Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 30 de xuño de 2012

Artigos da lingua do mes de xuño

Todos estes artigos encol da lingua son os que lin no último mes. De non haber medios en galego non podería facelo. Basta facer un paseo aleatorio por eles para decatarse enseguida de que estes artigos nos medios en castelán, nunca aparecerían escritos. Grazas a estes dixitais hoxe podemos comprender mellor o noso arredor que hai só catro meses. Menos mentiras, máis lingua.
Grazas a todos.

Política Lingüística subvenciona un 80% máis á Igrexa que aos Traballadores de Normalización (31/05/2012) en Praza Pública
A Mesa alerta de que o ensino en galego “é residual na educación infantil das sete cidades” (05/06/2012) en Sermos Galiza
O PEN presenta o 'Manifesto de Girona' sobre os dereitos lingüísitcos e denuncia os ataques á lingua propia  (06/06/2012) en Praza Pública
A Xunta admite que iniciou o mandato cunha "situación moi desfavorable" do galego no ensino (06/06/2012) en Praza Pública
Homenaxe nacional a Agustín Fernández Paz (07/06/2012) en Sermos Galiza
Educación dixo en 2009 que o galego era maioritario nas aulas malia detectar o contrario (07/06/2012) en Praza Pública
A oposición insta a Educación a mudar as normas lingüísticas tras admitir que "mentiu" (08/06/2012) en Praza Pública
Xarmenta volve propor o berciano Antonio Fernández Morales para as Letras 2013 (11/06/2012) en Praza Pública
A Xunta volve admitir que aplicou o decreto plurilingüe malia saber que debía "potenciar" o galego (14/06/2012) en Praza Pública
Educación concede as axudas para o galego no ensino a tres días da fin do curso (20/06/2012) en Praza Pública
Unha xuíza de Vigo rexeita unha demanda por estar escrita en galego (21/06/2012) en Sermos Galiza
Alertan dun recorte do 69% ás equipas de normalización lingüística (21/06/2012) en Sermos Galiza
Google quere salvar tres linguas en perigo de desaparición en España (22/06/2012) en Praza Pública
A concelleira de Normalización de Santiago segue ''desconcertada'' polas críticas tras falar español (22/06/2012) en Sermos Galiza
Casares, Vidal Bolaño, Carvalho Calero...? A RAG anunciará esta tarde o protagonista das Letras 2013 (23/06/2012) en Praza Pública
As Letras 2013, para Vidal Bolaño (23/06/2012) en Praza Pública
Día das Letras Galegas a Roberto Vidal Bolaño (23/06/2012) web da RAG
"O galego na Xustiza sufre pola renuncia dos profesionais" (24/06/2012) en Galicia Confidencial
A Xunta vese obrigada a lembrarlle o rango legal do galego á Deputación da Coruña (25/06/2012) en Praza Pública
O fiscal superior da Galiza insta a Xunta a potenciar o uso da lingua propia no eido xudicial (25/06/2012) en Sermos Galiza
"Os defensores da lingua galega deben ser coherentes á hora de consumir" (25/06/2012) en Praza Pública
''Sen a súa lingua, a Galiza non existe'' (25/06/2012) en Sermos Galiza
''Se colectivamente non temos unión, acabaremos sendo invisibles'' (25/06/2012) O Dioivo
Novos membros da Academia (25/06/2012) no web da RAG
Emmanuel Le Merlus falará en Lugo convidado pola Mesa (26/06/2012) en Sermos Galiza
Incorpóranse seis novos membros á Real Academia Galega, tres deles mulleres (26/06/2012) El Correo Gallego
A Xunta responde con grallas unha pregunta sobre vulneración de dereitos lingüísticos (26/06/2012) en Sermos Galiza

venres, 29 de xuño de 2012

Goretti Sanmartin Rei: "Nos camiños do entusiasmo"



Pareceume un bo momento para recuperar esta presentación éste no que a RAG nomeou académica correspondente a Goretti Sanmartín Rei, unha veciña nosa, os seus pais eran os donos da pastelería La Palma, que estudou no instituto da vila estradense e agora é profesora titular de Filoloxía Galega  da UdC así como directora do SNL desa universidade.
No acto organizado pola Asociación Cultural Vagalumes que podemos lembrar reproducindo este vídeo, Goretti acompañada por David Otero e Pilar García Negro, presentaba o seu libro Nos camiños do entusiasmo, publicado por Xerais no 2009. De seguido van algúns apuntamentos sobre o libro.

Acordo normativo
Goretti destaca dous documentos que ben puideron ser utilizados proactivamente para avanzarmos nos eido da normalización lingüística. O primeiro deles é o acordo normativo do 2003. Non foi o suficientemente explotado socialmente desde o momento en que a propia RAG non axiliza a publicación e a divulgación deste acordo. Este primeiro documento representaba un construto colectivo dos galegos que podía marcar o punto de partida para un reintegracionismo lingüístico, fundamental para establecer un modelo diferenciado e diferenciador de lingua para irmos construíndo un modelo de calidade que se enfrentara á asimilación do castelán na que moitos por comodidade e inseguranza se instalan. Non están os tempos para deixarse levar polo conformismo, imponse o esforzo, un compromiso maior entre os utentes da lingua galega para recuperar formas que se están a perder.


Política lingüística
O outro documento que foi desaproveitado é o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), aprobado pola totalidade do Parlamento no ano 2006. Segundo a profesora este Plan só se aproveitou para facer unha visión reducionista da sociedade. Nesta liña móstrase moi crítica coas medidas adoptadas pola SXPL, non xa a dos tempos do "bilingüismo harmónico", senón mesmo coa da época máis recente do bipartito. Non é difícil aventurar os calificativos que lle asignaría á política lingüística que sofrimos a día de hoxe que levou ata o paroxismo a falta de  transversalidade das iniciativas da SXPL. A sanidade ou a xustiza, por poñer dous exemplos nada menores,  son ámbitos excluídos da súa influcencia.
Outra eiva está no continuismo na política de subvencións. Subvencións para que? pregúntase Goretti. Normalmente para nada. Sen obxectivos claros, sen xustificación e moito menos, sen ningún tipo de avaliación dos resultados. Éste é o proceder da SXPL. Deste xeito pagamos cos cartos da normalización a bispados ou confederacións de empresarios sen que isto represente ningún paso efectivo na  normalización. Pola contra, nunca se impulsou a galeguización dos medios. Máis ben invertíronse (e continúa a ser  así) enormes cantidades en medios que o único que tiñan de galegos era o papel. O galego por medio da política da SXPL transfórmase nun concepto propio da fuzzy logic e así deixa de ser lingua. Sobra recordar que a única lingua é o castelán.

Só despois de asentadas as bases dun monolingüismo social, o elemento esencial para a construción dun espazo simbólico de unión dos galegos, pode ter sentido facermos referencias ao plurilingüismo.
Confundir a formación lingüística coa política lingüística é un dos maiores males desta última que fica inútil ao reducirse en exclusiva á primeira. Como un dos exemplos comentados no libro temos o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, un saco sen fondo no que se emborcan os cartos da SXPL sen que isto supoña incidencia algunha na normalización lingüística

Goretti indica cal debe ser o verdadeiro papel da SXPL: o de actuar como cabeza e líder da restitución social do galego. Unha restitución que implica un compromiso co uso digno dunha lingua de calidade.


Ramón Vilar Ponte
Goretti reivindica a Ramón Vilar Ponte como o autor dalgúns dos discursos máis sólidos sobre a lingua e liga as aportacións feitas encol das reflexións sobre a lingua no período que vai das Irmandades da Fala ao 1936 coas aportacións sociolingüísticas galegas que desde Ramón Piñeiro, Carvalho Calero, García Negro, Francisco Rodríguez, etcétera, chegan ata hoxe.
Para aqueles que non teñan ningún interese na normalización lingüística  este libro, 'Nos camiños do entusiasmo', sobra. Para os outros é de lectura obrigatoria.
Remato cunha reflexión de Ramón Vilar Ponte extraída do libro de Goretti Sanmartín e que podería poñerse como lema do escudo de Galicia:
'Poucos pobos haberá como o galego que teñan feito tantos esforzos por desgaleguizarse, por perder as súas características nacionais máis típicas e diferenciadoras'

A minha língua: uma pedrinha de açúcar

por Adela Figueroa no Portal Galego da Língua:
Ainda em meio desta preocupação geralizada pela economia que nos levou ao desamparo político, ético e de futuro previsível, os galegos/as andamos a voltas com a nossa língua. Somos um povo de poetas desde Ortegal até o Mondego.E, será pela nossa ascendência visigótica ou castreja? Vá você a saber!.

xoves, 28 de xuño de 2012

Moving



Unha canción en español, co tema principal en inglés, é a base deste vídeo do IES Castro Alobre de Vilagarcía, para reivindicar un plurilingüismo inclusivo, o que ten sentido dentro da ecoloxía lingüística. Segundo reivindican os autoreso alumnado, profesorado, familias e persoal non docente, participaron "movidos" por un soño: o dun FUTURO para o GALEGO.
Vía Trafegando Ronseis, un bloque que non existira sería imperioso inventalo.

mércores, 27 de xuño de 2012

2013, Roberto Vidal Bolaño

por Marta Dacosta, a mantedora do blogue Acuática, en Terra e Tempo:

A Academia decide dedicar as letras de 2013 a Vidal Bolaño, a quen se lle debe en boa parte a existencia actual dun teatro profesional galegoE finalmente 2013 será o ano de Roberto Vidal Bolaño. A Academia decidiu homenaxear o dramaturgo aos dez anos do seu pasamento, xusto como acontecera con Novoneira no seu día, unha inmediatez que interpretamos como a vontade de converter en protagonista das Letras galegas por un ano un autor que se considera referencial no desenvolvemento da literatura galega e no contexto histórico actual.

Mapas de linguas e dialectos. A península ibérica


Neste web dispoñemos de diversos mapas lingüísticos do mundo. Un pequeno recorte dun deles móstranos as linguas e variedades dialectais da península ibérica. Pero tamén podemos consultar mapas de todos os continentes.
Vía cousas d'opaco

martes, 26 de xuño de 2012

Agustín Fernández Paz: 'Deas matemáticas ou deas outra materia, vas transmitir moitísimo'

Alberto Ramos entrevistou a Agustín Fernández Paz para O Dioivo:

Agustín Fernández Paz recibirá este sábado unha homenaxe nacional en Vigo. Este tributo únese á longa lista de recoñecementos que vén de recibir o escritor nos últimos tempos. Dioivo aproveita para publicar unha longa entrevista na que Fernández Paz reflexiona sobre literatura, ensino ou lingua e fala dos seus futuros proxectos. O máis inmediato é a publicación en outono, da man de Xerais, d'O rastro que deixamos, libro que recolle artigos, conferencias e reflexións do autor.
Que sente un ao recibir tantas homenaxes?
A ver, eu tiña avisados a Xabier P. DoCampo e Manuel Bragado de que xa me chegaba. No último ano tiven varias homenaxes en diversos sitios. A verdade, doume por máis que homenaxeado. Agora ocorréuselles montar esta... Obviamente, eu acéptoa. Acéptoa con cariño e con emoción, pero son consciente de que a min me están a coller como cabeza visible para homenaxear a toda unha xeración que xa está de retirada. Eu asumo con gusto e con satisfacción ese papel representativo que me outorgan, pero teño claro que hai moita xente con iguais ou maiores méritos para recibilo, como Bragado ou DoCampo. Eles teñen tantos coma min! Asumo encantado esta homenaxe e quero que sexa o máis agradable posible para todos os que asistan. Por iso, a miña intención é agasallar a todos cun conto inédito. Quero corresponder con algo da miña parte a toda a xente que vaia participar.

Novos xuíces do Couto Mixto

por Xosé González Martínez, en Galicia Confidencial:

A antropóloga e profesora da universidade de Lisboa, Paula Godinho, é a a utora dun documentadísimo estudo sobre as relacións transfronteirizas na raia seca. O libro, publicado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Ourense leva o suxerente título “Oír o galo cantar dúas veces”.Paga a pena lelo. Este traballo de investigación sobre a cultura da raia, que foi galardoado co “Premio Xesús Taboada Chivite”, descubre feitos e aconteceres de gran importancia para entender as relacións entre galegos e portugueses, ali onde a fronteira non está separada por ningún accidente xeográfico como acontece co río Miño noutro treito fronteirizo.

Eu falarei



Hai unha semana saía o trailer desta pequena obra de arte. Nesta presentación xa se enxergaba algo excepcional. Tal e como o os autores declaraban, Eu falarei procura ser un canto de amor en defensa da lingua galega, mais tamén é unha denuncia da situación que vive un idioma que esmorece lentamente vendo recortada a súa presenza nos medios de comunicación ou na propia escola, e que día a día perde falantes entre a xente nova. Alumnado, profesorado, persoal non docente, pais e nais, veciñas e veciños de Chapela, un total de 400 persoas, entre as que están 120 actrices e actores e 29 cantantes. O resultado final é impresionante. Non se trata simplemente dun lipdub, é unha curta con todo o que iso representa, maquillaxe atrezzo, actores, planos, guión, vestiario, planificación,...
Os autores do lipdub pertencen ao equipo de normalización do IES Chapela, que abriu un blogue este ano, O Berete. Alí mesmo podemos comprobar o enorme traballo que tiveron que realizar para levar a bo fin esta iniciativa: hai máis de dous meses anunciaban o resultado do casting para elixir os cantantes do tema que podemos escoitar aquí.
Vía Coordinadora ENDL Redondela
A rapazada de Chapela, ao rescate da lingua galega, no Dioivo
A lingua canta I will survive, en Galicia Confidencial

luns, 25 de xuño de 2012

Un son



Este vídeo foi un traballo co que o Colexio Andersen celebrou o pasado Día das Letras. Realizado coa técnica "stop motion" polo alumnado de 3º da ESO. Toda unha lección de bo traballo e optimismo. Boa forma de finalizar o curso.

Pola lingua, cunha soa voz

por Filipe Díez, en Praza Pública:


Os antecedentes
6 de xuño: grazas ao bo oficio de David Lombao, redactor deste xornal, chega ao coñecemento da opinión pública a existencia dun escrito en que a Xunta admite que mentiu á mantenta cando falaba da «imposición del gallego» como coartada para as súas contrarreformas lexislativas en materia lingüística.
7 de xuño: Praza Pública divulga o documento no que a Consellaría de Educación admite literalmente que na altura de 2009 a "realidade da situación" era "moi desfavorable para a lingua propia".
14 de xuño: en comparecencia no Parlamento Galego, o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Valentín García, confirma o contido do escrito divulgado unha semana antes e vai máis alá ao asegurar que a situación de desvantaxe da lingua galega no ensino "élle así dende que temos razón dos primeiros estudos estatísticos".

O sol brilla igual para todos

por Xurxo Martínez no Galicia Confidencial:

Esta historia é verídica. É unha ensinanza dunha cativa de ensino primario. Primario, si. Pero que resulta insultantemente actual. Dunha actualidade noxenta cando un non deixa de quedar pampo cos prexuízos, non xa prexuízos, senón co racismo lingüístico aplicado dende un xulgado de Vigo.

Máis aló de Pedrafita...

por Manuel Núñez Singala, en Sermos Galiza:

Imaxino que moitos galegos que marcharon da súa terra, ou que simplemente traspasaron as súas fronteiras para volver axiña, foron os autores dunha frase que todos temos oído algunha vez: “máis aló de Pedrafita o galego non serve para nada”.

domingo, 24 de xuño de 2012

La tira de Jordi Canyissà

Acabo de topar pola arañeira da rede unha tira cómica, ou mellor dito, desas de profundamento debuxado. Está feita por Jordi Caniyissà e publícase no xornal lamalla.cat nunha sección co nome de la tira.
Pouso por aquí algunhas reflexións.

Nou maPPa lingüístic


El Suprem, contra la immersió lingüística

Escola en català… i amb excepcions


venres, 22 de xuño de 2012

L anos despois

por Mercedes Queixas Zas, en Sermos Galiza:

A Real Academia Galega vén de celebrar a liña temporal dunha data emblemática, gravada no noso imaxinario cronolóxico cultural como cita puntual de reencontro cos tempos literarios construídos de onte a hoxe, unha madura reconciliación amiga ou descuberta de noivado mozo con aqueles e aquelas que falaron de nós, por nós, para nós e o extenso mundo de ollada aberta. Cincuenta anos de vida desde aquel pioneiro 1963 rosaliano da popularmente instalada en nós como grande festa literaria nacional, o Día das Letras Galegas.

Xustiza co-oficial versus inxustiza sub-ordinada

Todos temos asumido que o galego é lingua co-oficial. Así parece que o determinan as leis máis importantes.  Pero, cal é a realidade?

A Mesa volveu a destapar un novo caso de discriminación por uso do galego, neste caso no ámbito xudicial. Un xulgado de Vigo ameaza con non admitir unha demanda en galego se non se presenta cunha tradución xurada ao castelán. Este documento é a evidencia máis clara que demostra que ata ese preciso momento non chegara ata ese xulgado ningún documento en galego. Textualmente a secretaria xudicial fai o seguinte requerimento á parte demandante:
' para que presente traducción jurada de la demanda al castellano, presentada originariamente en gallego, así como que los sucesivos escritos que presente dicha parte a lo largo del procedimiento sean presentados en castellano"
Ten razón A Mesa cando pide que se tomen medidas exemplares contra estes casos máis que obvios de racismo lingüístico. Aínda así,  é un asunto de  importancia secundaria o feito de que unha secretaria xudicial viguesa queira forzar leis e procedementos para expulsar de facto do seu sulgado calquera vestixio da lingua galega. O realmente grave é o que dictamina o propio ordenamento xuridíco xunto coas prácticas cotiás que fan que o que sucede neste xulgado de Vigo non sexa a excepción senón a norma.
As leis que regulan os procedementos xudiciais son tremendamente agresivas coas linguas periféricas pois impoñen a todos os funcionarios o uso do castelán. Pola contra o uso do galego é unha concesión de ámbito territorial que fica en papel mollado tan pronto como calquera das partes lle queira poñer unha mínima traba. 
No relativo aos usuarios da xustiza, é preferible ser un senegalés mandinga que un galego da Limia. O primeiro verá recoñecido en  calquera xulgado español a asistencia dun tradutor xurado. O segundo só vai poder facer a súa declaración en galego no territorio galego e aínda neste caso, non será de estrañar que haxa retrasos e dificultades porque finalmente o tribunal determine a necesidade realmente insultante dun tradutor desa extrañísima e curiosa lingua.
O problema está en que se prefire manter o sistema actual de imposición do castelán, aínda que isto supoña enormes gastos de tradución,  cando bastaría con establecer como requisito ao funcionariado xudicial o coñecemento do galego (euskera, catalán, segundo corresponda) para comenzar a dar os primeiros pasos na normalización na xustiza.
E que fai a Xunta de Galicia? Temos que recoñecer que non o ten nada fácil. O entramado de leis e organismos que defenden o uso exclusivo do castelán na xustiza é tan tupido e enleado que é imposible dar un paso sen que un ou outro elemento dunha administración xudicial belixerante decote cos procesos normalizadores, non actúe en contra de calquera intento de avance. Os goberno catalán e o vasco tiveron que enfrentarse en varias ocasións a intervencións políticas dos organismo xudiciais ao reivindicaren o coñecemento das respectivas linguas aos funcionarios xudiciais. Non se sabe que nada semellante lle acontecera ao goberno galego. Para máis INRI, lembremos que a Xunta se negou a desenvolver a versión en galego do  novo programa informático de tramitación xudicial. Non é máis que o último paso para excluir por completo ao galego do búnker da xustiza.
A doctrina do equilibrio lingüístico foi utilizada polo goberno galego para desmontar todos os avances que se realizaran en materia de normalización no ensino non universitario. Conviña preguntarse por que non se aplica esa mesma doctrina no mundo xudicial. Todos os esforzos do aparato gobernativo céntranse en xustificar o estado actual da situación. Unha vez que temos posta esta  venda diante dos ollos xa pode vir o aparato xudicial e disparar.
Despois do comentado, e co fin de que a linguaxe nomee a realidade de forma máis precisa, estaría ben que comenzásemos a substituir o discurso da co-oficicalidade para pasarmos a dicir que a lingua galega ten un estatus de simple subordinación. O seu uso non está garantido, só restrinxido. 

xoves, 21 de xuño de 2012

Buscando unha estrela



Hoxe é o Día da Música. Unha data perfecta para recomendar esta escolma musical en galego orientada ao público infantil e elaborada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL). Como mostra do que podemos atopar nesa escolma está esta canción, Buscando unha estrela, do disco O Quiquiriquí.
Cando falamos de cativos, unha das vías principais de acceso ao coñecemento é mediante cancións. Durante xeneracións aprendeuse a desaprender esta forma tradicional de mergullarse na cultura. Isto derivou nunha sociedade empobrecida, alonxada de sí. Precisamos recuperar estas cancións para que os nosos fillos poidan sentirse elos dunha cadea que se perde no tempo. Sen pasado, non hai futuro.
Nos últimos e funestos tempos as única iniciativa da Xunta para o ensino en infantil consistiron na eliminación das liñas de galego, a supresión das iniciativas normalizadoras que puxera en pé o goberno bipartito e a obriga de cubrir unha enquisa para determinar a lingua a usar nas aulas nesta etapa educativa. Os resultados coñecidos ata o momento indican que se reduciron ata un 12% a porcentaxe de aulas que se están a impartir en galego. A Consellería de Educación está tan ocupada en reducir a presenza do galego no ensino que as iniciativas educativas que tiña que poñer en pé están a ser levadas a cabo por outros organismos como, neste caso,  a CGENDL. Así unha vez máis temos que agradecerlle á Coordinadora o seu desinteresado labor. Aos outros, desafortunadamente, só lles temos cousas que reprochar; así que continuaremos buscando unha estrela.

mércores, 20 de xuño de 2012

A punta do iceberg do odio ás linguas



[P.S.: Xa non é posible ver o vídeo pois Amstel vén de retiralo.]
Este desafortunado anuncio de Amstel provocou a indignación dos valencianos porque o que presuntamente  quixeron construír como un chiste non é outra cousa que un insulto. No vídeo aparecen diversas situacións nas que unha imaxinaria aplicación do iphone consistente nun tradutor castelán-valenciano, unha tras outra, toda unha serie de frases. O resultado vén sendo sempre o mesmo, a lingua dos valencianos redúcese a unha única palabra: nano, que é a forma coloquial de chamar ou referirse alguén.
O triste do caso é que a ninguén se lle ocorrería facer un anuncio no que se mostrara aos españois como seres un tanto retrasados que só son capaces de repetir con distintas entonacións a palabra tío. Non se trata, como algún seguramente comente, de ser máis ou menos políticamente correcto. O cerne do asunto está en que o desprezo ás linguas minoritarias que está instalado na sociedade española por mor dun proxecto  sectario de carácter político. Non se pode entender doutra maneira que os encargados de argallar a campaña da compañía de cervexa non se decataran do que realmente estaban a facer: desprezar unha lingua e polo tanto a todo un pobo. Isto non é máis que o reflexo de ata que punto o racismo lingüístico está entrefebrado no imaxinario colectivo. Cómpre preguntarse quen fomenta este racismo. Non hai que dar moitas voltas para responder.


Nun moi acertado editorial do dixital Vilaweb establécese a conexión que hai entre a aparición deste spot e o maltrato que vai supoñer para o catalán a nova lei de linguas de Aragón elaborada polo PP. Esta reforma, co coñecido argumentario da imposición, vai establecer unha lei chea de retórica proteccionista na que a única garantía para o catalán vai ser que as administracións van poder usalo. E aínda así, con condicións. Dito máis claramente: non se vai prohibir no caso de que se cumpran determinados criterios administrativos. Para o español non hai ningún tipo de restriccións.
Nesta mesma semana abrollou na rede galega outra mostra de como se fomenta e mantén o odio por todo o que non leva o carimbo do español. Unha moza que amosaba orgullosa unha foto de perfil co fondo dun cartel do Grupo Parlamentario Popular de Galicia compartía públicamente a frase "nunca en mi vida odié tanto una lengua. Odio el gallego!! puaajj". Que un partido político sexa referencia para acubillar este tipo de actitudes é para pensar seriamente sobre quen son os responsables da fractura social que se está a producir arredor do conflito lingüístico.
O tuit desta rapaza ou a campaña de Amstel son consecuencia de actos inconscientes. Pola contra o proxecto de lei aragonés demostra tamén que non máis que a punta do iceberg dunha ideoloxía do odio lingüístico que se está inoculando no tecido social. O éxito desta política do odio reside fundamentalmente na aprendizaxe e o mantemento dunha actitude hipócrita a respecto do conflito lingüístico. Imponse derreter esta mole de xelo levándoa ás tépedas zonas do coidado , o respecto e o compromiso co galego. Imponse, en definitiva, un acto radical de amor.

martes, 19 de xuño de 2012

1+1=3

Atribúese ao eminente  filósofo e matemático Bertrand Russell a seguinte anécdota acontecida presumiblemente nunha conferencia sobre lóxica na que pretendía contar como unha suposción falsa pode contaminar todo o sistema de razoamento. Concretamente Russell intentaba explicar que dunha falsidade pode deducirse calquera cousa, é o coñecido en lóxica como o principio de explosión. Un inconformista do público quixo retar ao matemático:
- Todos sabemos que 1+1=3 é falso. Demóstreme por exemplo que vostede é o Papa.
- Ben, se 1+1=3 -respondeu Russell-  restando 1 nos dous membros desta igualdade temos que 1=2. De acordo?
- Si.
- Sigamos. Só hai unha persoa no mundo que sexa Papa. O Papa e máis eu somos dúas persoas. Como 1=2, eu son o Papa.

Isto é o que pasa na política lingüística galega. Pártese de supostos falsos, de aí que se acreditamos neles remataremos tomando por carta calaquera idea por disparatada que ésta sexa. Vexamos un par de exemplos tirados dun mesmo documento que vén de desvelar o dixital Praza pública. Trátase da resposta que a Consellería da Presidencia dou a unha cuestión formulada polo BNG no Parlamento sobre os "datos referidos ao uso da lingua galega no sistema educativo de Galicia"

A lingua na Formación Profesional.
Nese documento  a Xunta asegura nun parágrafo que na Formación Profresional hai "unha oferta equilibrada de módulos e materias en galego e castelán". Pola contra, no parágrafo seguinte admítese que a elaboración de vocabularios específicos nas materias técnicas da FP é un proceso laborioso das que unha parte  "se prevé que se publiquen ao longo do próximo curso académico". Hai que estar completamente cego para non decatarse da contradicción existente entre estas dúas afirmacións consecutivas dunha Xunta de Galicia que está en mans duns extremistas antigalegos que por moito que disimulen para que non se lles note a súa fobia,  non poden evitar ésta abrolle en forma de mentiras evidentes. A Consellería da Presidencia, como autora deste informe, está tan instalada na súa irrealidade que non se arrubia por asumir públicamente que 1+1=3.

Incumprimento do decreto. 
A disposición adicional quinta do funesto decreto 79/2010, coñecido tamén como o do plurilingüismo, establece que debe realizarse unha avaliación anual dos resultados do propio decreto. A Consellería de Educación non o fixo, sendo así a primeira institución que o incumpre. Nisto, en que 1+1=3, consiste a lóxica da administración que nos goberna.
O máis semellante a tal avaliación é o esta resposta que sacou á luz Praza. O principal desta resposta xa foi debullado nestes impecables artigos de David Lombao en Praza Pública ([1], [2], [3] e [4]) que destapan unha inconmensurable mentira con documentos do propio goberno da Xunta: se para implantar o decreto do plurilingüismo Anxo Lorenzo insistía en que na maioría dos centros de ensino o uso do galego superaba o 80%, este documento revela que se partía "dun uso minoritario do galego polo alumnado da xeneralidade dos centros, especialmente nas provincias atlánticas". Esta revelación, se non estivéramos enfangados na podremia, sería suficiente para toda unha serie de demisións e a inmediata retirada do referido decreto.

Un decreto ou a bóla de cristal?
A pesar de ter unha oportunidade de ouro de explicarnos a todos na Comisión de Educación do Parlamento como se está a conseguir esa suposta mellora no uso a valoración do galego por parte do alumnado, o secretario xeral de política lingüística limitouse a ler o informe da Consellería de Presidencia. Por iso non entendemos como partindo dunha situación moi desfavorable para o galego no ensino, todo mellora de súpeto sen máis que aplicar un decreto que impón condicións aínda máis desfavorables para o uso do galego no ensino. É como se a Igrexa, logo de constatar unha alarmante diminución de fieis, restrinxira o acceso ás igrexas para, miragrosamente, obter de súpeto un espectacular aumento de asistencia.
O certo é que a cousa ten a súa teoloxía. Se lemos con vagar o documento ao que decote nos referirmos, comprobaremos como sistemáticamente o panorama descrito non é outro que o dictaminado polo decreto 79/2010: a situación das linguas en infantil é a que dictamina o decreto (a pesar de denuncias de que o uso do galego é de só o 12%), a das linguas en primaria é a que dictamina o decreto, en secundaria idem (a pesar de que non existen datos de ningún organismo que o confirmen), na FP outro tanto do mesmo (aínda que non se coñezan libros de texto en galego),...
Se segundo as crenzas cristiás o verbo se fixo carne, aquí o DOG transmutouse en lingua. Ou mellor aínda, en equilibrio lingüístico. O decreto convértese así no Nostradamus do século XXI. O que agora a Xunta constata como realidade social non é outra cousa que a letra do decreto do plurilingüismo. 


1+1=3
Teño a íntima convicción de que a orixe de todos estes ataques ao galego e as necesarias mentiras que os acompañan está en que toda unha unha serie de xeneracións, a que nos goberna en particular  aprenderon as matemáticas en castelán. Por iso agora non entenden nin admiten que agora se impartan en galego.
Hai linguas que non distinguen entre o azul e o verde. Da mesma maneira os nosos consellerios e secretarios non son quen de discriminar entre o dous e o tres. Por iso cando se lles cuestiona sobre a normalización do galego non fan máis que falar do equilibrio do castelán e a necesidade do inglés, así que estas tres linguas veñen resolvéndose nas dúas últimas  esvaéndose polo camiño calquera traza de política normalizadora. E a isto fica reducido toda a política lingüística. 
Ergo eu son o Papa.



luns, 18 de xuño de 2012

Eu falo galego porque...





O alumnado do IES Chamoso Lamas do Carballiño  realizou dúas curtas en de defensa e fomento do emprego do Galego
Podes velo en Lingua de Buxo. Vía Trafegando Ronseis

sábado, 16 de xuño de 2012

III Festa da Lingua en Caldas



III Festa da Lingua das Terras do Umia.Celebrouse o día 4 de maio no auditorio municipal de Caldas e contou coa intervención do grupo de Cuntis Track 01 e a contacontos Raquel Queizás.
Vía Aquisfalamos [1] e [2]. E un saúdo ás Anas.

venres, 15 de xuño de 2012

Enchufados: o galego na rede

O 29 de maio aparecía na enleada arañeira da rede unha nova proposta humorística e en galego. Trátase de enchufados.eu
Cada número que publican adícanllo a un tema. Sospeitaba que a non tardar moito tratarían dalgunha maneira a cuestión da lingua, e así foi. No terceiro número péganlle unha volta ao galego en internet. Pareceume éste o mellor momento para poñerlle unha referencia aquí pegando unha das súas achegas.
Ademais aproveito a ocasión para lembrar que hoxe ás 20:00 hai unha convocatoria para elevar a Tending Topic o hashtag  #TwiterQuereGalego co fin reivindicar unha vez máis que o centro de tradución de Twiter escoite a queixa da comunidade galega.



A morte da inocência

por Valentim R. Fagim, no Portal Galego da Língua:

Um pai galego está na sala da casa familiar a ver um filme de desenhos animados com o seu filho, um fedelho de 5 anos. O filme em questom, com vozes brasileiras, é a Monstros S.A, da Pixar, por sinal muito recomendável para adultos. Depois de 10 minutos de película, o pai pergunta:

xoves, 14 de xuño de 2012

O galego, lingua de resistencia

por Margarida Corral Sánchez, quen nos explica como pasar de galego calante a galego falante,  en Terra e Tempo:

Non sempre fun monolingüe. Tomei conciencia da importancia de falares só e sempre en galego ao pouco de rematar os estudos universitarios. Ate o daquela simultaneaba o galego que falaba con algunhas amizades e coa miña avoa e meu avó, co castelán que era a lingua que empregaba co resto da familia, coa parella e coa maior parte da xente coa que me relacionaba. Nunca lle fora hostil ao galego. Desde ben pequena chamábanme a atención iniciativas dirixidas a protexer e reivindicar a nosa lingua, como un vello cartaz que penduraba - hai máis de trinta anos- da porta da pediatra da miña aldea, e que amosaba unha muller cunha crianza no seu peito baixo o nome de “Fálalle galego!”. E xa daquela decatábame de que feitos como que meu pai –en plenos anos 70- tomase a iniciativa de casares en galego, con invitación escrita e todo, eran tomados por moitas e moitos como iniciativas singulares ou subversivas para daquela. Dábame conta da existencia de moitos prexuízos e moita teima co uso do galego por parte de boa parte da xente que me rodeaba, pero daquela sentíame cómoda no bilingüismo e non vía urxencia en empregala de xeito normalizado en cada unha das situacións da miña vida.

Sexo, lingua e rocanrol

por Leo i Arremecághona, en Sermos Galiza:

.. que realmente todas tres, ai amigas, son a mesma cousa. Que unha miñamigha cando lle mola un perrenchón sempre di que "ten muito rocanrol". Que a lingua galega leva sexuada cando menos dende aquela camisola da Mesa. E que It's only rocanrol but I like it. It's okey, éch'o qu'hai. E deses tales tres pés do ghato imos falar na sección de Sermos que hoxe lle encetamos: Lingua Encarnada. En carne viva coma os xeonllos esfolados dos solos de ghitarra. Por que? Pois porque mo piden as/os mozas/os do Clube da Língua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, co Sèchu de intermediario. E punto. E por certo, a partir de xa, aquí, coma no escenario, admítense peticións: arremecaghona@gmail.com

Letras Galegas 2013 para Rosalía

por Luís Bará promovendo a candidatura de Rosalía de Castro para o Día das Letras do vindeiro ano, en Sermos Galiza:


Aínda que nunca se repetiu o autor ou autora homenaxeada, aínda que hai escritores e escritoras con méritos abondo para seren elixidos pola Academia, tamén concorren numerosas razóns para que Rosalía de Castro sexa a autora homenaxeada no 2013:

mércores, 13 de xuño de 2012

A mellor lección de lingua


Agora que se enxerga o final do curso veume á memoria a clase na que estudei 1º de BUP, hai tres décadas. A aula estaba ateigada con corenta rapaces, a maioría sen o menor interese polos estudos. Sabiamos que os profesores tiñan medo de entrar na nosa clase e aproveitabamonos diso. Poucos eran os momentos para traballar cun ambiente sen boureo. De entre eles estaban as horas nas que se impartía lingua galega, pois a profesora entraba con cara de can e a forza de manterse nunha tensión vixiante todos os minutos da clase, facíanos sufrir as súas explicacións en silencio. Ela non disimulaba a incomodidade que que supoñía entar naquela aula, un territorio hostil cargado de prexuízos e de desprezo polo galego que fóramos aprendendendo tanto na escola como na familia. Creo non equivocarme moito ao recordar que non máis de catro rapaces  daqueles corenta usaban decote o galego; e eu aínda non era un deles.
Lembro, sobre todo, o último dia de clase, o único en que a profesora se permitira traer un xesto relaxado á aula. Probablemente influía niso o pensamento de que, por fin, ía librarse de nós. Troxéranos un texto dun neno bretón que, precisamente no último dia de clase, explicaba a situación de completo asoballamento que vivía a súa lingua. Despois, volvería a ler ese texto ducias de veces e nel, aínda que curto e non se facía referencia algunha ao galego, eu aprendín a mirar cos meus propios ollos a realidade social da que comenzaba a ser a miña lingua.
No texto que nos entregara Merche, a nosa profesora, un neno contaba en primeira persoa, triste e impotente, que aquela era a última clase en bretón, e non porque deixara de estudar, senón porque o bretón só podía impartirse unha hora semanal durante ese primeiro grao que remataba ao tempo que o rapaz poñía fin á súa redacción.
Teño por certo que Merche nunca foi consciente disto, pero ese día recibín a mellor lección de lingua.

SLI: 'É evidente que falta vontade política de promocionar e prestixiar a lingua'

Entrevista á equipa do SLI que elaborou o dicionario moderno Galego-Ingles de 2.0,  En Tempos Dixital

Unhas 20.000 entradas, 30.000 acepcións e 60.000 exemplos compoñen o dicionario moderno inglés galego no que o Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo (SLI) traballou nos últimos nove anos. O equipo do SLI, formado por Xavier Gómez Guinovart, Alberto Álvarez Lugrís e Eva Díaz, acaba de publicar a versión en papel desta grande obra da lexicografía con 2.0 Editora. Ademais de conversar sobre o esforzo que supón elaborar un corpus tan amplo, aproveitamos para preguntarlles sobre os falsos mitos ao redor da ensinanza do galego e do inglés.
-O “dicionario moderno inglés galego” é o primeiro grande dicionario bilingüe. Por que o galego carece de dicionario bilingües máis alá dos castelán-galego?

martes, 12 de xuño de 2012

Usos lingüísticos na USC

Os datos sobre a lingua na que se redactaron as teses de doutoramento da USC no ano 2011 están recollidos do Cartafol, revista dixital do Servizo de Normalización Lingüística desta universidade.
Tal e como se indica no gráfico son os seguintes: castelán  60,75 %, inglés 19,41%, galego 12,65%, portugués 6,76%, e un resto insignificante do 0,43%  para outros idiomas. Neste uso a lingua galega leva movéndose entre un 8% e un 14% desde hai 20 anos e parece que chegou ao seu teito. Como aspecto positivo podemos destacar que se confirma unha consolidación no uso do galego para a elaboración de teses arredor da cifra dun 12%. E aínda que a maioría delas corresponden a estudos de humanidades, non deixa de haber teses en galego no ámbito científico. Para establecer un alicerce forte que permitira unha presenza máis consistente do galego nos estudos de investigación científicos compría reverter o antes posible a actual situación do ensino nas etapas inferiores cun decreto do plurilingüismo que couta unha imprescindible expansión do galego ao tempo que se desliga do prestixio social que acarrexan a ciencia e a tecnoloxía. Pola contra o inglés case duplica as súas cifras neste estudo cun ascenso espectacular nos tres últimos anos.
Para unha demorada reflexión conviña que se analizaran estes datos en comparación cos obtidos no estudo da lingua de uso na docencia na USC. Neste caso o castelán tamén se destaca cun 69%, o galego chega a un 27% e o inglés queda nun 1,82%. Estes resultados son moi semellantes aos da lingua empregada pra os traballos de fin de grao: 68% en castelán e 32% en galego. Finalmente, os mellores resultados para a nosa lingua déronse nos traballos de fin de máster, onde se alcanzou unha porcentaxe do 41% , aínda que sempre por detrás do castelán cun 55%. Neste caso o inglés quedou nun 2%. Aínda que os datos deste último parágrafo non son exactos porque non se tiña referencia de todos os traballos, como recollen os resultados de máis do 95% do total do traballos presentados, son con toda seguridade moi próximos á cifra real.
Resumindo. A proporción de uso do castelán e o galego na USC é de 3 a 1. Eis o desequilibrio que unha SXPL que esconde a cabeza baixo terra non se atreverá a afrontar.

luns, 11 de xuño de 2012

O extraterreste e Agustín Fernández Paz

Imaxinemos por un momento que un habitante doutro planeta chega onda nós coa misión de remexer no mundo da normalización lingüística . Axiña había de atopar por todas partes referencias a unha persoa, a un traballador pola lingua e a súa dignificación. . O seu nome,  Agustín Fernández Paz, vén sendo algo así como unha bandeira e un escudo da dignidade e do orgullo do galego
Tal é a forza da súa figura que el foi a escolla necesaria para a elaboración do manifesto da manifestación de Queremos Galego do 17 de maio: Voares de esperanza. O resultado demostrou que tamén foi a mellor escolla.
E quen, senón Ferández Paz, podía ser o que, con lume no peito,  recollese o premio concedido pola a AELG aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e aos Servizos de Normalización dos concellos?.
A traxectoria vital de Agustín Paz Andrade marca o desenvolvemento da normalización en Galicia. El mesmo relata esta complicada travesía na homenaxe que a CGENDL lle fixo con motivo da celebración dos 20 anos da existencia dos ENDL.
E agora vai recibir unha nova homenaxe, desta vez de ProLingua. Debíanlla. Non xa por ser membro destacado dela, senón por elevar a dignidade desta asociación aos máis altos cumes da ética cando nun inusual acto de compromiso rexeitou o Premio da Cultura. Fíxoo en coherencia co chamamento de ProLingua de non aceptar un galardón que tampouco aceptaría Rosalía.

Se ese extraterrestre finalmente se interesara pola normalización e se puxera a colaborar nela, cando se enfrentase a algún dilema sempre podería cuestionarse como actuaría Agustín Fernández Paz. Pode ser que non acertase coa resposta, pero polo menos tería ben establecida a pregunta.

Nota: para escribir esta mensaxe tomei como referencia  neste artigo(páx 85), de Fernández Paz.

domingo, 10 de xuño de 2012

O futuro do galego: desacougados e resolutos

por Joam Lopes Facal, en Praza:


O futuro do galego suscitou sempre apreensom e desacougo entre os seus falantes e cultores. Submetido a um idioma de poder, degradado da funcionalidade de que gozava em tempos nom tam recuados quando era de prática habitual mesmo em áreas de predomináncia castelá, o galego foi recuando tanto em uso social como em capacidade de adaptaçom a um mundo em mutaçom. O porvir nom augura nada bom: colapso demográfico, urbanizaçom acelerada, presom desgaleguizante dos meios, indiferença cívica: claros sintomas todos dum quadro mórbido que nom consegue reverter nem a escolarizaçom massiva nem o incipiente processo de adopçom do idioma como veículo de comunicaçom normal por um selecto segmento da cidadania, o mais culto e inquieto, a única esperança de reconciliaçom do país com a sua língua propria.

sábado, 9 de xuño de 2012

Funcionarios sen galego


Esta estampa, de Luís Davila, tirada d´ O Bichero, xa ten o seu tempo. Trata da primeira iniciava contra o galego do goberno da Xunta: a eliminación das probas que acreditaban a competencia lingüística en galego. Teño por certo que un de fóra non é quen de entender, non xa que o chiste é ben triste, senón que precisamente niso reside a graza do chiste.
Vinllo a Marlou e non resistín a tentación.

venres, 8 de xuño de 2012

Cabo Jóm e Body Milk (leccións de plurilingüismo)

Este artigo de Carlos Negro tróxume á memoria un suceso real que apuntara por aquí xa hai algún tempo: 'O xel, el gel, the set'
E velaquí o artigo de Carlos Negro en Sermos Galiza:

Hai xa moitos anos, cando aínda nos podiamos permitir o luxo da inxenuidade, algúns cidadáns deste país mesmo chegamos a acreditar que os grandes magnates do mundo empresarial tiñan a ben concederlle á nosa lingua un oco digno no andel da modernidade: foi así que, parviolos ilusos, visitamos por primeira vez os establecementos de Zara Home coa esperanza de atopar dentro un catálogo de prendas de vestir masculinas con etiquetaxe en galego. Mais saímos de alí cun edredón nórdico fabricado en Tailandia para ocultar a decepción do noso rostro.
Logo desta clase práctica de business is business, comprendemos que o primeiro paso cara ao plurilingüismo made in Galicia estaba dado: non nos estrañe, pois, que unha turista madrileña, extasiada diante da beleza atlántica da península do Morrazo, exclamase con fervor anglófilo: ¡y que vistas tenéis desde Cabo Jóm! Desde xeito, avanzamos un chanzo máis no proceso de adaptación da toponimia autóctona ao signo dos tempos, con traslación automática á fonética internacional. Porque, postos a innovar, mesmo o bilingüismo harmónico da era Fraga semella xa un arcaísmo.

xoves, 7 de xuño de 2012

Moraima


Moraima, Celso Emilio Ferreiro from Peneiro on Vimeo.

Fermosísimo vídeo. Un traballo enorme e moi coidado do alumnado de 1º de bacharelato do IES Castro Alobre de Vilagarcía. Xa postos, podemos pegarlle tamén unha visita ao blogue do ENDL deste centro: A Voz do Alobre.
Unha pedra máis (ésta de ouro) para o milladoiro do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro que estamos a celebrar este ano.
Vía Trafegando Ronseis.

Trombose

por Iolanda Mato, en Galicia Confidencial:

Vou-vos contar um caso que me aconteceu o ano passado. O conto até seria engraçado se não fosse polo drama que carrega. O drama da protagonista é o drama da nossa terra.

mércores, 6 de xuño de 2012

22 páxinas!!!

por Francisco Rodríguez, en Sermos Galiza:

Teño contacto cos xornais desde moi noviño. A miña afección ao cinema levoume a, con menos de dez anos, procurar información sobre as estreas cinematográficas en Madrid, que se producirían máis tarde en Ferrol, a través dos anuncios propagandísticos que aparecían na prensa madrileña, primeiro, e logo na ferrolá. Folleaba, pois, xornais de Madrid atrasados e de Ferrol ao día, nos anos cincuenta, franquismo pleno. Nunca fun un afervoado do fútbol, mais inevitabelmente detectei o importante espazo informativo que ocupaban entón os partidos das equipas de primeira, e mesmo, a nivel local, os de segunda división. Como os detecto hoxe, aínda sen querer...Entón como hoxe, unha información abafante e desproporcionada, tanto en relación con outros temas vitais, como en relación con outros deportes. Porén nunca, nos meus case sesenta anos de contacto con xornais impresos, vin despregue semellante ao feito polo xornal de máis tiraxe da Galiza co gallo do ascenso do Deportivo a primeira división.

As matemáticas en galego a debate no parlamento

O ensino das matemáticas en galego demostrou ser a verdadeira proba do nove que discrimina entre o respecto e o odio pola lingua de noso. O pasado mes unha moción do BNG no parlamento de Galicia procuraba restaurar os acordos aos que chegara a totalidade do arco parlamentario no ano 2004 sobre a política lingüística a desenvolver nos anos seguintes. O resultado deste consenso foi o Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL), e o que fixo o BNG por medio de Bieito Lobeira foi levar adiante unha proposta fundamentada, tal e como dixo o socialista Francisco Cerviño, tanto neste Plan como en leis de obrigado cumprimento. "Que as matemáticas e a física só se poidan explicar en castelán é unha afronta á lingua galega, é unha afronta ao prestixio da lingua galega" continuou Cerviño, quen se dirixiu aos "intelectuais orgánicos que fornecen de pseudoideoloxía autoxustificadora" para lembrar as palabras de Paz Andrade cando afirmou que o cultivo do idioma propio é un imperativo  ligado á economía pola súa proximidade ao portugués.
A intervención de Bieito Lobeira comenzou ensinando un exemplar dun libro prohibido na dictadura: Sempre en Galiza para continuar con outro libro prohibido na actualidade: Matemáticas de 1º ESO da editorial Anaya. O primeiro era perigoso aos ollos da dictura por conter os fundamentos da doctrina nacionalista, o segundo é perigoso para algúns zunantes acubillados no poder, simplemente por vir redactado en galego. Isto foi o que adiantamos nos últimos 75 anos.

O máis triste foi o papel que xogou o deputado popular Agustín Baamonde. Estaba alí como mercenario parlamentario, para xustificar o seu posto e nada máis. Negouse a ratificar que na educación primaria e secundaria o alumnado reciba un mínimo do 50% da docencia en galego, especialmente nas materias de matemáticas e tecnoloxía, tal e como viña redactado nos puntos 2.1.26 e 2.1.27 do PXNL. Un segundo aspecto que non era do agrado das bancadas populares era a reafirmación no respecto á Lei de Normalización Lingüística que determina que a toponimia ten como única forma válida a galega. Estas negativas proceden do sistemático ataque que o goberno galego mantén contra o uso e promoción do galego, especialmente por medio do desenvolvemento do funesto decreto 79/2010. Con todo, como Baamonde e os seus correlixionarios non poden presentarse diante da sociedade coa súa verdadeira cara de inquisidores que prohiben libros e desprezan o galego, non lles queda outra alternativa que o cinismo. E así, aínda despois da negativa parlamentaria a subscribir o PXNL, sen vergoña ningunha pretenden presentarse como os seus grandes defensores, especialmente en relación coa mocidade.
Lobeira e Cerviño falaron desde a responsabilidade, o respecto, o coidado e o interese polo estado social do galego. Por iso expresáronse desde a liberdade, fóra do enreixado dos prexuízos. Baamonde fíxoo no papel dun racista dictaminando  trabas e regulamentos cos que maltratar aos estranxeiros sen decatarse de que el mesmo, é un estranxeiro, por mor da lingua, en Galicia. Así Agustín Baamonde promoveu desde o seu escano a imposición do castelán no ensino das matemáticas ou a deturpación da onomástica dos concellos. Se despois disto aínda hai algúen que acredita en como se está a levar a política lingüítica será únicamente en nome do seu sectarismo e contra o sentir da cidadanía galega.
Velaquí as intervencións  de Bieito Lobeira e Agustín Baamonde:



martes, 5 de xuño de 2012

Restauración ou descastra(piza)ción

por Mercedes Queixas Zas, en Sermos Galiza:
“Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”, sentenciou Castelao.
“E logo, ti de quen vés sendo?”, inquire a nosa xente
Andando este 2012 (que non acaba de deixarse saborear en absoluto doce, aínda que isto non permita confirmar que larpeiros habelos hainos...), podemos verificar que seguimos recoñecéndonos e sendo recoñecidos, galegos e galegas, grazas ao noso idioma, aquel que nos identifica e singulariza á par das danzas dos sons doutros idiomas no mar das culturas.

Recompilación sobre o ingreso de Xosé Luís Regueira na RAG

Xosé Luis Regueira ''O futuro da lingua depende de nós, dos que falamos galego'' (05/04/2011) entrevista en El Progreso
Xosé Luís Regueira ingresará o vindeiro 2 de xuño na RAG (01/05/2012) no Dioivo
''Non hai razóns para que a gheada non se use na TVG'' (23/05/2012), Alberto Ramos entrevista a Xosé Luís Regueira para O Dioivo
Ingreso de Xosé Luís Regueira Fernández (02/06/2012) na RAG
''É unha honra entrar no senado da cultura da miña nación'' (03/06/2012) no Dioivo
Xosé Luís Regueira: ''Os mozos que se achegaron ao galego co Xabarín foron logo abandonados pola TVG''(03/06/2012) Marta Veiga entrevista a Xosé Luis Regueira para El Progreso
Xosé Luis Regueira defende a achega do galego á identidade social ao ingresar na RAG (03/06/2012) en Galicia Hoxe
"O galego chegou de maneira bastante normal á internet. Estamos ante un momento crucial" (04/06/2012) en Praza Pública

Eu, señoresacadémicos, tiven asorte, ou así mo parece a min, de nacer, dar os meus primeiros pasos e pronunciar as miñas primeiras palabras, nun mundo que xa non existe. naquel mundo a vida falaba galego,e o castelán pertencía ao mundo exterior (o cura, a mestra, a radio, a vila...). A vida falaba. Era unha sociedade fundamentalmente oral, onde a palabra dada tiña o valor dun documento asinado,...

Extracto de "Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI", discurso de ingreso de Xosé Luís Regueira e que se pode consultar completo neste documento en PDF que nos ofrece a RAG. Un texto realmente fermoso e clarificador. Grazas a posibilidades coma esta, derivadas da actividade do seu novo portal, a Academia aproximouse máis á sociedade no último mes que no resto dos 106 anos da súa existencia.

domingo, 3 de xuño de 2012

Un exemplo da mala xestión da SXPL

No mes de marzo o responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) presentaba o programa Falaredes para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) que aspiraba a chegar a máis de 750.000 persoas. O programa consistía na programación de tres tipos de actividades que se desenvolverían nos concellos da RDL. Un deles era o Titerehop, unha proposta centrada no mundo do hip-hop e dirixida no rapeiro M. C. García xunto cos monicrequeiros da Viravolta. Unha boa idea, nun principio, pero tan mal xestionada que, prácticamente, tornou en inútil.
O problema reside na forma de organización destas actividades. Os concellos que colaboraban na actividade seguramente colocaron carteis, puxeron notas nos seus webs... E os resultados están no propio blogue do Tíeterhop. A cada sesión, como norma xeral, non asistían máis que catro ou cinco rapaces. Só nun caso había unha cantidade de mozos mínimamente decente: antes de botar a andar o proxecto da SXPL, M. C. García estivo cos rapaces do IES Ramón Mª Aller, e alí si que tiña un grupiño de rapaces cos que rapear.
En conclusión, despois de pasear por 21 concellos, Títerehop só chegou a un cento de rapaces. A min, como profesor interesado na normalización, encantaríame que M. C. García viñera polo meu centro con esa actividade. De certo que se, no canto de ofrecérselle aos concellos, o Títerehop fose unha actividade administrada polos ENDL dos centros de secundaria, a día de hoxe poderíamos contabilizar máis dun milleiro de rapaces que participaran na actividade. Ademais, sendo, tal e como se anuncia, unha actividade para mozos de entre 13 e 17 anos, que sentido ten organizala por medio dos concellos e non dos institutos?
A infausta realidade é que os ENDL tiveron que restrinxir as súas actividades este curso ao dividírenselle por 3 as axudas tardías da SXPL e a propia SXPL desvía usa orzamento para premiar a adcrición dos concellos á RDL con actividades que, estando ben pensadas, esvaéronse prácticamente en fume. Con isto conseguíronse catro cousas: retirarlle os orzamentos aos ENDL que estaban sendo entidades cada vez máis activas e efectivas, premiar con actividades gratuitas aos concellos adscritos á RDL e así aparentar que a Rede é unha estrutura dinámica, baleirar de contido unha proposta normalizadora que nun principio estaba ben proxectada pero que por estar intermediada polos concellos non chega máis que a catro gatos, e finalmente gastamos os minguados cartos da normalización vacinarnos do que si podía ser unha acción de promoción do galego.
Finalmente quen saiu perxudicada? Pois, como cada vez que actúa a SXPL, a perxudicada foi a normalización.

sábado, 2 de xuño de 2012

A falacia da forma *Riveira

Sorprendeume ver neste preciso artigo da Asociación Galega de Onomástica (AGON) unha foto dun cartel que hai pouco puxera no meu blogue denunciando isto mesmo: a zunia do goberno deste concello, empeñado en destrozar o seu topónimo. Eu teño o convencemento de que se desde a Xunta non se protexera este tipo de condutas, as cousas volverían polo seu rego. Precisamente o cartel en cuestión está asinado pola Rede de Dinamización Lingüística, organismo dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Non se se me explico.

 Reproduzo o artigo de AGON:

En setembro de 1984 a Xunta de Galicia publica o decreto polo que se establece o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia de Galicia. En 2003 rematouse finalmente a normalización de todas as entidades de poboación galegas, logo de pasar por distintas fases que se iniciaron coa oficialización dos nomes dos concellos, a maioría xa no ano 1985.
Algúns casos, coma os das Pobras, foron polémicos. Outros nomes aínda merecen hoxe unha revisión, coma o caso da Cañiza (A Caniza) e o de Riós (Os Riós~Orriós). E isto só por falar dos nomes dos concellos.
Con todo chama a atención o caso de Ribeira, un asunto de insubmisión permanente ante a grafía correcta xa desde os primeiros momentos da oficialización do nome por parte da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia.

Fotografía da normalización na Estrada

Todo é empezar. O primeiro paso do Concello da Estrada foi a negación á petición de colaboración no Correlingua. Nun acto de cinismo uns poucos dias despois facía un acto para reivindicar as festas na nosa lingua: 1000 festas máis para a lingua galega (Segundo se di pola vila, serán pois 999). Despois disto o concello comenzou a pecharlle as portas á visibilidade do galego. Xa denunciamos aquí o caso dos carteis informativos: "Control de acceso por medio de huella digital". Agora anuncian un curso de fotografía dixital en castelán desde o web do propio concello. Algo incomprensible se temos en conta a tradición deste municipio no compromiso coa normalización, e aínda máis inexplicable cando polas rúas podemos ver ese mesmo cartel en galego. Será que non o puxeron os do concello. Ou será que a corporación que nos goberna non ten sensibilidade suficiente coa nosa lingua.

venres, 1 de xuño de 2012

De quen é a lingua galega?

por Manuel Rivas, en El País:

O galego non é patrimonio de ninguén. Esta é unha das frases estrela, das que alumea en neon, no discurso político dos que hoxe gobernan na maioría de institucións galegas.
Eu gusto tanto como o señor presidente desa declaración anarquista, non posesiva, verbo da lingua. No fondo, somos dous libertarios, o presidente e mais eu.

En galego.... un mar de razóns


No CPI Cernadas de Castro (Lousame), fixeron este vídeo no que se fai un relato visual dunha actividade de orgullo e potenciación do galego. Podemos ver unha exposición argallada arredor da temática do mar na que se dan, como eles din, un mar de razóns para facermos uso do galego: Porque nos diferencia do resto do mundo; porque quero ser como papi e mami; porque me peta, quero e podo; porque nos abre as portas do mundo; nada co galego no mar das palabras...ou a que máis me gustou: falar galego faime libre
Unha actividade ben pensada, moi ben realizada, cuns traballos moi vistosos, e finalmente moi ben divulgada mediante este vídeo que pode aproveitarse tanto para a programación de actividades dos ENDL como para o traballo e discusión das breves argumentacións expostas.
Vía Blog da Silva

Contra o gurgullo lingüístico

En contra da estúpida teoría da pax lingüística, a realidade demóstranos que neste momento histórico en materia de política lingüística estamos infestados do gurgullo lingüístico. Retíranse as axudas aos que defenden a lingua ([1] e [2]) e dánselle eses cartos á opaca e sospeitosa Fundación Camilo José Cela que celebra o Día das Letras Galegas cun comunicado en español. Fundación que  se adicou a actividades como a edición dos libros do seu xerente, que como non chegaban a ser distribuídos, eran queimados no xardín. Tamén reciben euros destinados á  promoción e defensa da lingua galega entidades tan recoñecidas no ámbito como a Diócese de Mondoñedo-Ferrol (premer para comprobar, como fixo Santo Tomás).
O gurgullo non para de roer. Así, para desenvolver o funesto decreto 79/2010 a Consellería de Educación envíalle aos pais de infantil unha enquisa para determinar a lingua que se empregará na aula nos tres cursos desta etapa. Eu preguntaríalle á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), que apoia esta medida, a ventaxa desta metodoloxía no canto da promoción directa da lingua restrinxida e atacada tal e como figuraba no decreto anterior. Claro que se a SXPL tamén defende a queima de libros ([1] e [2]), xa vou sospeitando a resposta.
Para ir atacando o gurgullo, cómpre facerlle caso a iniciativas como esta  da CGENDLque deixo aquí abaixo. Non será unha fumigación, con esta medida non acabaremos co gurgullo, pero é que temos que estar de parte da ecoloxía., e con algo de sorte, sendo insistentes,  algún bicho ha de caer.

2012.05.31.Nota Informativa Enquisa Infantil