Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 27 de abril de 2024

Declaración institucional do Concello de Santiago. Letras Galegas 2024

 Mentres o concello de Ferrol, gobernado polo PP, se botaba ao monte en días pasados ao negarse a empregar o galego nos contratos , o de Santiago, dirixido polo BNG, impulsaba a seguinte declaración institucional de compromiso co uso da nosa lingua:

En maio de 1984, varias alcaldías galegas reuníanse en Santiago de Compostela para asinar unha declaración na que se comprometían a impulsar o uso da lingua galega nas súas administracións. Aquel documento, que manifestaba a adhesión aos obxectivos da Lei de normalización lingüística aprobada no Parlamento de Galicia un ano antes, marcaba unha folla de ruta para “unha efectiva normalización en todos os eidos da vida pública, social e cultural”.

 Ese compromiso inicial sinalaba obxectivos para o caudal de documentos dos servizos administrativos, o uso do galego por parte da representación institucional, a formación do persoal, o emprego na publicidade ou a organización de campañas para a normalización, dignificación e promoción do uso público da lingua.

 Consecuentemente co asinado, o Concello de Santiago iniciou un proceso con fitos salientables como a creación dun departamento específico con estes obxectivos xa hai catro décadas, a aprobación coa unanimidade do Pleno do Regulamento de uso da lingua en 1988 e do Plan de normalización en 2002, ou o impulso desenvolvemento de iniciativas colaborativas como o programa Apego ou a creación de Alingua (Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega).

 Estes corenta anos de política municipal en prol do uso do galego, sobre a base do consenso entre todas as forzas políticas da Corporación, deron como resultado un progresivo, aínda que lento, aumento do noso idioma na comunicación do propio Concello e tamén dos diversos sectores e entidades sociais.

 Nas análises sociolingüísticas que dan conta da vitalidade da lingua, Santiago obtén resultados máis favorables que a media galega e que o conxunto das cidades. Estes datos han ser froito da suma de circunstancias que se dan no noso municipio, pola súa configuración socioeconómica, o peso do sector cultural ou a presenza da Universidade e das institución autonómicas, ás que non pode ser alleo o papel do Concello. Con todo, desta relativa mellor saúde do galego en Compostela non se pode nin se debe inferir que xa se alcanzaron os obxectivos de normalización da lingua, que non goza, nin moito menos, dunha situación de preeminencia na práctica de ningún tramo poboacional e está a sufrir os mesmos procesos de perda de transmisión ás xeracións máis novas que se manifestan no conxunto do territorio. Cómpre, polo tanto, que non decaía o nivel de protección, uso e promoción que se veu mantendo e é preciso, asemade, imprimirlle un novo impulso.

 No panorama actual da comunicación, en que os intercambios entre falantes de linguas diferentes son algo cotián e o desenvolvemento tecnolóxico facilita a intercomprensión, a diversidade lingüística non é unha barreira senón unha riqueza. Ter unha lingua propia, neste novo mundo interconectado, enténdese como un patrimonio de toda a humanidade que debe ser preservado e potenciado pola comunidade da que xorde como elemento identitario dun xeito de relacionarse e de explicar a realidade. Xa que logo, o galego, a nosa lingua propia, é ese elemento diferente que nos sitúa no mundo, que nos conecta con millóns de falantes e á vez nos fai especiais.

 Desde o Concello de Santiago, como capital de Galicia, temos unha responsabilidade excepcional co galego, a nosa lingua propia dentro dese patrimonio mundial da diversidade, a da comunidade que representamos. Coherentemente con ela, debemos manter e anovar os compromisos adquiridos para darlle maior pulo ao proceso da súa normalización social e, por iso, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2024, para alén de divulgar a obra de Luísa Villalta, escritoria homenaxeada este ao: Comprometemonos a continuar ampliando o espazo do galego a través de toda a actividade comunicativa do Concello, con constancia e con calidade.

