Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 5 de xuño de 2012

Restauración ou descastra(piza)ción

por Mercedes Queixas Zas, en Sermos Galiza:
“Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”, sentenciou Castelao.
“E logo, ti de quen vés sendo?”, inquire a nosa xente
Andando este 2012 (que non acaba de deixarse saborear en absoluto doce, aínda que isto non permita confirmar que larpeiros habelos hainos...), podemos verificar que seguimos recoñecéndonos e sendo recoñecidos, galegos e galegas, grazas ao noso idioma, aquel que nos identifica e singulariza á par das danzas dos sons doutros idiomas no mar das culturas.
Marca imborrábel do noso ser máis individual constitúe a identidade onomástica, para a que a diacronía testemuña, máis unha vez, termos sido vítimas da máis bárbara castra(piza)ción.
Topónimos, antropónimos e apelidos de noso foron historicamente sometidos a irracionais procesos de deturpación, fóra de todo soporte filolóxico, que conduciron os nosos sinais de identificación individual, xeográfica e familiar, mediante manipulacións (pseudo)lingüísticas, á negación do noso idioma e da identidade cultural que conformaba, e á superposición dunha oficialidade común superior, imposta sen consulta previa nin respecto pola coacción á que se sometía a todo un pobo.
Porque a localización espacial e o imaxinario identificativo ao que tan sonoramente nos conduce unha Mariña ou Alexandra, un Brais ou Antón, Lois e Uxía, non poderá ser a mesma que para unha Marina, Alejandra, Blas, Antonio, Luis o Eugenia. Sen dúbida, son representacións diferentes que tamén falan por nós e de nós.
Porque, asemade, é obvio recoñecer(se) galego e galega nos apelidos de teu (Areosa, Barreiro, Bouzas, Bugallo, Chao, Couselo, Fariña, Ferreiro, Fraga, Oliveira, Patiño, Pereira, Pousa, Soutelo, Vilar, Veiga...). Mais, pola contra, ficas diluído cando a prexuizosa antipatía de antano dos representantes da igrexa e dos funcionarios do rexistro civil, desde o estrito cumprimento da lexislación emanada do poder centralista, nos pretenderon confundir inscribíndonos como Villarino, no canto de Vilariño, ou Dávila por Da Vila, Novoa por Nóvoa, Sotelino por Souteliño, Rey por Rei, Lage por Laxe, Seijo por Seixo, Requeijo por Requeixo, Teijeiro por Teixeiro, Eijo por Eixo, Freijeiro por Freixeiro ...
Ben sei que se me arremedará que estes últimos antropónimos non foron castelanizados, pois graficamente permanecen sen alteración a respecto das formas galegas medievais. No entanto, sabémolo ben porque o barómetro da rúa así nolo confirma, o desmedido afán castra(piza)dor para a pronuncia das grafías “g” e “j”, que soarían en orixe ben parecidas ao noso “x”, e totalmente afastadas da pronuncia do iota castelán, impuxéronse oficial e popularmente co sotaque españolizante, polo que, ao meu ver, faise necesaria, en todos os casos, a súa recuperación na forma orixinaria galega, mais desde unha perspectiva fiel e, ao tempo, actualizadora.
Urxe, xa que logo, asegurarmos os nosos apelidos, moitos deles transmitidos interxeracionalmente, fincármolos na terra novamente desde a súa restauración, se non queremos correr o risco de desapareceren como marcadores de identificación galega.
Só neste meu sorprendente país, o sempre ben lembrado e estrañado avó Ricardo se podía apelidar, consolidando a ascendencia paterna, Queijas, e ser nativo dun lugar da parroquia recoñecida e mencionada por todos como Queixas. Ou aínda máis, ser identificado oficialmente co apelido materno Fuentes e ser recoñecido na contorna como “dos Fontes”. Cal é o verdadeiro documento de identidade?
Para aquelas persoas que aínda continúen a acreditar en que o galego non tivo nunca en fronte de si unha lexislación española anuladora e prohibitiva, cumprirá lembrarlles o contido do artigo 54 da Lei do Rexistro Civil, de 1957, onde se obrigaba a que os nomes se rexistrasen en español, posto que "No puede imponerse al nacido (…) su traducción usual a otra lengua”. Pola súa banda, o artigo 55 incidía no severo control antroponímico uniformizador: “El encargado del Registro (…) procederá a regularizar ortográficamente los apellidos cuando la forma inscrita en el Registro no se adecue a la gramática y fonética de la lengua española correspondiente”.
A literatura legal foi modificada posteriormente na Lei 40/1999, que permite a restauración para o galego de nomes e apelidos, así como o cambio da orde destes, vencendo prexuízos patriarcais, o que posibilitou que moitos galegos e galegas procedesen a inscribiren os seus fillos no Rexistro Civil con nomes propios na nosa lingua e outros solicitasen a restitución da forma galega correcta dos seus nomes e apelidos, cuxo trámite tamén agora se simplificaba significativamente.
No que a min respecta, nesta tarefa persoal de ir espíndome das capas de cebola que amargan, gostei de recuar hoxe no tempo e reler no libro de familia a seguinte nota manuscrita na páxina 16:
“NOTA: Los apellidos de la consorte Dª María Mercedes Queijas y Zas han sido modificados, pasando a ser en lo sucesivo QUEIXAS Y ZAS según resolución de la Dirección General de los Registros y del Notariado ...”
Sobre a lingua empregada no documento por aquel funcionario do Rexistro Civil da Coruña falaremos outro día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario