Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
luns, 26 de setembro de 2011
A normalización na encrucillada
A foto que aparece neste post recollina do nº 25 da Revista Galega do Ensino, que levaba por título "A normalización na encrucillada" publicada no 1996.
Nesa publicación podemos ler entrevistas a Modesto Rodríguez Neira e a Manuel Regueiro Tenreiro ou artigos de Manuel Bragado, Francisco Fernández Rei, Ben-Cho-Shey, Francisco Rodríguez, Anxo Lorenzo, Agustín Fernández Paz e moitos outros. Vou centrarme no que escribiron estes dous últimos autores.
Anxo Lorenzo fai un estudo sociolingüístico da Universidade de Vigo. Achega unha reflexión interesante:
'No caso dos alumnos, que teñan dificultades importantes para falar galego pode ser razoable na medida en que a lingua habitual dos estudiantes é, nunha porcentaxe maioritaria, o castelán. Polo tanto, a posta en práctica oral está chea de dificultades e dúbidas. Con todo, é interesante observar que os alumnos centran na competencia escrita as principais dificultades competencias á hora de se enfrontaren á práctica da lingua galega. Tendo en conta que o 92,2% dos alumnos aprendeu galego nos distintos niveis educativos, e tendo en conta tamén que a lingua aprendida na transmisión escolar é sobre todo a lingua escrita, o feito de que os alumnos universitarios manexen serias dificultades no manexo escrito do galego debe facernos reflexionar sobre boa parte dos contidos que estamos a vehicular no ensino, do galego nos diferentes niveis do ensino.'
O actual secretario de política lingüística seguramente agora daríalle a volta a estas liñas para asegurar que estaba afirmando o contrario, mais creo que está ben claro que, daquela, pulaba polo incremento e a mellora do galego como lingua vehicular no ensino non universitario. Xusto o contrario da política que, agora, defende.
Agustín Fernández Paz ten un fermoso e preciso artigo sobre as actitudes lingüísticas, cómpre desfrutalo con vagar. Nel debulla e aniquila un par de actitudes negativas para a normalización:
-Aos nenos, en castelán (e se son nenas, máis)
-Cando o teu interlocutor fale en castelán, tamén debes facelo ti
E desvela non poucos prexuízos:
"- O galego vale para a vida rural ou para a vida afectiva, pero non vale para andarmos polo mundo da ciencia e da técnica.
- O galego representa o atraso, o carro de vacas; o castelán representa a modernidade, o ordenador.
- Os que falan galego, ou son da aldea ou son do Bloque.
- O galego significa quedarnos pechados en nós mesmos, trasdoTelón de Grelos, cando o que hai que buscar é a universalidade.
- O galego fálase distinto en cada sitio, non nos damos posto de acordo entre nós.
- O galego bo é o que sempre falou a xente; o outro é un invento dos profesores, un galego artificial.
- Non se pode dar clase en galego, porque os nenos son de familias castelán falantes. "
E un último prexuízo:
"- O do galego no ensino é todo política."
Non si?, Anxo Lorenzo.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario