Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 30 de setembro de 2011

Fermín Bouza Brey, xuíz e parte

por Xoán Carlos Garrido Couceiro, en Terra e Tempo:

Si, porque aínda que o tiña prohibido, Fermín tomou partido. Mesmo chegou a militar no PG na súa fundación. Mais as veces as aparencias enganan e poida que se chegara a pensar que este intelectual era dos que se quedaban á marxe.

Cando o pasado sábado 24 de setembro o Concello da Estrada, a iniciativa da Irmandade Xurídica Galega, homenaxeaba a Don Fermín, concretamente polo seu compromiso coa lingua e coas liberdades, tamén puidera parecer un acto normal se non fora pola presenza dunha personaxe tan hostil á nosa lingua como é o Sr. Anxo Lorenzo. A intervención dunha xuíza lembrando que a Xunta de Galicia lle enviou o programa informático de xestión excluíndo a nosa lingua, a diferenza do que acontece en Euskadi e Cataluña, desvelou á realidade anormal na que vivimos. A realidade dun goberno que prohibe de novo o idioma propio na escola (por agora só ao profesorado de ciencias, ao resto simplemente nos desprestixia). 

Non quero con isto quitarlle valor ao acto e vaia por diante o recoñecemento aos promotores desta e de calquera iniciativa a prol da nosa cultura e a nosa lingua. Nin sequera se cuestiona a sinceridade e agarimo con que o alcalde se compromete co idioma e mesmo celebramos o traballo de investigación e recuperación da nosa historia que está a levar a cabo o Sr. Xesús Palmou, destacado militante do PP. Mais non podemos evitar denunciar que a participación do Secretario de Política Lingüística nestes actos só serve para ocultar a auténtica práctica de exterminio da lingua que está a levar a cabo. Do mesmo xeito, noutros momentos históricos, outros fixeron o contrario. Actuando dentro da legalidade franquista e no marco institucional e político que se lles impuxo, facendo un traballo calado e intenso no sentido contrario. Un labor que para evitar que fose abortado polos represores tiña moito de clandestino e, xa que logo, dificilmente vendíbel para conquistar fama e recoñecementos. Por iso está ben que se saiba que Fermín Bouza Brey fixo o que puido. E as veces, máis do que puido.

Cando o capitán da Garda Civil lle recomendou "no se meta", meteuse. Compre lembrar como lle pediu explicacións e lle esixiu unha investigación e esclarecemento do feito dos 6 paseados da Ponte do Regueiro. O 9 de decembro do 36 aparecían á saída da Estrada cara Pontevedra os corpos sen vida de José Domingo González Boullosa, Juan Bacariza Sánchez, Severino García Teijeiro, Manuel Guillán Abalo, Xesús Froiz Gómez e Ramón Muíños Lorenzo. Corpos que amosaban as torturas ás que foran sometidos e os disparos polas costas que levaran. 

Fermín Bouza Brei estaba sometido a moita presión pois na súa man estaba salvar en primeiro lugar ao seu pai e ao seu irmá que estaban detidos e a piques de ser paseados pola falanxe de Vilagarcía. O único xeito de evitalo era intercedendo entre os diferentes bandos dos alzados. De aí que lograse que nun primeiro momento a falanxe de Vigo se fixera cargo do seu irmá para logo tratar de sacalo da cadea a través do suborno. 

Non se trataba de que houbese unha falanxe mellor que outra, senón porque este tipo de movementos se caracterizan pola ambición persoal e a loita polo poder entre os seus membros, e Fermín tivo que xogar nese terreo. Así, a quen comprou para liberar ao seu irmá foi a Ricardo Menéndez Bustamante, coñecido como Florentino e alcumado o "cubano". Un dos máis sanguinarios asasinos da primeira época. Era tal a súa sona que Luís Bouza Brey se negou a ser "rescatado" por este elemento.

O caso é que a facción de Vilagarcía, onde estaba a súa familia, llas tiña xuradas, e alí mandaba Daniel Buhigas Olavarrieta. Quen é certo que estaba enfrontado co xefe provincial Manuel Castro Pena, veciño do concello onde Fermín era xuíz, A Estrada. Mais Manuel Castro Pena tamén llas tiña xuradas a Fermín. Pois o xuíz tiña mandado detelo a el e aos seus irmáns en maio do 36.

O xulgado e a cárcere onde el trataba de impartir xustiza estaba situado na praza do Mercado, fronte ao cuartel da falanxe e ao da Garda Civil. El sabía o que acontecía. A Garda Civil e a falanxe actuaban conxuntamente e de xeito informal. Naqueles "cuartelillos" entraban rapaces dos que non se sabe que saíran, como é o caso de Clementino Louzao. Un dos que foi pasar a noite a ese establecemento e logo humillado publicamente foi o mestre galeguista Antonio Fraguas, con quen Fermín compartía na Estrada multitude de proxectos culturais e máis que culturais (como cualificar a comisión pro monumento a Pardo de Cela que presidía o xuíz neste concello).

