o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística. Estes cambios veñen acompañados dun discurso, o do bilingüismo harmónico. Un discurso no que se nega o conflito lingüístico, que se aplica ao individuo, e cun uso non condicionado. Frente a el propúxose outro, o da diglosia que recoñece o conflito de carácter social e que fala dun uso das linguas segundo algún criterio. Agora ben, así atopámonos cunha palabra, bilingüe, con connotacións positivas e que é a empregada por aqueles que rexeitan a normalización do galego; e pola contra temos outra, diglósico, cargada de referencias negativas e que se lle aplica en exclusiva aos galegofalantes.
O grupo dos monolingües castelánfalantes só reaccionaron cando viron que lles tocaban os seus privilexios pois ata o momento non houbera ningunha medida que apostara pola normalización lingüística.
Nunha situación de desilgualdade social, falar de liberdade de elección sempre significa a discriminación do grupo en debilidade.
Fala da denominación do decreto do plurilingüismo que por primeira vez establecía un máximo ás horas de aulas en lingua galega, nun novo caso de apropiación do termo plurilingüismo. Con este decreto incídese na inxustiza para o galego nun contexto de desigualdade.
Despois de toda a apropiación dos termos como bilingüe, quen son os realmente bilingües? A resposta está clara. Se un aprende a falar en galego, ten moitas oportunidades fóra do ámbito familiar para aprender o castelán. A inversa non existe. Únicamente o ensino pode equilibrar esta situación, pero para isto compriría unha aposta decidida pola normalización.
Ana Iglesias tamén falou do proceso de normativización como parte do de estandarización, destacando unha data, a do 2003, cando se consolidou a normativa de concordia. Este momento foi unha oportunidade perdida porque non se lle dou a importancia que tiña.
Outra data importante, que tampouco se transmitiu á sociedade, foi o 2004 coa aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
Tamén se falou da importancia da calidade lingüística dentro do discurso normalizador.
A tese de Ana Iglesias é que hai grupos de galegofalantes resistentes aos dous discursos sobre a lingua galega, tanto o do bilingüismo como o da diglosia. Este grupo distribúe segundo as funcións o uso das linguas, mesmo o uso de variedades de galego. Hai pois, unha diverxencia entre os discursos e as prácticas reais dos falantes.


De interese:
Recensión do libro Falar galego: "no veo por qué"
Vídeo de UVigotv coa intervención de Ana Iglesias nas I Xeiras da Lingua
Actitudes e prexuízos lingüísticos en Galicia. A súa influencia nos usos, artigo na revista A letra miúda da CGENDL

sábado, 26 de abril de 2014

#EnGalegoLeo

por Mercedes Queixas no Sermos Galiza:

Benquerida e sempre estrañada avoa:
Andamos neste tempo revolto de muda estacional que ti sempre clasificabas como entretempo, acaído tanto para a primavera como para o outono, e que sempre me parecía que debía ser a nosa terceira estación galega de tránsito cíclico entre o verán e o inverno.

Unha viaxe senlleira polos ríos de Díaz Castro

por Xaquín Campo Freire no Sermos Galiza:

Emprego ‘senlleira’ no senso de só, en solitario, sen compaña. Andan a falar de faceren rutas polos andares de Xosé María Díaz Castro. Seguindo lugares e fontes, camiños e carreiros, insuas, caneiros, soutos, fragas e mesmo penedos ou pontes. E de seguriño que ficaremos prendidos e namorados das paisaxes. E mirando polos seus ollos, tamén a nós, “a beleza nos ferirá para sempre”.

venres, 25 de abril de 2014

Mirando da lingua



No IES da Terra Chá (castro de Rei) rescataron da súa hemeroteca este vídeo, gañador ex-aequo do concurso "Mirando da lingua" convocado por este centro no ano 2007. Os autores da peza son Héctor Anllo e Zita López. Nela faise un percorrido por diversas publicacións desde a perspectiva da calidade lingüística, e da exclusión do galego. Unha boa idea que desafortunadamente non deixaría hoxe en día de contar con infinidade de exemplos.

xoves, 24 de abril de 2014

Proxecto adiviña



Son un medio de transporte,
mais non levo persoas,
non teño ventás, pero si rodas.


Todo cho corta aínda que non fale.
Ten o seu nome á porta da casa.
Se con esta adiviña non dás,
moi parvo serás.




Con voz moi aguda e moito retintín,
ese señor chama por min. Que é?

Velaquí tres pequenos vídeos de menos de 10 segundos dos alumnos do CEP Sequelo (Marín). Cada un deles trasládanos unha adiviña, un anaquiño da lingua por medio do xogo. A restra continúa:
Adiviña 4
Adiviña 5
Adiviña 6
Adiviña 7
Adiviña 8
Adiviña 9
Adiviña 10
Adiviña 11
Adiviña 12
Adiviña 13
Adiviña 14
Adiviña 15
Adiviña 16
Adiviña 17
E por se o anterior fose pouco, para rematar o conto, unha fermosa publicación do mesmo CEP escrito e ilustrado polos alumnos de 4º e que recolle tanto as adiviñas como as solucións das mesmas.




mércores, 23 de abril de 2014

Entrevista a Carlos Callón en Irmandade.tv



Despois de 12 anos dirixindo A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón deixa o cargo. Esta é seguramente a súa última entrevista como presidente do organismo na que comenta algúns aspectos da evolución social da lingua destes 12 anos, a situación actual ou as perspectivas de futuro. A entrevista ocupa aproximadamente a primeira media hora da emisión deste programa de irmandade.tv

Un paso adiante e outro adiante, Galiza.

As sete cidades galegas e Foz serán os lugares aos que a Plataforma Queremos Galego convoca a manifestarse o vindeiro 17 de maio.
O lema recolle un poema de Díaz Castro para enviar unha mensaxe en positivo fronte a unha enorme restra de ataques á lingua e á identidade galega. Por citar o último, o absoluto desprezo que demosta o poder central cando se trata do uso da nosa lingua pois o goberno español admite documentación emitida en linguas estranxeiras porén denegou o acceso a bolsas a aqueles que presentaron a súa documentación en galego. E resulta que hoxe aínda ten algo máis que dicir: o uso do galego fica restrinxido a Galicia e calquera tipo de documentación que poida ter efectos fóra deste territorio terá que redactarse en español. Pola contra ningunha da documentación que afecte a Galicia ten a obriga de emitirse en galego. Aínda máis, insistindo no ánimo restritivo, unha Xunta completamente submisa admite a incapacidade da nosa lingua para a emisión de certificados nas instancias que son competencia autonómica. Polo tanto, e como corolario, temos unha lingua que legalmente, non serve nin dentro nin fóra do territorio galego. Se sobra a lingua, sobra a RAG, sobran as nosas Universidades e sobra, en definitiva, a propia Xunta. O único que nos queda é Quermos Galego. Alí estaremos.

¿Quen son os talibáns do idioma?

por Inma López Silva, en La Voz de Galicia:


Admiro a eses que, querendo defenderse das críticas pola súa galegofobia, teiman en falar do galego coma dialecto. Vén isto a conto da dona do hotel de Asturias que logrou unha inmerecida propaganda a conta da súa glosa ao curriculum dunha madrileña que, sen ser apta para o posto de recepcionista por descoñecer varios idiomas a maiores do español, si exhibía con fachenda o seu alto nivel de galego, cousa que espertou o instinto maternal da muller que, amablemente, lle recomendou que se puxera a estudar linguas de andar polo mundo e non esas cousas dos nacionalistas. Cando montaron en cólera as asociacións de defensa da lingua, a pousadeira non tivo cousa de máis présa que chamarlles talibáns.

+ 1 = + 170 000 000

por Eva Carrión del Pozo, nas Voces de Prolingua:

Hai dous tipos de persoas: as que saben sumar e as que non. Parece moi sinxelo pero isto da adición ten o seu aquel, porque neste mundiño non todo é o que parece e, xa que logo, un máis un ben pode resultar tres e mesmo catro. Eu aprendino rápido, supoño que por ser eu andaluza e vir dunha terra cuxa identidade actual está construída sobre os alicerces dun mosaico de culturas ancestrais. Ou seica é legado dunha devanceira fenicia, comerciante ela e ben dotada para os números; que xa se sabe, “amighiños si, pero a vaquiña polo que vale”. E canto vale unha lingua? Canto vale o galego?

martes, 22 de abril de 2014

Telexornal Díaz Castro. Recitado. Documental.



Neste vídeo podemos reproducir a emisión que o pasado 10 de abril realizou o CPI dos Dices (Rois). Foi un paso máis na elaboración dos programas que anualmente nos chegan desde este centro. Lembremos os telexornais adicados a Roberto Vidal Bolaño (+ a obra de Vidal Bolaño), e a Valentín Paz Andrade (+ compromiso con Galiza, + supervivente).
Nesta ocasión, ademais do telexornal, os rapaces de Rois mergulláronse nun par de audiovisuais máis. Nun deles Darío Xohán Cabana, Alfonso Blanco, Mero Iglesias, Mini, Margarita Ledo Andión e Xaquín Campo Freire recitan cadanseu poema de Nimbos.




