Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 13 de xuño de 2012

SLI: 'É evidente que falta vontade política de promocionar e prestixiar a lingua'

Entrevista á equipa do SLI que elaborou o dicionario moderno Galego-Ingles de 2.0,  En Tempos Dixital

Unhas 20.000 entradas, 30.000 acepcións e 60.000 exemplos compoñen o dicionario moderno inglés galego no que o Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo (SLI) traballou nos últimos nove anos. O equipo do SLI, formado por Xavier Gómez Guinovart, Alberto Álvarez Lugrís e Eva Díaz, acaba de publicar a versión en papel desta grande obra da lexicografía con 2.0 Editora. Ademais de conversar sobre o esforzo que supón elaborar un corpus tan amplo, aproveitamos para preguntarlles sobre os falsos mitos ao redor da ensinanza do galego e do inglés.
-O “dicionario moderno inglés galego” é o primeiro grande dicionario bilingüe. Por que o galego carece de dicionario bilingües máis alá dos castelán-galego?

-Por varias causas, pero no fondo pódense reducir a unha: a falta de apoio por parte das institucións e doutras autoridades e axentes culturais, como as editoriais. Un dicionario é unha obra dunha enorme envergadura que implica o traballo dun grande equipo de investigadores ó longo de moito tempo. Artellar unha estrutura de traballo así supón un grande investimento de cartos; de feito outros proxectos de dicionario anteriores ó noso foron esmorecendo por falta de apoio económico. Nós conseguimos superar este atranco porque investimos o noso traballo gratuitamente; somos funcionarios públicos e cremos que obras como esta forman parte das nosas obrigas investigadoras, que van no soldo, vaia. É unha forma de devolverlle á sociedade a confianza que deposita en nós como profesores.
Por outra parte, conseguimos certo financiamento nas convocatorias de investigación da Xunta de Galicia e do Estado, que dedicamos integramente a contratar bolseiros e bolseiras que traballaron na ampliación do corpus sobre o que está elaborado o dicionario; estes bolseiros, ademais, aproveitaban o traballo que facían para desenvolver os seus Proxectos de fin de carreira. Finalmente, tivemos a sorte de atopar unha editora como 2.0Editora, que se interesou pola nosa obra e fixo un considerable investimento para publicala, ó que nós contribuímos renunciando a recibir da editorial os nosos dereitos como autores da publicación.
-Está o galego falante obrigado a pasar polo castelán para coñecer (estudar) outras linguas?
-Na práctica, si, por desgraza. Á falta de dicionarios súmaselle a falta de libros de texto específicos para galegofalantes. E malia haber libros de texto que poden ser válidos para falantes de calquera lingua, o certo é que aínda así os cativos acaban dependendo da vontade do profesor ou profesora ou do político que toque.
-O dicionario é un traballo duns nove anos. Como se escribe un dicionario? Cales son as etapas de traballo?
-O Dicionario moderno inglés-galego ten a particularidade de que está elaborado a partir dun corpus, dunha colección de 20 millóns de palabras de textos orixinais ingleses e as súas traducións ó galego. Elaborar ese corpus e preparalo para a súa explotación con determinados programas informáticos foi a primeira fase. Despois procedeuse a establecer parellas de termos en inglés e galego que en función da frecuencia de coaparición, contextos, etc. se determinou que formaban unha parella «orixinal-tradución». A seguir seleccionáronse os exemplos máis axeitados para cada caso. Obtivemos así unha primeira versión do dicionario con 20.000 entradas, 30.000 traducións e 60.000 exemplos. Por último, e antes de enviar o dicionario á editorial, cada un dos tres autores volvimos a revisar unha a unha tódalas entradas para detectar erratas ortotipográficas, erros de tradución, etc.

-O primeiro dicionario naceu en 2005 e só podía consultarse en dixital. Teñen contabilizadas o número de visitas que tiña? Coñecen de que países son as visitas?
-As visitas ao Dicionario proveñen maioritariamente do noso país. Canto á cantidade de visitantes, pódese salientar que o Dicionario (dispoñible en http://sli.uvigo.es/dicionario) é o segundo recurso máis utilizado dos ofrecidos polo noso grupo de investigación, só superado en visitas polo tradutor automático español-galego (dispoñible en http://sli.uvigo.es/tradutor).
-Por que decidiron pasalo agora a papel?
-Coas sucesivas ampliacións do corpus e do dicionario electrónico vimos que tiñamos xa un caudal de entradas significativo e semellante a calquera outro dicionario de calidade media-boa. Dado que aínda hai moita xente que segue a empregar dicionarios en papel, sobre todo no ensino primario e secundario, pero tamén entre os universitarios e moitos grupos de profesionais, chegamos á conclusión de que sería útil para quen traballa co inglés e positivo para a normalización da lingua contar cun dicionario inglés-galego.
-Cal é o próximo proxecto do SLI?
-Seguimos a traballar na ampliación de diversas seccións do corpus e en realiade xa estamos a traballar na próxima edición do dicionario, localizando máis entradas, novas traducións, máis exemplos… Temos comezados tamén os dicionarios francés-galego, español-galego e alemán-galego, pero todo dependerá de que obteñamos financiamento para contratar persoal investigador de apoio. Na páxina de recursos do Seminario de Lingüística Informática (http://webs.uvigo.es/sli/recursos.html) pódense ver tódolos recursos que ofrecemos.

O prestixio do galego e do inglés
-Vostedes son profesores de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, como docentes como pensan que se pode mellorar a aprendizaxe do galego entre os nenos?
-No caso do galego é evidente que falta vontade política de promocionar e prestixiar a lingua. Se lles ensinamos a lingua ós nenos exclusivamente en tres ou catro clases á semana pero logo ven que hai materias que non se permite estudar en galego, que o presidente da Xunta e os conselleiros son incapaces de falar correctamente, que na TVG non se coida nin a pronuncia nin a gramática, que moitos medios de comunicación cobran subvencións de normalización pero só empregan a lingua esporadicamente, etc., a mensaxe que reciben os cativos é que a lingua non é útil e non é preciso falar con corrección.
As mensaxes negativas sobre a lingua galega son un bombardeo constante
Imaxinan que Rajoy ou Merkel non se soubesen expresar con corrección nas súas linguas? Ou que nos telexornais da TVE empregasen mal o castelán? Pois iso pasa tódolos días co galego. As mensaxes negativas sobre a lingua son un bombardeo constante. Se queremos que o ensino da lingua sexa efectivo cómpre comezar por prestixiala e facer que os galegos se sintan orgullosos da súa lingua.

Dicionario moderno inglés galego
-E do inglés? Por que aprendemos inglés de caativos e despois de dez ou vinte anos non podemos falalo?
-No caso do inglés é preciso cambiar as metodoloxías docentes. Non pode ser que despois de quince anos de estudar a lingua a maioría da poboación sexa incapaz de fiar catro frases. O ensino do inglés baseábase tradicionalmente na memorización de vocabulario, estruturas e regras gramaticais, pero non se lles ensinaba ós alumnos a levar eses coñecementos á práctica. Deste xeito, se cadra, pódese estudar o latín, pero non unha lingua viva. Cónstame que hai moitos profesores que empregan xa metodoloxías máis activas nas que se prima a comunicación fronte á memorización de léxico ou estruturas, pero isto tense que xeralizar.
-É máis sinxelo aprender unha lingua nova se xa se falan varias?
-Si, cada nova lingua apréndese de forma máis sinxela e rápida. A máis complicada de aprender é sempre a primeira lingua nova, porque nos obriga a pensar doutra forma, a ver o mundo de xeito distinto a como estamos afeitos, aínda que sexa unha lingua semellante á nosa. A partir da segunda as cousas son sempre moito máis doadas porque o paso máis difícil, o de abrir a nosa mente a novas formas de expresarnos, xa está dado.
-Nos últimos días volveu a polémica sobre “o decreto do plurilingüismo” da Xunta de Galicia. Son os pais os que teñen que elexir as linguas que aprenden os seus fillos na escola?
-Non, do mesmo xeito que os pais non escollen outras materias nin outros contidos. Os pais teñen todo o dereito a elixiren a lingua na que se dirixen ós seus fillos, pero non poden privalos dunha parte importante da súa formación como persoas. Baixo a desculpa da liberdade de elección da lingua agóchase sempre un odio cara ó galego e nin o odio nin a ignorancia son opcións que se deban ofrecer no sistema educativo.
-Hai linguas máis adecuadas para aprender unhas materias que outras? Pregúntoo pola polémica de “matemática en galego, non”, “matemáticas en galego, sí”. Non dispón o galego de léxico suficiente para impartir materias de ciencias?
-Non hai linguas máis axeitadas ca outras para actividade ningunha, e moito menos para o estudo. Con esa mentalidade, aínda estariamos a estudar en latín, que durante séculos foi a única lingua de cultura en toda Europa. O galego dispón xa de ferramentas abondas para facerlle fronte ó estudo de calquera disciplina académica en calquera nivel educativo. Temos libros de texto que por certo a Xunta decidiu botar ó lixo, temos glosarios e vocabularios, material didáctico e, dende logo, a boa disposición da inmensa maioría de alumnos e profesores. O que non sempre son axeitadas son as mentalidades e as vontades dos políticos, neste caso do Conselleiro de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística, que acaban de recoñecer que falsearon os datos daquela infame enquisa sobre elección da lingua do ensino.

Ningún comentario:

Publicar un comentario