Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 25 de xuño de 2012

Máis aló de Pedrafita...

por Manuel Núñez Singala, en Sermos Galiza:

Imaxino que moitos galegos que marcharon da súa terra, ou que simplemente traspasaron as súas fronteiras para volver axiña, foron os autores dunha frase que todos temos oído algunha vez: “máis aló de Pedrafita o galego non serve para nada”.

Trátase dunha sentencia esaxerada pero comprensible, orixinada pola constatación de que o galego ten fronteiras. Do mesmo modo que as ten o castelán, ou o francés, ou o inglés mesmo. De feito todas as linguas as teñen. Non hai aínda, nin haberá nun futuro próximo, unha única lingua de comunicación. E o papel do inglés neste cometido é aínda moi, moi limitado, como sabe calquera que teña viaxado polo mundo e se desviara, por pouco que fose, dos camiños máis frecuentados. Nese sentido, máis aló das diversas Pedrafitas, unha única lingua, sexa esta a que for, non é abondo para entenderse cos demais.
De feito se esta frase fixo fortuna é porque denuncia precisamente isto do que estamos a falar: os límites do monolingüismo. Sábeo moi ben calquera emigrante, calquera viaxeiro, calquera que pense: unha única lingua é pouco, cómpre falar máis. E ademais a capacidade de expresarse en varias linguas é sempre fonte de sabedoría e sinal de intelixencia. O propio cerebro humano parece ratificalo ao mostrarnos a súa capacidade para adquirir sen aparente esforzo suplementario dúas, tres ou máis linguas de xeito simultáneo dende os primeiros anos de vida, sempre e cando a situación sexa propicia.
Por iso os sistemas educativos dos países máis avanzados do mundo insisten nas vantaxes do plurilingüismo. Mesmo o noso sistema educativo está comprometido cun ensino trilingüe: galego, castelán e unha terceira lingua que case sempre é o inglés. Pero como todos sabemos, e as autoridades educativas parecen ignorar de maneira interesada, o que no papel pode ter moi bo aspecto estase reducindo na práctica a un rancio monolingüismo a favor do castelán.
Todos os rapaces en Galicia son quen de falar castelán. Pero hai unha cantidade crecente que non poden expresarse en galego cun mínimo de corrección, e moi poucos pasan duns coñecementos rudimentarios na terceira lingua. No caso do idioma estranxeiro a mellora da competencia segue sendo mínima, e no do galego e do castelán estase cometendo o erro de tratar de maneira igualitaria a dúas linguas que se atopan en moi diferente posición, o que leva a perpetuar e acentuar as diferenzas.
E en que situación nos atopamos agora? Por un lado temos un discurso institucional que enche a boca de plurilingüismo, e polo outro unha poboación que camiña a toda velocidade cara ao monolingüismo en castelán. Estou seguro de que algún día comprenderemos que isto supón unha traxedia, o que non teño tan claro é que o comprendamos a tempo para lle poñer remedio. E de seguirmos así non tardaremos en escoitar o lamento: “máis aló dos Pireneos...”

Ningún comentario:

Publicar un comentario