Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 3 de xuño de 2012

Un exemplo da mala xestión da SXPL

No mes de marzo o responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) presentaba o programa Falaredes para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) que aspiraba a chegar a máis de 750.000 persoas. O programa consistía na programación de tres tipos de actividades que se desenvolverían nos concellos da RDL. Un deles era o Titerehop, unha proposta centrada no mundo do hip-hop e dirixida no rapeiro M. C. García xunto cos monicrequeiros da Viravolta. Unha boa idea, nun principio, pero tan mal xestionada que, prácticamente, tornou en inútil.
O problema reside na forma de organización destas actividades. Os concellos que colaboraban na actividade seguramente colocaron carteis, puxeron notas nos seus webs... E os resultados están no propio blogue do Tíeterhop. A cada sesión, como norma xeral, non asistían máis que catro ou cinco rapaces. Só nun caso había unha cantidade de mozos mínimamente decente: antes de botar a andar o proxecto da SXPL, M. C. García estivo cos rapaces do IES Ramón Mª Aller, e alí si que tiña un grupiño de rapaces cos que rapear.
En conclusión, despois de pasear por 21 concellos, Títerehop só chegou a un cento de rapaces. A min, como profesor interesado na normalización, encantaríame que M. C. García viñera polo meu centro con esa actividade. De certo que se, no canto de ofrecérselle aos concellos, o Títerehop fose unha actividade administrada polos ENDL dos centros de secundaria, a día de hoxe poderíamos contabilizar máis dun milleiro de rapaces que participaran na actividade. Ademais, sendo, tal e como se anuncia, unha actividade para mozos de entre 13 e 17 anos, que sentido ten organizala por medio dos concellos e non dos institutos?
A infausta realidade é que os ENDL tiveron que restrinxir as súas actividades este curso ao dividírenselle por 3 as axudas tardías da SXPL e a propia SXPL desvía usa orzamento para premiar a adcrición dos concellos á RDL con actividades que, estando ben pensadas, esvaéronse prácticamente en fume. Con isto conseguíronse catro cousas: retirarlle os orzamentos aos ENDL que estaban sendo entidades cada vez máis activas e efectivas, premiar con actividades gratuitas aos concellos adscritos á RDL e así aparentar que a Rede é unha estrutura dinámica, baleirar de contido unha proposta normalizadora que nun principio estaba ben proxectada pero que por estar intermediada polos concellos non chega máis que a catro gatos, e finalmente gastamos os minguados cartos da normalización vacinarnos do que si podía ser unha acción de promoción do galego.
Finalmente quen saiu perxudicada? Pois, como cada vez que actúa a SXPL, a perxudicada foi a normalización.

2 comentarios:

  1. Nada máis lonxe da miña intención que defender a RDL, que quede claro, eh? Agora ben, si penso que o ideal sería que houbese unha relación máis fluída e estreita entre os SNL dos concellos e as ENDL dos centros de ensino, non se solucionarían todos os problemas da NL, nin moito menos, mais neste caso concreto si que se conseguiría que máis rapazada participase desta actividade.

    ResponderEliminar
  2. Creo que tes razón. E para conseguir iso sería fundamental ter uns SNL estables.
    Agora ben, se te situaras no lugar de quen programa estas actividades, a quen lle ofrecerías esta actividade, destinada a mozos entre 13 a 17 anos? Creo que é moi evidente a utilización política desta actividade sen ten en conta, máis ben en contra, do seu principal obxectivo.

    ResponderEliminar