Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 26 de xullo de 2010

Igrexa galega versus igrexa catalana

A Xunta de Galicia concedeulle as medallas de ouro a Portomeñe e ao Cabido da Catedral de Santiago. A primeira medalla é autoconcedida, é para o ex-conselleiro Portomeñe como xestor do Xacobeo. A segunda é para a Igrexa, en concreto para os que xestionan a Catedral. Vou mostrar que son dúas medallas inmercidas por atentaren as dúas contra o noso maior ben colectivo, o idioma galego, pois nin o Xacobeo nin o Cabido catedralicio o respetan mínimamente.

O 27 de abril deste mesmo ano, hai tres meses, o secretario xeral de política lingüística, Anxo Lorenzo, reuníase con monseñor Julián Barrio. A nota que sobre a reunión sacou a propia Secretaría Xeral dicía no titular:

Monseñor Xulián Barrio recibiu hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, quen lle trasladou a importancia de impulsar o uso desta lingua nas iniciativas relixiosas deste Ano Santo

Entrando no contido da nota podíamos ler que Anxo Lorenzo comunicara que "ademais de favorecer que os fieis galegofalantes se sintan aínda máis acollidos no templo do Apóstolo, a presenza do galego nas celebracións relixiosas do arcebispado son un xeito de compartir cos peregrinos de fóra de Galicia unha das maiores riquezas da comunidade, a lingua galega"
Eu non podo facer outra cousa que preguntarme sobre as razóns da reunión ou sobre os resultados da mesma. Cando se trata de facer carteis informativos, o Xacobeo 2010, empresa pública sustentada pola Xunta, e o Cabildo da Catedral, elaboran un única e exclusivamente en castelán, tal e como denunciou onte a Mesa e tal e como podedes comprobar na foto que saquei hoxe na entrada da Porta Santa da Catedral de Santiago e que peguei aquí. Con carteis como este non parece que os fieis galegofalantes se sintan máis acollidos, e de seguro que os peregrinos de fóra  pasarán por Galicia sen enterarse de que aquí falamos, escribimos e facemos carteis en galego.
Por comparar. O Papa Bieito 16 vai consagrar a Sagrada Familia o vindeiro 7 de novembro. A igrexa catalana presentou esta semana os carteis para anunciar o acto, o lema é "Amb el Papa a la Sagrada Família". Nótase que en Cataluña Anxo Lorenzo non é o que leva a política lingüística.

Ningún comentario:

Publicar un comentario