 Comprometémonos a continuar garantindo os dereitos lingüisticos de todasvas persoas que se relacionen coa Administración municipal e a facilitar os medios para que ninguén sufra discriminación por empregar o galego no acceso a calquera información ou servizo. Comprometémonos a ser exemplo e a trasmitir socialmente que a nosa lingua é a mellor escolla para canalizar e presentar os nosos valores, o noso talento, a nosa cultura ou os nosos produtos ao mundo.

 Comprometémonos a impulsar na veciñanza o respecto pola lingua como sinal de identidade de excepcional valor nun mundo globalizado e a apoiar a súa transmisión ás novas xeracións, a súa aprendizaxe, a súa promoción e, en definitiva, o seu desenvolvemento social pleno.

 Comprometémonos a continuar dedicando recursos e esforzos a iniciativas que sitúen o galego á mesma altura que calquera outra lingua nos ámbitos culturais, sociais, económicos, formativos, tecnolóxicos etc.

 Comprometémonos a colaborar con outras institucións e entidades que compartan estes obxectivos e a traballar xunto con elas en cantas accións sexan posibles para situar a nosa lingua no lugar que lle corresponde.

 E, finalmente, comprometémonos a continuar implicando a sociedade compostelá e as entidades que a articulan nestes fins en favor do noso idioma propio, o galego. Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024

xoves, 25 de abril de 2024

Paremos o exterminio do galego de Asturias


Comunicado de Prolingua:

A asociación Axuntar do Eo-Navia solicita axuda económica para acudir aos tribunais co obxecto de denunciar e tentar parar o intento indisimulado da Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) e do Goberno do Principado de Asturias de eliminar o glotónimo oficial e legal galego-asturiano ou galego/asturiano (así desde a Lei 1/1998, de 23 de marzo, de uso e promoción do bable/asturiano, BOPA de 28 de marzo) e substituílo polo ilegal “eonaviego”, para eliminar así toda conexión co galego e facilitar a súa absorción polo asturiano pola vía dos feitos consumados.

 

https://axuntar.eu/pararlles-os-pes-campana-de-axuda-al-gallego-de-asturias/

 

mércores, 20 de marzo de 2024

Aquí tamén se fala

 


por Manuel Bragado en Nós Diario:

É esperanzador que douscentos centros de educación secundaria do país enteiro participen na iniciativa de dinamización lingüística protagonizada pola mocidade estudantil e identificada na rede polo cancelo #AquíTaménSeFala. Nacida no IES Rafael Dieste da Coruña coa intención de desmontar os prexuízos sobre o uso do galego por parte da mocidade ou sobre a súa utilidade no mundo da empresa, a iniciativa estendeuse coma regueiro de pólvora nas aulas e nas redes, sendo xa 25.000 os mozos e mozas participantes e máis de catro millóns as reproducións das gravacións audiovisuais protagonizadas por valedoras da campaña como Vigo Mortesen, James Rhodes, Tanxugueiras, Jaione Camborda, María Castro, Sés, Ataque Escampe, Grande Amore, Abraham Cupeiro, entre outras moitas referentes culturais e musicais.

 

martes, 19 de marzo de 2024

O galego resiste


por Marilar Aleixandre en Nós Diario: 

Resistencia. Explica a continuidade da lingua galega durante séculos malia ser ignorada, prohibida, ausente do ensino e do discurso público. Houbo outros factores, mais a lingua galega está viva grazas á resistencia das falantes. Quero falar de resistentes hoxe, en 2024, remando contra o desleixo, o decreto de trilingüismo, o escaso apoio. Falemos da esperanza. Falemos de pasar á acción. 
Hai esperanza nos proxectos e experiencias de dinamización lingüística. En 2013, Pilar Ponte iniciou, no IES da Pobra do Caramiñal, "21 días co galego", agora engadindo "e +" propoñendo ao alumnado o compromiso de empregar o galego polo menos durante tres semanas seguidas en todos os ámbitos da súa vida. Desde 2019 ten o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, mais iso parece implicar que o número de centros non medra, son 10 ou 12 cada ano. É a inspiración para outros. 

venres, 23 de febreiro de 2024

Un pelouro que roda

 

Unha nova edición do Día de Rosalía e tamén un novo vídeo especialmente realizado para esta xornada polo Concello da Estrada. 

Onte, no Teatro Principal da Estrada celebrouse un encontro con escolares do concello no que houbo un recitado de poesías e no que finalmente se presentou este vídeo na honra de Rosalía, protagonizado polo grupo musical A banda da Loba. Este é dos poucos actos dos que un pode sentirse orgulloso de pertencer a este concello.


Español, para que?


 por Lois Agrelo, en Nós Diario:

Estou completamente de acordo co presidente Rueda, en Galicia ten que existir un bilingüismo, e ate un trilingüismo, harmónico entre as tres linguas verdadeiramente útiles nos tempos que corren: o inglés, o chinés e o galego.

 

xoves, 22 de febreiro de 2024

Ciencia en galego no Día da Lingua Materna

 

Este vídeo de Diego Luís Ojea, alumno do IES Pintor Colmeiro (Silleda) foi o gañador do concurso Petiscos de ciencia convocado pola USC no que premian vídeos de ciencia en galego. Unha feliz coincidencia quixo que se o acto de entrega de premios fose precisamente no Día da Lingua Materna, tamén o día en que o PP veta o uso do galego no Senado. Non debe ser unha coincidencia pois tamén é o PP o que prohíbe o uso da lingua galega nas clases de ciencias, de aí que aínda sexa máis pertinente e necesaria a existencia deste concurso.
O segundo premio foi para Nuria Castro González, Alejandra Chamorro García e Xiomara Silva Vázquez, do IES Laxeiro de Lalín. Velaquí o tedes:

mércores, 21 de febreiro de 2024

Acordo pola lingua


 por M. Bragado en Nós Diario:

Abondaron apenas dous minutos do debate da CRTVG para que Rueda premese na campaña a tecla antipánico e recuperase o discurso ultra da "imposición del gallego" de hai quince anos. Amosou que calquera referencia ao galego ou nova proposta para o seu uso lle parece excesiva ou perigosa. Sentiuse atacado por Besteiro cando convidou aos conservadores a utilizar o galego nas cámaras das Cortes.

 

luns, 29 de xaneiro de 2024

Máis mentiras sobre o galego

 


Elsa Quinta Alborés en Nós Diario:

Hai uns días nun Colexio de Procuradores nunha conversa informal estaban a criticar un xuíz por emitir sentenzas en galego. A uns procuradores déuselles por asegurar que o maxistrado percibía un incentivo económico por emitir resolucións na nosa lingua, como se non tivésemos problemas máis importantes na Administración de Xustiza, v. g. a falta de recursos humanos nos Xulgados que provoca a lentitude nos procedementos. Que conste que hai procuradoras, excelentes profesionais, que realizan o seu traballo en galego.

 

martes, 9 de xaneiro de 2024

Chamada ás formiguiñas




 por Carlos Callón en El Correo Gallego:

Acabamos de pasar unha nova volta ao sol. Após o inverno, tornará a primavera; máis unha para o galego, a pesar dos responsos e vergoñas. Pouco antes de se abriren as flores temos na axenda unhas eleccións autonómicas. Nas nosas mans está que sexan o exordio dun tempo novo.

 

sábado, 6 de xaneiro de 2024

Catorce anos e un día

 

Outro ano máis é noite de Reis e sento diante do ordenador para escribir esta entrada de aniversario. Van alá catorce. 

A intensidade do blogue segue reducíndose. Neste último ano subín menos de 100 entradas a este blogue. Nunca o número fora tan reducido. Xa explicara hai un ano que a principal razón deste descenso é debido a unha maior dedicación ao outro blogue que manteño, Retallos de matemáticas, así como ao portal web do mesmo nome no que vou recollendo todo tipo de recursos de matemáticas en galego (xa sabedes, esa materia, xunto con outras, que a Xunta prohíbe impartir en galego na súa cruzada contra a nosa lingua). A pesar de todo, e a pesar de que o mundo blogueiro non está de moda, as visitas mantivéronse pois están nunha cifra próxima ás 100.000 no pasado 2023.

Eu só lle pido aos Reis unha cousa: unha nova política lingüística, unha radicalmente distinta e que teña como obxectivo a plena normalización do galego. É posible.