Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta CGENDL. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CGENDL. Amosar todas as publicacións

xoves, 5 de setembro de 2019

Axenda e calendario escolar

Co comenzo do curso cómpre que fagamos procuremos materiais para facilitarmos a súa organización: axendas e calendarios escolares.
De axendas, que eu saiba, pouco hai onde escoller. Só temos a editada por Bahía, Xa puiden comprobar en anos anteriores que falta en moitas librerías polo que, de non ser por unha conciencia militante, obríganche a coller unha en español (a famosa imposición)
Co cese de actividades da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización  dexamos de ter á nosa disposición os calendarios que elaboraban ao comenzo de cada curso. Por fortuna Nova Escola Galega responsabilizouse este ano desa tarefa,ofrecéndonos o seguinte material:

 Ademais ofrécese a descarga de arquivos de Excel co calendario e a temporalización
No lado escuro volvemos a comprobar que á Consellería de Educación, con todo o seu presuposto e toda a súa capacidade, non foi quen de fornecer ao mundo educativo dunha versión propia destes materiais. Este desleixo únicamente beneficia a que o oco se ocupe con materiais en español. Volve a quedar claro que o anunciado Plan de dinamización da lingua galega na mocidade quedou nun foguete mollado. A política lingüística que pon en funcionamento a Xunta, na súa compoñente mediática difúndese como promotora do galego, mais na práctica vemos que pola súa constante inacción só beneficia a imposición do castelán.

venres, 16 de setembro de 2016

A política lingüística na campaña electoral



Este vídeo da Mesa explica que “todos os datos amosan como o uso do galego está a diminuír a un ritmo alarmante, que só se comprende ao vermos como a posibilidade real de uso do galego está claramente limitada na práctica”. Aínda que preferiría que se divulgase o contido nun formato de presentación dixital (ver abaixo), se seguimos atentamente o vídeo veremos como se debuxa con claridade as principais liñas da enfermiza situación do galego, derivada dunha política lingüística agresiva contra a lingua debilitada. Co fin de reverter esta situación A Mesa propón seis propostas urxentes que o vindeiro goberno debería tomar.
Partindo dunha análise da realidade moi semellante, a Coordinadora Galega de ENDL elaborou tres decálogos de propostas para os partidos que concorren ás eleccións do 25-S centrados respectivamente nos ámbitos do ensino, os ENDL e a sociedade. O primeiro punto é a derrogación do funesto decreto do plurilingüismo.
Finalmente a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) tamén fixo a súa achega indicando cales deben ser as directrices para o traballo na normalización.
Con todo, a cuestión da lingua segue sendo residual no debate político da campaña electoral, o que fai sospeitar da existencia de tal debate. Onde si o hai é en Euskadi, aínda que iso non significa nada positivo. Alí tamén teñen eleccións, e un par de vídeos elaborados para a campaña xeneraron unha gran polémica que curiosamente non aparece nos medios das nosas latitudes. Saber delas  pode darnos pistas onde pode ir o (terrible) futuro do discurso supremacista. Quen tirou a primeira pedra foi o PSE, cun vídeo no que identifica ao euskera como un obstáculo para acceder á función pública, dá a entender que é unha barreira contrapoñéndoo á igualdade. Por suposto que esquecen toda referencia a políticas normalizadoras e de garantía de atención, non só na adminstración, do cidadán na lingua vilipendiada.
Pouco despois foi o PP vasco quen susbscribiu o mesmo discurso, reactivando o "discurso da imposición" no que os discriminados aparecen como discriminadores, a normalización é un pozo sen fondo de gastos, a lingua segregada é excluínte, unha barreira. A politítica lingüística que se potenciará consiste en cercala nun gueto ao seu final natural: a desaparición.
En Galicia o PP esconde este discurso baixo unha capa de galeguismo baleiro. Porén a súa política segue os pasos enunciados no vídeo do PP vasco. Onte mesmo o presidente en funcións anunciou que a Xunta deixará de usar o galego como lingua preferente na atención ao cidadán cun decreto que forzará á administración a responder en castelán a aqueles que lle presenten demandas nesta lingua. Lembremos que unha das primeiras medidas do primeiro goberno de Feijóo foi pechar as liñas de galego, aquelas que consistían na inmersión en galego naqueles centros das cidades que así o solicitaban para os pais que querían que os seus fillos se socializaran nesa lingua. Velaí que non se trata de respectar, nin tan siquera con restricións, a suposta escolla da lingua do cidadán, o obxectivo é a redución de espazos da lingua galega.

P.S.: A Mesa tamén puxo á nosa disposición unha presentación coa que se pode seguir mellor o desenvolvemento do contido do vídeo:


xoves, 12 de maio de 2016

Moito máis Manuel María

Manuel María xornalista
Antonte o Colexo Profesional de Xornalistas de Galicia presentaba conxuntamente coa RAG e a SXPL unha alfaia sobre Manuel María: o web 'Manuel María xornalista'. O máis destacable deste portal é unha escolma de máis de 30 artigos xornalísticos do escritor publicados entre os anos 1978 e 1992.

365 días para Manuel María
Cabeceira do blogue 365 dñias para Manuel María
365 días para Manuel María é un blogue adicado en exclusiva ao protagonista do Día das Letras deste ano.
Nel podemos acceder a unha chea de poemas que, ademais de etiquetas habituais sobre os temas ou títulos en relación co poema (como lingua ou fala), tamén poden consultarse por ano de publicación.

Roteiros Manuel María
Así, en plural. O primeiro é un roteiro para facer en coche pola Terra Chá (son 170 km).
Neste mapa, tirado de Loli Romasanta, temos marcados os puntos de interese a percorrer.



E no seguinte vídeo temos un percorrido visual do roteiro



Unha segunda alternativa é un paseo por Monforte de Lemos, a vila na se se asenta Manuel María a partir do ano 1957 e na que reside a maior parte da súa vida. Alí abriría a súa librería


https://www.edu.xunta.es/centros/cafi/aulavirtual2/pluginfile.php/33027/mod_resource/content/0/MMM.pdf

Máis Manuel María
Web da CGEDNL adicado a Manuel María
As novas e programas que emitea TVG adicados a Manuel María poden seguirse aquí
Pero se alguén busca recursos sobre este autor, o mellor é que consulte no web da Coordinadora Galega de ENDL, que coma sempre, é o lugar de referencia nestes asuntos

xoves, 28 de abril de 2016

Unha arpa para a segunda edición do Día da Ciencia en Galego deste curso


A CGENDL proxectara este curso dúas vídeoconferencias para celebrar o Día da Ciencia en Galego, unha dirixida ao alumnado de secundaria e outra para o de primaria. A primeria delas celelebrouse o pasado 4 de novembro, e nela participaron 109 centros e 6600 alumnos e estivera protagonizada polo profesor da Unversidade da Coruña, Xurxo Mariño. A de primaria adiouse no tempo, pero finalmente tivo lugar o pasado martes 26 de abril. Nela a profesora de tecnoloxía Susana Oubiña Falcón, explicou como deseñar, programar e facer soar unha arpa usando o software Scratch 2.0. Nesta ocasión participaron 2000 alumnos dun total de 37 centros.
Outro novo éxito da CGENDL á que todos os agradecementos que se lle fagan serán poucos.

xoves, 24 de decembro de 2015

Nadal vs. nada

Web da CGENDL adicada ao nadal
Cando se achegan as datas do nadal póñense en movemento unha serie de iniciativas normalizadoras que teñen por obxectivo galeguizar todo o que se move arredor destas festas. A cousa non é fácil xa que o nivel de afastamento da lingua, especialmente no mundo comercial, é cada vez maior. Con todo, nin a CGENDL, nin A Mesa, nin a CTNL deixan de achegarnos novas propostas todos os anos.
A Coordinadora Galega de ENDL volveu a traernos a súa recompilación de recursos para celebrarmos o nadal en galego: cancións, contos, refrán, concursos,.... unha chea de materiais para usar e divulgar desde as aulas.
A iniciativa Abertos ao galego, promovida pola Mesa, achéganos un ano tras outro unha boa monlla de oportunidades para margullarse nun consumo responsable coa nosa lingua:



Pola súa parte a CTNL ten en funcionamento unha proposta ben intersante, unha plataforma virtual chea de posibilidades de compra en galego. Trátase de Agasallo.eu, que este ano mesmo ofrece a posibilidade de crearmos un catálogo personalizado como este que fixen eu collendo algúns produtos ao chou.



De todo este panorama o máis rechamante é a enorme ausencia da Xunta. A Dirección Xeral de Comercio está muda fronte a todas estas iniciativas. Pola súa banda non existe ningunha campaña, ningún tipo de acción que intente tinxir de galego un sector, o comercial,  que se desenvolve fóra dos prarámetros normalizadores (nota aparte: significativamente a Xunta eliminou toda referencia á normalización de toda a súa política).
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL)  anunciou no primeiro trimestre deste ano que se estaba a desenvolver un presunto Plan de dinamización (non de normalización) da lingua galega no tecido económico. Polo que podemos comprobar, a cousa quedouse en presunto. De consultarmos as novas dos dous últimos meses do propio portal da SXPL, non veremos nin unha soa referencia a este (insisto) presunto Plan. Se o contas por aí fóra non cho cren. O certo é que a Xunta non fixo nada para impulsar  este nadal o comercio en galego. Pero é que tampouco o fixo o nadal anterior, nin o outro, ... e así durante todos os anos de goberno de Feijóo.

xoves, 10 de decembro de 2015

Unha vídeoconfencia para 109 centros e 6600 alumnos


O pasado 4 de novembro 109 centros escolares, sumando un total de máis de 6600 alumnos participantes, celebrouse o VI Día da Ciencia en Galego coa vídeoconferencia A máquina que constrúe a mente e a realidade, impartida por Xurxo Mariño, profesor da Universidade da Coruña.
Podemos comparar estas cifras coas que nos ofrece a SXPL, quen indica que case 1000 foron os asistentes á actividade de "Contos en Rede", que visitou un total de 30 concellos. Trátase dunha das actividades do FalaRedes, que é o único proxecto en vigor o que estaba chamado a ser proxecto estrela da política lingüística do goberno do Partido Popular, a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) e que ficou nun devaluado Bocaberta, programa das mesmas características, que se desenvolveu durante o bipartito. Neste FalaRedes, ao que se destinan uns 800.000 €,  tamén podemos atopar "Os Bolechas na máquina do tempo" que pasou por 40 concellos ou "Os axóuxeres", que visitaron outros 26 concellos, e "Estamos no verán!!!", con 18 actividades realizadas. Entre todas elas, isto é, todo o FalaRedes (ou toda a RDL) suman tantos lugares como aos que chegou a CGENDL cunha soa actividade, a vídeoconferencia do Día da Ciencia en Galego, xornada na que se reivindica o uso do galego nas aulas de ciencias, prohibido por un decreto que defende a SXPL.
Que a vídeoconferencia sexa un éxito é debido á mesma razón pola que o FalaRedes é un fracaso. A actividade da CGENDL está organizada con enstusiasmo e na procura dunha maior implantación do galego, pola contra as actividades programadas pola SXPL nacen coa pexa de que quen as organiza faino únicamente como pantalla para intentar ocultar unha política lingüística radical e agresiva contra o galego.

martes, 20 de outubro de 2015

Escoitando ás neuronas


Este vídeo que ten como protagonista o excelente divulgador científico Xurxo Mariño, chéganos referenciado desde a Coordinadora Galega de ENDL. O motivo é a nova edición do Día da Ciencia en Galego, que a CGENDL vai celebrar ofertando aos centros de secundaria unha conferencia deste doutor en ciencias biolóxicas.
Como todos os anos, temos que recordar que o Día da Ciencia en Galego é unha xornada reivindicativa na que se denuncia a exclusión do galego das materias de ciencias vía o funesto decreto do plurilingüismo.

luns, 5 de outubro de 2015

E Rosalía falou pola boca da Coordinadora Galega de ENDL

Cando lle concederon o Premio da Cultura Galega 2015 á Coordinadora Galega de ENDL (CGNEDL), viñéronme inmediatamente dous recordos á mente. O primeiro foi o da renuncia ao mesmo premio  no ano 2010 que fixera Agustín Fernández Paz. Na carta de renuncia o escritor vilalbés asentaba os seus motivos nun comunicado que fixera público ProLingua uns días antes de título certamente aclaratorio: Rosalía non aceptaría ese "premio" no que desde o convencenmento de que as xentes que levaran consigo o espírito de Rosalía non "aceptarán ser utilizadas para sancionar políticas que causan división arredor dun dos símbolos maiores da nosa convivencia"
A segunda das imaxes que me invadiu foi a sentida homenaxe a Agustín Fernández Paz que lle fixera a CGENDL ao cumprírense os 20 anos da existencia dos equipos de normalización lingüística nos centros de ensino. Aquel sí que fóra un premio da cultura galega, a unha das persoas que máis fixo, e segue a facer, pola normalización da nosa lingua, tanto desde o seu labor literario como pedagóxico ou de activismo social.
Todo aquel que saiba algo de lóxica ligará pronto estas dúas premisas e tirará como conclusión lóxica o que a CGENDL vén de facer, renunciando cinco anos despois ao mesmo premio. Eis un caso claro de que, como bos alumnos aprenderon realmente das ensinanzas do profesor.
Entre as palabras da Coordinadora, que se poden ler máis abaixo, quixera destacar as que facendo referencia a Feijóo e os seus gobernos din que:

foi o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego nas materias tecnolóxicas e científicas no ensino; foi tamén aquel que suprimiu as liñas de galego solicitadas polas familias en Educación Infantil, ou o mesmo que delegou a responsabilidade de “escoller” o idioma de escolarización nasnais e pais, ignorando os desequilibrios históricos entre unha lingua de ámbito estatal e outra minorizada. Foi, en fin, un goberno reticente coa promoción real do galego, a pesar das alarmantes estatísticas que convidan a cambiar de rumbo na política lingüística, e con urxencia

Hoxe Agustín sentirase máis acompañado na illa da dignidade e os que queremos unha terra normalizada por fin podemos repetir que somos un pobo grazas a persoas coma eles (levaba cinco anos esperando para poder escribir esta frase; veremos canto tempo máis teremos que agardar para volvela a pousar nesta pantalla)


martes, 15 de setembro de 2015

Calendario escolar, axendas, e fichas do curso 15-16

Un ano máis a Coordinadora Galega de ENDL achéganos material para podermos organizar mellor o curso que comenza nestes días. Cada ano a cantidade de documentos que nos achega é maior. Desta volta temos 8 en PDF e 6 en Excel.
Unha mágoa que a dispoñibilidade de axendas escolares en galego nas librerías  sexa prácticamente inexistente e que para conseguir unha haxa que andar á quinta pregunta, como sucedía esta semana pasada no facebook de ProLingua.
Quen non terá este problema serán os alumnos dos centros de ensino público de Redondela, que grazas ao SNL do concello, terán a xa habitual axenda nas súas mochilas.


Para completar engado as fichas de alumnado (modificables) que uso habitualmente.
Fichas de alumnado a 3 columnas. Curso 15-16.
Fichas de alumnado a 4 columnas. Curso 15-16.

domingo, 21 de xuño de 2015

Ollos de aula.22

Chegou con aires cálidos o último número da revista Ollos de aula deste curso

domingo, 24 de maio de 2015

Presumindo de galego

Cantas veces lle teremos que agradecer á Coordinadora galega de ENDL (CGENDL) as boas propostas que ceiban para que as aproveiten os Equipos dos centros escolares! A última proposta da CGENDL consistía en que graváramos a fala dos mozos dos nosos centros para que puideran Presumir de galego. Por que? Pois porque existimos os e as galegofalantes de menos de 60 anos, incluso de menos de 40, e de 30... ningún chegamos aos 18! Invitámosche a que entres na páxina da CGENDL e que busques os  podcasts que gravamos en Silleda:

 Gravacións> Provincia: Pontevedra> Concello: Silleda.

Tamén os podes escoitar aquí, nesta entrada.

Conversa informal
Co obxectivo de escoitarmos a un grupo de rapaces de 13-14 anos coa fala das terras de Silleda, grabamos esta conversa informal nun grupo formado por tres deles : Carlos Taín, Laura Diéguez e Marcos Caetano



A lenda do Pelapatacas
Laura Diéguez Troitiño cóntanos a lenda do Pelapatacas



A pesca
Juan José fálanos da súa afición: a pesca. Cóntanos con quen a practica e as técnicas que usa



A lenda do San Xoán

David Mato fálanos dunha lenda da noite de San Xoán



A lenda do casamento
Carlos Taín Gil fálalos dunha lenda sobre o que debían facer os homes cando casaban



A lenda do Carro de Ouro
Lucía Dapena Carracedo,  cóntanos a lenda do Carro de Ouro



Os Xenerais da Ulla
A dos Xenerais da Ulla é celebración tradicional do antroido típica das terras da beira do río Ulla. Marcos Caetano Vázquez, infórmanos das súa orixes


venres, 15 de maio de 2015

'The Walking Dead' (versión enxebre)

pola CGENDL na Praza Pública:

Xa está ás portas a festividade do dezasete de maio, día de gloria para as letras galegas, ateigado de floridos discursos e sentidas homenaxes, de fondas declaracións de amor cara á nosa cultura e cara ao noso idioma, nun día en que o galeguismo semelle un virus que contaxia a autoridades políticas e académicas de todo signo e condición, mesmo a aqueles que o resto do ano non gastan un peso en promocionaren a nosa literatura.

xoves, 14 de maio de 2015

Ollos de aula.21

O número 21 de Ollos de aula é excepcional. Contén un cartaz, 17 cousas que podemos facer pola lingua, e unha declaración, The Walking Dead (versión enxebre)

17 cousas que podemos facer pola lingua


Co número 21 da revista Ollos de aula (imprescindible) a CGNEDL agasállanos con este póster cargado de boas recomendacións 

17 cousas que podemos facer pola lingua (o 17 de maio e o resto do ano)

  • 01.aloumiñala como un arrolo que adurmiña o naipelo que repousa no teu colo
  • 02.agasallala en todas as datas que levan dentro unha ilusión compartida e un desexo de felicidade
  • 03.levala de paseo ao parque para que poida escorregar polo tobogán dos soños
  • 04.usala cando namoramos como parvos para non aburrirnos como ostras
  • 05.levala de compras para que vexa escaparates co cartel de rebaixas
  • 06.metela na maleta que nos leva de viaxe por todos os mapas que soñamos 
  • 07.convidala a esa festa de aniversario onde toda a familia canta contenta unha canción desafinada
  • 08.poñela elegante para que desfile polas mellores pasarelas
  • 09.compartila arredor dunha mesa redonda onde alguén fai un brinde polo futuro
  • 19.facela voar con dragóns enormes antes de que Pedro Chosco entre no cuarto das crianzas a fechar todos os ollos
  • 11.lanzala ao ceo cos papaventos e botala ao chan para que bailen as buxainas
  • 12.escribila nas paredes con versos que poida entender todo o mundo
  • 13.levala ao traballo a primeira hora para que se comporte puntual e eficiente 
  • 14.introducila na lista da compra para que non nos esquezan o azucre e as patacas
  • 15.pedila ao camareiro para que nos saiba mellor o café con leite
  • 16.ensinárllela aos turistas como a mellor postal da nosa terra 

e, sobre todo,

  • 17.sacala fóra cando nos piden que a gardemos

xoves, 16 de abril de 2015

Marga Pazos, un premio para todos



A Coordinadora Galega de ENDL facía mención do excelente discurso de recepción do premio da presentadora do Telexornal Mediodía da TVG, Marga Pazos que foi recoñecida como a mellor comunicadora de televisión nos Mestre Mateo 2015.
Onte ProLingua felicitaba nun comunicado á presentadora por elevar o orgullo e a utilidade da nosa lingua no que se revelou como momento estrela da gala. Copio as palabras de Marga Pazos que reproduce ProLingua e que podemos escoitar no vídeo a partir do min 3:00, cando a premiada comenza a falar dos pais:
"a maior parte do mérito de que eu saíra na televisión era deles, porque eran dúas persoas moi valentes, moi comprometidas coa súa identidade, que me criaron, que me educaron, que me berraron temén algunha vez, pero me acariñaron sempre no meu idioma...en galego. [...]Grazas ao meu idioma teño traballo, e teño traballo no meu país, que hoxe non é fácil, traballo no meu país, para o meu país, e nese idioma sigo eu acariñando eu os meus pelouros"

sábado, 8 de novembro de 2014

Ollos de aula.17

Neste número a CGENDL pregúntase sobre cal é a situación catro anos despois do Decreto para o plurilingüismo:

Educación Infantil:Ademais de castelanizar a calquera que teña como lingua materna o galego, non se poñen os medios para que este alumnado coñeza e domine realmente as dúas linguas.
Educación Primaria: Non se garante a competencia plena e en igualdade das dúas linguas.
Educación secundaria: A obrigatoriedade de impartir en castelán as áreas científicas exclúe o galego para o ámbito científico e tecnolóxico
Formación Profesional: Nunca se garantizou un mínimo do 50% en galego. A maioría dos materiais son en castelán

sábado, 13 de setembro de 2014

Axendas escolares 14/15

Onte informabamos neste mesmo espazo dunha proposta de axenda escolar galega pensada para o alumnado. Hoxe quixera lembrar que xa hai varias semanas que temos ao noso alcance o calendario escolar elaborado pola Coordinadora Galega de ENDL para o curso 14/15. Ademais de documentos en formato PDF podemos descargar arquivos Excel con diversos formatos que nos poden facilitar a organización do curso escolar.
Outra iniciativa a destacar neste mesmo ámbito é a da Coordinadora Galega de ENDL de Redondela que en colaboración co SNL do concello, e desde hai varios anos, distribúen entre o alumnado un total de 1900 axendas escolares en galego.
Velaquí o último exemplo destes tres oasis no deserto.

venres, 12 de setembro de 2014

Axenda escolar galega


O feito de que cando imos a unha papelería a mercarlle ao noso fillo unha axenda escolar para o curso nos sexa imposible atopar unha en galego pon en evidencia o mal que funciona a política lingüística en Galicia. 
Os galegos que non renunciamos a selo vivimos nunha reserva, e para un acto tan simple como o de adquirir produtos na nosa lingua non nos queda outra que recurrer a un proxecto como éste que se presenta aquí, de Terra de seu, e solicitar a reserva dun exemplar con varios meses de adianto.