por Xosé Luís Axeitos no Faro de Vigo:
O pasado martes, 3 de decembro, algúns xornais publicaron unha nota da Real Academia Galega que consta de 170 palabras que cabalgan confusamente entre a crónica, a noticia e a reportaxe debaixo deste titular: «La RAG llevará ante el plenario un informe de la situación lingüística».
O primeiro parágrafo, 66 palabras, ten un comezo abrupto e noticioso: informa de que o Seminario de Sociolingüística elabora un novo informe que trazará liñas de actuación para garantir o futuro do idioma. O documento será presentado, continúa o parágrafo, no próximo plenario previsto para finais deste mes. Semella unha noticia de consumo interno para previsión de axenda dos numerarios.
O segundo parágrafo, sen conexión aparente co primeiro, podemos dividilo en dúas partes: as primeiras 54 palabras están inxustificadamente anoadas polo verbo «reiterar» («La RAG reitera...» e «Ha reiterado...») porque nada do que di é repetición do dito anteriormente. As 50 palabras restantes, disfrazadas de crónica, dan noticia telegráfica do chamamento que fixo o presidente tras da reunión co Conselleiro de Cultura: «É necesario abrir esperanzas, subliñando a urxencia de acadar consensos» onde é notorio, engadimos pola nosa parte, que a retórica substitúe a dialéctica.
A nota semella no seu conxunto, co seu ton exculpatorio, unha explicación non pedida, unha xustificación de alguén que é consciente de ter obrado de maneira incorrecta e non cobra sentido pleno ata analizar o contexto no que se produce. En definitiva a RAG pretende xustificar o seu inexplicable silencio diante de dous feitos extraordinarios a respecto do idioma galego:
O primeiro acontecemento extraordinario prodúcese a finais de setembro do ano en curso cando un informe do Consello de Europa advirte sobre os numerosos incumprimentos por parte do Estado Español e da Xunta de Galicia que teñen consecuencias moi lesivas para o galego.
O segundo acontecemento extraordinario, non de todo alleo a este informe preocupante, protagonizouno o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos cando manifesta a vontade da Xunta de Galicia de abrir negociacións co resto de partidos con representación parlamentaria para un posible pacto pola lingua.
Pois ben, estas dúas circunstancias extraordinarias non foron dabondo para que a Real Academia Galega, consciente da súa responsabilidade social fose quen de emitir un informe institucional en defensa do idioma que ten a misión de defender por lei, tal como recolle o Artigo 6a do seu Regulamento de Réxime Interno que di textualmente: «Cando unha situación extraordinaria o esixa, a R.A.G. intervirá publicamente na defensa da lingua galega cos medios e modos propios da institución»; e o artigo 33d encomenda ao seu Plenario «a deliberación e establecemento da opinión oficial da Real Academia Galega» establecendo uns mínimos prazos para as súas reunións, sistematicamente incumpridos.
Non é doado atopar unha explicación razoable a esta actitude evasiva e exculpatoria por parte da Executiva como non sexa a herdanza do piñeirismo empeñado en ocupar as institucións para despois non saber o que facer con elas debido sobre todo ao seu afán por escamotear o debate político. Esta hipótese explicativa é totalmente compatible co desexo, por parte da Executiva, de reforzar o protagonismo do coordinador do Seminario de Sociolingüística —que non convoca aos seus membros desde hai trece anos— e probable aspirante a substituír ao actual presidente. Non se decataron os responsables da nota que no seu afán por dar visibilidade ao posible candidato tamén o responsabilizan do retraso do plenario que, ausente do debate e sen opinión colexiada, depende do pegureiro de turno. O importante é a palabra do ano, pola nosa parte propoñemos «pastoreo».
Ningún comentario:
Publicar un comentario