Que facer? Con que forzas contaba? Xa se veu o caso que lle facían os Gardas Civís cando lle dan por resposta ao seu requirimento polos 6 da Ponte do Regueiro que tiveran que disparar porque se daban a fuga. Fermín só podía apoiarse na propia corrupción e ambición persoal dos alzados, por iso resulta moi interesante levar o seguimento da instrución da causa coa que logrou finalmente mandar a prisión á cúpula provincial e local da falanxe a principios do 37. Como foi tecendo a acusación de xeito tan intelixente, escarvando onde podía, para ao final minar os cimentos da falanxe até que caeu o propio Manuel Castro Pena.

Claro que participou en todas as manifestacións ás que estaba obrigado para celebrar as vitorias franquistas. Esa fotografía da súa asistencia a estes actos contradicía a información que nos chegaba dos veciños represaliados do Concello. Aseguraban que lle debían a vida pois el tratara de regularizar a súa situación fronte a ameaza de calquera noite aparecer nunha gabia. Co tempo puidemos revisar as causas militares e acreditar a estratexia do xuíz. Tratando de facer valer a súa xurisdición civil á militar e acusando aos perseguidos de delitos menores. Tamén tivemos ocasión de comprobar que xa ensaiara esta táctica con éxito con motivo da revolta do 34 (mal chamada de Asturias, pois na Galiza houbo multitude de presos). 

Os papeis que revisamos dan conta da súa frenética actividade encuberta. E non só encuberta. Temos constancia que mesmo chegou a ir de testemuña a xuízos militares a favor dos republicanos. Este é o caso do celebrado contra o mecánico Manuel Vázquez Cruz. Se ben, a pesares da súa intercesión, non logrou evitar que fose fusilado.

A medida que botamos luz sobre o seu quefacer, alén de desagraviar a un dos máis agraviados intelectuais deste país, entramos en contacto coa complexidade dunha acción a prol de Galiza nun marco represivo. Temos novas dalgunhas desercións dos que non souberon aguantar a treboada. E mesmo somos quen de comprendelo e perdoalo. Mais tamén tomamos conciencia da débeda con aquela xeración do sacrificio. Persoas que resistiron e non claudicaron da lingua e da nación. Este é o caso dunha das testemuñas da causa que Bouza argallou contra a falanxe e coa que tiña unha íntima amizade: Manuel García Barros. Quen a última vez que o detiveron polas súas actividades galeguistas tiña 80 anos. Nunha carta de ánimo que Bouza Brey lle enviou a este vello galeguista no 1956 escribía "Xa verá vostede que inda hai Pátrea, posto que os rapaces de ista Universidade sinten os probremas galegos e escreben e falan e teñen ideas na lingoa nosa, apesares de toda a morralla que temos enriba, de iñorantes, de pedantes, de traficantes e de mangantes".

Lendo estas palabras de Bouza puidera pensarse que estaban escritas hoxe. Efectivamente os mangantes son os mesmos. Pero o esforzo dos que nos precederon non foi inútil. Grazas a súa loita e as loitas posteriores logramos avanzar. Certo que agora parece que hai refluxo. Mais que ninguén pense que se lle regalou nada aos defensores da lingua e do país. Todo o que se conquistou foi a contracorrente e en circunstancias moi arriscadas e gravosas para quen sostivo esta batalla. Foi preciso moito aguante e moita intelixencia. Aprendamos do pasado, recollamos a tradición de loita que nos precedeu. Esteamos a súa altura.

Medios en galego versus medios en castelán

Gonzalo Vilas en Novas da Galiza

xoves, 29 de setembro de 2011

Discriminación lingüística na xustiza para os falantes de Quechua

Vai a miña aportación á apertura do ano xudicial.
Todos sabemos que o ámbito da xustiza é un dos máis desgaleguizados, aínda máis desde hai ano e medio, cando coa implantación do Minerva NOX é imposible para un funcionario facer tramitacións en galego. Vexamos as cousas con distancia para xulgalas mellor e comprobemos que é o que sucede nun país que por efecto da colonización mantén unha lingua con todos os dereitos frente a outras discriminadas.
En Perú a xustiza impártese e adminístrase só nun idioma, o castelán. O problema reside en que millóns de peruanos non falan, non entenden, ese idioma.

Refraneiro galego dixital

A páxina refraneirogalego.com é unha versión reducida da aplicación 'Refraneiro Galego para iOS', desenvolvida para móbiles Apple e que permite a consulta de case 10.000 refráns.  Foi desenvolvida por Filloa Dev quen, deste xeito, establecen unha innovadora forma de relacionar as novas tecnoloxías a un dos aspectos máis deturpados da nosa lingua pola enorme presión do castelán: o refraneiro.
Se queremos ter lingua de noso, non nos queda outra que recuperarmos para o uso cotiá o que está quedando para estudos filolóxicos esotéricos. Ou mellor dito: sen gaita, non hai festa.
Vía Código Cero




martes, 27 de setembro de 2011

Mobilízate: a lingua

Son moitas as persoas e colectivos que traballan pola lingua. Neste documental aparecen algunhas delas


Programa emitido por V Televisión o 15/05/2011. Vía Aula de Lingua, un lugar que recomendo.

luns, 26 de setembro de 2011

A normalización na encrucillada



A foto que aparece neste post recollina do nº 25 da Revista Galega do Ensino, que levaba por título "A normalización na encrucillada" publicada no 1996.
Nesa publicación podemos ler entrevistas a Modesto Rodríguez Neira e a Manuel Regueiro Tenreiro ou artigos de Manuel Bragado, Francisco Fernández Rei,  Ben-Cho-Shey, Francisco Rodríguez, Anxo Lorenzo, Agustín Fernández Paz e moitos outros. Vou centrarme no que escribiron estes dous últimos autores.

Anxo Lorenzo fai un estudo sociolingüístico da Universidade de Vigo. Achega unha reflexión interesante:
'No caso dos alumnos, que teñan dificultades importantes para falar galego pode ser razoable na medida en que a lingua habitual dos estudiantes é, nunha porcentaxe maioritaria, o castelán. Polo tanto, a posta en práctica oral está chea de dificultades e dúbidas. Con todo, é interesante observar que os alumnos centran na competencia escrita as principais dificultades competencias á hora de se enfrontaren á práctica da lingua galega. Tendo en conta que o 92,2% dos alumnos aprendeu galego nos distintos niveis educativos, e tendo en conta tamén que a lingua aprendida na transmisión escolar é sobre todo a lingua escrita, o feito de que os alumnos universitarios manexen serias dificultades no manexo escrito do galego debe facernos reflexionar sobre boa parte dos contidos que estamos a vehicular no ensino, do galego nos diferentes niveis do ensino.'

O actual secretario de política lingüística seguramente agora daríalle a volta a estas liñas para asegurar que estaba afirmando o contrario, mais creo que está ben claro que, daquela, pulaba polo incremento e a mellora do galego como lingua vehicular no ensino non universitario. Xusto o contrario da política que, agora, defende.

Agustín Fernández Paz ten un fermoso e preciso artigo sobre as actitudes lingüísticas, cómpre desfrutalo con vagar. Nel debulla e aniquila un par de actitudes negativas para a normalización:
-Aos nenos, en castelán (e se son nenas,  máis)
-Cando o teu interlocutor fale en castelán, tamén debes facelo ti

E desvela non poucos prexuízos:

"- O galego vale  para a vida rural ou para a vida afectiva, pero non vale para andarmos polo mundo da ciencia e da téc­nica. 
- O galego representa o atra­so,  o carro de  vacas; o castelán representa a modernidade,  o ordenador. 
- Os que falan galego, ou son da aldea ou son do Bloque. 
- O galego significa quedar­nos pechados en nós mesmos, trasdoTelón de Grelos, cando o que hai que buscar é a universa­lidade. 
- O galego fálase distinto en cada sitio,  non  nos  damos posto de acordo entre nós. 
- O galego bo é o que sempre falou  a  xente; o outro é un in­vento  dos  profesores, un galego artificial. 
- Non  se pode dar clase en galego,  porque os nenos son de familias castelán falantes. "

E un último prexuízo:

"- O  do  galego  no  ensino é todo política."

Non si?, Anxo Lorenzo.


domingo, 25 de setembro de 2011

Un mundo ao revés

Excelente,  traballo superior realizado desde o ENDL do IES Marqués de Sargadelos, de San Cibrao. Eles imaxinaron como sería un mundo ao revés, escribírono, realizárono, e colgárono na rede. Todo un exemplo dun exercicio imprescindible, un exercicio que debe realizar calquera persoa con dous dedos de sentido: o experimento mental consistente en colocarse no lugar do outro. Polo que poida pasar.

Parabéns, tirado d´As Pecadoras

venres, 23 de setembro de 2011

A Nosa Terra: fin e principio

Hai ben pouco alguén con máis memoria ca min facíame a acordante, nun comentario deste mesmo blolgue,  de que tamén a versión dixital A Nosa Terra debía estar nos seus últimos días. Hoxe foi o día.
Co titular 'Cento catro anos despois, un novo até logo' despedíase esa fiestra aberta ao galego que foi sempre A Nosa Terra.
Aínda que vai moito co máis co meu carácter remexer nas augas lodas do pesimismo, xa estou farto de epitafios, por iso hoxe, no canto de loas tristes ao defunto, vou celebrar o seu nacemento coa alegría coa que se recibe unha nova vida no fogar: non sei se o farían á mantenta, pero hoxe, no blogue Publicacións galegas, anuncian que podemos descargar o primeiro número do voceiro das Irmandades da Fala. As súas primeiras liñas dicían:

Fundar, soster, escolas en Galicia é obra santa, patriótica. Máis axudar a vida d´este boletín é corolario obrigado d´aquelas iniciativas loudabres. As escolar son pr´os nenos; o boletín, tral-a xuntanza dos enxebres, espertará o sentimento y-o pensamento da mocedade que  comenza a xurdir na loita. A nosa terra percisa dun boletín xa que hastra o d´agora hai xornales e revistas gallegos, mais nin un soyo de Galicia, esquirto en gallego y-en Galicia, pra Galicia. Oxe bule pol-os nosos eidos e polas nosas vilas un sospeitoso andacio rexionalista. Hai que peneirar as intenciós, pra separar a palla do grau. Chegou a hora de definirnos.


Pois iso: á procura de escolas e boletíns galegos, que ben nos cómpren.

Os pseudogaleguismos, máis unha forma de españolismos

por Xosé Manuel Sánchez Rei, en Terra e Tempo:

Non é a primeira vez que, desde diversos foros, criticamos a utilización de pseudogaleguismos, elementos normalmente vocabulares a que a evolución da lingua concedeu idéntica ou parecida forma que os correspondentes do español. Xorde aquí entón unha certa vontade galeguizadora que consiste en os adaptar para os tornar "máis galegos", somenténdoos a equivalencias fonéticas e morfolóxicas nesa ansia de os virar máis autóctones.

A súa historia é relativamente recente: aínda que xa se detectan esporadicamente nalgúns textos dos séculos XVII e XVIII, van ser os anos finais do XIX cando coñecerán un uso en aumento, aínda que sexa durante os primeiros anos do século XX cando abrocha con máis forza esta tendencia galeguizadora, mesmo se proxectando ao longo de toda a centuria até ao proceso normativizador desenvolvido desde 1970-1980. Notemos que xa no ano 1890, Marcial Valladares, nos seus Elementos de gramática gallega, testemuña e parece criticar a tal pretensión de diferencialismo, xa que, segundo el, resultaba abusivo galeguizar gratuitamente moitas palabras españolas ou adulterar as galegas; como queira que sexa, as impresións do erudito estradense non callaron nos máis das escritoras e dos escritores da altura nin de épocas posteriores, pois foi precisamente a literatura o principal ámbito en que proliferaron eses fenómenos. Convirá ponderarmos que, na realidade, este verniz que galeguiza formas lexítimas, até sendo un benintencionado mecanismo de defensa, supón, no fondo, máis unha forma de españolismo, pois marca a dependencia do idioma a respecto do castelán. Trataríase, por tanto, dun tipo de españolización indirecta ou secundaria, xa que é o español o que a motiva e non a propia lingua.

Concedéndomos, por tanto, o protagonismo destas páxinas ao léxico, pagará a pena detérmonos un bocado en que tipoloxías de textos costuman aparecer: o discurso político (que conduce, na rúa, na casa, no traballo etc., unha boa parte das conversas cotiás, nomeadamente en días de campaña ou de precampaña), as tertulias radifónicas e televisivas (a trataren supostos temas de actualidade e de interese comúns), os programas de variedades, as retransmisións desportivas etc. É por isto que non resulta nada intranscendente repararmos en que unha boa parte do que expoñen e de como o expoñen pode acabar asentando na xente, ou sexa, determinados trazos do galego empregado por esas persoas son susceptíbeis, desde esa proxectada megafonía, de pasaren a caracterizar tamén diversas variedades de lingua, adoito nos ámbitos citadinos e comunmente naqueles utentes que tiveren unha certa preocupación pola calidade do galego que utlilizan.

Así pois, con esa invulgar semente (a lingua), con tal terreo de cultivo (o discurso público) e con ese sistema de regadío (certa vontade louvábel de uso dun galego autóctone, mais esteada no descoñecemento linguístico), danse as condicións necesarias para que xermolen e que se reproduzan con moita facilidade barbarismos que, aínda estando ocasionados polo desexo de destonaren de españolismos a lingua, non representan senón máis unha outra tipoloxía de formas foráneas. Obviamente, non podemos pretender desde aquí elaborarmos unha listaxe exhaustiva de todas esas casuísticas, aínda que non nos resistimos a comentar algunhas, talvez as máis frecuentes. Deste modo, desde equivalencias do tipo gal. broa / esp. brona, aplícase similar correspondencia a palabras que en galego presentan, por historia, a nasal intervocálica. Subsecuentemente, xorde un verbo como *abandoar, tal e como o utilizaba un membro dunha lista electoral hai algún tempo: *Non podemos abandoar os cidadáns, en vez de Non podemos abandonar os cidadánsabandoar, en galego, non partilla os trazos semánticos de deixar, mais significa "xuntar en bandos ou bandadas", e non acreditamos en que a intención desa forza política tivese que ver coa vontade de facer bandos coa cidadanía da localidade... (ou talvez si?). A saúde desa mesma nasal continuou a súa sobrevivencia en condicións certamente difíceis, de tal modo que non pode estrañar que fose obrigada a desaparecer nunha presentación de candidatura, en que, con toda a xustiza, se reclamaba máis *zoas verdes para un bairro dunha localidade atlántica e até para a cidade en si propia. O nome substantivo zona, como equivalente de rexiónárea etc., non posúe problemas co seu , de forma que, en o non tendo a propia palabra, os únicos conflitos que levanta son naquelas persoas que, por a xulgaren máis galega sen esa consoante, a converten erroneamente en *zoa, a lle aplicaren a mesma solución antes comentada para *abandoar / abandonar. A única existencia de zoa na nosa lingua só é posíbel cando se utilizar como verbo (como, por exemplo, en Zoa o vento), aínda que teña unha orixe un tanto particular (soar > zoar) con certa especialización semántica. 

Por outra parte, certas persoas, asiduas a tertulias, costuman mesmo hoxe referírense á situación dos *centro urbáns, xa que presenta(ba)n problemas específicos, e mesmo dos *dereitos humáns dos seus habitantes, que, en ocasións, non gozan da mesma calidade de vida que o resto da veciñanza. Tomando como modelo o gal. irmán / irmá, é como se pode explicar a xénese de tales *urbáns ou *humáns, que, no entanto, deben presentar a solución culta. Dígase, pois, centros urbanos e dereitos humanos, que son as únicas posibilidades válidas na lingua, e abandonemos definitivamente esas pseudogaleguizacións. En parecidas circunstancias é que se acha *semán, invento moderno inxustificado en vez de semana, que é a palabra correcta, como ilustra o cantar tradicional compilado por Pérez Ballesteros na segunda metade do século XIX, no cal, dito sexa de paso, se observa igualmente un sistema de nomenclatura híbrido (pagán e cristián) para os días da semana: Hoxé é luns, mañá e martes; / cuarta feira logo vén; / de mañá en oito días / éche a semana que vén.

Outrosí, o desenvolvemento dalgunhas actuacións municipais neses centros urbanos que comentamos máis arriba pode bater, ás veces, con impedimentos de carácter xurídico, isto é, pode atopar determinada sorte de inconvenientes no marco da legalidade urbanística. Esa palabra, que parece non gozar do aplauso oratorio na Galiza, é convertida moito frecuentemente en *inconvintes, polo que non é de estrañar que teña un notábel uso e que, xustamente por esa utilización, hai algún tempo xurdise dos beizos dunha persoa pública, nun contexto como *inconvintes legais, cando se puña de manifeso a existencia de eivas que cuestionaban atinadamente algunha que outra vontade especulativa.

En determinados medios de comunicación ás veces son denunciados os *ambentes de marxinalidade que se atestan nalgunhas vilas e cidades da nación. Obviamente, non pode ningúen estar en desacordo coas medidas que coadxuvarán na solución deses problemas sociais, mais si discordará co uso da relativamente usada forma *ambente: seguindo o modelo gal. ferro / esp. hierro, aplícase a mesma correspondencia a cultismos que tamén na nosa lingua presentan ese ditongo crecente, como é o caso de ambiente, reiterada e inacaidamente empregado como *ambente. E, claro, nada parece mellor que unha forza política sublime publicamente o seu *programa sinceiro para acabar con esas situacións de marxinalización; isto é, nada se torna máis adecuado que outro apaixonante asunto de ditongos para dar conta de tales conflitos urbanos. Nesta ocasión, outra volta en casos que se non xustifican de acordo coa nosa particular historia lingüística, a se basear en correspondencias como gal. -eiro / esp. -ero, priorízase un ditongo , que supón máis outro verniz de galeguidade para vocábulos autóctones de seu. Como a (pre)campaña e as pasadas eleccións municipais coincidiron nunha determinada época do ano, sería, por acaso, o emprego da palabra *primaveira a causante de tales reconversións, en vez de primavera

En fin. Fóra tons máis ou menos irónicos con que quixemos aquí comentar eses inapropiados usos no noso idioma, non cabe dúbida de que todas as galegas e todos os galegos somos responsábeis dunha boa utilización da lingua, da súa calidade e da súa saúde. As persoas con proxección pública e política, tamén. Así pois, pidámoslles que asuman, igualmente, a súa proporción de responsabilidade e de compromiso co correcto uso do idioma. Alguén do venerábel é capaz de imaxinar representantes da cidadanía na Europa que, desde os seus organismos institucionais, non empreguen coa corrección precisa a lingua dese país ou nación? E, no caso en particular dos pseudogaleguismos, pode alguén pensar nunha tertulia desenvolvida en Londres ou nunhas declaracións políticas efectuadas en Liverpool cuxos responsábeis inventen ou reconvertan palabras para as tornar máis inglesas?  

Na Estrada, polo dereito

por Xosé González, en Galicia Confidencial:


