Recomendáronme ir ao castelo de Pambre, pero como eu son algo atravesado fun revisitar o de Soutomaior que se conserva nun estado moi bo pois está a cargo da Deputación de Pontevedra que tamén é a responsable dunha exposición permanente adicada ao propio castelo que se pode ver desde o pasado 1 de abril. Do castelo non vou falar, se alguén aínda non o visitou, debería gardar un par de horiñas para pasear por el. A exposición está ben, polas instalacións do castelo podemos ir lendo diversos paneis en galego e castelán que nos dan a coñecer a historia e as características da construción. Pero hai un par de cousiñas que renxen.
Nun dos paneis podemos ler algo así (cito de memoria): "O personaxe máis importante e coñecido do Castelo de Soutomaior é Pedro Álvarez de Sotomayor....". Non é un erro, o detalle repetíase en moitos outros paneis, que están distribuidos en varios bloques temáticos. Se un dos bloques se titula “O Castelo de Soutomaior: unha fortaleza na Idade Media Galega. Historia, estudos e investigacións”, hai outra chamada “Os Sotomayor. Unha familia para un Castelo”. É curioso ver como os topónimos, ao converterse en antropónimos sofren tamén un proceso de castelanización. O paso seguinte é doado de dar, se o castelo é da familia dos Sotomayor, entón será o castelo de Sotomayor, non si? Xa temos outro nome deturpado, neste caso pola Deputación de Pontevedra. Veremos o que tardan en cambiar os sinais de tráfico que nos indican como ir ao concello de Sotomayor. Non sería o primeiro nin o único caso.
Un segundo aspecto que me chamou a atención da exposición foi a falta de explicación de como o castelo deixou de estar en mans privadas, só se comentaba que a última propietaria foi a marquesa de Ayerbe, ela e o seu marido o doutor Lluría, quen montou no lugar unha clínica, perderon a súa propiedade no ano 1917. Como andaba a remoer no asunto, cando tiven ao meu alcance o portátil intentei resolver a dúbida que non me aclaraba a exposición da Deputación, e isto foi o que atopei: a marquesa, de nome María Vinyals, foi precursora do movemento feminista, e nomeárona académica correspondente da Real Academia. Ela e o seu marido, promotor da militancia marxista en Cuba, foron acusados de intrigas políticas, perderon a súa propiedade en pública poxa en outubro de 1917.
Cousas da Deputación de Pontevedra, perdón, da Diputación de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario