Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 14 de xuño de 2012

O galego, lingua de resistencia

por Margarida Corral Sánchez, quen nos explica como pasar de galego calante a galego falante,  en Terra e Tempo:

Non sempre fun monolingüe. Tomei conciencia da importancia de falares só e sempre en galego ao pouco de rematar os estudos universitarios. Ate o daquela simultaneaba o galego que falaba con algunhas amizades e coa miña avoa e meu avó, co castelán que era a lingua que empregaba co resto da familia, coa parella e coa maior parte da xente coa que me relacionaba. Nunca lle fora hostil ao galego. Desde ben pequena chamábanme a atención iniciativas dirixidas a protexer e reivindicar a nosa lingua, como un vello cartaz que penduraba - hai máis de trinta anos- da porta da pediatra da miña aldea, e que amosaba unha muller cunha crianza no seu peito baixo o nome de “Fálalle galego!”. E xa daquela decatábame de que feitos como que meu pai –en plenos anos 70- tomase a iniciativa de casares en galego, con invitación escrita e todo, eran tomados por moitas e moitos como iniciativas singulares ou subversivas para daquela. Dábame conta da existencia de moitos prexuízos e moita teima co uso do galego por parte de boa parte da xente que me rodeaba, pero daquela sentíame cómoda no bilingüismo e non vía urxencia en empregala de xeito normalizado en cada unha das situacións da miña vida.

O amor ao galego irá sempre unido á lembranza tenra e leda das conversas de meu avó, quen falaba sempre en galego, dos seus chistes, o seu refraneiro, as cancións e os xogos de cando el era pequeno, as súas narracións das penurias que pasara na guerra... E facíao sempre en galego, unha lingua que só abandonaba cando tiña que falares por teléfono ou cando ía a consulta médica, por esa teima de que non ían entendelo do outro xeito, porque xa daquela a lingua que empregaban nestas esferas era predominantemente o castelán. Mágoa que non tivese aproveitado máis esas charlas cando era nena... canto tería aprendido, pero daquela importábame máis xogar e menos parolar, cousa que só reservaba para as tardes de inverno a carón da cociña de leña.

Foi na facultade cando comezou a xerarse en min esa necesidade de amosar que me sentía orgullosa de ser e sentirme galega, e que para iso ía empregar a mellor carta de presentación, a de falarmos na nosa lingua. Por moitos motivos, pero fundamentalmente porque fun por vez primeira consciente da xenreira que producía entre algunhas compañeiras e compañeiros de estudos –ignorantes e clasistas- que unha estivese orgullosa de “ser e vivir na aldea”, de ser neta de labrego e mariscadora, e de empregar de cando en vez a nosa lingua para comunicarme. Faltábame coraxe para erguerme unha mañá e dicirlle a amizades e familia que decidira dar o paso de falar unicamente en galego. E que nas entrevistas de traballo esa ía ser a miña lingua, e tamén a que empregaría cando fose a mercar algo a unha tenda, cando abrise unha conta corrente ou pedise un crédito a un banco, ía pedir que se me entregase o contrato en galego, e que meu nome mudaría a galego, con todos os cambios que isto implica a efectos de documentos oficiais (tarxeta sanitaria, documento de identidade, carné de conducir, etc.). E que ía facelo para que con este cambio, mudase tamén a percepción que de min tiña o resto da xente. Para min o galego comezou a ser algo máis ca a lingua do país, converténdose en todo un símbolo de resistencia e de rebeldía contra a opresión.

Durante este tempo sucedéronse miles de anécdotas relacionadas co seu uso. Porque é difícil vivir en galego. A lóxica non é algo que vaia unida á realidade do noso país. Por incríbel que pareza, desde que das o paso, como diría Carlos Callón, de seres galego calante a galego falante, decátaste de que non é doado como parece. Comezando polo escaso ou nulo apoio institucional que recibe, e rematando pola hostilidade e a exclusión contra quen defendemos o seu uso. Non interiorizamos aínda que en Galiza hai dereitos lingüísticos que hai que respectar. Tes que enfrontarte con traducións simultáneas na hostalería ao pedir unha consumición, que te obrigan a voltar a enunciar o pedido unha vez máis en galego, para respostar á tradución feita polo persoal nun bucle sen fin. Ou cando logo de ver o nome en galego se refiren a unha pola súa tradución ao castelán. Cando comezas a ser unha excepción ao mercar un coche e pedir o contrato do financiamento do seu custe en galego, e ao non estar dispoñíbel tes que achegar un prego de reclamacións. As eternas discusións con operadoras de telefonías que ou ben pásanche con persoal que che fala en catalá ou directamente cólganche por dirixirte a elas en galego. Ou cando solicitas que che fagan un contrato de traballo en galego. Ou a nómina. E respostan que o programa informático non che deixa. Botádelle unha ollada aos sinais da estrada. Non falemos da toponimia deturpada en cantidade de documentación que chega aos nosos fogares. Canto persoal da administración se dirixe a nós en galego cando llo pedimos? Cantas discusións temos que iniciar para que che fagan en galego os planos dunha casa, a peritaxe dun accidente, ou mesmo un seguro de fogar? Se mesmo a pesares de ser o galego a 36ª lingua do mundo en que máis se tuitea (e a 3ª do estado español, por detrás do castelán e do catalán, e por diante do euskera) carece de versión ao galego en twitter. Se botamos unha ollada a moitas das cartas dos menús, dos rótulos dos comercios, dos bancos, mesmo da administración ou do SERGAS, comprobaremos que o galego non ten a presenza que debería ter.

A pesares destas eivas, as persoas galegofalantes loitamos día a día por acadar unha normalización do noso idioma. Porque somos conscientes de que o futuro do galego depende da perseveranza na loita. Temos que ser teimudas, esforzarnos por conseguir avances nesta loita.

Por iso desde a primeira entrevista que mantiven na Galiña Azul solicitei o meu dereito a que as nenas fosen escolarizadas en galego, do mesmo xeito que fixen cando matriculei á maior na escola. Son das que tiven sorte, porque topeime con mestras sensibilizadas. Isto garante que as miñas fillas serán galegofalantes desde o seu inicio na fala, na súa socialización, que terán unha competencia comunicativa en galego, cando menos, nos seus primeiros anos de vida. Todas as nais e pais que escolarizamos ás nosas crianzas debemos telo presente. Temos dereito a que as nosas fillas e fillos aprendan en galego.

Hai uns días, preguntáronlle á maior polo significado do 17 de maio. Chegaron a conclusión que ao figurar en vermello no calendario era porque había que parar, como cos semáforos, así que non se tiña que ir á escola, do mesmo xeito que sucede os domingos. A mestra faloulles de que era o Día das letras galegas, e se sabían que podía significar esta data. Faia, de tres anos, ergueuse e coa total seguridade de saber “do que se fala”, segundo contou a mestra, respostou: “Nós vivimos nun país que é Galiza. En Galiza temos unha lingua que é o galego. Eu falo galego, pero vos non. Por que non falades en galego? non vos dades conta de que se non o falades, a lingua se perde? Por iso existe o día das letras galegas”

Esta anécdota éncheme de orgullo. É unha mostra de que o futuro do galego depende moito da nosa capacidade de resistencia. Hai esperanza. Existe futuro para a nosa lingua. É forte. Vive entre todas e todos nós.

Ningún comentario:

Publicar un comentario