Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 24 de xullo de 2010

O presidente da Xunta tropeza coa Real Academia Galega

 Editorial do Xornal de Galicia:
Finalmente, a Real Academia Galega (RAG) interpuxo un recurso contencioso administrativo contra o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario, que se une aos xa presentados polos sindicatos educativos e A Mesa pola Normalización Lingüística.
Trátase da culminación dun proceso iniciado a finais de xuño, cando o plenario da institución decidiu, co apoio de todos os seus membros, estudar as posibles vías para recorrer a nova norma que regula o uso das linguas oficiais no sistema educativo galego. O presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, sinalou durante esta semana que a institución tomaría “unha decisión” en función do informe dos asesores xurídicos da Academia sobre a norma. Ferrín xa sinalou, cando se deu a coñecer o ditame do Consello Consultivo sobre o decreto do plurilingüismo, a súa petición a Feijóo de retirar a proposta lingüística no ensino ante o clamor social e pola soidade total do Goberno en materia lingüística.
O propio informe da RAG sobre as bases do decreto cualificaba a norma de “inaceptable” e de “inconsistente legalmente”, ademais de reclamar á Xunta que rectificara a súa postura e apostase polo “consenso”. Segundo a institución centenaria, o decreto implica “un retroceso no proceso de normalización da lingua galega que infrinxe a lexislación vixente e a xurisprudencia emitida polos altos tribunais”, ademais de lembrar que o Tribunal Constitucional “nega inequivocamente que os pais teñan dereito a elixir a lingua de ensino”.
Desde o pasado 20 de marzo que o presidente Feijóo anunciara a aprobación do decreto do plurilingüismo non son máis que paus os que lle están a caer á norma. Así, xa son cinco as entidades que levaron a norma ante a Xustiza: a Mesa pola Normalización Lingüística, a plataforma Queremos Galego, CIG-Ensino, UGT e agora a Real Academia Galega. Tamén Galicia Bilingüe presentou recurso contra a norma, aínda que por razóns ben diferentes ás anteriores.
O decreto confirma a redución do galego no ensino, a consulta aos pais en Infantil, a prohibición de dar algunhas áreas en galego ou a posibilidade de que o alumno responda ao profesor nunha lingua diferente á da materia. Estes motivos levan a que expertos xurídicos aseguren que existen bases para que os tribunais declaren ilegal o decreto do plurilingüismo. Unha delas é que racha co principio de progresividade que establece a Lei de Normalización Lingüística e tamén incumpre o principio de igualdade das linguas.
O Goberno de Feijóo, co seu decreto do plurilingüismo, abriu unha fenda importante en Galicia co idioma, que se viu reflectida nas rúas –xa houbo seis grandes manifestacións–, ademais dos problemas xerados no ensino. Por iso resulta lamentable que os ditames de institucións autorizadas como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e outras organizacións non foran tidos en conta e o enfrontamento chegara aos tribunais.
Á espera dos ditames da Xustiza, o decreto supón un retroceso legal na normalización da lingua, pois é a primeira vez na historia da democracia en Galicia que se elabora unha norma que desprotexe o galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario