Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 20 de marzo de 2024

Aquí tamén se fala

 


por Manuel Bragado en Nós Diario:

É esperanzador que douscentos centros de educación secundaria do país enteiro participen na iniciativa de dinamización lingüística protagonizada pola mocidade estudantil e identificada na rede polo cancelo #AquíTaménSeFala. Nacida no IES Rafael Dieste da Coruña coa intención de desmontar os prexuízos sobre o uso do galego por parte da mocidade ou sobre a súa utilidade no mundo da empresa, a iniciativa estendeuse coma regueiro de pólvora nas aulas e nas redes, sendo xa 25.000 os mozos e mozas participantes e máis de catro millóns as reproducións das gravacións audiovisuais protagonizadas por valedoras da campaña como Vigo Mortesen, James Rhodes, Tanxugueiras, Jaione Camborda, María Castro, Sés, Ataque Escampe, Grande Amore, Abraham Cupeiro, entre outras moitas referentes culturais e musicais.

 

martes, 19 de marzo de 2024

O galego resiste


por Marilar Aleixandre en Nós Diario: 

Resistencia. Explica a continuidade da lingua galega durante séculos malia ser ignorada, prohibida, ausente do ensino e do discurso público. Houbo outros factores, mais a lingua galega está viva grazas á resistencia das falantes. Quero falar de resistentes hoxe, en 2024, remando contra o desleixo, o decreto de trilingüismo, o escaso apoio. Falemos da esperanza. Falemos de pasar á acción. 
Hai esperanza nos proxectos e experiencias de dinamización lingüística. En 2013, Pilar Ponte iniciou, no IES da Pobra do Caramiñal, "21 días co galego", agora engadindo "e +" propoñendo ao alumnado o compromiso de empregar o galego polo menos durante tres semanas seguidas en todos os ámbitos da súa vida. Desde 2019 ten o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, mais iso parece implicar que o número de centros non medra, son 10 ou 12 cada ano. É a inspiración para outros.