A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación segue a súa folla de ruta contra o galego sen reparar nin en gastos nin en consecuencias. Por este motivo, publícase no DOG de hoxe a Orde do 30 de xuño de 2010 pola que se regulan, con carácter experimental, os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia, para o curso 2010/2011, que ten por único obxecto reducir a presenza da nosa lingua no ensino mediante a implantación dunha medida que o Consello Consultivo valorou como contraproducente e que é un dos motivos do seu informe desfavorábel. Tal e como recolle o Consello Consultivo “ese máximo dun terzo do horario podería resultar desproporcionado con relación ao horario que se dispensa ás dúas linguas oficiais… pode supor un sacrificio para a aprendizaxe tanto oral coma escrita das linguas oficiais, tendo en conta os mandatos e fins tanto do Estatuto de Autonomía de Galicia coma da Lei de normalización lingüística… e da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias.”
O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, declara que: “estamos diante dunha orde publicada co único obxectivo de reducir a presenza da nosa lingua no ensino. E imposíbel, amais de discriminatorio, acreditar en que a implantación dun terzo do horario en inglés vai supor máis destreza nesta lingua, cando non se adoptan medidas que son absolutamente necesarias para incentivar a aprendizaxe dun idioma, como a redución de alumnado por aula e a dotación de máis profesorado. Alguén pode pensar que con trinta ou máis alumnos e alumnas na aula é posíbel que todos e todas adquiran competencia nunha lingua estranxeira? É imposíbel.” Por outro lado, Anxo Louzao lembra que esta orde ten o rexeitamento do 70% do profesorado, pois a CIG-Ensino, que representa o 40%, e 0outras organizacións sindicais expresaron no seu día o seu rexeitamento a esta proposta e reclamaron a súa retirada.
A CIG-Ensino presentará recurso contencioso-administrativo contra esta orde porque:
-
Con ela pretenden liquidar a presenza do noso idioma e continuar na marxinación do noso idioma propio, como demostra un dos obxectivos recollidos na orde e que non dimana de ningún tipo de marco legal: “Fomentar a pluralidade lingüística e cultural nos centros educativos para lograr a plena integración do alumnado nun contexto cultural e económico globalizado”, é dicir, máis marxinación para a nosa lingua que é a única asoballada e desprestixiada. -
Esta norma establece unha barreira selectiva e segregadora para o alumnado, pois dá lugar á clasificación dos centros e do seu alumnado desde un punto de vista elitista e contrario á equidade e á igualdade e non comporta medidas destinadas a todo alumnado para mellorar a aprendizaxe dos idiomas estranxeiros. -
Estamos ante unha auténtica aberración pedagóxica, nun contexto dun 25% de fracaso escolar, promóvese unha medida que aínda vai afondar máis neste fracaso e que, desde logo, non é unha medida para palialo.
A CIG valora que esta orde pretende ser un novo apoio á privada, permitíndolle seleccionar o seu alumnado baixo “criterios plurilingües” aínda que logo as aulas non se impartan en lingua estranxeira, senón na lingua predominante segundo o ideario do centro, que será habitualmente o español. Favorécese outra vez á concertada que poderá lucir na súa denominación a de “Centro Plurilingüe” a xeito de medalla que lle dá un plus de calidade.
A CIG-Ensino considera que esta orde é un cúmulo de falacias e discriminacións. Por un lado resulta difícil pensar que co nivel B2 o profesorado estea en disposición de se desenvolver axeitadamente nunha lingua estranxeira como para dar unha materia ao longo do ano. A realidade é que finalmente as aulas se impartirán nunha das linguas oficiais dando algo de vocabulario da materia en inglés, co que, non será propiamente impartición en lingua estranxeira, e sumará máis horas contra o galego porque nin sequera se estabelece que a lingua base sexa o galego. É unha orde discriminatoria porque, como lembra o Secretario Nacional da CIG-Ensino: “adóptanse medidas de adxudicación das prazas que van alterar a orde de adxudicación do Concurso de Traslados e da adxudicación provisional”, pois tal e como recolle a orde esas prazas terán que ser cubertas con profesorado que teña a competencia lingüística correspondente.
A CIG-Ensino recorrerá esta orde porque considera que nin se axusta á legalidade, nin é beneficiosa para o ensino, pois é unha ferramenta destinada a crear centros de diferentes categorías e vai ser usada contra o noso idioma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario