Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 5 de outubro de 2015

E Rosalía falou pola boca da Coordinadora Galega de ENDL

Cando lle concederon o Premio da Cultura Galega 2015 á Coordinadora Galega de ENDL (CGNEDL), viñéronme inmediatamente dous recordos á mente. O primeiro foi o da renuncia ao mesmo premio  no ano 2010 que fixera Agustín Fernández Paz. Na carta de renuncia o escritor vilalbés asentaba os seus motivos nun comunicado que fixera público ProLingua uns días antes de título certamente aclaratorio: Rosalía non aceptaría ese "premio" no que desde o convencenmento de que as xentes que levaran consigo o espírito de Rosalía non "aceptarán ser utilizadas para sancionar políticas que causan división arredor dun dos símbolos maiores da nosa convivencia"
A segunda das imaxes que me invadiu foi a sentida homenaxe a Agustín Fernández Paz que lle fixera a CGENDL ao cumprírense os 20 anos da existencia dos equipos de normalización lingüística nos centros de ensino. Aquel sí que fóra un premio da cultura galega, a unha das persoas que máis fixo, e segue a facer, pola normalización da nosa lingua, tanto desde o seu labor literario como pedagóxico ou de activismo social.
Todo aquel que saiba algo de lóxica ligará pronto estas dúas premisas e tirará como conclusión lóxica o que a CGENDL vén de facer, renunciando cinco anos despois ao mesmo premio. Eis un caso claro de que, como bos alumnos aprenderon realmente das ensinanzas do profesor.
Entre as palabras da Coordinadora, que se poden ler máis abaixo, quixera destacar as que facendo referencia a Feijóo e os seus gobernos din que:

foi o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego nas materias tecnolóxicas e científicas no ensino; foi tamén aquel que suprimiu as liñas de galego solicitadas polas familias en Educación Infantil, ou o mesmo que delegou a responsabilidade de “escoller” o idioma de escolarización nasnais e pais, ignorando os desequilibrios históricos entre unha lingua de ámbito estatal e outra minorizada. Foi, en fin, un goberno reticente coa promoción real do galego, a pesar das alarmantes estatísticas que convidan a cambiar de rumbo na política lingüística, e con urxencia

Hoxe Agustín sentirase máis acompañado na illa da dignidade e os que queremos unha terra normalizada por fin podemos repetir que somos un pobo grazas a persoas coma eles (levaba cinco anos esperando para poder escribir esta frase; veremos canto tempo máis teremos que agardar para volvela a pousar nesta pantalla)


Ningún comentario:

Publicar un comentario