Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 29 de xuño de 2012

Goretti Sanmartin Rei: "Nos camiños do entusiasmo"



Pareceume un bo momento para recuperar esta presentación éste no que a RAG nomeou académica correspondente a Goretti Sanmartín Rei, unha veciña nosa, os seus pais eran os donos da pastelería La Palma, que estudou no instituto da vila estradense e agora é profesora titular de Filoloxía Galega  da UdC así como directora do SNL desa universidade.
No acto organizado pola Asociación Cultural Vagalumes que podemos lembrar reproducindo este vídeo, Goretti acompañada por David Otero e Pilar García Negro, presentaba o seu libro Nos camiños do entusiasmo, publicado por Xerais no 2009. De seguido van algúns apuntamentos sobre o libro.

Acordo normativo
Goretti destaca dous documentos que ben puideron ser utilizados proactivamente para avanzarmos nos eido da normalización lingüística. O primeiro deles é o acordo normativo do 2003. Non foi o suficientemente explotado socialmente desde o momento en que a propia RAG non axiliza a publicación e a divulgación deste acordo. Este primeiro documento representaba un construto colectivo dos galegos que podía marcar o punto de partida para un reintegracionismo lingüístico, fundamental para establecer un modelo diferenciado e diferenciador de lingua para irmos construíndo un modelo de calidade que se enfrentara á asimilación do castelán na que moitos por comodidade e inseguranza se instalan. Non están os tempos para deixarse levar polo conformismo, imponse o esforzo, un compromiso maior entre os utentes da lingua galega para recuperar formas que se están a perder.


Política lingüística
O outro documento que foi desaproveitado é o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), aprobado pola totalidade do Parlamento no ano 2006. Segundo a profesora este Plan só se aproveitou para facer unha visión reducionista da sociedade. Nesta liña móstrase moi crítica coas medidas adoptadas pola SXPL, non xa a dos tempos do "bilingüismo harmónico", senón mesmo coa da época máis recente do bipartito. Non é difícil aventurar os calificativos que lle asignaría á política lingüística que sofrimos a día de hoxe que levou ata o paroxismo a falta de  transversalidade das iniciativas da SXPL. A sanidade ou a xustiza, por poñer dous exemplos nada menores,  son ámbitos excluídos da súa influcencia.
Outra eiva está no continuismo na política de subvencións. Subvencións para que? pregúntase Goretti. Normalmente para nada. Sen obxectivos claros, sen xustificación e moito menos, sen ningún tipo de avaliación dos resultados. Éste é o proceder da SXPL. Deste xeito pagamos cos cartos da normalización a bispados ou confederacións de empresarios sen que isto represente ningún paso efectivo na  normalización. Pola contra, nunca se impulsou a galeguización dos medios. Máis ben invertíronse (e continúa a ser  así) enormes cantidades en medios que o único que tiñan de galegos era o papel. O galego por medio da política da SXPL transfórmase nun concepto propio da fuzzy logic e así deixa de ser lingua. Sobra recordar que a única lingua é o castelán.

Só despois de asentadas as bases dun monolingüismo social, o elemento esencial para a construción dun espazo simbólico de unión dos galegos, pode ter sentido facermos referencias ao plurilingüismo.
Confundir a formación lingüística coa política lingüística é un dos maiores males desta última que fica inútil ao reducirse en exclusiva á primeira. Como un dos exemplos comentados no libro temos o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, un saco sen fondo no que se emborcan os cartos da SXPL sen que isto supoña incidencia algunha na normalización lingüística

Goretti indica cal debe ser o verdadeiro papel da SXPL: o de actuar como cabeza e líder da restitución social do galego. Unha restitución que implica un compromiso co uso digno dunha lingua de calidade.


Ramón Vilar Ponte
Goretti reivindica a Ramón Vilar Ponte como o autor dalgúns dos discursos máis sólidos sobre a lingua e liga as aportacións feitas encol das reflexións sobre a lingua no período que vai das Irmandades da Fala ao 1936 coas aportacións sociolingüísticas galegas que desde Ramón Piñeiro, Carvalho Calero, García Negro, Francisco Rodríguez, etcétera, chegan ata hoxe.
Para aqueles que non teñan ningún interese na normalización lingüística  este libro, 'Nos camiños do entusiasmo', sobra. Para os outros é de lectura obrigatoria.
Remato cunha reflexión de Ramón Vilar Ponte extraída do libro de Goretti Sanmartín e que podería poñerse como lema do escudo de Galicia:
'Poucos pobos haberá como o galego que teñan feito tantos esforzos por desgaleguizarse, por perder as súas características nacionais máis típicas e diferenciadoras'

Ningún comentario:

Publicar un comentario