Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 16 de abril de 2014

Comunicado das lectoras e lectores de galego das universidades de todo o mundo denunciando a xestión dos Celga


As lectoras e os lectores, desde as nosas universidades e como faciana visíbel da lingua e a cultura galegas no mundo, estamos sempre atentas/os á realidade do noso país. Por iso non podemos máis que mostrar a nosa preocupación pola xestión na contratación do profesorado dos CELGA.Resulta de todo incomprensíbel que, pola lexítima reivindicación dunhas condicións de traballo dignas, se prescinda dos servizos dunhas persoas especialmente formadas e que levan anos realizando o seu labor de maneira profesional para beneficio da nosa sociedade. Ademais de sufrir un sistema de contratación irregular e precario, este colectivo foi un dos máis afectados pola escaseza de medios económicos destinados á normalización lingüística.Se as condicións para a promoción e a formación na lingua no noso país -moi especialmente entre aquelas persoas que deciden acreditar os seus coñecementos cos diplomas CELGA- non son axeitadas, o traballo que desenvolvemos desde os lectorados vese fondamente afectado. Moitos dos nosos estudantes aspiran a obter estes certificados oficiais e fai parte fundamental das nosas tarefas formalos para que o consigan. Presentamos os CELGA como diplomas de calidade contrastada internacionalmente. A imaxe que tratamos de proxectar é a dun sistema institucional consistente e impecable que quizais non estea a corresponder coa realidade.Por iso, desde a Universidade do Algarve, Universidade Federal da Bahia, Universidade de Bangor, Universidade Autónoma de Barcelona, Universidade de Barcelona, Universidade Libre de Berlín, Universidade de Deusto, Universidade de Granada, Universidade de Heidelberg, Universidade de Kiel, Universidade Complutense de Madrid, Universidade do Minho, Universidade Nova de Lisboa, Universidade do País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea, Universidade do Estado do Rio de Janeiro, Universidade de Salamanca, Universidade de São Paulo, Universidade de Varsovia, Universidade de Zadar desexamos enviar unha forte e agarimosa aperta ás/ós compañeiras/os do colectivo de formadores e avaliadores do CELGA e erguer a voz nestas liñas denunciando unha actitude inconcibíbel por parte dunha administración que ten o deber estatutario de defender a promoción e a difusión do noso máis valioso patrimonio cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario