Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 10 de xullo de 2010

Xa chegaron os marcianos

por Xoán Antón Pérez-Lema, en De Luns a Venres:
Cando falo pola rúa coa xente, vexo un país máis ou menos normal. Estamos todos atafegados cos traballos e tarefas da vida e case todos mergullados na loita pola sobrevivencia diante da crise. As persoas e empresas teiman por sair adiante e albiscamos moitas capacidades que, ao mellor, hai tres ou catro anos semellaban agochadas.
As crianzas galegas teñen unha oportunidade envexada por vascos, cataláns, flamengos, galeses ou escoceses. Porque, cun esforzo mínimo, chegamos á comprensión, polo menos pasiva, da inmensa lusofonía (Brasil, Portugal, Galicia, Angola, Mozambique, Guiné- Bissau, Timor Leste e outros territorios) e da hispanofonía toda. Boa avantaxe en tempos de crise e, mesmo, de remuda do paradigma. E cando Brasil e, en menor dimensión, a Africa portuguesa agroman con forza na realidade económica mundial.
Pois ben. Semella que á chamada 'Galicia Bilingüe', no canto de se preocupar pola mellora educativa de Galicia, aproveitando unha capacidade tan notábel e envexada na Europa toda, só lle preocupa que os fillos e fillas do País aprendan en perfecto español. Velaí os recursos da súa páxina web onde ofertan, coma no mercado, fotocopias de libros de texto en castelán para as aulas que se teñen de dar, por imperativo legal, en galego.
O razonamento dos seareiros de Dª Gloria Lago é ben cativo. Todo xurde da idea de que o galego, a lingua propia deste País na que falaron todos os nosos abós, a lingua que nos fai ser coma somos, a lingua relacional que nos abre ao mundo cada vez máis potente da lusofonía, sería unha lingua de perdedores e fracasados. Unha perda de tempo. E, para evitarmos perder o tempo, esta ONG, que dí financiarse só coas cotas dos seus seareiros, oferta de balde os métodos para nos librar da pesada carga da lingua propia.
É difícil atoparmos no mundo civilizado cun exemplo máis nidio de persoas que cuspen ao ceo. Porque degradan e dividen a cohabitación no sistema educativo do seu País. Limitan a aprendixaxe dos seus fillos. E vulneran a liberdade na que baseamos a nosa convivencia, que non acada, por convención de toda a Europa democrática, ao dereito a sermos ignorantes.
Galicia Bilingüe- e outras faccións análogas-hai tempo que se afastaron xa das costas desta Galicia libre e democrática. A súa apelación á incultura semella, de certo, máis encaixábel nos valores daquelas dictaduras da Europa central de entreguerras ca no sistema liberal e pluralista das democracias avanzadas. Ao mellor, o problema é que xa non saben que facer por chamar a atención dunha cidadanía atenta a outras necesidades e prioridades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario