Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 30 de novembro de 2011

O papel taumatúrxico da letra impresa e a necesidade de termos medios escritos en lingua galega

Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor da UdC, reflexiona desde Sermos Galiza sobre os medios en galego no transcurso da nosa historia:

A azarosa historia da nosa nación fíxonos chegar tarde a moitos eventos importantes do acontecer humana, nomeadamente aqueles relacionados coa letra impresa na nosa lingua. Foi precisamente o feito de unha lingua se incorporar máis cedo ou máis tarde á escrita un dos criterios secularmente utilizados para medir a súa importancia, pois sempre se valorizou a escrita como elemento de prestixio que mesmo servía para a división preconceptuosa entre linguas, as que se escribían, e dialectos, que non tiñan manifestación escrita. Aliás, a ausencia da letra impresa foi un fenómeno xeral a todas as linguas durante moito tempo; e algúns dos hoxe considerados idiomas importantes non se escribiron até hai ben pouco. O galego cóntase, felizmente, entre os primeiros romances que se incorporou á escrita, e con innegábel  suceso, na época medieval, o cal lle outorgou un grande prestixio naquela altura, chegando a se converter en lingua lírica peninsular. No entanto, nos séculos escuros perdeu esa condición de lingua escrita e con ela o prestixio de que antes gozara e que até agora aínda non deu recuperado totalmente. Eis o poder taumatúrxico da escrita!

Agrega versus Abalar



Presento aquí algúns recursos de matemáticas que se poden atopar mediante a ferramenta Agrega 2, unha plataforma de repositorios de contidos educativos dixitais do MEC. Premendo nas imaxes podemos ter unha idea de como funciona Agrega:  do recurso escollido temos unha  breve descripción. Tamén se pode acceder a unha previsualización do contido ou á súa descarga.
Curiosamente  desde esta plataforma podemos atopar  moitos máis recursos de matemáticas en galego que desde o chiringuito do repositorio Abalar da Xunta.




martes, 29 de novembro de 2011

Falo galego porque me peta



Audiovisual confeccionado coas imaxes da exposición 'O galego encaixa' e mais do audiovisual "Falo porque me peta" elaborado polo CEIP San Marcos de Cartelle. Esta mostra foi montada cos materiais achegados polo alumnado dos centros participantes, todos eles integrantes da Coordinadora de ENDL Terra de Celanova e Baixa Limia. Curso 2010-2011.

luns, 28 de novembro de 2011

Como e por que navegar en galego

Hai páxinas que teñen activado un sistema que as traduce automáticamente ao idioma en que teñamos como predefinido no navegador. Pasa o mesmo ao descargar algúns programas, que ao baixalos farémolo na opción de idioma do navegador. Por estas e outras razóns que se poden consultar no blogue Navega en galego!,  é importante definir este idioma no navegador. As instrucións veñen no seguinte tanto nese blogue como neste vídeo:

 

E para pechar unha lista de programas de calidade na nosa lingua escollidos por Aí falaches!

Marineda City revisitada

Unha volta sobre o caso  Marineda City, desde o blogue Marlou


domingo, 27 de novembro de 2011

II Día da Ciencia en Galego no IES A Sardiñeira

Un extintor caseiro, ensaios á chama, pólvora de cores, un billete de 5 € que non arde, un volcán de escuma, ferver auga nun vaso de papel, verme de carbón, burbullas explosivas. Así disfrutaron do II Día da Ciencia en Galego no IES A Sardiñeira. Excelente vídeo.


Día da Ciencia en Galego from Carlos de Paz on Vimeo.

Podemos ver máis vídeos neste espazo do portal do II Día da Ciencia en Galego.

sábado, 26 de novembro de 2011

Valentina Formoso: 'A nosa lingua está á espera de que a axudemos a librar de todo ese lastre negativo que lle foron colgando'

Xurxo Salgado entrevista a Valentina Formoso, coordinadora da CGENDL, para Galicia Confidencial:

Hai uns días foi reelixida presidenta da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENL) co principal obxectivo de dignificar o uso do galego e extender o seu uso dentro e fora dos centros de ensino. Asegura que o galego está "nunha situación delicada" e pide á sociedade civil que se mobilice na súa defensa. Sobre Galicia Bilingüe asegura que son "fabas contadas" nos centros.
Galicia Confidencial (GC).- Cales son os principais retos da CGENDL? Valentina Formoso (VF).- O principal reto neste momento é o de ilusionar aos equipos para seguir traballando nunhas situacións moi difíciles coma as que estamos a vivir. E esta ilusión ten que ir acompañada dun novo discurso arredor da promoción do galego, promoción ligada a unha imaxe en positivo da mesma que poidamos estender en todos os centros de ensino, e que poidamos tamén enviar ao resto da sociedade.
Ademais diso queremos manter a nosa pluralidade, algo que nos define. Tamén nos imos esforzar en seguirmos  sumando vontades e  en fomentar o traballo en equipo, para así superar o minifundismo propio deste noso país, minifundismo que tamén lle afecta tamén ao ámbito normalizador. Outros retos que temos pasan por adaptar o traballo normalizador dos equipos á nova etapa que se está a vivir nos centros e mais aos diferentes contextos existentes na sociedade.

venres, 25 de novembro de 2011

Ensino da ciencia: español versus galego. O caso Abalar

O ITE é un organismo do MEC que traballa para fornecer recursos educativos ao mundo do ensino. Unha das últimas achegas consiste nunha excelente forma de sacar proveito dunha serie documental realizada para a TVE sobre o mundo das matemáticas: Universo Matemático. Agora este material audiovisual vén de revalorizarse pois presentouse no III Congreso Escuela 2.0 conxuntamente cun paquete de recursos educativos innovadores e diversificados. Cada un dos dez capítulos ( [1][2][3][4][5][6][7][8][9][10] ) acompáñase dunha unidade didáctica en pdf xunto con outra en formato web elaborada con exelearning. Podemos atopar nela escenas interactivas de Geogebra (Proyecto Gauss) ou do Programa Descartes. En resume, unha gozada.

Innovación educativa. O caso Abalar.
 Pola contra, que é o que podemos atopar de innovador no ámbito das ciencias en galego?
O anterior goberno da Xunta impulsara un portal ,  dependente da Consellería de Educación que comenzaba a ser a referencia á que acudir na procura de materiais educativos. Porén este proxécto esborrallouse desde que o actual conselleiro presentou como motor da innovación educativa o Espazo Abalar.
Hai prácticamente 7 meses que no abalar non aparece ningún novo recurso (o último ten data do 29/04/2011). Abalar é un espazo morto. Pero ademais cheira a podre. Nesta especie de zombie electrónico non hai ningún recurso que xurdira, por exemplo, dun programa de formación do profesorado nas TIC. Tampouco temos nada que se xestara dentro dun sistema organizado pola propia Consellería para a creación de novos recursos. O Espazo Abalar vén sendo unha rapañota aleatoria e desordenada do que se pode pillar pola arañeira de internet.

Desprezo á lingua galega. O caso Abalar
O resultado final das aplicacións que no ámbito das ciencias nos ofrece Abalar vén clasificado segundo a lingua de cada recurso nesta táboa:



Ao lembarmos que o funesto decreto 79/2010 determinaba que todo o material de Coñecemento do Medio debía estar en galego e o de Matemática en castelán, podemos comprobar cal é a intención non declarada do abalar en materia de uso de linguas, pois se ben con este material só sería posible tratar en galego catro aspectos puntuais da área de Matemáticas, pola contra os 29 recursos de Coñecemento do Medio en castelán poden servir para cubrir todo o curso de 5º de primaria. Se xa sabíamos que o presunto equilibrio lingüístico cargaba  as súas pesas na lingua que ten todas as ventaxas de partida, o proceso de acoso e redución do galego é dunha ambición ilimitada. Neste caso é a Consellería de Educación, por medio do programa Abalar quen comete o abuso.
Por último, nos primeiros meses do ano a Secretaría Xeral de Innovación Tecnolóxica fixo unha convocatoria de premios para o profesorado que desenvolvese novos contidos dixitais. A convocatoria publicitouse como un aspecto máis do desenvolvemento do programa Abalar. Entre as condicións da convocatoria indicábase que os materiais presentados "deberán axustarse o decreto 79/20210, para o plurilingüismo". Dito que se entenda, que o que están a promover é que a innovación no ensino exclúa de raíz ao galego. Como se entende así que un Secretario de Política Lingüística se encha o papo cando aínda di que "a Xunta aposta polas tecnoloxías da lingua galega como obxectivo [de ataque] transversal do goberno". O que vai entre corchetes é una aclaración miña.

Abaneando o Abalar.
Pódese falar doutras características que certifican os abaneos que nos dan pistas de por onde escorrega o Proxecto Abalar:
  •  Entre os recursos de matemáticas de 1º da ESO hai catro capítulos dunha excelente serie que pode recomendarse a estudantes de cursos avanzados da carreira universitaria e tampouco aporta nada esencial ao profesorado deste nivel por tratar temas realmente especializados. A serie consta de nove capítulos, tampouco se sabe por que só aparecen catro.
  •  Tamén dentro do grupo de recursos de matemáticas de 1º da ESO están as 12 unidades didácticas do Proxecto EDAD na súa versión en castelán. Resulta que tamén existe a versión en galego e que nas oficinas do Abalar sábeno. Polo de agora non aparece ningunha. Debe ser cousa do equilibrio.
  • Entre os contidos Abalar de 1º da ESO temos dous paquetes de actividades de Física e Química, unha materia que non existe neste curso.
  • Todo o comentado ata o mento está referido ao Repositorio de Contidos do Espazo Abalar. Pero aínda nos quedan os Espazos para Familias, Profesores e Centros que fan que isto do Abalar sexa unha zaragallada na que se mestura o porco co marisco. Efectivamente, Abalar, lonxe de ser unha porta aberta ás novas tecnoloxías é un totum revolutum co que tamén se pode xestionar o correo do profesorado ou as ferramentas para as titorías (faltas, horario de titorías, ...). O realmente escandaloso deste asunto é que xa hai tempo que existe outra ferramenta, o Xade, coa que se organizan todas as tarefas administrativas dos centros. Polo tanto estes Espazos Abalar non fan outra cousa que duplicar un servizo xa existente. En definitiva, este desenvolvemento do Proxecto Abalar é un gasto completamente innecesario que ninguén demandou e que fica fóra de lugar pois confunde as orientacións didácticas coas administrativas. Probablemente o interese non declarado desta duplicación consista en que Abalar permite a exclusión do galego das tarefas administrativas. Non é o caso do Xade.

xoves, 24 de novembro de 2011

Que é a ciencia?

Stephen Hawking, Richard Feynman, Carl Sagan, Richard Dawkins e outros responden á pregunta: que é a ciencia?. Unha pregunta profunda con respostas brillantes que a edición do vídeo converte en música e poesía.

 

Por se alguén cuestiona que o vídeo apareza neste blogue adicado á normalización, que pense cal é o grao de implantación da ciencia en galego na nosa sociedade. Concretamente, unha cuestión que me preocupa moito: onde están os recursos de divulgación científica en galego?. Se hai un ano o panorama andaba malamente, despois do funesto decreto de plurilingüismo o escenario está arrasado.

mércores, 23 de novembro de 2011

A pedagoxía: imprescindíbel para a normalización da lingua

por Manuel López Foxo, en Terra e Tempo:


Calquera nacionalista o ten claro: o galego é a nosa lingua, a que creou o noso pobo, e se desaparece o galego como lingua viva, desaparece Galiza como país, desaparecemos como realidade política, como nación con identidade propia e diferenciada na xeografía e na cultura universal. Mesmo hai persoas que sen seren nacionalistas teñen unha visión galeguista do país e saben que sen a lingua galega Galiza deixaría de ser Galiza, e por iso falan galego, e por iso defenden o noso idioma. As persoas que así pensamos e así actuamos, sexamos ou non nacionalistas, non nos vemos na nosa sociedade instalados noutra lingua que non sexa o galego. O noso idioma vai en nós e nutre a nosa emoción e o noso amor por Galiza, o noso pensamento político e o noso compromiso co país. Falamos galego porque si, porque é a nosa lingua e nese verbo vive e florece a nosa nación, porque o noso porvir como país pasa tamén polo porvir do idioma galego. Hai incluso entre nós milleiros de persoas que non son galegofalantes e que, non obstante, defenden con firmeza o noso idioma, mesmo manifestándose o 17 de maio a prol do galego e contra a política de Feijóo, porque teñen moi claro que o galego é a nosa lingua, aínda que non a usen de maneira habitual, aínda que se expresen sempre en castelán. A nosa sociedade é así de complexa e de contraditoria.

martes, 22 de novembro de 2011

Disquecool, a revista dixital de tendencias

Grazas a Tempos Dixital entérome da existencia dunha revista dixital de tendencias (moda, música, deseño, cine, letras, ...). Chámase Disquecool e ten titulares tales como: Que debo beber mentres escoito a Ana Kiro?, A sidra: o próximo gin tonic? ou Contoplanet, a reinvención dos libros para nenos.
Velaquí a necesidade dos medios realmente galegos. Uns tiran polos outros.

No entanto nos medios do alén non veremos referencias nin a Tempos Dixital nin a Disquecool

luns, 21 de novembro de 2011

Señor Alcalde de Ames, devolva o premio

Non hai tanto, cando Xosé M. Lema escribía un artigo tan acertado coma este, podíamolo ler todos no Xornal. Como agora non hai medios que publiquen estas cousas, tiven que andar á rapañota do  artigo ata que o atopei no blogue Recortes en Ames. Na foto o alcalde de Ames, premiado na edición deste ano dos Premios Lois Peña Novo, en recoñecemento ao traballo a prol da normalización dese concello. Ao final do artigo engado o vídeo do que fala Lema nun formato máis accesible.
Segundo o xa sinalado, velaquí o artigo Xosé M. Lema:
Chéganos a mala nova de que alcaldía de Ames (A Coruña), do PP, eliminou oServizo de Normalización Lingüística. Nos tempos que corren, que unha alcaldía deste partido dea un paso máis na destrución do milenario edificio da lingua galega, xa deixou de ser noticia, por desgraza. Pero o que nos molesta é a mentira e a hipocrisía,que leva pronunciar floridos discursos para conseguir aplausos para logo facerxustamente o contrario.

Pelotas

Vídeo realizado para o concurso de Vieiros "Unha imaxe para o galego", na súa edición do 2007

sábado, 19 de novembro de 2011

Tres ou catro razóns para non ler 'La Voz de Galicia'

De todo o mundo son coñecidas unha [A curmá de Risco modérase lixeiramente tras rozar os 300 puntos básicos] e mais un cento de barbaridades lingüísticas cometidas polo tradutor automático de 'La Voz de Galicia'.
Tamén se fixo célebre, desde as páxinas dese medio, unha característica forma de redacción que nos permitía enxergar unha clara demostración de racismo lingüístico e, en definitiva de desprezo por todos os galegos. [Dos encapuchados de habla gallega atracan a punta de pistola la estación de servicio de A Ponte do Porto]
O descoñecemento e a iñorancia son o principio dos prexuízos, do odio, da subestimación. O desprezo que os que se acubillan baixo a cabeceira de 'La Voz' reflíctese na redacción da nova que recollo do blogue do ENDL do IES As Mercedes. Segundo o xornal a seguinte frase é do ministro socialista Caamaño: "Rajoy non abre as bodegas do seu barco porque teñe agochados activos tóxicos"
En ningún dos casos, que eu teña noticia, houbo nota de desculpas.

Hai ben pouco o redactor de 'La Voz' da miña vila xubilábase despois dunha longa vida traballando para ese periódico. Non era quen de escribir unha columna en galego.

P.S.: 660.000 € para La Voz e nin un euro para Radiofusión


Kalallisut, lingua da ciencia. E o galego?



Groenlandia ten 57000 habitantes. Non lles gusta o termo 'esquimal', prefiren que se lles chame inuit (= persoas). Falan unha lingua, o kalallisut ou groenlandés. Estes son algúns dos primeiros datos que nos ofrece este resume da conferencia da lingüista Leonore Grenoble para introducirnos na situación do groenlandés.
Máis adiante Leonore comenta que teñen unha pequena universidade formada por 12 profesores. Para estudar carreiras científicas deben desprazarse a Copenhague polo que a lingua da ciencia é esencialmente o danés. Pero os inuit pensan que para que a súa lingua sobreviva debe utilizarse en todos os ámbitos polo que están especialmente interesados en que se ensine a ciencia en kalaallisut. Teñen un modelo de política lingüística na que está implicada toda a poboación. En consecuencia, a súa lingua é a única de todas as da rexión ártica que non está en perigo de extención.
Pola contra, a Consellería de Educación aposta por destrozar os avances que centos de profesores, e algunhas editoriais, conseguiran con moito esforzo e prácticamente sen apoio institucional algún. Así desde esta Consellería apostan por excluir o galego do ensino das ciencias.

Máis información sobre o vídeo en Sorosoro

venres, 18 de novembro de 2011

Á procura dunha lingua de 'calidade'

por Montse González, no diario El País:

As únicas linguas que non mudan son as mortas. A variación é característica esencial de calquera idioma. A uniformidade do rexistro estándar é resultado dun proceso complexo que non remata cunha variedade dialectal, que non é unha eiva, senón unha riqueza. E o galego non é excepción. Se algo o ameaza son as interferencias do castelán. O profesor da Universidade da Coruña Xosé Manuel Sánchez Rei reforza con argumentos coma estes a réplica a preconceptos sobre o galego no ensaio Lingua galega e variación dialectal, que acaba de publicar Laiovento.

xoves, 17 de novembro de 2011

Evolución das linguas na península ibérica en 20 segundos

Os do blogue Xavedes! resumiron, a partir dun vídeo de algo máis de duración, 1000 anos da evolución territorial das linguas na península ibérica.

martes, 15 de novembro de 2011

A cara da Rede de Dinamización

A publicitada Rede de Dinamización Lingüística argallada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, comenza a facer o único que pode: reunións consigo mesma. Non ten presuposto polo que únicamente pode dar a coñecer os encontros que manteñen os seus membros entre sí. Iso si, nun acto máis de cinismo colgan no web da Rede de Dinamización a forma de financiación desta entidade que fica garantido pola SXPL (despois de suprimir as axudas aos concellos hai dous meses). Ademais indican en que consiste esa garantía:

As entidades adheridas poderán realizar as achegas económicas que se determinen no Consello de Membros para sufragar os programas e actividades da Rede.
Cómpre ter a cara de cemento armado.
A primeira xuntanza  tivo lugar a semana pasada na Estrada. Podemos ver na foto a Xunta Directiva, da que forma parte Anxo Lorenzo quen, desde que ocupa o cargo de secretario xeral de política lingüística,  non fixo outra cousa que reducir os usos e dereitos do galego vendendo todas estas accións como avances no proceso normalizador. Outro membros da Xunta Directiva da Rede é Norberto Uzal, famoso no ámbito da normalización por enviar unha circular aos concellos ameazando con recursos a aqueles que convocaran probas de acceso nas que se realizasen exames de coñecemento lingua galega. Xunto a Anxo Lorenzo está tamén José López Campos, o alcalde da Estrada. O seu programa electoral sintetizábase en 100 medidas e só unha estaba referida á cuestión lingüística. Tratábase da programación de campamentos para a inmersión lingüística. En inglés, claro.
Ao mesmo tempo que onte se reunían os representantes técnicos da Rede , o goberno municipal de Ames anunciaba que prevé suprimir a praza do técnico do seu SNL. Tendo en conta que, por medio da SXPL, a Xunta eliminou dos seus presupostos deste ano toda dotación económica a estes servizos municipais, ben podemos supoñer que éste é o primeiro chanzo que avanzou a Rede de Dinamización.
Hoxe Anxo Lorenzo gabábase desde o seu portal que o 65% dos concellos con SNL están presentes na Rede. De acometerse a supresión da praza do Servizo de Normalización o secretario xeral xa poderá gabarse de que a Rede aumentou esta porcentase ata un 67%.

P.S.: Máis concellos da Rede de Dinamización Lingüística pechan os seus Servizos de Normalización, d´A Mesa




Máis aranés contra menos galego

O aranés é lingua oficial en Arán, o que significa, entre outras cousas, que as administracións deben empregar esta lingua na súa relación coas institucións do territorio recoñecido de Arán. Os cidadáns teñen dereito a usar esta lingua na súa relación coa Generalitat, sen que haxa obriga de tradución de por medio. Este dereito, recoñecido pola Generalitat ao aranés, non se lle recoñece aos galegos que, nas súas relacións co estado vense na obriga de someterse á imposición do español.
Resulta curioso que o recoñecemento do aranés e o incremento do seu prestixio e promoción de uso  por parte da Generalitat  se produza ao mesmo tempo que o galego sofre prohibicións e desprestixio por parte da Xunta.
Este vídeo forma parte dunha campaña moi vistosa á que se pode acceder desde aquí


domingo, 13 de novembro de 2011

Cantemos: Moucho non che teño medo.

Nunca Rosalía tivo tan bos lectores; nin cantores.
Polo desprezo con que foi recibida a obra de Rosalía no seu tempo, teño a seguridade de a escritora nunca puido imaxinar unha escena coma esta que aparece no vídeo: todos estes rapaces, baixo a atenta mirada da autora, cantando Moucho non che teño medo.
Os tempos actuais son funestos para a nosa lingua, e o futuro próximo está cheo de nubes negras. Pero a mensaxe deste documento lévanos por camiños lonxe da desesperanza. Cantemos, como os rapaces: Moucho, non che teño medo
Foi no CEIP As Covas de Meaño, da man de Tino Baz. E espero que o espíritu inmorredoiro desta canción encha algún dia a atmosfera que respiremos.

Comunicado de ProLingua ante a segunda edición dos “Premios da Cultura Galega”

Prolingua fixo público hoxe este comunicado:


A Consellería de Cultura vén de facer públicos os nomes das persoas e institucións galardoadas cos que, logo de lles cambiar o nome e suprimir a dotación económica, decidiu chamar Premios da Cultura Galega. É o segundo ano que o actual goberno da Xunta de Galicia convoca e reparte estes premios.
Paralelamente, lonxe de rectificar as prácticas destrutivas no ámbito cultural e lingüístico que puxo en marcha desde o inicio, tamén este ano vimos como o goberno de Núñez Feijoo recrudecía o acoso contra moitas das institucións que serven ao mandato legal e á obriga moral d e promover o idioma. Continúanse negando os recursos mínimos para contribuír á permanencia das editoras, do teatro, dos equipos de normalización, do sector audiovisual, dos xornais; de toda iniciativa, en suma, que faga da lingua galega un factor estratéxico na recuperación social e económica deste país.
É por iso que ProLingua comparte a alarma da sociedade ante as prácticas dun goberno que se disfraza outra vez de promotor cultural mentres leva a cabo a peor regresión que se recorda non só en materia lingüística, senón tamén e precisamente no ámbito da cultura. Desde a súa posición apartidaria e plural, a plataforma ProLingua fai un novo chamamento a cada unha das persoas premiadas para non abonaren coa súa presenza as agresións contra o dereito a vivir libre e plenamente no idioma galego

venres, 11 de novembro de 2011

Unha rede para tecer o futuro

por Henrique Monteagudo, en El País, defendendo a postura do Consello da Cultura de Galicia de integrarse na Rede de Dinamización Lingüística. Deixo por aquí as reflexións de Monteagudo, non porque concorde con elas, nin con moitas outras que pego neste blogue e que van etiquetadas como Opinión, senón como unha aportación máis para o debate encol da Rede e da lingua na sociedade en xeral.

xoves, 10 de novembro de 2011

Os sete cabritos contra os sete cabritos

Dúas versións do conto dos sete cabritiños.
A primeira é un vídeo distribuído pola Secretaría Xeral de Política Lingüística entre os centros de infantil



A segunda foi realizada por Braian, un rapaz de 8 anos, londinense que estuda unha hora semanal de galego.
.

Publicacións científicas ou de divulgación

A Biblioteca Intercentos de Lugo fixo a súa contribución á celebración do II Día da Ciencia en Galego achegándonos unha recompilación de publicacións científicas ou de divulgación en galego

III Asamblea da Coordinadora: resistir, avanzar, ilusionarnos

O pasado sábado celebrouse a III Asamblea da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL). Nela escolleuse nova directiva e presentouse o Plan anual de traballo, na liña do enorme traballo xa realizado nos dous anos de existencia desta organización pero que traerá novidades. Desde os Equipos dos centros de ensino sempre se reciben con ilusión as achegas da CGENDL, pois por parte da administración a axuda é nula, cando non un atranco para desenvolver con coherencia o traballo normalizador.
Na Asamblea fíxose unha invitación a todo o profesorado a formar parte da CGENDL: é gratuito e moi sinxelo de facer. Ten ademais a ventaxa de podermos acceder a unha chea de recursos clasificados (celebracións, lexislación, música, sociedade...). Hai a posibilidade de inscribirse como coordinador dun ENDL ou como colaborador.
A Asamblea finalizou con este discurso de Valentina Formoso, a Coordinadora Xeral da CGENDL, quen nos invita a resistir, avanzar e ilusionármonos. Cómpre lelo.

mércores, 9 de novembro de 2011

Cantigas medievais galego-portuguesas

Cantigas Medievais Galego-Portuguesas. Excelente, inconmensurable recurso que me chega desde cousas d´opaco. Velaquí as Cantigas, con anotacións e imaxes dos orixinais. Podemos acceder a elas de moitas formas, por tema, autor, cancioneiro, tipo de cantiga, primeiro verso, por pesquisa de palabras, en función de sestán musicadas ou non... Tamén se pode escoitar a(s) versión(s) musical, tanto das melodías orixinais como das composicións modernas... e tamén hai unha táboa con todos os autores e cantigas transmitidos polos tres grandes Cancioneiros ( Ajuda, Biblioteca Nacional e Vaticana)... e tamén imaxes de manuscritos ilustrados... o mellor é navegar polo web.

Conxugador

Eu, que sempre quixen saber cal era a segunda persoa do plural do pretérito pluscuamperfecto do vervo trapelear, xa podo colmar as miñas ansias de coñecemento consultando no CilenisConxugador. Esta ferramenta ten versión en portugués. Por algo será.
Para máis información, ver a nova na páxina da CTNL


martes, 8 de novembro de 2011

O 20-N tamén xogamos a lingua

por Francisco Xosé Rei García, en Terra e Tempo:

É prexuízo habitualmente manexado polas xentes inimigas da lingua e do país acusaren o nacionalismo de se ter "apropiado" e de "facer bandeira" da causa da dignificación e a normalización do galego como recurso seica válido para xustificaren ou escusaren a súa falta de compromiso, escaso entusiasmo ou completa inacción nesta materia. 

Confeso que non entendín nunca moi ben o por que dunha lóxica -se así se lle pode chamar- que se me fai un chisco esquizofrénica: se non o asumen porque non queren seren tachados de "nacionalistas", non lles sería mellor comprometérense de vez co galego, demostrando que así que o galego pode (e debe) ser unha lingua apartidaria? É posíbel que socialmente a defensa da nosa lingua e da nosa cultura apareza intimamente identificada co nacionalismo político. Se así acontece, non imos pensar que tal crenza colectiva se deba á casualidade: o nacionalismo galego, desde os seus inicios, acreditou na lingua como elemento identificativo chave para a existencia da nación, como signo externo e máis visíbel da nosa existencia; tamén como elo identificador coas clases populares que representaban a maioría social da Galiza daquel tempo e cuxa única lingua de comunicación era o galego; tamén desde a consciencia da inxustiza que supuña o proceso histórico de negación e subordinación, evidenciado simbolicamente no elemento da lingua. Nesta causa liberadora o nacionalismo practicamente viuse só xa en tempos da II República; como só se viu tamén restaurando usos e funcións para a lingua en espazos simbólicos onde até entón estivera o galego excluído, na resistencia contra a ditadura franquista e nos anos da (mal) chamada Transición. E o feito de que outras forzas políticas, doutras ideoloxías ou con outras obediencias, comezasen naquela altura a empregaren formalmente o galego (sempre máis por escrito do que oralmente, así até os nosos días) non se debeu a un exercicio de autocrítica e posterior autoconvencemento destas, senón hai que pensar que máis ben por causa do seu interese por apareceren como "galegos como os que máis". Elocuente foi, nesa liña, a campaña aquela do "Galego coma ti". 
O paso histórico de asumiren o galego como lingua formal tanto a esquerda como a dereita española actuantes en Galiza converteu a de noso na lingua "por defecto" das campañas electorais e, tamén, da política institucional. Porén non foi aquel un compromiso sincero e real, máis alá do formal, agás honrosas excepcións. O nacionalismo seguiu na práctica só, exixindo o cumprimento dunha lexislación que, paradoxalmente, non apoiara por insuficiente e na que mesmo nin sequera puidera intervir por ter sido expulso do Parlamento de Galiza. Só na medida en que o interese político-electoral a curto prazo o aconsellou (ou, mellor habería que dicir, non llelo desaconsellou), as outras dúas grandes forzas políticas galegas sumáronse ocasionalmente ás reivindicacións do movemento normalizador: nese contexto é que debemos situar, por exemplo, a tantas veces glosada (e erroneamente admirada) presenza de Fernández Albor na primeira gran manifestación convocada pola Mesa en decembro de 1987. O mesmo que o apoio e simbólica participación de dirixentes do PSOE nas mobilizacións dos últimos dous anos contra a política antilingüística do actual (des)goberno da Xunta. Cómpre, para quen tiver dúbidas sobre isto último, recordar cal foi exactamente o grao de compromiso real dos socialistas coa lingua propia do país no seu paso polo goberno na pasada lexislatura, no cal ostentaron tanto a responsabilidade de Educación como a de Política Lingüística. Tantos foron os complexos e a falta de autoestima (mesmo política) que aprobaron un decreto para ampliar cualitativamente a presenza real do galego en todo o ensino non universitario que, porén, se negaron a explicar en que consistía e como se aplicaría, malia o apoio practicamente unánime con que o decreto contou e os pedimentos expresos (e fracasados) feitos desde a comunidade educativa. 
Cando en 2009 o PP voltou ao goberno da Xunta, logo dunha campaña electoral en que os ataques contra o galego e as irresponsábeis promesas electorais de reducir a presenza pública da lingua do país ocuparan un espazo central do discurso político (non só, por certo, do Partido Popular), tivo lugar o 17 de maio a que había de ser a primeira das multitudinarias manifestacións en prol da lingua. Recordo que Núñez Feijóo, logo de cualificar a mobilización como "preventiva" -termo no que logo se especializarían -, tamén nos acusara ás organizacións convocantes e apoiantes de querermónos "apropiar" da lingua galega, retrucando o presidentiño que aquilo non podía ser, porque a lingua era de todos. Pobre recurso argumental que, tamén recordo moi ben, empregara Javier Losada, de aquela aínda Portavoz do Goberno local da Coruña, no pleno municipal que en novembro de 2004 convocara Francisco Vázquez para tentar pasar por enriba da lexislación autonómica e "legalizar" o barbarismo de *La Coruña por enésima vez. Tamén naquel pleno ficara o BNG, só, a defender a legalidade contra quen máis unha vez a quería conculcar. Acusaban ao nacionalismo de "desprestixiar" o galego co seu comportamento, nada menos, os que aquel día pretendían lexitimar un brutal ataque contra a lingua. 
Como galegofalante consciente e orgulloso, mais tamén como activista que traballa para a recuperación e a normalización da lingua que herdei dos meus, gostaría inmenso de que a historia fose moi outra e que todo o mundo asumise o galego como a nosa máis preciosa xoia patrimonial, á vez que como un dos nosos mellores capitais colectivos. Gostaría inmenso de ver a miña lingua a ser usada no cotián por políticos e políticas de todas as cores; de poder escoitar ou ler en galego opinións, medidas ou compromisos electorais cos que concordo e tamén cos que non concordo en absoluto; de non ter que dar por feito, cada vez que escoito a un representante institucional utilizar o galego con constancia e normalidade en calquera ámbito ou circunstancia, que ou ben "é dos meus" ou, non o sendo, é unha honrosa excepción e unha rara avis no seu propio partido. Gostaría de que non fose preciso protagonizar defensa ningunha do galego, por ser esa defensa e ese protagonismo tarefas partilladas por todas e por todos a un tempo. Lamentabelmente, non é así. 
O próximo día 20 as galegas e os galegos estamos chamados de novo ás urnas, desta volta para escollermos os nosos representantes nas Cortes do Estado español. Outro si, non é indiferente para a nosa lingua e para os nosos dereitos lingüísticos quen represente nesas cámaras estatais os intereses do noso pobo. Se as provincias da Coruña e de Ourense son así denominadas oficialmente a todos os efectos; se a Lei do Rexistro Civil permite desde 1999 a galeguización dos antropónimos tamén para as persoas nadas logo de 1977 e a restauración dos apelidos na súa forma lexítima galega; se existe unha Oficina de Linguas Cooficiais vinculada ao Ministerio de Política Territorial; se, aínda con moitas dificultades e limitacións, a Administración Central foi ampliando os usos en galego nas súas actuacións ou centros en Galiza; se, agás excepcións corrixíbeis, a Administración emprega correctamente a toponimia oficial; se o galego está tamén presente nos nosos Documentos de Identidade; todo iso non foron dádivas nin concesións caídas do ceo. Tampouco froito do esforzado deputado ¿galego? Mariano Rajoy ou da esforzada senadora ¿galega? Carmela Silva, non. Foron logros, conquistas, todas negociadas e todas pelexadas por quen desde 1996 foi a Madrid para garantir que naquelas cámaras Galiza existise e se falase dela; tamén da súa lingua e na súa lingua. De nós depende que así siga a ser.

luns, 7 de novembro de 2011

O galego e o neno burbulla

por Francisco B. González Tenreiro, no Galicia Hoxe:

Corría o ano 2004 e eu andaba polas illas británicas atopando a miña vocación. Alí foi que considerei a posibilidade de facer a licenciatura de tradución na Universidade de Granada mais para iso tiña que aprender un segundo idioma, a escoller entre o francés, o alemán, o italiano ou o portugués. Tiña dous meses para preparar os exames de acceso ao segundo ciclo e a opción máis razoábel pareceume o portugués. Con todo, semellaba irreal que en dous meses puidese acadar o nivel suficiente para entrar no terceiro ano dunha carreira universitaria que versaba, precisamente, sobre a tradución lingüística.
Nada máis lonxe da realidade. Ao cabo dos devanditos dous meses acudín a Granada e no exame oral – e para a miña sorpresa – o profesor interrompeu a proba tras unha única pregunta por entender que fóra suficiente demostración do meu "profundo" coñecemento da lingua portuguesa: "Se nota que llevas muchos años estudiando portugués", sentenciou o examinador, de orixe andaluz. Eu, que sempre pequei dunha excesiva inxenuidade á hora de revelar publicamente as miñas carencias, contesteille que non fóra tal e que só transcorreran dous meses desde que abrira o meu primeiro libro en portugués, porén a súa similitude co galego...
O profesor arrincou un sorriso burlón e abortou o meu comentario antes de que o puidese rematar: "Los gallegos siempre estáis con eso, pero estáis muy equivocados. El gallego se diferencia del portugués tanto o incluso más que el castellano". Se non fose polo meu autodidactismo non tería argumentos cos que contrariar ao catedrático granadino. Afortunadamente, non foi así e nunca lamentei, desde un punto de vista puramente académico, ter rematado estudando tradución en Inglaterra en lugar de Granada.
Semellante barbaridade dita por un profesor de lingua portuguesa fíxome reflexionar, xa non sobre o descoñecemento que se ten do portugués no Estado español – comparativamente con outras linguas de pobos máis remotos e con menos falantes, como o italiano – senón o que era aínda máis grave; o descoñecemento que temos nós, os galegos, da nosa lingua e do seu florecemento, a través do que universalmente se coñece como portugués, en Europa, América, África e Asia.
Resulte lamentábel o veto ao idioma luso tanto na educación regulada como nos medios de comunicación. Á vista da proximidade xeográfica, cultural e, incluso, histórica, poucos poden pensar que a conxuntura é casual e non responde a razóns de índole política. Eu, polo menos, non lle atopo máis explicación que a existencia dun "bloqueo" histórico enxeñado polos gobernos de Madrid e, seica tamén, de Lisboa, coa conivencia contemporánea do semi-goberno de Compostela, para facer do galego unha especie de neno-burbulla impermeábel ao contaxio dos países lusófonos ao tempo que se lle inxectan coágulos de castelanismos.
No mundo da tradución atopamos casos rocambolescos que veñen a demostrar, ademais, que o proceso de normalización lingüística non está nin moito menos finalizado, como pretenden algúns. Como, se non, é posíbel atopar tantos tradutores galegos de inglés, italiano ou francés que non falan a lingua propia do país entrementres aparecen en Galiza máis e máis tradutores de orixe italiana, inglesa ou portuguesa que falan un galego fluído como se fose a cousa máis normal do mundo (que o é ou, polo menos, debería selo)?
Igualmente, non deixa de ser curioso que só unha ínfima porcentaxe da xente que quere aprender unha segunda lingua estranxeira, alén do inglés, se decida polo portugués, e case sempre baixo unha influencia ideolóxica. A maioría escolle outras linguas – "por afinidade", din! – como o francés ou o italiano, quizais seguindo a inercia da escola regulada, e hainos máis atrevidos que sen razón aparente achan que o alemán ou o ruso son linguas de máis pedigree que a lingua de Saramago. Só un prexuízo político-educativo pode explicar que un tradutor que queira enriquecer o seu repertorio profesional non aproveite, en primeiro lugar, as ferramentas lingüísticas coas que conta por condición natural e, feito isto, vaia por outras linguas que requiran un esforzo maior na súa aprendizaxe. É como se un rapaz de idade imberbe pretendese beber o seu primeiro grolo e, en vez de tomarse un viño ou unha cervexa, arremetese contra unha botella de oruxo. Xa di o refrán; ninguén se emborracha co viño da súa casa.

domingo, 6 de novembro de 2011

Takeshi Kakihara: o galego e eu

  Takeshi traballa sobre a normalización lingüística da nosa lingua. A súa impresión é que nos últimos anos houbo unha mellora do coñecemento do galego por mor do seu ensino na escola. Porén
A súa impresión é que en Galicia hai dous mundos ben diferenciados: o do galego e o do castelán
 
Grazas a Ana Pestonit por divulgar o vídeo.

sábado, 5 de novembro de 2011

A opresión dos medios contra o galego



Onte 10.000 alumnos participaron nas videconferencias organizadas pola Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística con motivo do Día da Ciencia en Galego. Hoxe ningún medio informa do sucedido. Tiña razón Fran Alonso.

Engano, falsidade, cinismo

A proposta de celebrar o Día da Ciencia en Galego foi realizada por Manuel Díaz Regueiro, presidente de AGAPEMA o 18 de xuño do 2010 no Encontro do profesorado contra a prohibición de impartir as clases en galego. Organizado pola CIG-ensino e celebrado no Museo do Pobo Galego, nese encontro o profesorado reafirmouse na súa vontade de continuar a dar as clases en galego. Éste mesmo foi o sentido co que naceu o Día da Ciencia en Galego. Polo tanto a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) engana cando afirma que esta celebración:
 pretende poñer en valor o uso do idioma no ámbito científico e contribuír a promover a investigación desenvolvida na lingua propia de Galicia
Pois todo o sentido que ten este Día é o de denunciar a prohibición de impartir aulas en galego promovida por esa propia Secretaría Xeral nun afán de redución do seu uso especialmente no ámbito do ensino das ciencias. Que a SXPL se apunte  a esta festa vén sendo como que un bispo se apunte públicamente a unha orxía.
Sabendo que o obxectivo fundamental dos actos desenvolvidos o 4 de novembro é a retirada do funesto decreto de plurilingüismo que ataca o uso do galego en matemáticas, física e química e tecnoloxía, podemos comprobar a falsidade da SXPL cando pretende redefinir este obxectivo :
A investigación científica e a súa divulgación, incluída tamén a das humanidades, son piares básicos para o progreso da sociedade. 
Tendo en conta que a política lingüística aplicada polo organismo dirixido por Anxo Lorenzo ten como marca a  procura da exclusión da lingua galega das aulas de ciencias podemos comprobar como a que niveis chega o cinismo da SXPL:
A lingua galega debe incorporarse naturalmente, e con plena validez, como vehículo para a transmisión social deses avances no coñecemento nas diferentes áreas.
Para o que non teña costume de ler as notas da SXPL, cómpre que se decate do detalle de que se di "nas diferentes áreas" e non "en todas as áreas". Isto é: exclúen o galego pero aparentan promovelo.
Teñamos en conta que se fose certo que a Consellería de Educación ou a SXPL quixeran realmente apuntarse á celebración do Día da Ciencia en Galego, ben podían ter enviado un e-mail ao profesorado unha invitación neste sentido, ben podían haber difundido as actividades desde Día no seu boletín, na súa páxina web, na da SXPL, ou ben puideron  organizar actividades. Nada diso fixeron. Isto dáme que sospeitar que o que sucede é que o Día da Ciencia en Galego está a ter éxito, e que cunha nota de prensa preténdese frear o que, afortunadamente, é unha bóla que crece cada día máis: o compromiso diario do profesorado de todas as áreas no ensino en galego.

venres, 4 de novembro de 2011

Lingua e realidade material

por Manuel Rei Romeu, en Terra e Tempo. Cunha bonita foto dunha penoniña.
Normalmente a actitude que se mantén respecto da lingua coincide coa se ten respecto do mundo que nos rodea. A indiferenza perante a lingua tradúcese tamén nunha serie de comportamentos e actitudes que ignoran, desvalorizan ou desprezan abertamente a nosa realidade en todas as súas manifestacións. No mundo do ensino, teremos comprobado en moitas ocasións, até que ponto se poden descoñecer aspectos representativos da nosa singularidade ou da nosa razón de ser como pobo e dispor mesmo de moitos coñecementos de realidades ben afastadas de nós. Grande parte do alumnado de Bacharelato, pode chegar a este nivel, previo aos estudos universitarios, sen recoñecer aspectos elementais da xeografía galega como son os ríos e as rías, pode ignorar toda a historia de Galiza incluídos os momentos máis decisivos, pode descoñecer a riqueza e variedade do noso patrimonio monumental, poñamos por caso, a importancia da catedral compostelá e a existencia doutras catro noutras tantas cidades galegas. Xa non poderá resultarnos sorprendente daquela que os nomes das árbores que poboan o noso medio natural e a súa identificación cheguen a resultar máis exóticos que algúns exemplares do Amazonas. Descoñecemento que, de non corrixirse de xeito autodidacta, pode perpetuarse alén dos mesmos estudos universitarios.
A lingua galega reflicte a riqueza e diversidade da nosa realidade material con toda a súa complexidade. Ao igual que todos os galegos, o alumnado galego necesita, por un principio pedagóxico fundamental, por razóns da máis elemental autoestima, o recoñecemento desa realidade próxima. A pouco que rasquemos na codia máis aparente, esa realidade xorde por todas as partes. Empezando por nós mesmos, polos apelidos que levamos, nos que se proxecta con nitidez a forza da nosa realidade diferenciada, do noso mundo natural nas súas diferentes vertentes. Neles temos reflectida tamén unha parte da nosa historia, a historia da imposición do español e da asimilación lingüística e, se quixermos, asemade, a imposibilidade de traducir, de verter  todo ao español e de borrar a identidade propia.
Outro tanto sucede co mundo da toponimia, dunha riqueza inimaxinábel e non ben descuberta (moitos centos de miles de topónimos de diferente orixe; máis da metade doNomenclator do conxunto do Estado...). Tamén fomos sometidos  neste eido a deturpacións flagrantes, malia seren as evidencias moi contundentes. O xeito propio de nomear a realidade, desde os elementos máis miúdos, deixou pegada inconfundíbel e indelébel. Mesmo nos ámbitos urbanos máis españolizados, caso da cidade de Ferrol, foi imposíbel atreverse a mudar ou disfrazar nomes como A Gándara, Esteiro, O Inferniño, A Cabana,... Outros, como *Joane (en vez de Xoane) correron peor sorte, mais son recuperábeis. Estamos rodeados de sonoras evocacións que lembran as augas (Serantes, co seu diminutivo Serantellos), as formas do relevo, a vexetación, o santoral das parroquias...
Nunha anterior colaboración, aludiamos á fascinación que Sarmiento experimentaba ante unha natureza tan poderosa como a galega á hora de tirarmos proveito de realidades concretas para a educación da mocidade. Nesta liña, é oportuno que nos deixemos aconsellar co seguinte exemplo seu:
Será muy del caso que los atractivos que suelen divertir a los muchachos se les hagan patentes en los significados de las voces gallego* latinas, v.g.: en cosas de cocina, de comer, de frutas, de pajaritos, de peces y de conchas, si están a la orilla del mar, de árboles o plantas, que les sirven para sus enredos, de ropas y vestido de que se sirven para engalanarse, de los ajuares de casa que ven cada día, etc.
A lingua propia leva no ADN unha cosmovisión particular do mundo, a que lle foron imprimindo os falantes dun pobo ao longo do tempo. Non é nin mellor nin peor que outras; antes de nada, é diferente e, en principio, a máis axeitada para manifestar esa realidade. As linguas teñen que ser, en boa medida, representación da base material e produtiva do pobo que as creou e lles deu fundamento. A RAE, nun afán acaparador, considerou oportuno incorporar ao dicionario de español palabras xenuinamente galegas e algunhas intraducíbeis como morriña, saudade, vieira, botafumeiro, etc., que, malia todo, sempre conservarán o seu carácter específico e a denominación de orixe.
Pasemos agora a reparar en realidades concretas máis insignificantes, en cousas miúdas. A nosa donicela, (do latín domnicellam), é unha doncela especial que temos por costume chamar donosiña, doniña, denunciña..., case sempre, con trato afectivo e máis agarimoso que o displicente comadreja do español. Unha amiga nosa de Departamento fíxonos reparar nas máis de cincuenta maneiras de denominar en galego as larvas dos anfibios (culler, cullarapo, cágado, cabezolo...) e na tallante e pouco lúdica etimoloxía do español renacuajo(rana+ cuajo), cun significado tamén  despectivo referido a calquera ser insignificante. Son mostras de que a idiosincrasia dun pobo impregna a fondo a lingua que fala. Creo lembrar ben da miña infancia o moito interese que tiña para os cativos do meu tempo todo o referido ao mundo da auga á hora de organizarmos os nosos xogos colectivos. Quizais non doutro xeito se explique tanta variedade de nomes e tanta criatividade para becho tan insignificante, que se podía atopar en pozas de regar, estanques de fontes e regatos. Na ampla variedade de nomes con que conta a xoaniña (maruxiña, voíña, papoia, papasol, costureira, reirrei...), e todo o seu folclore asociado, han de ter moito que ver os nosos pícaros. Aínda que doutro xeito, algo semellante sucede coas denominacións tan expresivas das aparentemente insignificantes follas do piñeiro (arume, charamela, faísca, frouma...). Ben seguro que non apareceron de xeito gratuíto, senón que obedecen con certeza ás utilidades que se lles daba tradicionalmente, entre elas a moi primordial de acender o lume na lareira.
Na mesma liña, e coas singularidades debidas en cada caso, poderían analizarse termos pertencentes a campos lexicais tan matizados e pouco estudados  como as partes do día, as formas de chover, os paxariños, as froitas de carabuña, as herbas, etc. Son consciente de que toda esta diversidade e tamén complexidade pode ser considerada unha dificultade e, polo tanto, un problema engadido a unha lingua necesitada, antes de nada, de usos, de recoñecemento social e tamén institucional. E xa sei tamén que nas dinámicas de mercado, isto resulta pouco competitivo. É normal. A xente quere unha lingua doada, económica e precisa. E resulta ben máis económico á hora de falar -e máis cómodo tamén!- á hora da aprendizaxe, dicir -Quero unha pera ou unha mazá, así xenericamente. Porén eu acredito que precisar a variedade (unha urraca, unha camoesa...), aínda que vaia contra a globalización, fai o mundo máis perfecto, é máis enriquecedor e, como non, máis pracenteiro. Non creo que solucione nada renunciar a esta diversidade interna e a esta diferenciación que nos caracteriza, sempre, claro está, tendo unha referencia precisa na lingua estándar. A lingua é futuro, mais tamén é tradición.
Aproveitarmos no ensino todo o potencial que nos oferece unha  realidade tan matizada como a galega no máis fondo sentido do termo, é a mellor maneira de contribuírmos a xerar a autoestima de que estamos tan necesitados e unha valoración positiva da nosa lingua. Vivimos á expectativa, con desasosego, a problemática situación da lingua galega e reparamos con preocupación na aparente indiferenza que domina en boa parte da nosa mocidade. Podemos  movernos con fundadas razóns neste debate, mais sempre habemos de facer un esforzo por procurarmos aquelas que resulten máis acaídas e convincentes para dinamizar as aulas. E xa sabemos que o problema da lingua é algo máis que lingüístico. En certa medida, acreditamos que as expectativas se ven satisfeitas cando logramos espertar no alumnado unha preocupación semellante pola sorte da lingua e un mínimo interese por comezar a falala, decatándose da realidade en que viven, aínda que as dificultades e atrancos sexan moitos. É, sen dúbida, un pequeno avance conseguirmos que se comprenda que a lingua vai emparellada ao futuro do noso pobo, que se entenda cal é a lingua necesitada de axuda, de iniciativas que a promovan, de procura de novos falantes; en resumo, cal é a causa xusta. E isto, reitero, apoiándonos nas posibilidades que oferece unha realidade material tan polimórfica.

A lingua sabe a pan: o lipdub

No seu día xa deixara por aquí o audio. Agora vén o lipdub. A cousa prometía, pero é mellor do que esperaba. Sobran os comentarios, hai que gozalo:


A Lingua sabe a Pan from cpivirxedasaleta on Vimeo.

xoves, 3 de novembro de 2011

Millennium

Segundo a queixa dun veciño recibida na Liña do Galego, o servizo de información á cidadanía sobre dereitos lingüísticos que presta A Mesa, a lingua propia de Galiza estaba a verse excluída por completo de todo o proceso de tramitación da tarxeta Millennium, un servizo que ofrece o Concello d´A Coruña que permite aos usuarios o pago da O.R.A, o uso do transporte urbano, das bibliotecas municipais...
A entidade de defensa da lingua denuncia que no Servizo Municipal de Mobilidade é territorio de exclusión do galego: sinalización, paneis e boletíns informativos ou no mesmo impreso de solicitude da tarxeta.
Un espera que o Concello da Coruña corrixa urxentemente a situación.
Aínda que un tamén esperaría que non se chegara a esta situación

Experimenta co galego!

Peza audiovisual realizada cos deseños presentados ao concurso de Deseño e Lema "O galego e a ciencia", organizado polo ENDL e o Dpto. de Plástica do IES Leliadoura (Ribeira) o curso 2010-2011.



Vía Trafegando Ronseis

mércores, 2 de novembro de 2011

Medios en galego versus medios en castelán

O reparto que fixo a Secretaría Xeral de Política Lingüística "para reforzar a presenza do galego nos medios de comunicación" foi a seguinte: por cada euro que recibiron da  os medios en galego, foron 10 para os medios que usan prácticamente en exclusiva o castelán. Velaquí nunha táboa como foi o reparto. 
Os datos saqueinos desta nova do Portal Galego da Língua.
Fica ben claro que a forma de "reforzar a presenza do galego" é subvencionando aos medios que non o usan. Típico de Anxo Lorenzo.


martes, 1 de novembro de 2011

Curso rápido de xhosa

A lingua xhosa é falada por aproximadamente 8 millóns de persoas do sur de África. Neste vídeo, Khaya quer explicarnos nun breve cursiño como pronunciar algúns fonemas desa lingua.


 Vía iesdebeadetv