Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Luis Barreiro Rivas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Luis Barreiro Rivas. Amosar todas as publicacións

martes, 7 de abril de 2026

O galego, ben da humanidade

 por Manuel Bragado no Faro de Vigo:

Un amigo fíxome chegar o artigo de Xosé Luis Barreiro Rivas «Ningunha lingua é eterna» publicado no xornal conservador da Coruña. Non fixo falta ser o inspector Caldas para concluír que o articulista quedou irritado coas enquisas pre-electorais, que aventuran un excelente resultado para o BNG. Pouco tardou o veterano político de Forcarei en coller o lanzachamas da «imposición do galego» e da utilización por parte dos nacionalistas do idioma.

sábado, 24 de xullo de 2010

Que pasará se a RAG perde o decreto?

A Mesa, Queremos Galego, CIG-Ensino, FETE-UGT, a RAG e posiblemente ENCIGA sexan os seis organismos que presenten un recurso contra o decreto de plurilingüismo. A nova de hoxe é que o fixo a RAG, e Xosé Luis Barreiro reflexiona, como sempre, con moito fundamento, sobre o tema. Eu non o vou volver a poñer aquí por unha razón de peso. Os artigos de Barreiro son excelentes e dá gusto lelos aínda que un non estea algunhas veces de acordo con todo o que di. Barreiro ten os pés na terra, acórdase de quen é, e por esta razón fala moitas veces das súas orixes en Forcarei. Barreiro ten ademais unha formación que hoxe non se estila, e por esta razón escolle en moitas ocasións esas frases en latín para nos explicar os avatares da política, e ese latín soa máis moderno que os anglicismos que usan outros. Barreiro é unha voz necesaria e lúcida, e sempre foi un defensor da nosa lingua. Porén hai unha cousa que non entendo e que tampouco lle podo perdoar a Barreiro, que escriba en español, por iso non vou poñer aquí o seu artigo.
Segundo o que comenta Xosé Luís Barreiro o fundamental non é que a RAG gañe ou perda o recurso ao decreto, a loita fundamental contra o mesmo é política. A RAG continuará sendo o que é independentemente do resultado do recurso, no entanto a RAG é agora máis nosa, é máis merecente do noso respecto e recoñecemento. Eu tamén conclúo que se o recurso vai adiante os máximos responsables do decreto deben demitir, isto é Anxo Lorenzo, Jesús Vázquez e Feijóo.

mércores, 19 de maio de 2010

«Pasa o tempo e non di nada»

por Xosé Luis Barreiro Rivas, profesor da USC e ex-vicepresidente da Xunta, no xornal La Voz de Galicia
Todo o que queda do decreto sobre o uso do galego no ensino é a cega teimosía. O non dar o brazo a torcer. O pensar que unha arbore escascada dende a raíz ás polas pode dar froitos saborosos. A promesa electoral improvisada, convertida en dogma de fe dos vencedores. Pero a verdade é que ese decreto xa está morto antes de nacer. E só a contumacia pode facer que un día chegue ao DOG para obter unha vitoria pírrica sobre o vento do pasado. Uxío Novoneyra, a quen hoxe lle dedicamos o Día das Letras Galegas, diría isto mesmo con verbas polisémicas e suxerintes: «Canta o cuco cala e canta / nos castiñeiros do val / Pasa o tempo e non di nada / e volve o cuco a cantar» .
Fronte á idea de que nos estamos xogando o futuro da lingua e a educación dunha xeración enteira, o que se nos pon riba da mesa é unha confrontación PP-bipartito que a Xunta quere gañar a toda costa. E fronte á necesidade de asumir compromisos coa nosa historia e identidade de pobo, o cravo ardendo ao que se acolle o PP é a defensa dunha liberdade persoal, allea a todo contexto social, que fai primar a comodidade e a ocorrencia individual sobre as necesidades colectivas do noso país e da nosa cultura. E por iso no valen de nada os serios avisos que dende tódolos niveis queren chegar aos ouvidos -non sei se xordos ou servís- de Anxo Lorenzo.
Os filólogos poñen a súa atención en que o galego, en contra das consignas elaboradas en Madrid, está retrocedendo de forma alarmante. Os pedagogos están avisando de que a discriminación positiva do galego nas leis e nos decretos de ordenación do ensino non abondan para acadar a igualdade co castelán. Os xestores do ensino teñen demostrada a imposibilidade de xestionar un modelo que -disimulado no trilingüismo e na liberdade de escolla exercida polos pais- desborda por tódalas beiras o sistema educativo. Os profesores, que tamén teñen dereitos lingüísticos, acaban de facer a advertencia de que non se ha de pasar doadamente por enriba dos seus criterios técnicos e das súas opcións persoais. E ata o Consello Consultivo ven de chamar a atención sobre o absurdo que supón someter a escolla e votación aquilo que constitucional e estatutariamente é unha obriga esencial de tódolos galegos.
Pero á Xunta dálle igual. E, ansiosa por demostrar quen manda no país, quere cumprir ben axiña a súa promesa electoral. E baixo o engado que implica o supeditar os efectos do compromiso ao feito simple de cumprilo - implerentur promissiones et pereat mundus - estanos abocando a unha xeira de conflitos de imprevisibles consecuencias. Por iso penso que estamos celebrando un Día das Letras Galegas cheo de malos presaxios. Porque «pasa o tempo e non di nada / e volve o cuco a cantar» .