Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 31 de xullo de 2010

Novos valores

O primeiro, darlle as grazas a Iván Méndez López, quen non só e o autor dalgúns dos mellores artigos que puxen por este blogue (recomendo ir á etiqueta co seu nome e volver a lelos), senón que foi el quen divulgou por medio do Scribd o prego de prescripcións de prescricións técnicas para a contratación dunha campaña para propagandística do funesto decreto chamado de plurilingüismo. Poucos haberá que teñan como lectura cousas como o prego, mais como eu son moi aburrido,  por coherencia leo cousas aburridas. Non llo recomendo a ninguén, pero leín as seis páxinas do prego, e ademais do que xa comentei noutro post a respecto do disparate co que comenza o documento indicando que o castelán é lingua propia de Galicia, vou  tratar sobre un par de cousiñas que me chamaron a atención.
O que se vai publicitar nos vindeiros meses de setembro e outubro vai ser o decreto, no entanto, tal e como xa dixen en moitos outros lugares, un decreto destas características ten que vir da man do engano, a mentira e a trampa. Se repasamos a historia de todo o proceso veremos que foi sempre así, e así será. Neste capítulo vemos como o prego de condicións ten data de 16 de abril, máis dun mes antes de ser aprobado o decreto, polo que non ten máis remedio que facer referencia ao que había daquela, o Borrador do proxecto de decreto. Ábrese así un proceso para publicitar ... un Borrador, que posteriormente foi modificado. Despois Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez presentarán unha campaña sobre o decreto, cando realmente é sobre o Borrador do mesmo:

En marzo de 2010, a Xunta de Galicia presenta un novo Borrador do proxecto de Decreto do plurilingüismo no ensino non universitario. As principais características do novo decreto son o equilibrio entre as dúas linguas oficiais de Galicia e o impulso ao aprendizaxe dunha lingua estranxeira, para lograr un plurilingüismo real na nosa Comunidade Autónoma. [...]
a Secretaría Xeral de Medios convoca un concurso público para facer unha campaña informativa e de publicidade con ámbito na Comunidade Autónoma de Galicia coa intención de recibir propostas creativas, de planificación de medios e de accións especiais que fagan máis sinxela a comprensión dos novos valores na ensinanza non universitaria de Galicia.

Vai un segundo comentario. Eu, por mor da inmersión lingüística en español, case non recibín formación de lingua galega. Sei que meto a zoca cada pouco, pero intento corrixir esta falta de coñecementos co fin de empregar unha lingua cun mínimo de calidade. Porén os que desde a administración teñen a potestade de dictar normas e establecer procedementos para gastar os nosos cartos, fan da nosa lingua unha trapallada. Non sucede o mesmo co castelán. Un mínimo desvío da norma da RAE provoca case un tsunami. Deixo aquí un retallo do documento, e que ninguén pense que está recollido con mala idea, todo el está cheo de disparates deste estilo. Son os novos valores.

Deseño e impresión de a lo menos un modelo de valla 3x8 metros e unha traseira integral para autobuses urbanos, cada unha delas en galego e castelán.
 Deseño e producción de a lo menos un banner para sitios web en galego e castelán. Presentaranse os deseños en formato vídeo e tamaño robapáxinas (300x300).
 Deseño de a lo menos un orixinal para prensa e revistas en formato páxina color e media páxina color.
Prego de cláusulas administrativas para facer propaganda co novo decreto. Castelán lingua propia de Galiza

Presentación de "Feijóo, o galego e nós"

O libro, "Feijóo, o galego e nós" editado por Laiovento e coordinado por Xosé María Álvarez Cáccamo, do que xa falamos neste mesmo blogue noutras ocasións,  foi presentado por Xulio López Valcárcel, Xabier P. Docampo, Pilar García Negro e o editor Francisco Pillado. Tamén sacado do blogue O levantador de minas.

Pilar García Negro denuncia aldraxe institucional a Rosalía de Castro

Pilar García Negro, como sempre, precisa e afiada como o gume dunha navalla. Do blogue O levantador de minas.

Racismo lingüístico

A nova xa é vella, apareceu o 15/05/2010 no xornal da zunia, La Voz de Galicia. O titular indica moi ben por onde tira ese medio: "Dos encapuchados de habla gallega atracan a punta de pistola la estación de servicio de A Ponte do Porto". Eu entendería moi ben se no canto de ser galegofalantes se destacase que usaban o inglés para comunicarse entre eles, porén non debería resultarlle estraño a ninguén que se fale en galego na Ponte do Porto.
Como son profesor de matemáticas teño certo gusto por cambiar as condicións baixo as que se presentan os enunciados dun problema ou dunha situación. Pensemos neste caso, cambiemos A Ponte do Porto por Ayerbe (Huesca) e consecuentemente galego por castelán, agora temos o seguinte titular: "Dos encapuchados de habla castellana atracan a punta de pistola la estación de servicio de Ayerbe".
Reviso a pensa. Como o Xornal de Galicia parece que cada día ten máis noticias en castelán, collo unha, "Detenidas seis personas por tráfico de drogas en Ourense y Pontevedra", e fago o cambio: "Detenidas cuatro personas y dos gitanos por tráfico de drogas". Isto lévame a outro par de titulares, comparade: "Detenidas tres personas en un tumulto" versus "Detenidos tres gitanos en unha reyerta", ou mellor aínda: "Detenidas dos personas y un gitano", ou, se o preferides : "Detenido un gitano en una reyerta y dos personas en el mismo tumulto".
Ou como o escribirían os de La Voz: "Detenidas en un tumulto dos personas y un gallego hablante".

venres, 30 de xullo de 2010

O español é a lingua impropia de Galicia

O Estatuto de Autonomia de Galicia, no seu artigo 5, alínea 1, di literalmente que "A lingua propia de Galicia é o galego". Non di que o castelán o sexa, polo tanto o castelán non é a lingua propia de Galicia. No mesmo artigo, alínea 2 dise que "Os idiomas galego e castelán son oficiais de Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar". Disto conclúese que o galego caracterízase por ser oficial (xa o era polo artigo 3.2 da Constitución Española) e por ser a lingua propia. O castelán é só oficial, polo tanto é a lingua impropia de Galcia.
No mesmo Estatuto, artigo 27: "No marco do presente Estatuto Correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva das seguintes materias: [...]20. A promoción e o ensino da Lingua galega." Non se di nada a respecto da promoción do español.
Pois contradecindo todos estes mandatos, a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Medios, acaba de sacar o prego de condicións para unha campaña contra o galego na que se publicitará, cun gasto de máis dun millón de euro, o funesto decreto de plurilingüismo. A campaña, farase en galego pero tamén en castelán porque, en contra do Estatuto, o que están a promover é este idioma, que é o idioma abafantemente protexido, omnipresente e omnipotente en todos os ámbitos da nosa sociedade. E como xa avanzara neste blogue a campaña non pode conter outra cousa que mentiras. Efectivamente, o Xornal de Galicia destaca que o prego de prescripcións técnicas comenza dicindo que “O Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ao galego e ao castelán como linguas propias e cooficiais de Galicia”, isto é, comenza mentindo no que xa é unha clásica técnica na SXPL. Por iso, insisto, o español será oficial en Galicia, pero non é a súa lingua propia. O idioma que se falou aquí desde o século IX foi o galego, e  galego foi a lingua dos reis de Galicia, dos de Portugal e dos de Castela. A división política de Galicia en dous reinos a mediados do século XII non significou a ruptura lingüística, o galego-portugués é un continuum e a diferenciación tardará séculos en establecerse.
A partir da submisión total a Castela desde o reinado dos Reis Católicos prodúcese a imposición dos castelán en Galicia. Os escribáns galegos deben examinarse en Toledo a paritir do 1480. O desprezo ao galego de por parte das clases dirixentes nos séculos seguintes foi cousa común. Implántanse o racismo lingüístico e o galego é reducido, desprezado, maltratado, prohibido,... durante séculos. Agora, en compesación a Xunta promove o castelán e elévao á categoría de lingua propia de Galicia. Será que van cambiar a historia da nosa lingua por medio dunha campaña de manipulación?
P.S.: Vese que non son o único que está mosqueado por este asunto, basta ver a noticia da Nosa Terra : "O BNG denuncia que a Xunta falsea o Estatuto"

O cazador de palabras contra Ben falado!

A web da SXPL ten unha ligazón directa ao programa da TVG presentado por Xesús Ferro Ruibal, Ben falado!. Está ben, trátase dun programa no se dan a coñecer cousas da lingua. Ten por exemplo, unha sección adiacada á Ecoloxía Lingüística Internacional, será un noticiario con información sobre os acontecementos e procesos de normalización lingüística que se están a realizar por todo o mundo. A pena é que o progama é case imposible de ver, emíteno aproximadamente ás 15:30, despois do tempo e os deportes.
Pero a web da SXPL non informou en ningún momento doutro programa, éste de media hora, tamén centrado no tema da lingua: O Cazador de Palabras, un docushow divulgativo que ten como obxectivo transmitirlle ao espectador a emoción das palabras, o seu lado entretido e curioso e os aspectos máis divertidos da lingua. Este novo programa de entretemento lingüístico, presentado por Matías Tarrío, é un espazo familiar que intenta demostrar que a lingua pode ser empregada en todas as circunstancias e para falar de calquera cousa, seria ou divertida, social ou familiar, científica ou popular.
Por que a SXPL destaca o progama de Ferro Ruibal e non di nada a respecto do de Matías Tarrío?
Será por que é un programa desenfadado, frente ao primeiro, cun académico na cabeceira? Como non o recomenda a SXPL, eu si que o fago. Por tomar un bocado, ide a este programa, do 9/04/2009.
O Ben falado xa vai pola súa segunda edición, mentres que O Cazador de Palabras, que na súa anterior emisión estaba en horario de máxima audiencia agora temos que velo nun horario imposible para o verán, ás 16:20, non tivo a mesma sorte.
Probablemente debido á maior duración do programa, a TVG fai máis complicado o acceso na súa web ao programa máis popular, O Cazador de Palabras, pois para acceder aos seus vídeos temos que ir primeiro á ligazón anterios e despois premer en Gravacións e despois volver a premer en aquí. No entanto para acceder ao arquivo de programas de  Ben falado, basta con ir a esta ligazón.

O galego non é obvio

É a primeira vez que temos noticia da campaña do millón de euros para difundir o nefasto decreto chamado de plurilingüismo.
por Miguel Pardo, xornalista, no Xornal de Galicia
Que a lingua propia de Galicia é o galego é obvio. Tan obvio como que o castelán é, xunto a esta, a outra lingua con carácter oficial no país. Dio o Estatuto con claridade. Pero a Xunta obviou a obviedade para elevar o castelán ao mesmo nivel que o galego e variar un dos principios da norma básica da autonomía. Fíxoo, ademais, na primeira frase do prego de condicións para contratar unha campaña que difundirá “os novos valores” do polémico decreto do plurilingüismo no ensino.
Foi un erro, ben seguro, pero é curioso que este cambio no status idiomático se dea precisamente neste relatorio, nun texto que pretende defender unha norma fortemente contestada na rúa por entender que discrimina o galego en favor do español. O Executivo busca que a ninguén lle dea por pensar tal cousa. Para iso, gastará 1,2 millóns nunha campaña de dous meses que inclúe publicidade en webs e xornais, anuncios en radio e prensa ou carteis en valados e buses urbanos xusto no comezo do curso. Para que quede claro.

Policía, forzas represivas do status quo?

por Manuel Vidal Villaverde, no Galicia Hoxe:
O TC español, a nación española, o Estado español e as súas comunidades autónomas, El-Rei e a monarquía parlamentar proclama con solemnidade case esperpéntica a Constitución española, cuxo texto, indican os seus maxistrados ad hoc, non coñece nin recoñece outra nación que non sexa España, as demais son comunidades autónomas, históricas, como moito, cunha cultura diferente, un idioma propio, que forma parte da variedade e pluralidade do acervo cultural español en calquera caso. Xa Fraga Iribarne o advertía estes últimos días en Compostela: "Galicia non é unha nación", e receita retornar ao "café para todos", ao chalaneo e á patética España, digo, "es una unidad de destino en lo universal". Estatuto como lilaila, como xoguete ou trebello. Na escada de valores patrios e universais, o galego, o éuscaro e o catalán serán subsidiarios do español ou castelán, ao que todos e todas estamos obrigados a estudar e a defender. Fanno os ignorantes e diglósicos galegos, e mesmo casteláns? Fanno os galegófobos e estoutros lingüicidas; faino Galicia Bilingüe? Podo dar fe e testemuña que da literatura española ben pouco coñecen, e do idioma e sintaxe na que se escribe ou escriben/falan eles/elas, chega ao disparate, ao dislate. Alberto Núñez Feijóo, nun caso de cursiño e desinformación histórica, advirte de que España é nación dende hai máis de cincocentos anos. O Decretazo verbo do galego imposto (e xa veremos) polo PP español en Galicia carece de sentido e achégase ao disparate. Cal é señores e señoras españois, cidadáns do mundo (expresión obvia, tautolóxica e polo tanto innecesaria por absurda e estulta). Cecais cre algún sarriano, ou vigués, ou coruñés, que Sarria, Vigo ou A Coruña non forman parte do mundo? As contradicións nos termos son tan grandes que superan e transcenden as fronteiras do imaxinario colectivo para recalar nas augas na mediocridade, a vulgaridade e o delirio imperial do inútil. E por que dicimos no enunciado "policía, forzas represivas"? É tan obvio explicar este sintagma que se fai innecesario. A evidencia sobarda ao mínimo da posibilidade e a intelixencia. Non necesita, pois, explicación. A Compostela xamais chegou o apóstolo Santiago, pero a invención do sepulcro, como a da resurrección de Cristo deu e aínda dá moito que falar e entreter os seareiros, tanto ou máis que o triunfo da Selección española no campionato do Mundo, a vitoria do tenista Nadal e os faustos do ciclista Contador no Tour de Francia. Así é todo, o boureo continúa, pero a crise económica non deixa de abafar o pobo desherdado, sen adxectivacións. Galicia, Catalunya e Euskadi si son nacións, malia que lle pese á recidiva franquista encistada na entraña de moitos e moitas, incluído o señor Fraga Iribarne.

xoves, 29 de xullo de 2010

As verdades de Ferrín contra as mentiras de Anxo Lorenzo

Hoxe foi a clausura do XXIII Curso de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois de fóra de Galicia. No curso participaron máis de 80 estudantes procedentes de 27 países de todo o mundo. No acto estiveron presentes Anxo Lorenzo, secretario xeral de política lingüística, e Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG. Anxo Lorenzo declarou que a aprendizaxe de galego "fóra das fronteiras administrativas de Galicia é unha realidade consolidada", que "contribúe á difusión exterior" do idioma e cuxos alumnos se converten "en embaixadores" da cultura e achegan "prestixio" ao idioma propio.

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, referiuse aos actos do Día Nacional de Galicia do pasado 25 de xullo como a evidencia da "contradición" de ver "o catolicismo unido ao Estado español no Día da Patria Galega, que nada tiña que ver co Rei de España. "Viñan pasar uns días nun país en contradición, comprobaron que a contradición é consigo mesmo", dixo Ferrín. Por iso, comparou a participación de estudantes de diferentes países e o seu contacto co idioma con aqueles "galegos que se avergoñaron da lingua".

Anxo Lorenzo afirmou que "en Galicia hai moitas formas diferentes de entender a lingua propia, o galego, de entender e practicar a outra lingua cooficial, o castelán, e tamén hai moitas diferentes formas de entender a nación ou a nacionalidade e iso conforma a nosa identidade", polo que ve "importante" que os poderes públicos cumpran con "o deber" de promocionar e defender a lingua propia de Galicia, cuxa difusión permitirá situala "ao mesmo nivel" que os idiomas doutros países de referencia internacional.

Ferrín indicou que "ese auto odio propio dos pobos colonizados, é aquilo que nós temos que arrincar do noso corpo social para ser libres, para ser plenos e para ser donos de nós mesmos colectivamente",

A web da SXPL destaca que amais das clases teóricas e prácticas de lingua galega, os cursos inclúen conferencias impartidas por escritores e por persoas de recoñecido prestixio en distintos aspectos da realidade sociocultural de Galicia e mais excursións e visitas a lugares de principal interese cultural e paisaxístico.

Ferrín situou a lingua como "un fenómeno colectivo", construído polo home e "expresión" da "nación galega". "Esa nación galega está en conflito, hai persoas que queren que Galicia se siga chamando nacionalidade histórica", dixo, tras lamentar que "neste momento así suceden as cousas".

Fontes: Xornal de Galicia, SXPL

Dúas defensas do libro galego

Ana Pontón, deputada do grupo parlamentar do BNG reclamou hoxe da Consellaría de Cultura que rectifique a súa política de fomento do libro e da lectura 'por ir en detrimento, a través dos recortes nas modificacións orzamentarias, das bibliotecas e da promoción do libro en galego', 'unha política que non encaixa precisamente co que deberan ser os obxectivos do Ano do Libro e a Lectura'. A noticia completa vén na Nosa Terra.
Manuel Bragado hai pouco que foi nomeado presidente da Asociación Galega de Editores. Nesta entrevista que lle fixeron o pasado luns 26, que introducirmos cun par de frases de Bragado: " a lectura non é só unha actividade de ocio, é un modo de axudarnos a entender o mundo[...] non concordamos cos termos do decreto de plurilingüismo"

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

O equilibrio: 3,5% en galego, 96,5% en español

Unha das mantras máis repetidas polo goberno da Xunta nos últimos meses, sobr todo no ensino, foi ao do equilibrio lingüístico. A distribución horaria en primaria e secundaria debería obedecer a este principio. Isto significará unha redución inmediata das aulas en galego, non porque o seu uso sexa maioritario, pois no ensino obrigatorio non chega ao 40% , senón porque o funesto decreto de plurilingüismo obriga a impartir clase en español en materias que actualmente están a impartirse en galego como é o caso das matemáticas. A pesar de que a normalización do galego no ensino non está a niveis de botar foguetes, é seguramente un dos ámbitos nos que os niveis de uso da lingua propia está máis implantado.
No entanto este mesmo principio, o do equilibrio, nunca é invocado noutros ámbitos da sociedade que están moito máis desgaleguizados que o ensino. Pensemos no caso da xustiza, a porcentaxe de sentenzas en galego é do 3,5% . Este foi un dos datos que Bieito Lobeira destacou nunha rolda de prensa da que temos noticia polo dixital A Nosa Terra:
O deputado do Grupo Parlamentar do BNG Bieito Lobeira reclamou a introdución do galego como 'lingua normal de traballo e de uso preferente na administración de Xustiza en Galiza', co fin de garantir o dereito a que toda persoa poida utilizar e ser atendida no idioma galego en calquera trámite ou procedemento deste ámbito. Tamén, 'en todas e cada unha das partes dos procesos xudiciais, rexistrais e notariais, tanto oralmente como por escrito'
Lobeira presentou en rolda de prensa unha proposición non de lei neste sentido que inclúe medidas a adoptar tanto no que atinxe ao persoal como á sociedade, dotación de medios, competencias e notarías, salientando a necesidade de que sexa considerado como requisito indispensábel para o exercicio das súas funcións en Galiza o dominio oral e escrito do idioma por parte de xuíces e funcionarios.
“E que non se interprete como imposición –engadiu– pero por riba dos dereitos dos xuíces está o dereito dos administrados e non é posíbel impartir unha Xustiza xusta se non se coñece a lingua dos administrados”, sinalou.


“Só o 3,5% das sentenzas en galego”
O parlamentar denunciou o paradoxo de que precisamente o ámbito que ten que dar exemplo, pois é garante do cumprimento de dereitos, sexa no que segue existindo unha “escandalosa” ausencia do galego, onde máis se vulnera o seu carácter cooficial, e afirmou que as cifras falan por si mesmas e ademais van a peor, de tal xeito que, segundo dados oficiais, só o 3,5 por cento das sentenzas e procedementos xudiciais se fan en galego, e o 96,5 por cento en español.
Para Lobeira, non obstante, o problema de que o galego sexa unha lingua “proscrita” e “vetada” na Xustiza non é de falta de vontade dos profesionais senón dunha evidente falta de medios, produto da ausencia de vontade política do actual goberno da Xunta, “que define as relacións lingua-xustiza como de bilingüismo pacífico e natural cando a realidade é que se pode dar o caso de que, aínda existindo acordo entre todas as partes implicadas nun xuízo non é posíbel tecnicamente desenvolvelo en galego”.

Retroceso
Neste sentido, o deputado nacionalista advertiu que se está retrocedendo, pois hai tres anos era posíbel usar máis o galego ca hoxe, pola actitude contraria á normalización deste Goberno, reiterou, e puxo como exemplo a recente aplicación do novo programa Minerva, adquirido e pagado pola consellería de Presidencia, que é incompatíbel co uso do galego.
Non existe tampouco, engadiu, un corpo de documentos xurídicos frecuentes en galego, polo que serán os xuíces ou xuízas quen, duplicando o seu traballo, terán que proceder á tradución de textos se queren consultalos ou conformar unha base de datos en galego, “e mentres, dende a dirección xeral de Xustiza se lles segue remitindo todos os novos textos lexislativos só en español”.


Tamén a nova en Galicia Hoxe.

Eu falo

O vídeo ao que se fai referencia no artigo está máis abaixo.
por Craig Paterson, en Galicia Hoxe:

Acaba de saír na web un clip dunha estudante inglesa. Fala nun galego precioso. Ademais, demostra ser ben consciente da problemática actual do país en termos do benestar da lingua e da cultura galega. Ben me lembra as persoas coas que a Asociación Internacional de Estudos Galegos falou a mediados deste mes, os rapaces e non tan rapaces que están a facer os cursos de lingua galega nas tres universidades galegas.
Falamos na AIEG con arredor de 120 persoas de tódolos países do mundo, que veñen botar un mes en terras galaicas. Aprenden a lingua, estudan a cultura, aproveitan as charlas impartidas polas figuras principais da cultura galega e fan excursións por todo o país. Sen dúbida, algúns deles só pensan botar un mes interesante nun lugar fermoso de Europa, e sen máis. Outros viven de maneira permanente na Galiza e queren acadar a perfección na lingua autóctona. E todos eles comparten sempre o compromiso mínimo para descifrar o código do Galician Country, para dominar o conxuro deste lugar que sempre os engaiola. Botámoslle o noso discurso sobre as vantaxes prácticas e filosóficas de aprender o galego, falámoslles do peso que lle dá ao curriculum poder comunicarse con máis de 200 millóns de lusofalantes no mundo, e da riqueza desta lingua como unha especialísima forma de vivir, como metáfora da tolerancia co alleo.  Con todo, este ano notábase, aínda sen mencionarmos o tema, que sabían ben da sombra que ameaza este patrimonio galego. E decatámonos de que cando volvan aos seus países nativos, levarán esas novas, transmitirán a súa admiración por Galiza e ao tempo a súa incredulidade diante do comportamento do propio goberno do país.
A mocidade internacional que estivo en Galiza durante o mes de xullo alenta as esperanzas, e reloucarían de ledicia as anteriores xeracións de intelectuais galegos, militantes doutras loitas igualmente transcendentes, se visen a estes mozos pasear polas rúas falando entre si en galego. A esa mocidade estranxeira non se lles despista o que acontece no país. Moito me gustaría tamén velos entrevistarse co presidente da Xunta, para que lle expresasen o seu malestar coas medidas postas en práctica polo goberno. Escoitalos falar con el nese galego seu, e noso: o galego global do futuro.

Defensa non paga unha factura por estar en catalán


"Adjunto se remiten facturas [...] al objeto de que sean remitidas en castellano y posteriormente sean remitidas a esta Sección Económico Administrativa para su abono correspondiente."
Asinado polo xefe de negociado da Base Aérea de Zaragoza.
Fonte:El País
Vía:  tumblelog As miñas historias

mércores, 28 de xullo de 2010

Cultura exclúe o galego dunha revista de estudos xacobeos

Tirado da Nosa Terra:
A Consellaría de Cultura identifica 'progreso intelectual' co castelán. Veno de demostrar coa presentación de 'Ad Limina', unha revista científica de carácter anual que no papel está editada exclusivamente en español.
O departamento que dirixe Roberto Varela vén de marxinar o galego na edición da publicación científica en formato papel. A consellaría reduce a presenza da lingua do país á versión electrónica  de Ad Limina –que aínda non está dispoñíbel–, que tamén será traducida ao inglés.
Así llo confirmaron fontes de Cultura a A Nosa Terra, malia que o luns a consellaría enviou unha nota de prensa na que se aseguraba que tanto a revista en papel como a de formato electrónico podería ser consultada en galego, castelán e inglés. A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo é o organismo que edita Ad Limina.

'Etiquetamos en galego aínda que somos de Madrid'

Enrevista a unha das fundadoras de
Comocabras é unha cooperativa de traballo asociado de Castro Caldelas adicada á produción de queixos de leite de cabra da marca 'Touza Vella'. Todos os seus produtos –queixo, queixo en aceite e crema de queixo– están no mercado vestidos con etiquetas escritas en galego e véndense directamente na explotación caprina, feiras de alimentación, cooperativas de consumo e tendas de delicatessen. Rocío Sanz é unha das súas fundadoras.
Dende cando etiquetan en galego?
Dende que saíron ao mercado os primeiros produtos. Comocabras fundouse en xaneiro do ano 2006, pero os primeiros queixos baixo a marca Touza Vella vendémolos no ano 2007.
Por que tomaron esta decisión?
Por nada en particular. Os catro membros da cooperativa somos madrileños, pero tivemos claro dende o primeiro momento que o mellor e máis natural para o noso produto sería bautizalo cun nome galego e etiquetalo na lingua propia de Galiza. Malia que elaboramos un produto que non é típico galego respectamos o lugar no que estamos e a súa cultura.
Tiveron algún tipo de contratempo por este motivo?
Non. Nunca tivemos queixa. O que si fixemos para mellorar a comunicación co público foi editar a listaxe de ingredientes en galego e castelán para que todos os consumidores teñan a información cun golpe de vista.
Animaría a outros empresarios a etiquetar en galego?
Non lle vexo ningún inconveniente. Penso que o galego, ao igual que outros idiomas cooficiais do Estado, ten unha riqueza cultural que hai que respectar e fomentar.

A paus co galego

O suceso do 25 en Santiago no que unha periodista do xornal El País foi ameazada por un policía por falar en galego xenerou un mundo de comentarios, algúns deles xa están pegados máis abaixo, agora vou facer referencia a un par deles mais. Son dúas opinións que, a pesar de estaren redactadas en castelán, póñense do lado do galego.
Quim Monzó escribe un artigo desde La Vanguardia co título "En Santiago na noite escura".
Ánxel Vence é o autor doutro artigo de opinión, neste caso o medio é El Faro de Vigo e o título é "Disturbios del bilingüismo". Neste caso Vence acaba facendo un relatorio retranqueiro sobre a toponimia bilingüe.
A pesar de todo isto, o delegado do goberno,segundi informa A Nosa Terra,  manifestou este martes que non consta ningunha denuncia formulada en relación coas supostas ameazas por parte dun Policía Nacional a unha xornalista de 'El País', en Santiago de Compostela, nos actos conmemorativos do Día da Patria, pero confirmou que se abrirá un expediente informativo no caso de que se presente.

O galego na escola

por Robert Neal Baxter, en Terra e Tempo:
Ensino "popular" e "privado": conceptos irreconciliábeis. Ensino "universal" e "público": demandas irrenunciábeis
Por desgraza, após unha serie de tímidos logros, tócanos vivir -nós e sobre todo a xeración que representan os nosos fillos e as nosas fillas- un retroceso que anuncia o principio dunha nova época de escuridade -por non dicir escurantismo- en todo o referido á defensa da patria galega e dos seus sinais de identidade. E entre estes sinais destaca, por encima de calquera outra, a lingua que nos distingue e define como pobo. O papel fundamental que desempeña a lingua na cohesión nacional do pobo galego é a razón que motiva a virulenta política lingüicida deseñada para arrincar o galego como lingua normal do pobo, como paso previo para o obxectivo final que non é outro que a aniquilación da Galiza como nación.
E non é casual que o punto de partida deste xenocidio cultural sexa o ensino obrigatorio na forma do denominado 'Decretazo', procurando así reforzar a  idea de que o galego é unha lingua de segunda categoría fronte ao español (e mesmo, ao inglés) no seu propio país e, sobre todo, interromper unha vez para todas a transmisión interxeracional do galego, ao garantir unha educación formal insuficiente e desequilibrada en galego, fomentando así a inseguridade lingüística xa existente fronte ao español, cada vez máis hexemónico como lingua de prestixio. Despois, só será unha cuestión de tempo para que  a lingua se esnaquice definitiva e (case) irrecuperabelmente.
Fronte a esta ofensiva españolista sen paliativos, o primeiro deber de calquera nacionalista non pode ser outro que loitar para resistir e defender a lingua galega, sexa como for.
Como pai que eu tamén son, entendo a frustración que se sente ante as actuais perspectivas escolares, e loxicamente non vou ser eu quen critique calquera que procure garantir que a súa filla ou o seu fillo estea educad@ na lingua do país.
Por iso resulta difícil avaliar de xeito obxectivo iniciativas como Galiza co galego [http://limiargalego.blogspot.com/2009/04/pola-creacion-dunha-rede-popular-galega.html] que ten como obxectivo principal declarado: «acad[ar] recursos económicos para a creación dunha rede popular galega privada de ensino en galego, a todos os niveis». Porén, unha reflexión ao respecto revela que detrás desta iniciativa a priori loábel se agochan unha serie de implicacións sociopolíticas a longo prazo que resultan urxentes analizar para evitarnos cometer uns erros estratéxicos de calibre de cara ao futuro que poden traer importantes consecuencias negativas indesexábeis e indesexadas para a lingua galega.

A miúdo se apela a iniciativas populares similares, como son as escolas asociativas en lingua bretoa Diwan [http://www.diwanbreizh.org/]. Mais cumpre deixar claro que a situación é radicalmente diferente desde todos os puntos de vista ao se comparar coa galega.
Por unha banda, as escolas como Diwan -tamén hai sistemas similares por toda a Europa- representan o último reduto para manter un mínimo de novos falantes, nunha actitude de preservacionismo necesario para garantir a supervivencia dunha lingua seriamente ameazada e cuxa supervivencia fica lonxe de estar garantida[1]. Moi a pesar das reiteradas tentativas ao longo da historia por parte de españolismo, iso non é o caso do galego que segue a ser unha lingua na que se pode expresar sen dificultades a esmagadora maioría da poboación[2]. Nin existe no caso galego, contrariamente ao caso bretón, ningunha barreira comunicativa real que se puider invocar para impedir o seu uso normal como lingua vehicular dentro do sistema educativo habitual.
E pola outra banda, ao contrario do bretón e moitas outras linguas en situacións similares, existe unha (aínda que enormemente insuficiente) lexislación que ampara o uso do galego no ensino e non se pode trocar a reivindicación histórica que exixe o seu cumprimento integral así como a súa progresiva superación por un survivalismo derrotista por baterse en retirada para se refuxiar en reservas illadas, automarxinándose e excluíndose así de facto do resto da sociedade. Fronte á nova agresión non é a hora de baixar os brazos e deixar que os españolistas fagan o que queiran coa nosa lingua nos centros públicos, pagados por todas e todos nós.
Así, por moi meritoria que a iniciativa galega puider parecer á primeira vista, existe unha funda contradición na concepción mesma dunha rede privada que pretende ser 'popular': para unha minoría da xente xa conscienciada con cartos habería a posibilidade de escolarizar a súa prole en galego. E para o resto, só lle ficará aguantarse nun centro público cada vez máis desgaleguizado e desgaleguizador.
Mais non é só unha cuestión de diñeiro, senón do arrecantamento do galego. Cabe preguntarse até que punto resultaría positivo que a maioría da xente conscienciada e favorábel á normalización do galego marchase do sistema público para se refuxiar nun sistema privado pararalo, deixando o sistema público e universal en mans dos caprichos dos inimigos do galego.
Fronte á pretendida 'normalidade' que predica a rede entre os seus obxectivos: «Apoio a creación dunha asociación popular Galiza co Galego que axude as familias para facilitarlles os medios, as ferramentas, para que poidan desenvolver a súa vida con normalidade en galego», na realidade o proxecto supón todo o contrario, co risco real de se crearen guetos elitistas, á marxe do sistema habitual, onde o galego sería a lingua dos bechos raros con cartos, acurralado en illotes autoproteccionistas fronte á masificación do español como lingua ultra maioritaria e sen contestación dentro do maioría da sociedade. No fundo, trátase dun capitulacionismo a curto prazo ben intencionado ao nivel individual mais que, ao longo prazo, representa unha perda de moi difícil recuperación para o pobo no seu conxunto.
Como socialista que son, non podo defender un sistema de dúas velocidades segundo os recursos económicos de cada quen. E como nacionalista que son, tampouco podo asumir que para falar a nosa lingua con normalidade haxa que cortarse do resto do pobo.
Entendo que cansa moito ter que loitar día si e outro tamén para que as nosas fillas e os nosos fillos poidan vivir na lingua do país de xeito normal. Mais foi grazas ao esforzo de moita xente antes de nós, tanto pais e nais como profesores e profesoras, que se conseguiu chegar a unha situación onde o galego estivo -e segue a estar, aínda que en menor medida-  presente no ensino público. É, pois, o noso deber, honrar a memoria destas persoas, moitas delas represaliadas no seu día pola defensa dos seus e dos nosos dereitos, seguíndomos adiante coa loita para garantir unha educación galega, universal e de calidade no canto de nos afincarmos no derrotismo da musealización anecdótica da lingua en centros especializados e marxinais.
Acúsasenos, as/os nacionalistas, de querermos 'patrimonializar' o galego, de o apropiarmos para nós mesmas/os. Nada máis lonxe da verdade. O verdadeiro nacionalismo sabe que o futuro da lingua será garantido só se segue a ser a lingua do pobo, iso é de todas e de todos.
Mesmo o Estatuto recoñece o dereito básico de saber e poder usar o galego. Non se trata dun privilexio que corresponde a quen o poida pagar ou quen teña a paciencia de o procurar fóra das canles habituais da sociedade. O galego é o legado inalienábel de todas e todos, teñan o non os seus pais diñeiro, vivan onde vivan e falan a lingua que falen na casa.
Non renunciemos a lingua galega! Ensino galego, público e de calidade!

Notas

[1] En 2007, 172.000 persoas dicían falar ben ou bastante ben o bretón, ou sexa 13% da poboación da Baixa Bretaña, zona historicamente de fala bretoa, das cales 81% teñen máis de 60 anos (Broudic, F. 2009. Parler breton au XXIe siècle. Le nouveau sondage de TMO-Régions, Emgleo Breiz)

[2] En 2003, 90,1% da poboación dicía falar ben ou moi ben o galego, e até 97,3% da poboación declaraba entendelo moi ben (Monteagudo, H. e Lorenzo, A. (dir.). 2005. A sociedade galega e o idioma. A evolución sociolingüística de Galicia (1992-2003), Consello da Cultura Galega)

Ciencia galega e ciencia en galego

Como se fala de ciencia, do CERN, quixen acompañar o artigo de Eduardo García Parada, en Terra e Tempo dun vídeo da campaña da UDC "En galego tamén se fai ciencia":
En galego tamén nos dan as contas
Tanto o Conselleiro de Educación como Anxo Lorenzo téñennos dado sobradas mostras do que opinan sobre o galego. Unha das súas máis importantes aportacións é que o galego non vale para as materias científico-tecnolóxicas, e iso deben sabelo os nenos e nenas desde pequenos, aprendelo xa na escola. O galego vale para a poesía, para comunicarse cos aldeáns e nas feiras, para as festas folclóricas (ciencias sociais), e para describir a paisaxe e para falarlle ás vacas (ciencias da natureza). Pero non para a tecnoloxía ou a informática, cousas modernas, e moito menos para as chamadas ciencias duras como as matemáticas ou a física, que de toda a vida se desenvolveron e avanzaron grazas ao castelán e á histórica contribución do estado español ("Viva España!", como argumenta Manuel Fraga) ao coñecemento ("Que inventen otros", máxima do pensamento español).
O Secretario Xeral de Política Lingüística di que o das ciencias en castelán é unha cuestión de tradición. Non querería dicir de traizón? Porque disto último si que sabe. Non cabe dúbida de que se por algo pasa á historia -á historia negra do noso país- será por traidor e renegado.
Xa o dixo hai máis dun ano o presidente da Confederación Gallega de Asociacións de Padres de Alumnos de Colegios Privados (Congapa), José Ramón Hermida Iglesias, que reclamaba a utilización do "sentido común", porque materias como "Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego". Engadindo, para rematala que "no se puede retroceder". Querería dicir que hai que dalas en castelán? Ignorancia, prexuízos ou razóns puramente políticas de acoso e derrubo da nosa dignidade como pobo? Será este señor un dos ideólogos -xunto co "filólogo" Andrés Freire, creador do famoso informe das FAES sobre o galego- da política lingüística do goberno Feixóo?
Tal vez se refería -adiantado ao seu tempo- que había que impartilas directamente nalgún deses idiomas nos que se fan as "nomenclaturas internacionales". Isto xa é outro falar, e tería -ao meu entender- algo máis de sentido. Sacar o idioma estranxeiro do seu cinguimento na escola á aula de idioma estranxeiro e darlle un aquel cotián coido que é unha experiencia didáctica que merece a marxe da proba para ver os resultados. Claro que tamén aquí as luces que nos alumean desde a Consellaría de Educación interveñen para enfastiar a innovación. Para empezar, vaise dar a situación de que en Galiza non se pode impartir a Física e Química en galego pero si en inglés ou francés (e en portugués?). Iso si, o cidadán ceibe que é o alumnado pode logo responderlle ao profesorado ou contestar o exame en castelán. Imaxinamos unha aula de inglés na que o alumno ou alumna decide responder un exame en castelán tendo que facelo en inglés? E outra boa que anunciaron hai uns días: a Xunta vai contratar como lectores para o rural xubilados ingleses, pois os nativos (ingleses) novos queren aprender castelán ou galego (?), polo que preferirán ser destinados a ámbitos urbanos (será para aprender galego?), e aos xubilados ingleses, que xa pasan de aprender, poden ir ao rural, que aínda que algún aborixe de aquí lles fale algo en galego non pasa nada. Velaí unha mostra máis do seu "currículo oculto", velaí o que valoran a nosa lingua.
É verdade que a nosa lingua precisa aínda desenvolverse en eidos científicos e tecnolóxicos nos que a longa noite de pedra fixo que se descolgara. Pero tamén o castelán precisa inventar ou adaptar os neoloxismos que case nunca se crean nin en galego nin en castelán, nin en francés ou italiano, senón que actualmente se crean en inglés, gústenos ou non. O cal non desbota para nada o uso da nosa lingua para a ciencia. Para iso está a comunidade científica galega e as academias: para fixar a lingua. Neste sentido hai uns días a Real Academia Galega anunciaba que procurará no brasileiro unha terminoloxía axeitada para os neoloxismos vinculados a unha disciplina emerxente, a Ciencia do Solo. Como xa hai anos fixeron (fixemos) moitos outros científicos e profesores para poderen desenvolver a súa ciencia ou dar as súas aulas en galego.
Cando eu mesmo redactei a miña tese de doutoramento en Física dos Láseres hai quince anos tiven que acudir ao escaso vocabulario científico que existía en galego, ao portugués e á tradución asesorada de termos e expresións do inglés ao galego (non existía gran parte dese vocabulario tampouco en castelán). Fixen a defensa da miña tese en inglés, acadei a máxima cualificación, premio extraordinario de doutoramento, e non precisei para nada do castelán. A Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galiza (ENCIGA), con máis de 650 socios e unha das máis antigas do estado español e de Europa, ten promocionado de xeito exemplar o uso do galego nas ciencias, na súa ensinanza e divulgación, coa publicación de centos de artigos nos case 70 números publicados da súa revista e coa creación de materiais comunicados nos 22 congresos realizados. Un importante grupo de físicos e enxeñeiros galegos do Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) de Xenebra, un dos laboratorios punteiros no mundo, presentaron á opinión pública un manifesto para defender o galego como idioma tan plenamente válido como calquera outro para a investigación científica (imaxino as dificultades e a vergonza que deberon pasar cando os seus colegas lles preguntaron como era posíbel que tiveran que facer ese manifesto!). E poderiamos seguir dando exemplos que parecen obvios para calquera que entenda a nosa lingua como unha lingua. Sen máis cualificativos. Importantes científicos das tres universidades galegas explican nunha campaña recente a normalidade que significa dirixirse ao alumnado en galego ou a vantaxe que lles supuxo para achegarse a idiomas semellantes como o portugués ou o francés. E o que desde logo está claro, que tan útil para comunicar a investigación é o castelán como o galego, pois isto faise fundamentalmente en inglés.
Se o Conselleiro o e Secretario Xeral souberan algo de física decataríanse de que son a máxima expresión do segundo principio da termodinámica: con eles, a entropía sempre aumenta, e a un ritmo tan forte que é difícil aminorar: son os reis do caos, viven nel e del se alimentan. Mentres a nosa lingua precisa dun consenso e dun equilibrio difíciles de construír e manter para avanzar de vagariño, calquera cousa que eles fagan só beneficia ao castelán e alimenta os bechos que están á espreita, agardando a súa débil presa para devorala.
O futuro que desexan ou ao que nos levan coas súas políticas xa está aquí: hai uns días nunha vila próxima a unha cidade galega un neno galego duns oito anos dicíalle á súa irmá referíndose a min: "¡mira, habla gallego!". Cando menos era quen de identificar esa lingua que tamén debería ser a súa. Por desgracia, en boa medida a actual Xunta segue a máxima de Don Frabizio, Príncipe de Salina, en "O Gatopardo": cambialo todo para que todo siga como está, pero con peor estima social da lingua, con maior desprezo. Acaso estaba a cumprirse o "impositivo" e "radical" decreto 124/2007, baseado no Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no 2004? Ou o anterior decreto 247/1995, tantos anos regulando o uso do galego no ensino? Calquera coñecía incumprimentos en centros públicos, xa non digamos nos privados. Dubido que houbera algún centro de ensino en todo o país que cumprira ao 100% o decreto.
Como dixo un famoso deportista galego no 2007, non hai que impoñer o galego, como mínimo o 50% en cada lingua. Vese que as matemáticas non eran o seu punto forte... Aprenderíanllas en galego?

Marcos Mariño from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

O constitucional deber de a coñecer

por Nel Vidal Barral, na Peneira:

Xa está. Xa non hai dúbidas e xa non pode haber máis desculpas.
O Tribunal Constitucional botara abaixo nos 80 o deber de coñecer o galego que o noso parlamento acordara na Lei de normalización lingüística, mais había quen interpretaba que era porque ese deber era insconstitucional e quen interpretaba que era porque ese deber non podía estabelecerse nunha lei sen estar estabelecido no Estatuto. E a dúbida xa foi resolta agora polo mesmo Tribunal: o deber de coñecer o galego por parte dos cidadáns e cidadás de Galiza é constitucional.
O Estatut d'autonomia de Catalunya di, textualmente, na súa versión oficial en galego difundida pola propia Generalitat, que "o catalán é a lingua oficial de Cataluña. Tamén o é o castelán, que é a lingua oficial do Estado español. Todas as persoas teñen o dereito a utilizar as dúas linguas oficiais e os cidadáns de Cataluña o dereito e o deber de coñecelas".
Este deber de coñecer o catalán en Catalunya foi recorrido polo Partido Popular, mais o Tribunal Constitucional desestimou ese recurso.
Así que xa está. Quen queira que xuridicamente o galego sexa inferior ao castelán que o diga abertamente, mais agora xa non pode poñer como desculpa a carta magna do Estado español.

Luís Villares: “É ilegal o decreto do plurilingüismo”

Excelente artigo do Galicia Hoxe. Houbo outros sobre a presentación deste libro, pero este artigo de Montse Dopico destaca.
Para ler enteiriño.

Non se admite dó

por Caetano Díaz, no Galicia Hoxe:
Quero eu crer que Lois Rodríguez botoulle o peche a Vieiros na véspera do Día Nacional de Galicia para nos agasallar cunha mostra máis da súa lúcida e intelixente ironía, cun testamento descarnado: o da morte dun proxecto mediático que naceu galego, plural e moderno hai quince anos e que morre -ou se aletarga- galego, plural e moderno, afogado pola estrondosa xenreira dunhas institucións que desprezan o máis noso, o que nos distingue como pobo, e pola xeada indiferenza dunha sociedade que algúns percibimos cada día menos galega e menos plural. Escribiu estoutro día no GH Craig Patterson que na Universidade de Cardiff lembran sempre que a forza dunha nación reside no seu ensino. No seu ensino e no seu idioma, que é o seu ADN irrenunciable, engado eu. Facer periodismo en galego é un exercicio de amor a unha terra, a unhas xentes e a uns sinais de identidade. Durante quince anos, Lois Rodríguez e a súa tribo fixeron periodismo de calidade en galego e con moito amor, conxurados para seren o limpo espello dun país que, ai!, aínda non existe.
Se deixamos morrer a súa semente, estaremos a nos condenar a afundirnos pouco a pouco no pantano da mediocridade e do pensamento único. Eu sei que o espírito de Vieiros segue a aventar e a osixenar esta Galicia que, de tan "in" que nola queren pintar, corre o serio perigo de acabar transformada -Oh, My God!- nunha mala copia de si mesma, envelenada polo virus globalizador que nos uniforma e que gaña territorio cando deixamos agonizar historias tan fermosas como a que protagonizaron Lois Rodríguez e os seus bravos. Di na súa despedida o editor comprometido e galeguista que non se admite dó. Perfecto! Eu dígolle que seguimos no camiño, sen laios e decididos a non arriar as bandeiras do periodismo e da convivencia en liberdade, mentres lembro os versos de Miro Casabella: O meu país é verde e neboento / é saudoso e antergo, é unha xente e un chan / o meu país, labrego e mariñeiro / é un recuncho sen tempo, que durme nugallán. / O meu país nas noites de invernía / debuxa a súa agonía, nun vello e nun rapaz / o meu país de lenda e maruxías / agarda novos días, marchando de vagar.
Forza e honra, compañeiro, e regresa axiña!

Policía brutaz

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:
Dubidaba eu se utilizar aquí a forma brután ou brutaz (ese expresivo z final), ou tamén irmos, por que non, a palabras como indondo, groseirón, alarve, tosco e, se queren, túzaro. Porque ese policía (funcionario dependente do Ministerio do Interior) que ameazou a unha xornalista cunhas "hostias" -textual-, tras recriminarlle a utilización do nome santiagués propio e oficial de Pescadería Vella -"se dice Pescadería Vieja", bradou o axente-, non é outra cousa que un brutaz incumpridor das misións básicas constitucionais que deben presidir as actuacións do Corpo Nacional de Policía: "Protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades e garantir a Seguridade Cidadá". Por iso mesmo non estaría nada mal, como mínimo, que o mando superior das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que corresponde ao Ministerio do Interior, lle abrise un expediente sancionador ao funcionario policial por falta grave, porque grave é ameazar con violencia a un cidadán, ademais de desprezar o idioma propio e oficial de Galicia e pretender impor o uso pola forza de formas lingüísticas non oficiais. Non acudirei eu aquí, líbrenme os deuses, a aquel relato breve de Alfred Jarry titulado O cerebro dun axente de policía, mais o axente policial en cuestión non deixa de ser unha mazá podre -ou un garavanzo negro- que habita un corpo policial profesional, e, como ben di Quim Monzó en La Vanguardia (En Santiago na noite escura, titula o artigo), hai policías que se escoitan algo en idioma bárbaro -tal é o caso: "Pescadería Vella"- experimentan fervedura no sangue que logo lles sobe disparada até o cerebro. En fin. Do que non me cabe dúbida a min é de que o citado axente represor lingüístico non cumpre cos principios de "servizo, dignidade, entrega e lealdade" que decoran a formación dun policía e estou por asegurar que o aproveitamento de materias como Dereito, Socioloxía, Psicoloxía e Comunicación e Relacións cos Cidadáns, entre outras, foi, neste caso, nulo. Debería ser identificado o número e declarado suspenso

Moito máis que símbolos

por Pilar García Negro, política e sociolingüista, no Xornal de Galicia:
Comentaba nun artigo anterior o xuntoiro da bandeira española co negro touro estampado na faixa amarela que se puido ver abondosamente nas televisións co gallo da apoteose futbolístico-españolista deste mes. Onte –e tamén, malfadadamente, me cadrou velo na pantalla televisiva– un rapaz, nun lugar de Alacant cuxo nome non recordo, foi embestido por unha vaquilla que o zapateou como quixo e que resultou gravemente ferido. O mesmo en México e, tal e como é de prever, pasará ou poderá pasar en calquera das touradas que se sigan a celebrar, para honrar no seu altar de morte e barbarie o deus devorador de vidas e compracer o sadomasoquismo duns espectadores e, sobre de todo, para engordar o peto dos que se lucran con semellante espectáculo.

“¡Lástema de bois!”, sentenciaba o paisano debuxado por Castelao, en 1917, perante a contemplación dun cartaz que anunciaba touros en Santiago, en estampa subtitulada “Filosofía labrega”, con que o artista facía emerxer a síntese dunha outra cultura e dunha outra concepción dos animais. Sempre recordo o chiste ou piada de meu pai cando refería a conversa entre dous amigos: “–¿Gostas dos touros? –Gosto. –E logo, ¿como non vas? –Por iso mesmo”. Eu felicito desde aquí ás asociacións que están a traballar para a supresión de tan bárbaro espectáculo, nomeadamente, as que denuncian que na Galiza teñamos que aturar a importación da barbarie, e fago votos para que a votación que hoxe mesmo, mércores ou cuarta feira, vai ter lugar no Parlamento catalán, resulte favorábel á eliminación das touradas nesa nación.
Para alén da tortura do animal e do perigo para o matador e acompañantes, xa resulta ben chamativo e sintomático que a máis rancia españolada ideolóxica e política faga súa a defensa incondicional da tauromaquia, como do fútbol ou da imposición da bandeira única. Todo casa co que se interpreta que debe ser a única nación, a única patria, o único idioma. Servidores do Estado que todos pagamos, como os policías que acosaron viandantes, en Compostela, no Día da Patria Galega, mofáronse das mesmas, burláronse da lingua galega e quixeron impedir o seu uso, ameazaron fisicamente transeúntes ou impediron que manifestantes portadores da bandeira galega pudesen acceder ao río da manifestación, funcionarios do Estado, digo, como os que menciono, están a reproducir este esquema ancestral e moderno ao mesmo tempo.
¿Vai ficar impune a súa actuación? ¿Temos que aturar, os galegos de hoxe, semellante alarde de prepotencia, violencia verbal e / ou física, vexación e ocupación de rúas, prazas e dereitos que son nosos? ¿Necesita a monarquía española defensores desta laia? ¿Consenten os representantes do goberno do Estado e do satélite da Xunta semellante proceder? ¿En que escola ou academia se forman elementos como os que se dedicaron a insultar e agredir nativos ou forasteiros no Día da Patria Galega?
Sería ben que a España política e, con ela, a sociolóxica, procedese a recambiar símbolos, actitudes e comportamentos tan rancios, reaccionarios e agresivos. Daquela, talvez nos pudésemos contemplar todos os seus cidadáns en espellos comúns. Entramentras, non pasaremos por menos de proclamar o noso dereito mínimo a non afiliármonos á barbarie, á violencia e á incivilidade.

"Te la inco"

A noticia de que un policía ameazaba a unha xornalista andaluza por usar o galego ten hoxe unha nova interpretación da man de Davila:

Os tres vídeos de Carlos Callón

Co título "O que nós non fagamos pola nosa lingua agora, ninguén o vai facer por nós", hai un post máis abaixo no que se reproduce unha entrevista que lle fixeron a Carlos Callón en Vieiros a principios deste mes. Alí comentei que na web incluían un vídeo coa entrevista, máis ben eran dous: vídeo1 e vídeo 2. Como xa está recollida a entrevista, aquí só deixo a ligazón aos vídeos realizados pola extinta Vieiros.
Pero leo no blogue do propio Carlos Callón que ten outro vídeo máis, que é o que poño agora aquí. Neste caso o vídeo era para un programa de Localia chamado Everio Channel:

martes, 27 de xullo de 2010

Idioma galego nun centro comercial

Ikea non usa o galego, pero si o catalán e o euskera, no Xornal de Galicia.
por Miguel Anxo Fernán Vello, en Galicia Hoxe:
Visito a superficie comercial dunha corporación multinacional de orixe sueca recentemente instalada na cidade da Coruña e comprobo, con grave sorpresa, que o idioma galego -idioma propio e oficial de Galicia- non ten presenza ningunha tanto na rotulación comercial como na sinaléptica referencial ou informativa. ¿Cabe semellante desprezo ao idioma galego nun espazo comercial do século XXI? En Suecia, dende o ano 2009, existe a "Språklag" ou Lei Lingüística, destinada a preservar o status do idioma sueco e, ao mesmo tempo, a protexer idiomas minoritarios como o finlandés, o sami ou o meänkieli, entre outros, amosando así o Estado sueco unha extraordinaria sensibilidade con todos os idiomas falados no seu territorio. Na actualidade falan sueco pouco máis de 8 millóns de persoas e a literatura sueca, como é ben sabido, comezou a ser tal a partir do século XVI; e sempre se cita aí a tradución ao sueco da Biblia no ano 1541, que serviu para normalizar a lingua e a ortografía suecas. E despois, digámolo así, chegou August Strinberg, que tanto influíu en Kafka, O"Neil, Sean O"Casey ou Lars von Trier, sen nos esquecer dun cineasta como Ingmar Bergman. Mais vaiamos ao tema central deste artigo. Independentemente de que no espazo coruñés da multinacional sueca todos os libros expostos nos mobles de libraría -numerosos e variados- estean en lingua sueca, non é de recibo, nin é intelixente no plano comercial, que o idioma que vai de Martín Codax a Avilés de Taramancos ou Carlos Casares non conte sequera nese mesmo espazo coa debida presenza en tipo e corpo de letra adecuado para informar ao público visitante e consumidor. No País Vasco, por exemplo, a empresa sueca imprimiu en euskera o ano pasado máis de 50.000 exemplares do seu catálogo de temporada, e tanto nas loxas comerciais de Bilbao e de Barcelona pódese ler, mesmo na sinaléptica externa, "Altzariak eta dekorazioa", e en Barcelona, concretamente en Badalona, "Garantia de qualitat per al dia a dia". Mais nós ben que estamos acostumados ao desprezo.

Uma superlíngua... para quem a quiger

por Valentim R. Fagim, no Portal Galego da Língua:

Calcula-se que existam 4.000 línguas no mundo, cobrindo um amplo abano entre a língua franca em que se tornou o inglês até códigos de pequenas comunidades com dezenas de falantes. Todas elas tenhem um poder, o de ser a língua própria de um coletivo, é isso o que as torna imprescindíveis e o que lhes dá valor.
É comum, no entanto, ouvir e ler discursos emanados de Madri no sentido de valorizar as línguas em funçom do número de falantes. Neste sentido haveria superlínguas e línguas normais e seria um absurdo que comunidades e pessoas renunciassem à primeira (o castelhano) para ficarem com umha das segundas (galego, catalám, basco...).
Aqui seria pertinente fazer a estas pessoas umha pergunta: e se o castelhano tivesse umha sorte histórica diferente? E se ficasse reduzido à sua extensom original? Enfim, se nom se saísse de Castela... os seus inflamados valedores deixariam de a falar, de a escrever, de a promover? Tenho a certeza de que nom.
Perguntemo-nos também nós: qual foi e qual é a nossa história? O galego nasceu no extremo noroeste da Península Ibérica no sul da Europa. Foi umha das primeiras variedades do latim que passou à escrita. Do seu berço avançou para sul, num processo paralelo com o castelhano e o catalám. E da Europa, cruzando os oceanos, chegou a África, Ásia e América onde ainda reside. Hoje podemos ver no youtube pessoas com os mais variados traços raciais falarem a mesma língua que as nossas avós e os nossos avôs.
Se tudo isto nom tivesse acontecido, o galego nom teria menos valor porque seria a língua criada pola nossa comunidade, polo nosso país mas o certo é que sucedeu. A nossa língua nom é apenas nossa e compartilhamo-la com outros países, com outras sociedades. É umha super-língua.
Ora, todo o Super acarreta a sua kryptonita. Na Galiza os efeitos do mineral verde evidenciam-se de duas formas. Por um lado, um governo que foca a nossa língua como um problema e que investe as suas energias em esvaziá-la de valor para a tornar inútil. Por outro lado, umha visom da língua como sendo minoritária, isolada das variantes que som oficiais nos países onde som faladas com toda a riqueza que isso implica.
Para além de escrever como escrevamos, de falar como falemos, de pensar o que pensemos sobre a sua identidade, o certo é que possuímos umha super-língua. Agora o que se trata é de ser consequentes com este facto... e desfrutá-la.

Ness, ou o plurilingüismo

Isto debería ser o plurilingüismo en Galicia.
Vanessa, Ness, é de Birmingham e leva tres anos estudando galego na Universidade da súa cidade. Dende alí cóntanos que é o que máis lle gusta do galego e como ve a súa situación dende fóra. A entrevista fíxoa Séchu Sende.

Musicando Carvalho Calero

Musicando Carvalho Calero é um concurso musical ideado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua), em colaboraçom com o portal de música em galego Komunikando.net.
Haberá um estupendo prémio para o grupo ou solista ganhador, que será umha semana num estúdio profissional de música para gravar os temas que considere oportuno e três dias mais para as misturas e masterizaçom do disco. O disco incluirá o tema enviado ao concurso, e será editado com licença Creative Commons.
Máis información na web musicando calvalho calero.

luns, 26 de xullo de 2010

O Panteón de Bonaval

por Xosé Antonio Perozo, na Nosa Terra:
A manifestación cívica para reivindicar a laicidade e apertura permanente do Panteón de Galegos Ilustres da igrexa de San Domingos de Bonaval foi un acerto. Pero, desgraciadamente, un éxito máis, reivindicativo, que topará co silencio da institución relixiosa e a estéril boa vontade da Consellería de Cultura, que correrá co mantemento das instalacións.

O proceso de recuperación por parte da Igrexa católica deste templo volve ser unha mostra máis do gran poder eclesiástico no Estado español e da inadmisible voracidade material da curia, da dobre moral coa que predican a pobreza e acaparan riquezas improdutivas. O templo, o mosteiro, o cemiterio e as hortas permaneceron en abandono e decadencia ata que o poder civil tomou a decisión de asumir a súa recuperación, rehabilitación e posta en servizo, xa que se trataba dun edificio exclaustrado. Só unha vez salvado da ruína, a Igrexa decidiu reivindicar a propiedade. Para que? Para que, como tantos templos, permaneza pechado, sen utilidade e consumindo subvencións públicas para a súa conservación.
Teño a certeza de que se a Igrexa católica pagase os mesmos impostos con que todos contribuímos ós concellos polas nosas propiedades, semellante voracidade posesiva decaería. Sería unha boa solución para que revertesen á sociedade esas propiedades, produto de 500 anos de monopolio relixioso, ou para que moitas delas pasasen a usos produtivos como museos, centros culturais, instalacións hostaleiras... que mesmo axudarían ó mantemento da Igrexa, sen recorrer ó erario público e ós impostos de crentes e non crentes.

Comunicado de ProLingua ante o peche de Vieiros

de ProLingua:
Pecha Vieiros! Todas as persoas que amamos a lingua e a liberdade ficamos un pouco máis desposuídas! Desde ProLingua, como amigas e amigos de Vieiros que somos, lamentamos a perda dun medio de información que tanto contribuíu a situarnos na Rede como país. Desexamos que pronto poida volver a nos ofrecer a todos os galegos orgullosos de selo esa canle de expresión libre que agora as circunstancias nos furtan.
Queremos tamén enviar unha forte aperta de alento a Lois Rodríguez, o seu editor, e, na persoa de Ramón Vilar, a todos os directores e directoras que contribuíron a manter Vieiros en funcionamento nestes máis de 15 anos e facer del unha ferramenta de creatividade e un lugar de encontro de todos os galegos e galegas espallados polo mundo adiante.
Tamén queremos convidar a esa maioría da sociedade galega que non desexa a destrución e desaparición da nosa identidade nacional, a reflexionar sobre a necesidade de termos uns medios de comunicación social propios, libres e democráticos, que defendan a nosa Nación e o seu ser diferenciado. Mais tamén temos que pensar que isto non vai ser posible sen a participación directa e comprometida de todas e todos nós. Os nosos laios non poden ficar niso, en ladaíñas recitadas de cando en vez, senón no ofrecemento sincero e real do esforzo persoal de cada un de nós.
ProLingua
No Día Nacional de Galicia de 2010

Un policía ameaza a unha andaluza por usar o galego.

Normalmente non poño artigos en castelán, pero vai un do xornal  El País,  cheguei a esta nova vía As miñas historias:
Estaba en la Alameda de Compostela y quería llegar a la plaza de Pescadería Vella. Al cruzar en el semáforo de la entrada al casco histórico en la noche del sábado, en plenas fiestas del Apóstol, una periodista de EL PAÍS, andaluza, preguntó a una señora por dónde tenía que ir usando el nombre oficial del lugar, en gallego. Lo hizo al lado de un grupo de independentistas que se concentraban pacíficamente, rodeados por decenas de agentes de la Policía Nacional. Un antidisturbio la agarró del brazo: “Aquí no hay nada que se llame Pescadería Vella, se llama Pescadería Vieja. Tú, que eres de fuera, deberías saberlo”, le reprendió. Acto seguido le espetó: “Corre, no vaya a ser que te demos unas hostias”. Fue antes de que los antidisturbios comenzaran a cargar contra los concentrados.

PS: Houbo máis casos de ameazas policiais por falar en galego, os novos tempos da liberdade lingüística traen estas cousas. Ver noticia en De Luns a Venres.

"O español non precisa protección"

Saco un anaquiño da entrevista que Manuel Vidal Villaverde lle fai a Ánxeles Penas, quen acaba de publicar o seu primeiro poemario en galego. Para ver a entrevista completa xornal Galicia Hoxe, premer na ligazón.

Cal é o teu nexo ou sentimento coa nosa nación, cales as túas emocións e posíbeis amarguexos?
Nin eu, nin a miña poesía podemos prescindir do sentimento da terra; é algo que vai nas raíces, algo moito máis fondo ca unha loita política, algo que non se pode desarraigar. Somos galegos "de nación", é dicir, de nacemento, pero dende o século XVI veu a confusión de nación con Estado. O que se mama da nai, iso é o que nos alimenta, o que configura o noso ser; pode que, ás veces, o leite sexa un pouco agre, pero aínda así non deixa de ser leite. Ás veces, eu choro porque desaparezan as carballeiras, porque desaparezan os oficios, porque se perda a memoria e porque barbaries de ecuménico signo destrúan o que custou tantos séculos erguer.
A consideración de Galicia como unha nación dona dos seus destinos, independente, solidaria, socialista e internacionalista, é unha utopía ou un soño imposíbel?
Eu non entendo moito destas cousas, pero penso que hoxe os pobos minoritarios só poden sobrevivir, se se lles declara patrimonio da humanidade ou especie protexida e, por suposto, hai que refugar como sexa o intento uniformizador da globalización. A natureza ten millóns de especies ¿por que non pode ter millóns de pobos? O problema, penso, xa non é independizarse de España, senón que os galegos se sintan orgullosos de selo e defendan o que son, non contra ninguén, senón contra o autoodio. O peor inimigo sempre está na casa.
A eliminación do Decreto de Normalización Lingüística, por certo ben de mínimos para impoñer ese –para min disparate– que atenta contra o noso idioma e nos perpetúa na perversidade da diglosia, en mans de lingüicidas e galegófobos; ao teu ver, cal debe ser a resposta a este despropósito?
Pois a min tamén me semella un disparate nun país que está a perder falantes a diario. O español non precisa protección, porque o falan moitos millóns de persoas e, xa non digamos nada, da colonización do inglés. A resposta é amalo, falalo e atraer novos falantes, o que xa está a suceder en moitos lugares do mundo.

Perdemos galego

por Alberto Quián, periodista, en Galicia Confidencial:
e agora tamén na internet. A rede social Chuza! e o diario de información Vieiros desaparecen. É a noticia que recibimos na véspera do Día da nosa Patria. Perdemos información en galego na rede e perdemos patria.
Eu agora lémbrome destas palabras do bo de Francisco Castro: “Temos a pura e bendita impresión de que, cando menos no Reino do Virtual, no País Galego Electrónico, as cousas son normais”. Iso pensaba eu, pero recibimos outra hostia de realidade. Se ninguén o remedia, o galego que vai subsistir é o subvencionado polo poder político, o de La Voz de Galicia, un galego robotizado, desvirtuado, violentado e aldraxado por un sistema de tradución automática que converte á nosa lingua en obxecto de sodomización política e xornalística. Subvencións millonarias para un galego que non é galego, senón unha parodia da nosa lingua. E desprezo político, empresarial, e, por que non dicilo, tamén civil, aos medios que si traballan pola normalización do noso idioma.
Semella que o galego non é rendíbel política, económica e socialmente. Vieiros e Chuza! non son as primeiras nin serán as últimas canles dixitais a prol do galego en desaparecer. Xa asistimos á defunción de Gznación e todo parece indicar que o diario nacionalista A Nosa Terra podería ser a próxima vítima da recesión galeguista no sistema de medios de comunicación do noso país. Perdemos información en galego no metamedio e restamos viralidade á nosa lingua.
Desde o poder político e económico só interesa apoiar a medios tradicionais e castelanófilos que manteñan o statu quo mediático galego. Un sistema anquilosado, arcaico e conservador. Un sistema incluso xenófobo, onde calquera intento de vertebrar unha canle forte e sólida monolingüe en galego e galeguista é marxinado ou ignorado.
Subscribo aqueloutras palabras do meu respectado Francisco Castro: “Ás veces penso o bo que sería (utopía, utopía, utopía) que os xornais escritos, que as teles, que as radios, que os medios de comunicación que adoitamos cualificar como tradicionais lle concederan á nosa lingua, á nosa cultura, aos nosos creadores, a metade dá visibilidade que na blogosfera conseguimos ter”.
É o que nos queda, os blogues, é dicir, a resposta civil. Para todo o demais xa temos o castelán, ou iso queren algúns.

Pola suspensión do decretazo

por Carlos Callón, presidente da Mesa, no Galicia Hoxe:
Esta fin de semana de celebración do Día da Patria Galega escoitamos algunhas das periódicas declaracións de galeguismo de Alberto Núñez Feijóo. É o habitual. Conforme se aproxima algunha efeméride da cultura galega, non para de citar a Castelao (ás veces, mesmo sen traducilo!) e de proclamar o seu amor apaixonado de galleguista. Canto cinismo, verdade? Mellor nos iría a todas e todos se o presidente da Xunta, en troca de realizar tantas declaracións de amor, comezase a facer o seu traballo de defender a lingua e a cultura do país.

Mais esta fin de semana, ademais da multitudinaria manifestación por Compostela, tivo dúas noticias que afearon un pouco a súa hipócrita propaganda. En primeiro lugar, o anuncio oficial da Real Academia Galega de interpor un recurso nos tribunais para defender a nosa lingua. É un fito histórico e como tal debe ser considerado e recoñecido. Por vez primeira, a Academia decide chegar mesmo á vía xudicial, sabedora de que estamos nunha encrucillada na que nos xogamos o futuro do noso idioma e todo o que este implica. Ademais, o presidente da Xunta encontrouse con que A Mesa pola Normalización Lingüística non só presentou, como anunciara, un recurso para parar o decretazo. Ademais, esta organización solicitoulle á sala do contencioso-administrativo que declare a suspensión desta norma imposta de forma unilateral. A asociación en defensa da lingua galega pide así que se adopten medidas urxentes antes de que o Tribunal dite sentenza, a cal podería demorar arredor de dous anos.
O golpe aínda é máis duro por como está fundamentada esta petición de medida cautelar. A Mesa achegou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza varios informes ou ditames elaborados ex profeso polas universidades da Coruña, Vigo e Santiago. Neles, advírtese de que a aplicación deste decretazo podería causar un "dano irreparábel ou de moi difícil reparación" na formación do alumnado. Así, os departamentos de Filoloxía Galega e os servizos de normalización das tres universidades lembran nos seus respectivos relatorios que, con esta norma, se dificulta gravemente que os estudantes poidan adquirir as competencias comunicativas en galego:
"(...)a aplicación do decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, causaría un dano irreparable entre o estudantado dos niveis non universitarios (ao impedir o funcionamento do sistema educativo como equilibrador das importantes diferenzas de competencia lingüística en galego na sociedade) e conduciría, irreversiblemente, a un modelo en que se reducirían as xa deficientes competencias en lingua galega no ensino universitario, un feito especialmente preocupante se quixermos acrecentar ao dereito que ampara a diversidade lingüística e cultural (a través, entre outra normativa, da Carta europea das lingua rexionais ou minoritarias) un importante atractivo de orixinalidade e de proxección da cosmovisión particular deste espazo e desta sociedade en que nos inserimos (...)"
Polo seu interese e utilidade para ampliarmos a crítica xurídica contra o decretazo, reproduzo unha parte do recurso, elaborado polo recoñecido avogado Guillermo Garrido, quen xa noutras ocasións foi decisivo para gañar varias batallas xudiciais para o noso idioma:
A suspensión que se solicita, ao noso xuízo, goza da aparencia de bo dereito, e, ao efecto, convén salientar que, sen prexulgar o fondo do asunto, pódese afirmar que, mediante o estudo provisorio da normativa aplicábel, se pode concluír que, a sentenza que se dite no seu día, con total probabilidade, recoñecerá a bondade da reclamación de declaración de contrario a dereito do Decreto recorrido.
Ao respecto, coa finalidade de fundamentar indiciariamente o máis que probábel pronunciamento favorábel a esta parte, facemos nosa a argumentación contida no Informe do Consello Consultivo sobre o Decreto 79/2010, que salienta diversos aspectos que poñen de manifesto a violación tanto de preceptos constitucionais como de lexislación ordinaria que aprecia concorren no texto aprobado que, inevitabelmente, haberá de producir un pronunciamento sobre do fondo que obrigará a súa revisión ou total derrogación.
Para a tramitación desta peza separada, parécenos que, aos efectos da apreciación do fumus bonis iuris, a conclusión única do informe do Consello Consultivo, é determinante: "(...) que o proxecto de decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, resulta contrario ao ordenamento xurídico no tocante ao exposto nas consideracións cuarta e quinta (...)".
Na cuarta das aludidas consideracións, referida á educación infantil, ponse de manifesto a existencia de infraccións de preceptos constitucionais que afectan aos artigos 9, sobre da seguridade xurídica, 10.1, a respecto da dignidade da persoa e os dereitos inviolábeis que lle son inherentes; o 27 sobre a obriga do lexislador a respecto da programación xeral no ensino, así como legais referidos á Lei orgánica de educación (LO 2/2006, do 3 de maio), Lei de normalización lingüística (Lei 3/83, do 15 de xuño), e o artigo 8 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.
Na quinta, examínase polo Consello Consultivo a sección referida á consulta ás familias sobre a asignación lingüística de determinadas materias para concluír que tamén neste eido se viola o artigo 27.5 da CE, así como a Lei orgánica 2/2006, de educación, a Lei 3/83 de normalización lingüística de Galiza, con especial incidencia no estabelecido no artigo 78.2 da Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común (Lei 30/92, do 26 de novembro) e a tamén violación do principio de reserva de Lei que se conculca co Decreto que se recorre.
As demais consideracións do Informe do Consello Consultivo, denuncian os aspectos que entenden deben ser redixidos para mellorar o texto.
O escrito presentado pola Mesa subliña tamén que, tras o ditame do Consello Consultivo, a Xunta fixo caso omiso das observacións desta institución. Por iso:
Non podemos deixar de engadir ao exposto que, o Decreto recorrido, tamén viola a normativa internacional á que está vencellada o Estado español vía artigo 10.2 da Constitución Española, e, por tanto, a Comunidade Autónoma Galega, téndose que sinalar ao efecto, os artigos 1 e 2 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, así como o Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos e o Pacto Internacional dos Dereitos Sociais e Culturais (artigos 2.1 e 2.1., respectivamente), o Convenio Europeo de Dereitos Humanos (artigo 14), merecendo especial cita -polo que significa a necesidade de promover e potenciar o uso da lingua galega-, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, cuxa vulneración tamén é destacada polo informe do Consello Consultivo de repetida cita.
Para quen quixer máis información sobre todas estas valoracións xurídicas, tamén esta fin de semana se presentou o volume Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo. Este libro está coordinado polo maxistrado Luís Villares, portavoz en Galiza de Xuíces para a Democracia, e nel fornécense novos e firmes argumentos para rexeitar este decretazo en todos os niveis e, tamén, para que o profesorado continúa a ministrar as súas aulas en galego. Socialicemos esta interesante e oportuna información.