Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta cursos-xornadas-congresos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cursos-xornadas-congresos. Amosar todas as publicacións

venres, 25 de abril de 2025

Un país coa súa lingua. Sanidade, ciencia e servizos sociais

 

 Nova xornada sobre a normalización lingüística organizada polo Consello da Cultura.

A utilización do idioma galego é esencial para a prestación dunha atención sanitaria e social de calidade. Esta mesa centrarase en propoñer accións para garantir a súa presenza na sanidade, nos servizos sociais e na investigación científica. Ademais, promoverase a busca de solucións para mellorar a atención na lingua propia, aumentar os materiais e recursos dispoñibles e favorecer a formación do persoal sanitario e asistencial. Tamén se formularán propostas para fortalecer o uso do galego na divulgación e na produción científica, co obxectivo fundamental de obter medidas concretas que aseguren o galego como lingua de comunicación nos ámbitos da saúde e da ciencia.

mércores, 26 de abril de 2023

Xornada "Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria". Sesión de tarde

Pola tarde, a xornada Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria celebrada o 16/11/22, tivo o seu acto de apertura, coa participación da deputada provincial de Lingua, María Ortega, quen subliñou que a escola, tanto primaria coma secundaria, é "o alicerce do futuro do idioma", xa que é a poboación máis nova a que "vai facer que a lingua se manteña, permaneza viva e se asente máis do que está". Para Ortega é fundamental unha revisión fonda da actual política educativa verbo da lingua galega nos centros públicos e privados e desenvolver iniciativas para potenciar o uso do galego tamén fóra das aulas. Salientou que non se pode aceptar a situación actual, que conduce na práctica a un abandono progresivo do galego, e subliñou que o corpo docente da lingua galega é fundamental para a promoción da lingua na mocidade. Nese sentido, deu os parabéns a todas as profesoras e profesores involucrados no estudo da UVigo, porque “a pesar de ser minoría”, permiten avanzar no ensino do idioma, sacar conclusións, tomar decisións e chegar a solucións que muden a situación actual. Tras este acto, a xornada continúa con tres novas mesas, centradas no ensino-aprendizaxe sociolinguístico no ensino obrigatorio desde distintas perspectivas, tomando como punto de partida os datos obtidos nas entrevistas realizadas a unha trintena de docentes no marco deste proxecto. 

Doce profesores e profesoras de instituto (representantes dos IES Salvaterra do Miño, IES Fonmiñá, IES Terra de Turonio, IES Alexandre Bóveda, IES Pedro Floriani, IES San Paio, IES Chapela, IES Coruxo, ES Monte Carrasco, IES Johan Carballeira, IES Castelao, e IES de Poio) interviron ao longo da tarde nas tres mesas de debate que completan unha xornada que pode seguirse de xeito virtual e que foron moderadas por Ramallo e os tamén investigadores da UVigo Xabier Benavides e Luís López Alonso. 

 Na mesa titulada "situación e problematización desde o ensino" participaron

  • Esther Álvarez Fernández (IES Salvaterra do Miño) 
  • María Mercedes Torres Hermida (IES Fonmiñá) 
  • Marta Dacosta Alonso (IES Terra de Turonio) 
  • Patricia Lamoso Ferreira (IES Alexandre Bóveda) 
  • Modera: Fernando Ramallo (Universidade de Vigo) 

Na mesa titulada "A praxe (e o ensino da) sociolingüistica na materia Lingua galega e literatura" participaron:

  • Andrea Expósito Loureiro (IES Pedro Floriani) 
  • Eva García Rei (IES San Paio) 
  • Tamara Rial Montes (IES Chapela) 
  • Xosé Ramón Alonso Priegue (IES Coruxo) 
  • Modera: Xabier Benavides da Vila (Universidade de Vigo)

martes, 25 de abril de 2023

Xornada "Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria". Sesión de mañá

O xoves 17/11/22 celebrouse a xornada Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria, organizada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Os actis desenvolvéronse en sesións de mañá e tarde.  

O primeiro bloque está deseñado para debater ao redor da sociolingüística predominante na docencia e a investigación universitarias ademais de para profundar nas posibilidades, debilidades e fortalezas do ensino-aprendizaxe sociolingüístico das e dos futuros docentes de lingua galega. En resumo, trátase de sacar conclusións a partir dunha pregunta chave: Como as universidades galegas están a formar nos saberes sociolingüísticos hogano? Participarán Bieito Silva Valdivia da USC e Xosé Henrique Costas González da Uvigo baixo a moderación de Fernando Ramallo (UVigo).

sábado, 23 de xullo de 2022

Aquí medra a lingua: coloquio

O pasado 13/06/2022 o Consello da Cultura Galega organizou unha Xornada co título "Aquí medra a lingua". Houbo un coloquio con integrantes da comunidade educativa dos centros participantes moderado pola xornalista Esther Estévez, e na que participaron:

  • Sara Varela, profesora do CRA Nosa Señora do Faro, Ponteceso
  • Sonia Lamas, ANPA do CEIP Barouta, Ames
  • Belén Escariz, directora do CEIP Quintela, Moaña
  • Alejandro Fernández, ex-alumno do CPI Virxe da Saleta, Cea
  • Miruca Parga, profesora do IES Perdouro, Burela
  • Sofía Rama, profesora do IES Félix Muriel, Rianxo

xoves, 21 de xullo de 2022

Aquí medra a lingua: a normalización nos centros de ensino


Conferencia de Pilar Ponte na Xornada "Aquí medra a lingua" do pasado 13/06/2022, organizada polo Consello da Cultura Galega.
Son moitas as cousas que conta "A profa" nesta media hora. Vou destacar un par delas.
A primeira, un listado de cousas que non debe facer un ENDL;
  • Converterse nun departamento de actividades extraescolares
  • Ser un gueto do profesorado de galego
  • Crear actividades onde o alumnado é só espectador
  • Perder a condición de innovación nos centros
  • Frustarnos ante a dificultade de éxito, non traballamos só para o presente, senón tamén a longo prazo
A segunda, un listado de cousas que si debería facer a SXPL:
  • Unha hora de coordinación semanal
  • Incremento consideraba das contías das axudas
  • Calendario der axudas por ano natural
  • Formación sociolingüística e dinamizadora específicas para as persoas coordinadoras
  • Creación dun circuito de relatorios de concienciación lingüística para o alumnado
  • Un gran encontro dinamizador de carácter lúdico para o alumnado que forma parte dos Equipos de Normalización

mércores, 15 de xuño de 2022

Aquí medra a lingua. Documental completo e Xornada

 

Versión íntegra do documental 'Aquí medra a lingua', que retrata a situación do galego nos centros de ensino de Galicia e as iniciativas e estratexias para a súa dinamización. Dirixido por Cristina de la Torre e producido polo Consello da Cultura Galega.

Unha nova peza de calidade e ben construída para avanzar na normalización no ensino.

Para completar temos tamén a gravación da Xornada do pasado 13/01/2022 na que se presentou este material.

domingo, 5 de xuño de 2022

Compentencia en galego. Análise do presente e perspectivas de futuro

 

Nas XXXI Xornadas de Lingua organizadas pola As-Pg e a CIG-Ensino celebradas o 23 de abril pasado no IES de Fontiñas (Santiago), a profesora Valentina Formoso, cargada de datos e dunha análise profunda, establece cal é o panorama da competencia lingüística dos escolares galegos.

mércores, 3 de febreiro de 2021

A integración lingüística: un exemplo de mala praxe da política lingüística

No pasado mes de novembro celebráronse as XXII Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega. Nesta ocasión estiveron adicados á "Integración lingüística como ferramenta de cohesión social". Despois dun par de xornadas virtuais cargadas de achegas e propostas, obtivéronse unhas conclusións finais que certifican que se está a desenvolver unha mala praxe na política lingüística tamén no tratamento do acollemento lingüístico. Calquera que teña un par de ollos ou un mínimo de contacto con estes aspectos sábeo. 
Como experiencia propia podo comentar varios casos de alumnos lusófonos ( un 21% do total) que como método de integración teñen a exención da materia de lingua galega, e só desa materia. No ensino regrado non hai ningún plan para a atención de alumnado estranxeiro. A solución é sempre a acción esmagadadora do poder do castelán e o seu corolario da aprendizaxe de prexuízos lingüísticos.
Do documento de conclusións vou extraer algúns parágrafos:
 
A realidade amosa que en Galicia non se están aplicando as políticas necesarias para que a poboación inmigrante poida adquirir competencias lingüísticas en galego.

 As carencias na planificación son evidentes no ámbito educativo, onde a Administración establece un marco lexislativo que só proporciona unhas directrices xenéricas [e sen planificación]

Ese traballo de planificación debe concretarse nunha oferta maior e máis diversificada de actuacións formativas, superando o escenario actual, basicamente limitado a uns cursos CELGA que, tal e como están formulados, non serven para garantir o acollemento, a integración e a cohesión social destas poboacións. 

Ademais desa planificación “vertical”, cómpre tamén fomentar outra “horizontal”, que promova a colaboración e a coordinación entre diferentes administracións, entre departamentos da mesma Administración, e entre administracións e entidades públicas e privadas (ONG, asociacións de inmigrantes, profesionais, deportivas, culturais...). Dentro do sistema educativo, ese labor debería vertebrarse arredor do CAFI
 
A formación non se debe limitar a transmitir habilidades comunicativas, senón que ten que traballar tamén sobre os prexuízos lingüísticos presentes tanto na poboación estranxeira coma na poboación galega.
 
O que coñecemos como CELGA é un sistema de avaliación, e non un sistema de formación en lingua galega para adultos. É o sistema de formación en lingua galega para adultos o que presenta numerosas eivas á hora de garantir o acollemento, a integración e a cohesión social.


Na Consellería de Educación e na Política Social  e na de Turismo (á que pertence a cousa da política lingüística), seguen mirando para outro lado. Esta é a sociedade que queremos?

martes, 17 de novembro de 2020

Integración dos migrantes no sistema educativo

 O pasado 13/11/20 comenzaron os XXII Encontros para a Normalización Lingüística, este ano adicados á "Integración lingüística como ferramenta social". Neste vídeo temos as intervencións arredor da integración do colectivo migrante no sistema educativo. Relátanse tres experiencias, unha do IES do Milladoiro, outra do modelo Burela e unha última sobre o programa de apoio lingüístico do concello de Salceda de Caselas. Os SNL tamén fixeron a súa achega coa intervención de representantes do concello de Ames, da USC e de Reverso Comunicación.

En todo este panorama a Xunta está completamente ausente. Compárese a NADA ABSOLUTA cos programas de acollida en Euskadi e Cataluña desenvoltos nesta outra sesión. Botemos unha ollada, por exemplo a Ep! Escolta i parla, o programa de acollemento para adultos da Generalitat. Comparémolo agora coa única proposta da Xunta: "Castelán e galego para inmigrantes". Primeiro, o galego só se vai acompañado do castelán. Segundo, neste portal só hai unha relación dos centros de ensino de adultos, e non de adultos inmigrantes. Non hai ningún tipo de programa.

Cando se trata de avances no uso do galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística fica ausente. Se nos preguntamos polo seu labor, a resposta é simple: están centrados exclusivamente en facer propaganda de si mesmos, unha propaganda na que se presentan como valedores da lingua, e que fica en accións superficiais, sen acción transformadora algunha.

luns, 9 de novembro de 2020

V Xornadas de Onomástica: os nomes comerciais

As V Xornadas de Onomástica organizadas pola RAG coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra  emitíronse por streaming o pasado día 07/10/2020 e agora podemos recuperalas neste vídeo. 

Comenzaron cun relatorio sobre a denominación da disciplina dedicada ao estudo dos nomes das marcas a cargo do coordinador do Seminario de Onomástica, o académico Antón Santamarina, e outro sobre o valor dos nomes para as marcas, as empresas e os dominios en Internet do profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado. Despois podemos escoitar á profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Álvarez de la Granja falando dos recursos lingüísticos das marcas comerciais e á profesora Sara Míguez tratando a relación das marcas coa paisaxe lingüística tomando a Redondela como punto de referencia. Deseguido, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, traza unha viaxe pola historia a través das cabeceiras galegas. A sesión da mañá concluirá cunha achega sobre os nomes das adegas e dos produtos da denominación de orixe do Ribeiro a cargo de Raquel Rodríguez Parada.

Na sesión da tarde Celtia Rei Brandón trae desde o IES Alexandre Bóveda (Vigo) unha experiencia didáctica en Coia sobre os nomes de bares e restaurantes. Finalmente Gonzalo Navaza modera unha mesa redonda sobre o mercado e a lingua.

martes, 24 de setembro de 2019

Divulgación científica (en galego!) no ensino secundario



Durante o 4 e 5 de abril pasados celebráronse os XXI Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura. O tópico tratado nesta ocasión foi "Divulgación científica: cal é o peso (atómico) do galego?
Achego nesta entrada o vídeo da mesa de experiencias sobre algo que non sei se existe, a divulgación científica no ensino secundario (en galego) e que moderei (?) eu. Alí puidemos escoitar as intervencións de Xosé Manuel Fernández Castro (IES Maruxa Mallo de Ordes) que presentou a proxecto da Axencia Espacial Escolar Galega, Camilo Ojea (CPI Mosteiro Meis)que  nos falou do Proxecto Ríos e do Fitofaladoiro e o archicoñecido Xacobo de Toro (IES Urbano Lugrís de Malpica) quen trouxo o seu XeoClip.

mércores, 20 de marzo de 2019

A táboa periódica dos elementos en galego

En 1869 Mendeleev publicaba a súa célebre táboa periódica, na que establecía a súa ordenación dos elementos químicos até entón coñecidos. Isto marcaría un fito de gran relevancia na historia da ciencia xa que, aínda hoxe, se segue a utilizar para facer e construír a química. Por isto, as Nacións Unidas quixeron conmemoralo declarando o 2019 Ano Internacional da Táboa Periódica co obxectivo de que os membros da nosa sociedade, sobre todo os máis novos, coñezan e recoñezan a súa extraordinaria importancia para a ciencia.
Con este motivo o Consello da Cultura Galega organizou unha xornada, O ano internacional da táboa periódica: reflexións dende Galicia na que se presentou, unha táboa en galego. Isto lévanos outra vez a denunciar a política lingüística da Xunta que prohibe o uso desta táboa xusto onde máis se debe utilizar, nas aulas do ensino secundario. Este tipo de actitudes contra a lingua chocan con outras como a do grupo Ciencia NOSA que elabora excelentes materiais de divulgación da química na nosa lingua ou dos editores da Galipedia que elaboraron unha entrada para, precisamente, táboa periódica dos elementos de calidade excepcional e que é referencia para outras linguas da Wikipedia.
Coa recomendación de non seguir as directrices da política lingüística da Xunta, deixo por aquí a posibilidade de descargar a táboa periódica
Máis información en Ciencia NOSA , en GCiencia ou no CCG

luns, 16 de abril de 2018

O deporte galego fala galego



O 12 e o 13 de abril celebráronse os XX Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega. Unha das actividades máis exitosa dos mesmos foi a divulgación de varios vídeos nos que deportistas do país defenden con orgullo a lingua galega.

martes, 2 de xaneiro de 2018

Notas sobre as II Xornadas de terminoloxía matemática

Os pasados días 28 e 29 de novembro celebráronse na Facultade de Matemáticas as II Xornadas de terminoloxía matemática. Velaquí van unhas notas (parciais)  sobre como se desenvolveron. Os comentarios que non se atribúen a ninguén son meus.
As notas refírense sobre todo ás contribucións do primeiro día porque me interesaba especialmente dar conta tanto dos materiais en galego como dos aspectos terminolóxicos en discusión.

Materiais didácticos de matemáticas para secundaria
Sandra Sambade tiña a difícil tarefa de pescudar polo material en galego para o ensino secundario. Adiantou que o funesto decreto 79/2010 foi como o cabalo de Atila e que pouco queda. Velaquí a recompilación dese escaso material:

Material elaborado en galego
Matemáticas: habelas hainas, queremos contarchas!. 8 Vídeo-conferencias dunha xornada organizada na Facultade de Matemáticas o 09/11/17
No espazo Abalar hai un total de 21 (16) recursos en galego para a ESO fronte aos 159 en castelán. Chama a atención que os poidamos atopar no repositorio Abalar, da Consellería de Educación, cando é precisamente este organismo o que prohíbe a impartición de aulas de matemáticas en galego. Ata este nivel chega a hipocrisía.
6 dos materiais foron elaborados por Pila para 1º da ESO (Xeometría plana no mobiliario urbano (aula virtual) , Áreas e perímetros, Circunferencia e círculo, Triángulos, Polígonos e Xeometría plana no mobiliario urbano)
Outros 6 de xeometría plana elaborados por Teresa Otero e Alicia Pedreira para 2º da ESO (Polígonos,  Puntos e rectas notables, Puzzles matemáticos, Semellanza. Teorema de Thales, Teorema de Pitágoras, Triángulos)
Aparece 1 de álxebra (que realmente non existe) e outro, O xogo da oca (II), que é para Primaria
Actividades de reforzo, Xeoclic  que a min non me funcionou, (1º ESO)
Aprende xeometría (2º ESO)
Finalmente tamén están referidos os materiais EDAD da LOGSE de 1º, 2º e 3º da ESO pero trátase de aplicacións que requiren dunha versión obsoleta da máquina virtual Java, e que polo tanto non funcionan. Ao non haber persoal da Consellería con coñecementos da materia o desastre e a desorganización son a divisa do Abalar.
Para o bacharelato atopamos 51 unidades didácticas procedentes do IES San Clemente e unha de integración numérica do Proxecto Descartes que volve a ter o problema da desactualización.