O outro proxecto é o seguinte documental no que contamos con entrevistas a Alonso Montero, Alfonso Blanco, Armando Requeixo, Darío Xohán Cabana, Xaquín Campo Freire, Margarita Ledo Andión, Rosa Aneiros, Mero Iglesias e Mini.

domingo, 20 de abril de 2014

Non é xusto, señores e señoras da Academia

por Marica Campo, no xornal El Progreso:


ANDAN XA a circular por aí nomes de posíbeis dedicatarios das Letras Galegas 2015. Por exemplo o ‘Foro E. Peinador’, integrado por nove empresarios, reclámao para Enrique Peinador ou Isidro Parga Pondal. Non dubido dos seus merecementos e do atinado que é recordarnos que a nosa lingua pode e debe estar ligada ao mundo empresarial. Tamén eu o desexo para Fiz Vergara, Xela Arias, Luísa Villalta e Manuel María por citar só as que en vida me foron máis próximas. Porén, señores e señoras académicas, é vergoñento que a estas alturas Don Ricardo Carballo Calero (e tamén don Ricardo Carvalho Calero) non tivese o seu 17 de maio con todo o que isto suporía de exhumación, estudo e publicidade da súa obra, que á fin iso é o que fica despois dos fastos, oficiais e non oficiais, cos que se celebra un autor ou autora de noso.

sábado, 19 de abril de 2014

Carta aberta ao Hotel Rural Arredondo

Nas Voces de Prolingua:


Estimada Sra.,Estes días xerouse unha polémica, que puidemos seguir a través do xornal La Voz de Galicia, despois de que vostede respondese o envío dun Curriculum vitae cun correo electrónico no que mostraba o seu desprezo polo coñecemento do idioma galego. Dende logo, como propietaria do Hotel Rural Arredondo, ten plena liberdade de escoller o persoal segundo os criterios que considere; pero non ten ningún dereito a desprezar unha persoa por indicar que ten un bo dominio da lingua galega.

¿Cabe un Día das Letras Galegas para Enrique Peinador Lines?

por Xosé González Martínez en Mundiario:


Nunca acontecera tal cousa desde que se fundara a Real Academia Galega; pero foi así: unha ampla representacións dos seus académicos co seu presidente reuníronse co Foro E. Peinador os pasados días no Balneario de Mondariz para debatermos proxectos de normalización lingüística. A anfitrioa de tal encontro foi a Fundación Mondariz-Balneario que retomando o fío da historia quixo rememorar aquelas xuntanzas que Enrique Peinador Lines tiña por costume convocar para poñer en marcha iniciativas que artellasen a sociedade galega arredor da innovación e galeguidade; un idealista e ilusionador de grata memoria.

A lingua galega para asegurarse un futuro non pode valerse únicamente da creación literaria

por Xosé  González Martínez en Mundiario:

Vivir do conto. A frase utilízase recorrentemente para reclamar autenticidadenas condutas. Asi llelo expliquei aos amigos Armando Fernández e Xosé Lamelas na entrevista que me fixeron para a audición radial “Sempre en Galicia” que desde Radio Cornellá emiten todos os sábados para a colectividade galega en Catalunya.

venres, 18 de abril de 2014

A Cantata a Cabanillas (e a Galicia) de Takekazu Asaka, o brigadista que veu de moi lonxe

por Francisco Fernández Rei, nas Voces de Prolingua:

Takekazu Asaka é profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio, a súa cidade natal, onde leva un bo quiñón de anos facendo de embaixador da lingua e da cultura galegas; e desde que en 1989 veu a Galicia por vez primeira, as semanas que cada verán pasa entre nós exerce como auténtico brigadista na defensa da lingua galega, o que o leva a usala sempre con naturalidade en calquera situación e a reclamar, por ex., que nun restaurante lle dean a carta en galego ou a pedir que lle falen neste idioma, o que ten descolocado xente con moitos prexuízos sobre a utilidade da lingua galega que ve con estrañeza (e á vez cun aquel de admiración) como un xaponés se expresa en galego de xeito normal, aínda que cun sotaque particular.

xoves, 17 de abril de 2014

«La» Coruña e Iberia

por Xavier Alcalá en La Voz:

Logo de anos de argumentarmos sobre o nome da cidade que tamén se coñece como Marineda (gloria haxa dona Emilia Pardo Bazán), parecería que se repuxese o uso histórico de Coruña ao falar castelán e a Coruña falando galego. Iso sen óbice para que a forma oficial, A Coruña, inclúa o artigo orixinario da lingua patrimonial. Con todo, hai xente a insistir no La castelán antes do nome...

mércores, 16 de abril de 2014

Comunicado das lectoras e lectores de galego das universidades de todo o mundo denunciando a xestión dos Celga


As lectoras e os lectores, desde as nosas universidades e como faciana visíbel da lingua e a cultura galegas no mundo, estamos sempre atentas/os á realidade do noso país. Por iso non podemos máis que mostrar a nosa preocupación pola xestión na contratación do profesorado dos CELGA.Resulta de todo incomprensíbel que, pola lexítima reivindicación dunhas condicións de traballo dignas, se prescinda dos servizos dunhas persoas especialmente formadas e que levan anos realizando o seu labor de maneira profesional para beneficio da nosa sociedade. Ademais de sufrir un sistema de contratación irregular e precario, este colectivo foi un dos máis afectados pola escaseza de medios económicos destinados á normalización lingüística.Se as condicións para a promoción e a formación na lingua no noso país -moi especialmente entre aquelas persoas que deciden acreditar os seus coñecementos cos diplomas CELGA- non son axeitadas, o traballo que desenvolvemos desde os lectorados vese fondamente afectado. Moitos dos nosos estudantes aspiran a obter estes certificados oficiais e fai parte fundamental das nosas tarefas formalos para que o consigan. Presentamos os CELGA como diplomas de calidade contrastada internacionalmente. A imaxe que tratamos de proxectar é a dun sistema institucional consistente e impecable que quizais non estea a corresponder coa realidade.Por iso, desde a Universidade do Algarve, Universidade Federal da Bahia, Universidade de Bangor, Universidade Autónoma de Barcelona, Universidade de Barcelona, Universidade Libre de Berlín, Universidade de Deusto, Universidade de Granada, Universidade de Heidelberg, Universidade de Kiel, Universidade Complutense de Madrid, Universidade do Minho, Universidade Nova de Lisboa, Universidade do País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea, Universidade do Estado do Rio de Janeiro, Universidade de Salamanca, Universidade de São Paulo, Universidade de Varsovia, Universidade de Zadar desexamos enviar unha forte e agarimosa aperta ás/ós compañeiras/os do colectivo de formadores e avaliadores do CELGA e erguer a voz nestas liñas denunciando unha actitude inconcibíbel por parte dunha administración que ten o deber estatutario de defender a promoción e a difusión do noso máis valioso patrimonio cultural.

De blogues.20

Nos últimos tempos estaba recollendo a principios de mes algunhas recompilación de entradas interesantes dos blogues nos meus paseos pola arañeira de internet. Como nestas primeiras dúas semanas de abril levo xa unha boa colleita, penso que non está mal adiantar a súa liberación no blogue.

En defensa dos neofalantes, 10/01/2014 pola Chrurruqueira, autora do blogue Zarampagalegando
Telexornal Díaz Castro ao vivo, 01/04/14 por Román Landín no Caderno de Lingua
Cercle d'amics, 02/04/14, con esta ligazón quero dar noticia do blogue Mates a la llengua do CESIRE-CREAMAT, unha iniciativa chea de recursos e de respecto polo catalán. Canto se bota en falta algo semellante en Galicia!
A mallar no polbo, 06/04/14, unha entrada antolóxica de Carlos L. Medrano no seu blogue Xogos de Lingua, tratando sobre a absurda cuestións do alcalde do Carballiño sobre a denominación do polbo
o escritor galego do futuro, 07/04/14, por X. M. Eyré na ferradura en tránsito
Carta de despedida da presidencia (e de continuidade do activismo!), 09/04/14, por Carlos Callón no seu blogue
Onte 939: Respectar a nosa elección,09/04/14,  por Manuel Bragado en Brétemas
o bombazo do día ou a carnalización da lectura, 10/04/14, por X. M. Eyré na ferradura en tránsito
Neolingua, 11/04/14, no blogue praceiro Se o vello Sinbad tivese fillos

Valentín e a traizón como método, 11/04/14, en Xogar a escribir
Bertsolarismo, arte ludolingüística, 12/04/14, toda unha lección de orgullo polo propio, no blogue Xogos de Lingua de Carlos L. Medrano.
Onte 942: A vontade dos editores galegos, 12/04/14, por M. Bragado en Brétemas
Punto e seguido, 12/04/14, por Carlos Callón no seu blogue
Onte 943: nic.gal, 13/04/14, por Manuel Bragado en Brétemas
Relatos mnemónicos de π, 15/04/14 por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
Relatos mnemónicos de π [2], 15/04/14, pro Carlos L. Medrano en Xogos de lingua

martes, 15 de abril de 2014

O avión



Cómpre fixarse no avión, que aparece en todas as escenas da primeira parte do vídeo.
Esta obriña foi realizada polo alumnado de 1º de bacharelato de ciencias do IES Pintor Colmeiro (Silleda), e puxeron moita ilusión na súa relización, podo certificalo pois a escena que aparece aos 30 segundos, e que dura aproximadamente 7, tardaron toda unha clase de matemáticas en gravala.
Había que presentar o vídeo para o Correlingua 2014 e remataba o prazo de presentación. A edición fíxose in extremis pois foi rematada só unhas poucas horas antes de que o alumnado marchara de excursión a Roma.
O máis curioso do caso é que para levar a cabo o traballo, tiveron que falar máis castelán que nunca. Cousas que ten a diglosia.

luns, 14 de abril de 2014

Martes de mulas


Os veciños da Estrada saben ben o que é o Martes de Mulas, a feira que se celebraba o martes de Pascua na vila. Era unha xornada que se densenvovía arredor do mundo do cabalo, con moita tradición por estas terras. Agora o Martes de Mulas xa non se celebra un martes, os actos trasladáronse hai tempo á fin de semana.
Presento aquí o cartel que anuncia a celebración, máis que nada para denunciar o paletismo dos responsables do Concello na súa elaboración. Nel podemos comprobar como se lle viran as costas á nosa lingua para difundir unha festa de tan arraigada tradición na localidade:
"Inscripción gratuita uy obligatoria hasta el día 19 de Abril en los teléfonos...[...] o en el e-mail [...]"
"Se dispone de un número limitado de boxes según orden de reserva"
"Se dispondrá de servicio de Pulpeiro.Contaremos con Banda de Música y Gaiteiros"

O caso levanta as súas sospeitas, sobre todo tendo en conta que o concello da Estrada normalmente é bastante respectuoso co uso da lingua galega nos anuncios que realiza. Entón, a que será debido este paso atrás?
Un non pode deixar de ter a sospeita de que detrás de todo isto hai  unha falta de amor propio adubado con bastante de cosmopaletismo. Non sei ata que punto será certo, pero teño a convicción de que o feito de que "Su Alteza Real Doña Terese de Borbón, Maquesa de Laula" e que "Doña Cristina Valdés y Colón de Carvajal" sexan as xuízas dun dos concursos de razas equinas, ten moito que ver coa exclusión da lingua galega do anuncio da feira. De ser así, tanto os responsables da organización da celebración, como o Concello deberían correr a galope a pedir desculpas aos veciños da Estrada.


A lingua que nos define

por Xosé Neira Vilas no Correo Gallego:

CASTELAO dixo que se aínda somos galegos é "por obra e gracia do noso idioma". Certo. Se perdésemos a lingua que nos define, perderiamos un dos nosos maiores atributos como pobo. Non digo que para amar e defender este noso vehículo de comunicación haxa que residir necesariamente fóra da Galicia. Pero case o afirmo tras vivir corenta anos máis alá das nosas fronteiras.

domingo, 13 de abril de 2014

Blanco Amor connosco

por Xosé González Martínez, sobre o encomiable traballo de relanzamento do premio literario Blanco Amor, no Faro de Vigo:


O día 1º de decembro de 1979, falecía en Vigo Eduardo Blanco Amor. Coa súa morte a literatura galega perdía un dos mellores cultivadores da novela. O Concello de Redondela por aquelas datas quixo amosar o seu pesar por tal perda convidando aos concellos galegos a participar na primeira iniciativa cultural municipalista coa creación dun premio que levase o seu nome. A resposta foi inmediata: trinta e cinco corporacións municipais aprobaban nos respectivos plenos o apoio con cadansúa aportación de vintecinco mil pesetas para poñer en marcha un proxecto que habería ir rotando polos concellos mediante sorteo.

sábado, 12 de abril de 2014

Noivado IV



Canción e Nacho Mora, recollida desta entrevista en Disquecool na que o músico comenta que "o galego, culturalmente, é case underground"
Nesta canción musícase un poema de Cunqueiro da súa obra Poemas do si e do non
Se Cunqueiro volvese á vida e vise a este barburdo cantando unha creación súa de hai case un século, escaparía escorrentado cara a súa tumba.

xoves, 10 de abril de 2014

*O Ágora *no Agra? Que di *o acta?

por Xoán Costa no Sermos Galiza:


O día 4 de abril, escribía no Faro de Vigo X.L Méndez Ferrín “O pasado 1 de abril ouvinlle unhas declaración públicas á Secretaria de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades. Falaba esta señora das deficiencias educativas que se aprezan "en nuestros aulas". Así mesmo dixo.”

mércores, 9 de abril de 2014

A CTNL ante a xestión da SXPL da Xunta cara ao desmantelamento do proceso de normalización lingüística

Comunicado da CTNL A CTNL ante a xestión da SXPL da Xunta cara ao desmantelamento do proceso de normalización lingüística. Ben está que se divulgue pois é unha achega realmente lúcida. O segundo parágrafo (que comenza "Se na primeira etapa do goberno....") é unha descrición exacta do que foi a política lingüística desde o 2009 até hoxe.


Despois do comezo co desmantelamento lexislativo, chegou o desmantelamento económico, técnico e humano. Unha xestión da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta que só pode ser entendida co obxectivo de desarticular o proceso de normalización da lingua galega. Desde a CTNL cremos que isto non pode seguir así e que, ou se dá un inesperado, inmediato e radical cambio a esta situación, ou o secretario xeral de Política Lingüística encargado de executar ese desmantelamento ten que asumir responsabilidades políticas e presentar a súa dimisión

martes, 8 de abril de 2014

Mosteiros virtuais nun país virtual

Mediante unha entrada do blogue A Marela Tarabela, entérome dunha excepcional aplicación do Turgalicia mediante a que podemos facer visitas virtuais aos mosteiros galegos.
A aplicación, ademais de abrir unha xanela ao turismo pode ser unha ferramenta cargada de posibilidades para o ensino da arte e do patrimonio que temos en Galicia.
O que non ten xa tanta explicación é a razón de que as etiquetas das panorámicas veñan en castelán: Claustro Medallones, Palomar, Iglesia, Capilla,..,tan pouco é o respecto que hai desde Turgalicia polo maior de todos os nosos patrimonios? Polo que se pode comprobar a lingua galega non ocupa o lugar que debera nun web no que se pretende mostrar a nosa imaxe ao mundo.
Outro tanto sucede cunha aplicación semellante que percorre as catedrais galegas, ou mesmo cunha terceira chamada enganosamente "O libro de pedra" que nos leva por un percorrido virtual pola Catedral de Santiago e o seu Museo.

luns, 7 de abril de 2014

O paso adiante. Vídeos correlingua 2014



Se hai ben pouco colgabamos neste recuncho da arañeira o vídeo gañadador do Correlingua 2014, hoxe recollo un par deles máis da canle Correlingua. O paso adiante para comprobarmos o alto nivel que alcanzaron nesta edición os traballos presentados.
O primeiro trátase do realizado polo IES da Arzúa. O paso adiante é unha metáfora das decisions pequenas ou grandes que tomamos ao longo da nosa vida. Decisions que conforman a nosa identidade e a nosa personalidade e que nos fan tomar consciencia da realidade e comprometernos con ela.
Estes son os pasos adiante do alumnado do IES de Arzua.



O segundo vén desde o CEIP Ramón Otero Pedraio (Amoeiro), cheo de vida, alegría, ilusión e cor.

Acto de presentación do libro "Coa lingua na terra", de Héitor Picallo

PictureEste pasado venres 04/04/14 estivemos con Héitor Picallo na presentación na Estrada do seu libro "Coa lingua na terra" (Toxosoutos), da man da Asociación Cultural Vagalumes. Velaquí o contido da súa intervención:

Benvidos a todas e todos:
Tería que comezar dando as GraZas, como é costume, por moitos motivos: Primeiramente porque este colectivo, Vagalumes, que adoita recibir ás persoas que participamos ou asistimos aos seus actos coma membros do seu fogar,... Tería que lle agradecer mil cousas a Eva, aos meus país, a Xosé e Andrés (os meus sobriños), aos meus avós, aos meus irmáns e cuñadas, aos meus curmáns, a Maka e Olimpio Arca, Ana Mosquera, Silvia Fernández e Jean Remérand,... a Manuel Núñez, Xosé Luna, Paulo Escariz, Alfredo Barros, Suso Rodríguez e o colexio do Foxo (coas súas mestras e mestres). Tería que comezar dando as grazas ao Fervedoiro por me dar acollida coas miñas lideiras, a todos os amigos e amigas que até aquí vindes hoxe, a todos os que vos desprazades dende outros lugares; a Xoán Carlos Garrido, e a Cibrán Arxibai por recibíresme cos brazos abertos para realizar esta presentación.

O galego no seu sitio

por Manuel Cabada Castro, en Tabeirós Montes:


Véñome decatando disto dende hai certo tempo, aínda que para a súa constatación non fai falla abrir moito os ollos. Non se trata só de que nun país como o galego os xornais en papel que un pode follear estean publicados de maneira practicamente íntegra nunha lingua que non é a nosa ou “de noso”, tal como algo eufemisticamente se di. Tan acostumados estamos a esa situación que xa parece normal. É verdade que algún pequeno artigo ou algunha que outra cativa carta ó director -como a que benevolamente podo publicar agora neste xornal (posiblemente non noutros)- se poden atopar neles escritos na lingua propia do país. Mais iso non parece, porén, apuntar a outra cousa senón á xenerosa e compracente liberalidade, que sempre é de agradecer (as cousas como son!), dos xerentes dos xornais. Amósanse así eles suficientemente amplos, espléndidos e magnánimos para daren tamén entrada nos seus xornais, por modesta ou exigua que sexa, á lingua do país. En realidade, non nos deberiamos queixar. Os xornais non fan senón reflectir a historia, vergoñenta ou non, agachada ou non, do país no que están. Aínda que, en calquera caso, continúan a ser tamén vehículos da mesma.

sábado, 5 de abril de 2014

Ana Pontón vs. Valentín García. As contratacións do profesorado Celga 2014



Grazas á canle de vídeos O Hóreo do BNG, podemos seguir completa a intervención do pasado 03/04/14 da deputada do BNG Ana Pontón así como as respostas dadas polo secretario xeral de política lingüística sobre a polémica e escurantista contratación de profesorado para impartir os cursos Celga deste ano.
Na primeira intervención do secretario xeral podemos ver únicamente unha penosa lectura dun guión. Porén na segunda podemos ver como despreza o problema por ser "laboral", e non "lingüístico" cun argumentario que claramente parte de disociar a lingua da sociedade cando, por moito que se manipule desde o poder, é ben evidente que a cuestión social da lingua ten enraizados os seus problemas (e as súas solucións) na política que se realice. Valentín García, nunha actitude prepotente chegou a ameazar con privatizar os cursos Celga.
Hai xa dous anos a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) xa denunciara a precariedade dos traballadores que impartían os cursos e as eivas que tiña a (falta) de planificación destes cursos. Para solucionar estes problemas remitíralle un plan de mellora á SXPL que foi absolutamente desprezado.
Este mesmo ano a CTNL volvera a denunciar a falta de planificación, solicitando a anulación da convocatoria 2014. Desde a SXPL non volveron a facer caso.
Agora o problema rebentou por mor dunha sentenza que ditamina que se estaba facer unha contratación sen garantías laborais. A resposta da SXPL foi a represión sindical. Para rematala, empeñáronse en continuar cos cursos Celga contratando de forma nepotista e escurantista ao profesorado deste ano. Precisamente esta forma de contratación caciquil é do que evita falar nesta nota de prensa a Consellería de Educación nun novo ataque ao traballo sindical.

A 1ª resposta de Valentín García
A 2ª intervención de Ana Pontón
A 2ª resposta de Valentín García

Máis información:
Lingua precaria
Profesorado colaborador

venres, 4 de abril de 2014

xoves, 3 de abril de 2014

Un poema para o funesto decreto do plurilingüismo


O pasado 21 de marzo seica se celebraba o Día da Poesía. No meu centro tivemos a sorte de poder contar coa presenza do poeta Raúl Gómez Pato, acompañado do guitarrista Héctor Lorenzo ao que podemos ver moitas veces acompañando as voces de Uxía Senlle ou de Naja Shami.Todo un luxo. Para aqueles que non o puideron disfrutar, non hai palabras que poidan describir esa xornada.
De todo o que alí se recitou e de todo o que alí se cantou, eu quedeime cun pequeno poema que relata unha historia vivida nun autobús, camiño dunha excursión dun insituto. Os versos vanlle moi acaídos ao espíritu do funesto decreto para o plurilingüismo e a divulgación do cosmopaletismo que a el vai asociado. Velaquí o poema de Raúl Gómez Pato:

-¿E que che dixo?
-Díxome que bailaba moi ben e adiós.

Castelao


Foi na excursión de terceiro

Por fin na que,
Estreando uns Lee
Mirou para ela
A través das cervexas
Que lle alumeaban nas pálpebras.
Despoxouse entón da chepa
Da pesada timidez,
E xusto cando o bus
Fumegaba para partir
Espetoulle nos beizos
Unha pregunta sen resposta
Nun inglés incomprensible
Que nin el mesmo entendía
Pero que quedaba que nin dios:
Do you think I’m sexy, baby?

mércores, 2 de abril de 2014

De blogues.19

Preguntas que sempre lle quixen facer ao presidente da RAG pero que nunca puiden (nin poderei…), 04/03/14, no Bico da Ría, web do ENDL do IES Félix Muriel (Rianxo)
a grande estafa que a Xunta prepara co libro dixital, 07/03/14, na Ferradura en tránsito de X. M. Eyré
Onte 909: Lei VPA, 12/03/14, en Brétemas por M. Bragado
Non esquecendo a Curros, lembrando a Rosaía, 12/03/14, en El toupo que fuza

pasou así ( pasa así, tantas veces), 15/03/14, na Ferradura en tránsito de X. M. Eyré
O profesorado do noso cenro non impartirá cursos Celga, 17/03/14, As Ferreiras, o blogue do ENDL do IES Pintor Colmeiro
Que farías polo galego?, 20/03/14 en Romasanta, por Loli Cid
Máxicos topónimos esdrúxulos, 22/04/14, por Carlos L. Medrano en Xogos de Lingua
Os fonemas do galego, 24/03/14, no Caderno da Lingua de Román Landín.
A importancia de saber idiomas (mesmo o noso), por Carlos L. Medrano en Xogos de Lingua
Uso das linguas nas redes sociais, 26/03/14, por Alberto Cerdeira Bravo no blogue do ENDL do IES Pintor Colmeiro (Silleda), As Ferreiras
Onte 925: Como cho digo :-), 27/03/14, por Bragado en Brétemas
Chega o “Exprés”, o boletín de novas da CGENDL, 29/03/14, por Román Landín no Caderno de lingua
[948] La lliçó permanent de Moreno Cabrera, 30/03/14 por Enric Serra i Casals no seu blogue Aprendere llengües