As circunstancias históricas e o ordenamento xurídico en vigor non llo permitían. A primeira sentenza ditada en lingua galega, despois de varios séculos de paréntese, viría da man do maxistrado Claudio Movilla Álvarez en maio de 1984, cando as leis da democracia permitiron que unha resolución xudicial se promulgase na nosa lingua.
Porén, don Fermín Bouza Brey, o sete de novembro de 1931, nun artigo publicado nun xornal galego instaba  aos lexisladores da II República a promulgaren medidas legais para que a Xustiza se puidese administrar en galego. O seu coñecemento do dereito público e privado era densísimo, raiano coa erudición. Por iso teimou na necesidade de abrirlle á lingua galega novos espazos nos usos xurídicos. “En non sei ata que punto o Xuíz debe enteirarse do folclore do pobo onde outorga xustiza, o que equivalería a coñecer o pensamento colectivo en que a súa función se move. O que sei  por min é que sempre recibín auxilio en trances de dúbida do saber popular como denominador común a todos os xusticiables nun medio tan denso en expresións gregarias como é Galicia” (do prólogo da súa obra “O refraneiro xurídico galego”).
O pensamento político, cultural e xurídico de Bouza Brey entronca coa tradición xurídica  galega. Dela recolle as súas formulacións e reitéraas. Malia os atrancos e devalos políticos, Galicia foi berce de xuristas comprometidos coa súa cultura e lingua. A carón de Bouza Brey están outros moitos: Arturo Noguerol, Peña Novo, Salvador Cabeza de León, González Pastoriza... Por iso chama a atención que na actualidade haxa gobernantes e lexisladores  empeñados en negaren a importancia que ten a lingua galega no proceso de reconstrución da nosa identidade esmacelada polas adversidades da historia. Eses políticos e lexisladores exercen a “potestas” pero carecen de “auctoritas”; é ben distinto ter o poder que ter coñecemento da realidade.
A Irmande Xurídica Galega,  continuadora e  impulsora desa identificación do Dereito co noso patrimonio cultural (para máis información sobre as súas actividades aconsellamos acceder a www.galeguizargalicia.tv), recolle da  historia o legado lúcido daqueles xuristas que, adiantados ao seu tempo, postularon a creación dun ordenamento xurídico entroncado coa idiosincrasia do pobo galego.
Para dárlle concreción a esa arela,  o  día 24 de setembro,  o Concello da Estrada e a Irmande Xurídica Galega convocan unha xornada académica coa finalidade de estimular a galeguidade nos profesionais do Dereito. Os actos comezarán coa descuberta dunha placa conmemorativa na casa onde vivíu o xuíz Bouza Brey.
Unha segunda parte terá como escenario o Teatro Principal. Alí asistiremos á sinatura da “Declaración” dun fato de operadores xurídicos do Partido Xudicial, formalizando publicamente o seu compromiso de normalizar a lingua galega nas súas actividades profesionais, demandando tamén   de tódolos órganos xurisdicionais  que diten sentenza en lingua galega, amparándose no dereito que lles recoñece o art. 7 da Lei de Normalización Lingüística. As asesorías xurídicas do Concello da Estrada e doutras corporacións locais  da contorna sumaranse tamén a este gran Acordo

xoves, 22 de setembro de 2011

Bouza Brey versus Calvo Sotelo

Tendo en conta o post que escribín hai un par de meses, non podo facer outra cousa que felicitar aos organizadores desta merecida homenaxe ao que fora xuiz da Estrada. Merecida entre outras razóns porque moitos veciños do concello lle deben a vida  a el e á súa valentía xa que tivo a feliz idea de procesar e meter no cárcere todo aquel que podía ser víctima dos militares no 1936 para que así estiveran baixo a súa custodia e imposibilitarlle aos golpistas realizar os tritemente famosos paseos.
Descubrirase unha placa na que foi casa de Bouza Brey na rúa Calvo Sotelo. Aínda que eu preferiría que se lle cambiara o nome á rúa e que no canto de lembrar acotío a un icono do  alzamento fascista, a homenaxe fose completa e a placa que se descubrise fose a placa da rúa Fermín Bouza Brey. Pero teño a impresión de que desde a corporación mucipal prefiren botar un foguete un día polo galeguista con tal deque a festa grande dure todo o ano e sexa na honra dos valores  na defensa dos valores do 18 de xullo.


No Teatro Principal presentarase o libro "Fermín Bouza Brey. Xuiz e galeguista" e avogados e procuradores asinarán un documento de compromiso coa nosa lingua.
Vía CTNL e Concello da Estrada

martes, 20 de setembro de 2011

Busco medio en galego de información xeral

Até sempre!, foi a despedida de Vieiros (24/07/2010)
chuza! tamén pecha as portas, foi un titular do Xornal (25/07/2010). Afortunadamente despois resucitou.
'A Nosa Terra' manterase na rede despois de desaparecer como semanario impreso, en culturagalega.org (1/09/2010 faise o anuncio )
Galicia Hoxe sae mañá á rúa por derradeira vez, no propio Galicia Hoxe (o último número é o do 28/06/2011)
Adeus e grazas, vémonos na rede, era a mensaxe da última portada en papel do Xornal, era o 4/8/2011 e anuncíabase unha nova etapa deste medio que pasaba a ser Xornal.com, mais
Xornal.com tamén pecha na rede, no Galicia Hoxe
Así  que:



O galego non atura a calor

por José Luís Sucasas, no Xornal:


O galego é idioma nado na brétema e as súas palabras arroladas en berce de musgo e orballo, e xaora que non atura ben a calor. Por iso non é de estrañar que Vieiros se nos fora en Xullo do ano pasado, e Galicia-Hoxe e Xornal de Galicia en Xuño e Agosto do ano que estamos. O demo do calmizo levounos por diante. Os que aínda conservades un chisco de memoria, lembraredes que o sol petou forte en Xullo de 2010: no entanto, no 2011 as fogaxes viñeron en Xuño e nos derradeiros días de Xullo e primeiros de Agosto. Todo vai cadrando. O galego é lingua de braña e xunqueira; e cando aperta o sol e a terra regaña pola seca, as palabras galegas morren esganadas coma peixes fóra da auga. A diferencia dos nosos vellos, que mais ben marchan coas xeadas do inverno.
Xornal de Galicia foi unha aventura engaiolante, fermosa, e o que me parece mais importante, unha aventura necesaria. Se a metade da poboación galega, —cuarta arriba, cuarta abaixo—, votaPSOE e BNG, non parece descamiñado pensar que lle gustará ler a realidade contada dende unha óptica afín, ou cando menos non belixerante, co ideario desas formacións políticas. E tendo en conta que os xornais existentes mantiñan unha liña editorial poromompera, unha de dúas: ou os votantes de esquerdas non lían xornais, ou xa aprenderan a ler do revés. Había aínda unha terceira posibilidade, moi galega, por certo: E que lle imos facer, meu? Éche o que hai! Pero sexa cal for a situación lectora da esquerda votante, o que si estaba fóra de toda dúbida era a existencia dun mercado potencial abondo para garantir o éxito da empresa.
E logo, que foi o que fallou? Sempre hai mais razóns para que algo fracase cas que hai para que trunfe, así que non é difícil dar con elas. Que se a crise xeral, que se a crise do sector, que se a perda da Xunta polo Corazón Partido, que se esto ou aqueloutro. Pero a cuestión fundamental é que a xente non merca xornais e o mercado potencial pasa a ser unha entelequia mais paseando polo limbo dos xustos. A xente le os xornais, pero non precisa mercalos, xa que pode acceder a eles de balde no medio millón de bares, tabernas, casinos e demais centros de lecer, esparexidos por todo o país. Se á venda neses lugares lle engadimos os adquiridos polos entes públicos, xa temos completado o 99 por 100 do mercado efectivo e real da prensa escrita. Quedaríanos ese 1 por 100 para a compra do exemplar do domingo por parte da xente de a pe. Noutros tempos aínda se mercaba algún xornal de cando en vez para envolverlle a merenda dos cativos ou o bocadillo do marido albanel, pero agora co papel de aluminio e mailos táper, xa non ven a conto.
Os mais listos —somos un pais de listos, non o esquezamos— dicían que Xornal de Galicia era a crónica dunha morte anunciada. Xaora que non leron a novela de Gabo, pero aprenderon a frase. Tamén dicían o mesmo cando os meus amores adúlteros con Leididí. E tanto nun caso coma no outro, os listos levaban razón. Pero tanto a xente de Xornal coma este pillagaliñas que lles escrebe, cando menos intentámolo. Cousa que eles nunca fixeron nin nunca farán. Sentan na porta da casa e agardan pacientes o paso dos cadaleitos por diante. Iso é o que lles chista. Coma o negro Floro de Zobra, que cando pousaban as andoriñas vascas no verán, sentaba nos valados a velas pasar polos camiños, aguzando eternamente un pau coa navalla, sen falarlles, sen case miralas, só refungando entre dentes : cando non vos quede outra, xa viredes a min, xa...

domingo, 18 de setembro de 2011

De aldeanos

Gañadora do I Certame de Curtas na Rede. Realizada por Edu Lavandeira


 Chegoume desde Queremos Galego de Marín

xoves, 15 de setembro de 2011

Unidades didácticas de matemáticas para a ESO (en galego)

Agora que comenza o curso creo que é o mellor momento para presentar os únicos libros de texto de matemáticas en galego aos que podemos ter acceso hoxe en día pois grazas ao labor de ataque á nosa lingua de quen todos sabemos a situación está no mesmo lugar que cando colectivo Vacaloura hai máis de 30 anos publicaba o primeiro libro de texto de matemáticas en galego.
O que aquí aparece é só unha mínima parte do que constitúe o material ed@d para matemáticas na ESO.
ed@d  é un proxecto do Ministerio de Educación. Fundamentalmente é un libro interactivo que permite incidir unha aprendizaxe autónoma aproveitando os recursos TIC. Para coñecer a totalidade dos recursos ed@d de matemáticas bastaría con navegar por esta páxina. Se queremos descargalos tamén podemos desde aquí.
De seguido van 12 unidades didácticas para cada un das cinco áreas de matemáticas na ESO, e aproveito para agradecer ao MEC as facilidades aportadas para que poidamos compartir este recurso, ao profesorado implicado no seu desenvolvemento e sobre todo a Xosé Eixo, o coordinador e impulsor desta iniciativa en Galicia.

1º ESO


2º ESO


3º ESO

mércores, 14 de setembro de 2011

Falar bretón hoxe. Basta de nos xustificar!

Por Arzhur, en Terra e Tempo:

Para que serve falar bretón? Un mozo de fala bretoa responde a esta pregunta deixando claro que unha lingua non ten por que ser útil.