Material traducido.
Aquí temos a maior parte dos recuros, especialmente os do Proxecto EDAD, con 12 unidades didácticas interactivas para cada unha das 6 materias de matemáticas que se imparten na ESO.
Tamén está Geogebra, que conta cunha versión en galego grazas aos contribuidores que verquen ao galego as actualizacións desta aplicación na que podemos elaborar e atopar recursos.

Libros
No relativo aos libros de texto, ao estar prohibida a publicación dos da ESO, non hai ningún. Pero prácticamente temos o mesmo panorama nos do Bacharelato, a pesar de que aquí si que podería habelos Sandra só os atopou en Anaya. Outras editoriais de gran implantación como S.M ou Santillana non os ofrecen en galego.

Publicacións
No apartado de publicacións temos os libros da colección Lemniscata e a revista Gamma, ambas distribuídas por AGAPEMA. (Aquí podemos acceder ao nº 13 de Gamma) e un libro de Antom Labranha O universo matemático (Xerais 2017).
Grazas ao labor dalgúns profesores promocionando e titorizando revistas elaboradas por alumnos temos Mathesis, do IES Otero Pedrayo (A Coruña) e no blogue Tetractis de Gonzalo Temperán, no IES Monelos (A Coruña).

Blogues
Tamén hai blogues de matemáticas en galego, (poucos) e neste artigo de Manuel Vilariño temos unha recompilación.

Outros materiais
Finalmente S. Sambade fixo referencia a outros materiais, que quizais non admiten clasificación nos apartados anteriores. Aquí temos, por exemplo, todos os recursos xeométricos do profesor de debuxo Paulo Porta e a unidade didáctica María Wonenburger. Unha matemática adiantada ao seu tempo. de María José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar, unidade didáctica, editada pola Xunta e o portal Matemáticas en pé de igualdade, da U. de Vigo sobre mulleres matemáticas
O concurso Explícoche matemáticas 2.0, que desafortunadamente non ten un portal propio, aínda que teñen os vídeos na canle de You Tube da facultade.


Materiais didácticos de matemáticas para a universidade
Alberto Cabada, catedrático da Facultade de Matemáticas, dou conta do breve listado de publicacións  de matemáticas do nivel universitario:

Tamén fixo referencia ás publicacións da SGPEIO. Aquí vou destacar as que se publicitan no seu portal: os boletíns INFORMEST e o libro Á Estatística, ¡en caricaturas!.
Cabada tamén se referiu a unha publicación de carácter terminolóxico, Termos esenciais de matemáticas para a economía e a empresa. Finalmente falou das máis de 200 unidades didácticas que se elaboraron por iniciativa do SNL da USC. De entre elas hai algunhas de matemáticas:

Evolución e fixación do léxico matemático en galego
Xusto Rodríguez explicou que se está traballando para mellorar e ampliar con certos termos propios da matemática o dicionario da RAG. Neste sentido comentou que a Academia non fixará léxico especializado. O obxectivo non é que a Academia nos forneza de léxico, somos nós, os usuarios, os que debemos facer uso del.
En termos xerais hai poucos conceptos matemáticos en galego e están pouco difundidos. Tamén temos a sensación de que está deficientemente fixado porque hai pouco material científico en galego. Para unha maior fixación cómpre que se aumenten os contidos matemáticos. Así e todo, o léxico matemático, está bastante ben asentado. Basta que o comparemos co propio da informática para decatármonos.

O caso do léxico da estatística
Carlos L. Iglesias Patiño demostrou ser o campeón da innovación terminolóxica estatística galega, non hai termo especializado desta materia que se lle escape. Un exemplo: propón o termo mostraxe por rebandamento paracutt-off sampling, e non perde a ocasión de lembrar que mostraxe é un substantivo feminino.
Trasladou a idea de que a batalla da fixación terminolóxica en galego está perdida na imprenta pero que pode gañarse no mundo das TIC. Lembrounos que o Instituto Galego de Estatística (IGE) sempre empregou a lingua galega, aínda que considera que non o fixo coa suficiente precisión terminolóxica. Destacou que no portal do IGE hai un portal educativo e un vocabulario estatístico que poden ser de interese tanto para o ensino desta disciplina como para a divulgación da súa terminoloxía.

Algúns termos problemáticos
Xosé M. Masa centrou a exposición nas súas teimas terminolóxicas: alxébrico vs. alxebraico, euclidiano vs. euclídeo, veciñanza vs. entorno. Respecto a este último citou como o denominaba Hilbert -umgebung-, Frechet -voisinage-, ou como se di en portugués -vizinhança-. Rescatou da memoria propostas como a de carapucho esférico que aparece na versión dixital do Vocabulario de matemáticas (galego-castelán-inglés-portugués) [USC,1995], mentres que no libro aparece o termo calote esférico. Lembrou con cariño o temro conxunto senlleiro (referíndose ao conxunto unitario) do colectivo Vacaloura. Tamén se referiu ao termo inglés countable, en referencia aos conxuntos, que significa "finito ou enumerable", e que se debería aceptar contable con esta acepción para non ter que repetir unha e outra vez esa alocución -finito ou enumerable-. En México usan o verbo mapear, traído do inglés mapping, outro caso de posible adaptación para a nosa lingua. Pola contra, por veces a contaminación do inglés parece excesiva, como exemplo está a denominación de esfera unidade -unit sphere- vs esfera unitaria. Isto lembroume outro caso, que Masa non comentou nesta ocasión, que é o de círculo osculador -osculating circle-, que non ten moito sentido, pois o concepto refírese á circunferencia polo que se debería denominar circunferencia osculadora.
Para rematar a súa intervención fixo algunhas críticas ás decisións terminolóxicas da RAG. Empezou por  lineal (exclusiva do español) vs linear, o termo recollido en portugués e inglés, lineare en italiano, linéaire en francés, linearen en alemán,... Tamén criticou que o dicionario RAG recollera polinómico no canto de polinomial mentres que si aparece binomial. Finalmente apostou polo termo limitado ou límite superior e límite inferior no canto de cota superior e inferior. 

A segunda xornada
Comenzou esta xornada tratando sobre A lexislación actual no ensino das matemáticas en galego. Neste apartado fixen un repaso da lexislación desde o final da ditadura ata os tempos actuais. Resumindo: actualmente estamos como ao final da ditadura. Despois tocoulle o turno a Valentina Formoso, quen fixo unha detallada exposición dos prexuízos presentes na sociedade hoxe en día e que son os que, en boa medida, dificultan un discurso hexemónico de consenso arredor da lingua.
Laura Díaz Calaza e Soraya Suárez Quintas debullaron as asúa contribucións no estudo da dialectoloxía e mostraon como a estatística é unha ferramenta versátil para este propósito.

domingo, 19 de novembro de 2017

II Xornadas de terminoloxía matemática


Co obxectivo de reflexionar sobre a situación da lingua galega en diversos aspectos das matemáticas, a Comisión de Normalización Lingüística de Matemáticas organiza as II Xornadas de terminoloxía matemática que se celebrarán no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas da USC os vindeiros días 28/11/17 e 29/11/17.
No seu día, hai 4 anos,  xa informamos da celebración das I Xornadas de léxico matemático (curiosamente cambiou a terminoloxía na denominación das xornadas), da que saíu unha comisión para elaborou unha proposta de mellora do vocabulario matemático para o dicionario da RAG e da que esperamos, a non tardar moito, teñamos confirmación da propia sección de terminoloxía da Academia das súas conclusións finais.
Estas xornadas demostran que hai lingüistas, matemáticos e profesores que están interesados e implicados na normalización da lingua galega desde a súa actividade profesional a pesar das prohibicións impostas desde un goberno da Xunta que demostra acotío ser un enemigo declarado do galego.

Toda a información, e formalización da inscrición, aquí

martes, 19 de setembro de 2017

Música e lingua galegas como obxecto de análise conxunta

por Xosé Manuel Sánchez Rei, no Terra e Tempo: 

Para alén do seu traballo diario, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza anualmente varios eventos e actividades centrados na promoción, estudo e análise da lingua galega. Así, xunto ao Curso de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras que se celebra durante todo o mes de xullo, o citado organismo pon en andamento, igualmente nesa época, o monográfico Traballando en lingua. Curso de verán sobre dinamización lingüística, xornadas de dous ou tres días en que se analiza ao pormenor o estado do idioma galego nun ámbito moito concreto e as medidas que se poden adoptar a fin de melloraren esa situación. A actividade conta co apoio do Concello de Carballo –que é onde ten lugar, concretamente no Forum– e da Cooperativa de Traballadoras/es pola Normalización Lingüística. Noutros anos, o tema central asentou na transmisión xeracional, nas relacións entre lingua e tecido socioeconómico, nas interseccións entre o galego e o traballo colaborativo e a mudanza social etc.

venres, 18 de xullo de 2014

Nel Vidal: "Co decreto do plurilingüismo que prohibe o ensino en galego de diversas materias ou que deixa o galego como residual en infantil é moi difícil dar pasos"

Belén Puñal entrevistou hai xa máis dunha semana a Nel Vidal para o Sermos:

Esta semana comeza en Carballo a décima edición do curso de verán sobre dinamización lingüística que organizan na nosa vila a Universidade da Coruña e a CTNL, a Coordinadora das e dos técnicos de normalización da lingua. O tema que centrará o encontro este ano, a transmisión interxeracional, é tan espiñento como crucial para o futuro da lingua. Mentres que a gran maioría das persoas maiores de 65 anos, case o 90% usan o galego, menos do 20% das e dos menores de 14 anos falan o galego e non chega ao 5% a porcentaxe de cativos e cativas que o empregan nas dúas grandes cidades do país: A Coruña e Vigo.
-Como xurdiu a idea de dedicarlle esta edición do curso de verán á transmisión interxeracional?
-Cada ano, céntrase o curso nunha temática concreta na que consideramos que hai que incidir no traballo para a normalización lingüística. Xa levamos un tempo dándolle voltas á transmisión interxeracional como punto fundamental para a normalización lingüística. É aí onde está a gran fractura, o gran problema do galego, como causa e como consecuencia, na transmisión interxeracional. Ás xeracións máis novas, ou non se lles transmite, nalgúns casos, ou non o utilizan na práctica como lingua de uso normal.

mércores, 24 de abril de 2013

V Xeiras sobre a lingua galega





Un ano máis, os Comités, en colaboración coa Universidade de Vigo, organizaron as V Xeiras sobre a lingua galega, que se desenvolveron entre 5 e o 8 de marzo en Vigo. Aínda que poden verse os vídeos de todas as intervencións na canle de televisión da Universidade de Vigo, quixen deixar constancia aquí da súa calidade recollendo as ligazóns aos vídeos das Xeiras subidos ao You Tube.
Como profesor e como pai o ámbito que máis me interesa é o do ensino. Por esta razón puxen como  cabeceira desta entrada as intervencións de Anxo Louzao e Mariló Candedo, quen como representantes da CIG-ensino e Nova Escola Galega, nos achegaron as súas fundamentais e ben ponderadas reflesións sobre o maltratado eido da normalización na escola.

Linguas minorizadas
"O Bretón na actualidade" ,  Carolina Díaz (tradutora de Bretón)
"Situación sociolingüística nos países cataláns", Eduard del Castillo , (filólogo catalán)
"A interpretación de conferencias e a planificación de linguas en situación de diglosia",  Robert Neal Baxter, (doutor en Traducción e Interpretación)


As curtas na Galiza
"Situación do audiovisual galego" D. Jairo Iglesias (fundador de Pixel Films) e D. Xacio Baño (director de cine)


Series galegas
"Series Galegas", Monti Castiñeiras (actor) e  Antonio Segundo Durán Moreiras 'Morris' (actor)

A normalización do galego no ensino
"CIG Ensino",  Anxo Louzao (secretario nacional da CIG-ensino)
"Nova Escola Galega", Mariló Candedo (presidenta de Nova Escola Galega)

O galego no mundo informático
"O galego no mundo informático",  Xosé Manuel Pérez Sardiña (lingüista)


Os servizos públicos en galego
"O galego como servicio público", Nel Vidal Barral (técnico de Normalización Lingüística)

Obradoiro regueifeiro
"Obradoiro de regueifa",  Suso de Xorne (regueifeiro) e  Pinto Herbón (regueifeiro de Agro-rap galego)

Movementos ecoloxistas
"Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro",  Pura González, Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro
"Adega",  Fins Eirexas (secretario executivo de Adega)

Moda na Galiza
"Cabuxa",  Ana Alonso (deseñadora e fundadora de Cabuxa)
"ESDEMGA", Raquel Álvarez (deseñadora e estudante de ESDEMGA)

Poesía
"Os Poetas da Hostia", Lucía Aldao (poeta) e María Lado (poeta)

As mulleres fan ciencia en galego
"Día das Mulleres", Goretti Sanmartín (directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña)

Banda deseñada
"A Banda Deseñada en Galicia",  Kiko da Silva (director da revista Retranca) e  David Rubín (historietista)

Dereitos lingüísticos
"Sermos Galiza",
"A Mesa pola normalización lingüística",  Elsa Quintas (membro de A MESA pola normalización lingüística)

Gústame nas V Xeiras
Gústame o galego nas V Xeiras sobre a lingua galega

martes, 22 de xaneiro de 2013

III encontro de equipos docentes pola normalización

A Coordinadora Galega de ENDL convida aos coordinadores/as e membros de Equipos de Dinamización da Lingua Galega e demais docentes interesados na normalización lingüística no ensino a participar no III Encontro de equipos e de docentes pola normalización, que terá lugar o sábado 2 de febreiro no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela a partir das 10:30.
O lema do encontro é "O falar non ten cancelas... ou si? Sobre a necesaria promoción da oralidade en galego".
A xornada comenzará cun relatorio de Manuel Núñez Singala (xefe do SNL da USC): "Reflexións sobre a importancia do ensino na comunicación oral".
Máis tarde nunha rolda de experiencias intervirán  xunto a Singala: Celso Fernández Sanmartín (narrador oral), Dolores Oubiña (EEI A Pastora de Cambados), Carlos Negro (do CPI Eusbeio Lorenzo Baleirón de Dodro), Xan Guillén (Colexio A Sagrada Familia de Vilagarcía) e Gracia Sanctorum (do IES Pintor Colmeiro de Silleda).
Durante a xornada tamén haberá unha exposición do material elaborado polos ENDL.

domingo, 5 de febreiro de 2012

Planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios.

Esta semana USC presentaba as actas das II Xornadas "Planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios" que se desenvolveron no pasado mes de novembro. O traballo está coordinado por Bieito Silva Valdivia, Xesús Rodríguez Rodríguez e Isabel Vaquero Quintela.

Mercedes Queixas Zas colabora co artigo "Mudanzas na planificación lingüística nos centros de ensino. O decreto do plurilingüismo" no que cunha arte excepcional no manexo do bisturí argumentativo, disecciona os males que o decreto do plurilingüismo trouxo ao ensino e ao traballo normalizador na educación. Ao rematar de lelo un advirte que o decreto ao que se fai referencia non se distingue en nada da Real Cédula de Aranjuez (1768) , aquela que dicía: «Mando que la enseñanza se haga en lengua castellana dondequiera que se practique, cuidando de su cumplimiento las audiencias y justicias respectivas».

Noutro artigo Mercedes Queixas xunto con Valentina Formoso alertan sobre a presunta elección da lingua do ensino polas familias traballando sobre as liñas e galego e a súa  eliminación por parte do actual goberno da Xunta: "agora a Administración fala de respectar a decisión dos pais, pero ataca directamente o dereito a recibir ensino en lingua galega a rapaces e rapazas en ámbitos urbanos". Varios artigos sobre a planificación lingüística nos últimos anos en centros que contaban con liñas de galego confirman que mediante a súa aplicación evitábase a exclusión do galego en contornas castelán-falantes.
Outros artigos achégannos as experiencias normalizadoras realizadas en Melide, Rianxo, Culleredo, Santiago de Compostela, ou desde diversos puntos da xeografía galega aproveitando as oportuinidades de conexión que nos ofrecen as TIC.
Un documento para ler e a ter moi en conta para aplicar na práctica diaria da normalización dos centros de ensino.
Un apunte final: non se me escapa que varios dos autores deste documento, como as dúas nomeadas máis arriba ou Belén Escariz, van participar no II Encontro de Equipos e docentes pola normalización, organizado pola CGENDL que se celebrará o vindeiro sábado 11 de febreiro no IES As Fontiñas. Toda unha garantía.

Pódenche interesar:
Educación e linguas en Galicia, coordinado por Bieito Silva Valdivia, Xesús Rodríguez Rodríguez e Isabel Vaquero Quintela. Publicación das actas das I Xornadas "Educación e linguas en Galicia", do 2010.
II Xornadas "Planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios" , coordinado por Bieito Silva Valdivia, Xesús Rodríguez Rodríguez e Isabel Vaquero Quintela. II Xornadas "Educación e linguas en Galicia" Publicado en novembro do 2011.