Eu non podía faltar, claro que estiven alí, acompañando a Rosalía. Quen mo diría! Aínda non hai nin un mes que marchei do que foi a miña tumba os últimos 25 anos, e volvín, cheo de emoción e coa mellor compañía posible, a tratar outra vez cos meus amigos do alén. Podedes buscarme na foto, non creo que vos decatedes de quen son eu, pero estou aquí, escoitando a Xabier P. Docampo no balcón da librería Couceiro.
Os actos que se desenvolveron durante o percorrido do cortexo cívico fixéronme lembrar a Doña Lola, a miña profesora de literatura española (non había outra literatura) nos últimos anos de primaria. Era unha profesora excelente, e había unha razón para que fose así: a muller lera moitísimo, non falaba da literatura de oídas, falaba dela porque a lera, e isto non era nada usual. Esta é a razón pola que lembro moito mellor as súas leccións que a dos profesores que tiven posteriormente. Aínda que non era parte do temario oficial, ela falounos de Rosalía, e lembro o cariño co que o fixera: "Miña santiña, miña santasa/ miña cariña de calabasa". Doña Lola, a pesar dos tempos que eran, os primeiros anos do post-franquismo, tamén nos obrigara a aprender o Himno Galego. Dábanos clase pola tarde, e moitas veces rematábamos a xornada cantándoo.
Pois ben, doña Lola, falounos un día da súa nai que morrera había ben de tempo. Contaba que case todos os días botaba unha ollada cara o cemiterio no tiña enterrada a súa nai, e adicáballe un momento de lembranza e facía isto porque segundo ela "unha persoa non morre ata que todos se esquencen dela". Doña Lola, quedou claro que Rosalía non morreu.
Como a miña crónica sería necesariamente parcial, estiven buscando entre as da prensa que leo habitualmente e a que máis me gustou foi ésta, a de Galicia Hoxe, por iso deixo aquí a ligazón.
Só vou facer un comentario sobre o acto, vou contar o que máis me gustou. Eu teño querencia polos contrarios, polos versus, porque creo que a partir deles poden clarificarse moitas ideas. Hai moitas persoas que se declaran rosalianas, e non poden ver a Pondal. Hai algúns que consideran a este último fundamental no rexurdimento da literatura e o espíritu galego ata o punto de que se autoproclaman pondalianos, e non poden aturar que alguén proclame a reivindicación de Rosalía. Onte, 15 de xullo, no excelentemente ben conducido acto da AELG, rendíase homenaxe á gran Rosalía. Todo estivo perfecto, coidado e ben organizado, pero a min o que máis me gustou foi o final, a homenaxe que, entre as paredes de San Domingos de Bonaval, don Eduardo Pondal lle fixo a Rosalía: soou mellor que nunca o cantar dos Queixumes dos pinos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario