Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 28 de xuño de 2023

Como a política lingüística do PP destrúe o galego

Na manifestación de onte en Santiago de Compostela contra o desmantelamento do Ensino Público paseou esta pancarta que pon en evidencia a política lingüística do PP

martes, 20 de xuño de 2023

O Prestige 20 anos despois


Video documental de Rocío Romar e Luz Cures, do IES Urbano Lugrís (Malpica) no que se lembra a través de entrevistas aos protagonistas, como se viviu a catástrofe do petroleiro Prestige, afundido no ano 2002.

luns, 19 de xuño de 2023

40 anos da Lei de Normalización Lingüística


 por Henrique Monteagudo na Tribuna da RAG:

O 15 de xuño fanse corenta anos da aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de Normalización Lingüística de Galicia (LNL). Esta desenvolve o artigo 5º do Estatuto de Autonomía, que declara o galego "lingua propia de Galicia", dispón a súa oficialidade, proclama o dereito de coñecelo e usalo e contén un mandato normalizador para que os poderes públicos o promovan "en todos os niveis da vida pública, cultural e informativa". A partir da aprobación da LNL, o goberno galego centrou a súa política lingüística en fomentar o prestixio cultural da lingua, promover o seu uso nas administracións públicas, a educación, os medios de comunicación e a produción cultural, e mellorar as competencias e actitudes lingüísticas da poboación. O galego gañou novos ámbitos de uso, a maioría da xente sabe lelo e escribilo, a produción cultural florece. Hoxe temos galegofalantes cunha robusta conciencia lingüística, educados no seu idioma e capaces de desenvolvérense nel en todos os ámbitos da súa vida. Non obstante, o galego segue perdendo falantes, ten unha presenza pouco máis que testemuñal nos principais medios de comunicación, e os vellos prexuízos rebrotan, mentres xorden outros novos.

 

sábado, 17 de xuño de 2023

Polo de lingua


 por Marta Dacosta en Nós Diario:

Hai uns días, alguén dixo que o alumnado se desenvolvía moi ben falando en inglés. Valoraba que niso tiña un papel importante as múltiples medidas que a Consellaría ten implementado. Moitas persoas advertimos xustamente isto, que a Consellaría dedica cada vez máis orzamentos a inglés, mentres desatende outras partidas necesarias. Daquela pensei: "Non lle dedican o mesmo esforzo de planificación e de dotación económica ao galego (que non falan), se o fixesen... que pasaría?".

 

xoves, 15 de xuño de 2023

O Son do galego: a exclusión

Cashless, non en galego
 A política lingüística da Xunta desenvólvese a forza de exemplos coma este. Por unha banda mantense unha inane Secretaría Xeral de Política Lingüística que, no canto de levar a cabo accións normalizadoras, adícase en exclusiva a montar unha realidade paralela consistente en aparentar que a Xunta defende o galego. Na práctica o goberno galego intenta expulsar a lingua de noso de todos os lugares cantos poida. Así mándase unha mensaxe moi clara á poboación: a Xunta só fará un uso mínimo e formal do galego, a lingua importante é a outra (ou son as outras), e a nosa só a usamos como unha sorte de imposición adherida ás institucións propias.

Imos co caso. Xa sabiamos que a pesar da enorme financiación da Xunta ao Son do camiño,  só 3 dos 50 artistas teñen temas en galego. Pero hai máis. Se queremos facer uso da pulseira de pago do festival, teremos que facelo en castelán. Se un proxenitor quer autorizar ao seu fillo menor a asistir ao festival, non pode facelo en galego. 

Vai facer algo a Xunta, a Consellaría de Cultura ou a SXPL? Non, esta é a súa política lingüística real, a da exclusión.

Permiso de Acceso a Menores... by kiarqu2458

mércores, 7 de xuño de 2023

O galego non é do BNG

 por María Canosa, en La Voz de Galicia

É habitual acusar ao BNG de apropiarse da lingua galega. Os demais partidos reclaman que tamén é deles, de todos e todas. Na noite electoral, a maioría dos futuros alcaldes das principais cidades de Galicia fixeron as súas declaracións en castelán. Dáse a casualidade de que quen usou o galego de maneira natural (non imposta nin lida) militaba no BNG, salvo algunha excepción.
 

martes, 6 de xuño de 2023

O meteorito de Traspena


Sempre é dificil presentar un vídeo longo coma este, de máis dunha hora. Neste caso a dificultade é moito menor porque a primeira media hora é unha exposición moi clara, feita polo profesor da USC Manuel Andrade, dos estudos realizados arredor do meteorito de Traspena, chamado así porque caeu nese lugar do concello de Baralla o 18 de xaneiro do 2021. A exposición merecer ser destacada como un gorentoso recurso didáctico. 
Esta acto foi a presentación realizada o 13/01/2023, do anaco maior do meteorito que se exhibirá no Museo de Historia Natural da USC. Ademais do xa nomeado Manuel Andrade Baliño, profesor da Área de Astronomía e Astrofísica da USC, interviñeron o rector, Antonio López, o vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, do director do Museo de Historia Natural, Marcos A. González González e o director do Observatorio Astronómico 'Ramón María Aller' da USC, José A. Pérez Docobo.

Na prensa
Investigadores da USC debullan a orixe do meteorito que no 2021 iluminou o ceo de Galicia: un evento que sucede cada 700 anos, Praza Pública (24/10/2022)