Falar bretón non é sempre froito dunha elección persoal. No meu caso, decidiron por min cando tiña dous anos ao me matricularen nunha escola Diwan onde se practica a inmersión lingüística. Por desgraza, non puiden seguir neste centro e dez anos máis tarde tiven que pasar a unha escola pública da rede bilingüe Div Yezh. A dicir a verdade, non aprendín o bretón: digamos que o vivín. Vivino a cotío durante máis de quince anos, cunha indiferenza máis aciaga do que cabería supor. Ao falar e ouvir unha lingua como o bretón todos os días, acabas por perder de vista o importante e tamén o fráxil que é. Deixou de me importar e así abandonei a lingua que medrara comigo e que me forxara a min. 

A lingua que foxe

Porén, máis tarde ou máis cedo acabas caendo do burro. Decátaste de que che falta soltura naquelas poucas ocasións cando toca conversar en bretón: as palabras envurúllanse e esvaecen, engulidas polo francés que xa se tornou omnipresente. A lingua comeza a arredarse, fuxindo da boca que 'esqueceu' darlle vida. Vai esmorecendo a desenvoltura de antes e xa non queda outra que recoñecer -non sen bastante vergoña- que falabas mellor o bretón aos seis anos. As únicas opcións son a resignación ou o rescate. Así que decidín volver lanzarme ao bretón, recuperar o tempo perdido para reencontrarme coa lingua e, sobre todo, para non esquecela nunca máis.

Desde este momento, a miúdo véxome obrigado a xustificar esta miña decisión: "De que serve aprender bretón?", preguntan algúns, mentres que outros preguntan: "Queres ser profe?". Estas preguntas resoan como un interminábel laio raiante. Como se esta decisión só puidese responder a uns motivos estritamente profesionais. Como se saber bretón só servise para ensinar o bretón. Como se o bretón, considerado como unha lingua mantida viva nunha burbulla de respiración artificial, vexetando nun bote de formol, só interesase algúns eruditos e un puñado de universitarios... Hoxe por hoxe son poucas as persoas que imaxinan que é posíbel manter unha conversa sobre a vida e as cousas do cotián, ou mesmo sobre a sociedade ou a política. Tamén son poucas as persoas que imaxinan que as reflexións estruturadas se poidan expresar en bretón ou que se poida falar en bretón durante unha comida familiar ou estando de troula coa cuadrilla. Pola outra banda, son moitas as persoas que cren que o bretón é unha lingua morta, obviando así todos aqueles amantes da lingua que se empeñan en facer del unha lingua viva.

Un día, contoume un vasco que non lle saía a frase 'quérote' noutra lingua que non fose o euskera e que era nesta lingua que mellor lle sabía. Ao mellor é para iso que serven ante todo, estas nosas antigas linguas. Non cabe dúbida que as miñas emocións e os meus sentimentos se expresan mellor na ruda lingua dos meus devanceiros, enchoupada de emoción, xa que o bretón é a outra lingua da miña infancia. É a lingua na que tantas veces me rifaron e me fixeron rir e chorar.

A contracorrente do progreso

Gustaría de non ter que xustificar querer falar en bretón nunca máis. Sen ter que xustificarme por querer volver a encontrarme coa lingua que me eludía. Sen ter que explicarme con argumentos baseados nas perspectivas profesionais. Sen ter que buscar unha explicación racional a esta miña decisión... Acaso as persoas que aprenden inglés, español ou alemán teñen que responder a tantas interrogativas para xustificaren a lexitimidade dos seus estudos, como temos que facer os que aprendemos o bretón? Acaso teñen que aducir motivos profesionais que se 'axeitan' aos seus estudos de predilección? Claro que non. Como tampouco teñen que xustificar a súa decisión os pais e nais que opten por unha escola bilingüe onde se ensina o inglés (a razón parece tan obvia), mentres si que o teñen que facer aqueles que optan por unha escola Diwan. É que as linguas 'útiles' teñen sitio de seu e unha lexitimidade automática neste noso mundo, mentres que as linguas que se dan por mortas levan moito tempo remando a contracorrente do progreso convertido en leitmotiv das sociedades modernas.

Finalmente, todos os comentarios deste tipo van sempre no mesmo sentido, ao insinuaren que falar unha lingua, estudar a historia, pensar, construír ou escribir non serven para nada se non van ligados a un máis valía económico ou social. Os interminábeis comentarios como estes tamén revelan a importancia de conceptos como o traballo e o diñeiro, e apuntan a que cada xesto e cada respiro teñen, por forza, que estar enfocados a alcanzaren un obxectivo concreto.

Mais falar bretón non me vai servir a min para atopar un posto de traballo. Tampouco me servirá para montar ou afianzar unha rede social. É máis, xa non fica ningún falante monolingüe de bretón que tornaría obrigatorio o uso desta lingua para poder comunicarme con el, do mesmo xeito que poderían falarme en francés todas aquelas persoas coas que me relaciono habitualmente en bretón. Se falo esta lingua, é para sentila mellor. Tamén para vivila mellor.


[ Artigo de opinión asinado por Arzhur, publicado en 'Loitas de liberación nacional, unha revolución posíbel', Courant alternatif Nº 17/ Offensif, Nº 30 (xuño 2011), publicación conxunta daOrganización comunista libertaria e da Ofensiva libertaria e social. Tradución: Robert Neal Baxter ]