Debatendo sobre emigrar ou resistir. Unha proposta para a primeira sesion dos cursos CELGA

por Goretti Sanmartín Rei, no Sermos Galiza:


Hoxe, 1 de abril, comezan os cursos CELGA en distintas localidades do país. Estes cursos, moitas veces obxecto de polémica, están nestes momentos no centro da crítica: Consellaría de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística deciden prescindir do profesorado colaborador habitual e ofrecer a posibilidade de os impartiren a docentes co seu posto de traballo consolidado. O reclamo para o funcionariado o pagamento como horas extras.

martes, 1 de abril de 2014

O paso adiante: gañadores do Correlingua 2014



Velaquí o vídeo gañador da edición 2014 do Correlingua. Ben sei que con esta nova lle estou dando un pequeno disgusto ao meu alumnado de 1º de bacharelato de ciencias, pero tamén estou seguro de que disfrutarán vendo esta impresionante peza audiovisual.
O lema do Correlingua deste ano é, "o galego, o paso adiante". De aí o título do vídeo. Os seus autores saíron da fornada do ENDL do IES Elviña (A Coruña). Presentáronse ao concurso cun vídeo en branco e negro, que, tal e como funciona o mundo, e en contra do que poidera parecer sen outro dato nas mans, dálle un toque de modernidade que reforza a mensaxe do vídeo. E isto, a mensaxe, é outra característica da orixinalidade do vídeo, pois saltando olímpicamente da repetición do lema do Correlingua, levan o lema á práctica e converten a cidade da Coruña nunha terra normalizada. Velaí que o alumnado do Elviña se nos mostra como a mellor aposta de futuro para avanzar chanzos na normalización.

A banda deseñada mellor valorada foi a do grupo de 5ºA do Colexio Divina Pastora (Lugo).
Os gañadores do manifesto foron os alumnos de 3ºA que cursan a ESO no IES Isaac Díaz Pardo (Sada), inspiráronse na poesía de Díaz Castro para construir a súa proposta. Todo un achádego:


E nunca máis un paso atrás, NUNCA MÁIS!!!!
Trazamos un camiñoque arranca esta mañá co Cola-Cao e os cereais.Bos días en galego, por que non?Espreguízome con Doraemon, que saca do seu peto máxico o Xabarín Club.Baixo os chanzos da escaleira, saio da casa co pé dereito, coa mochila e co noso galego.E xa estou no mundo, no meu mundo, no teu mundo galego!!
GALEGO, O PASO ADIANTEMiraremos atrás só para disfrutar do moito que avanzamos.
Os meus amigos espéranme na rúa,- EH! Viches que cambiei o meu perfil?Si, eu dei o paso adiante co galego.A que esperas ti?- Quen nos ía dicir que estaría ben whassapear en galego!. Non si?- Abofé que si.GALEGO, O PASO ADIANTE- Pincha hoxe mesmo no “hashtags”do teu Twitter:# GALEGOe verás cantos estamos conectados no mundo.
GALEGO, O PASO ADIANTEEsta nosa Penélope que tece e tece no galegoe NUNCA DESTECE.Paso a paso construímos un mundo novo, o noso mundo, o noso mundo futuro, co noso idioma galego. Somos NÓS os que decidimos onde empregalo, alí onde vaiamos: no instituto, na vila ou na cidade, tanto ten: virá con NÓS.GALEGO, O PASO ADIANTEEste fío invisible e forte que é a lingua vén ao noso carón alá onde vaiamos; ensinémoslla ao mundo en twiter, en facebook...poñamos o xermolo en cada faro,en cada deserto,en cada estrada,en cada boca que desperta ao mundo.GALEGO, O PASO ADIANTEo paso que damos nós cara ao futuro,nós, sinós decidimos empregar a nosa lingua.
GALEGO, O PASO ADIANTENos camiños do mundo enteiro, haberá un corazón galego que latexará co noso acento: sen pudor, sen vergoña , sen prexuízos que abafen a nosa valentía e a nosa responsabilidade de representar a Galicia.
Porque nos une, porque nos fai máis fortes e porque nos identifica na “tea dos teus soños” DÍAZ CASTRO.