Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 7 de abril de 2014

O galego no seu sitio

por Manuel Cabada Castro, en Tabeirós Montes:


Véñome decatando disto dende hai certo tempo, aínda que para a súa constatación non fai falla abrir moito os ollos. Non se trata só de que nun país como o galego os xornais en papel que un pode follear estean publicados de maneira practicamente íntegra nunha lingua que non é a nosa ou “de noso”, tal como algo eufemisticamente se di. Tan acostumados estamos a esa situación que xa parece normal. É verdade que algún pequeno artigo ou algunha que outra cativa carta ó director -como a que benevolamente podo publicar agora neste xornal (posiblemente non noutros)- se poden atopar neles escritos na lingua propia do país. Mais iso non parece, porén, apuntar a outra cousa senón á xenerosa e compracente liberalidade, que sempre é de agradecer (as cousas como son!), dos xerentes dos xornais. Amósanse así eles suficientemente amplos, espléndidos e magnánimos para daren tamén entrada nos seus xornais, por modesta ou exigua que sexa, á lingua do país. En realidade, non nos deberiamos queixar. Os xornais non fan senón reflectir a historia, vergoñenta ou non, agachada ou non, do país no que están. Aínda que, en calquera caso, continúan a ser tamén vehículos da mesma.

Con todo, non me quero referir agora a isto, senón a algo quizais máis sutil, case imperceptíbel. Lendo algúns textos escritos en excelente castelán (faltaría máis!), algúns deles presuntamente incluso orientadores da opinión dos lectores, non resulta nada estraño atoparse con palabras perfecta e unicamente galegas (como “trapallada” e outras semellantes) que se mesturan inocentemente no elegante discurso castelán do seu autor sen aparente mala conciencia. Ou moi errado ando eu, ou eses usos non parecen ser máis ca erros ou lapsus freudianos dunha lingua reprimida no seu normal e debido uso. Paréceme, á parte diso, que esa vergonzante mestura de palabras galegas, conscientemente utilizadas como tales no discurso castelán, non fai máis ca intentar asegurar o posto dependente e servizal do galego para honra e gloria da lingua do poder e, consecuentemente, daqueles estamentos sociais que a utilizan como manifestación e expresión do seu asumido prestixio ou do seu presunto alto status económico e social. Mais os galegos temos dereito a sermos nós mesmos e a que a nosa lingua non se converta en simple e simpático comodín doutra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario