"Petiscos de ciencia" é un concurso de vídeos de divulgación científica da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC que tivo a primeira convocatoria este ano.Trátase dun concurso semellante a "Explícoche matemáticas 2.0" da CNL da Facultade de Matemáticas.
O primeiro premio foi para este vídeo de Irene González Calvo e Raquel González Calvo, coordinadas por María José Mato Castro, do IES Adormideras (A Coruña)
O segundo premio foi para de Manuel Villaverde Framil, coordinado por Manuel Vázquez Mourazos, do IES Arcebispo Xelmirez I (Santiago de Compostela)
Este é o vídeo que montou de divulgou o BNG da Coruña e que leva unha chea de visualizacións nas redes sociais. A min recordoume o anuncio da pizza de Casa Tarradellas, a vos non?
O BNG presentouno coa seguinte mensaxe:
Nas vésperas do Día das Letras Galegas 2021, lanzamos un vídeo coa historia dunha rapaza que se decide a falar galego na nosa cidade. Si, é certo q a lingua perde falantes, mais tamén o é que cada día se incorporan ao seu uso moitas persoas, tamén o é que hai futuro e esperanza! Todos os días hai boas noticias para a normalización da nosa lingua, como a de esta rapaza a tomar a decisión de falar galego na nosa cidade. O asunto clave é que estes impulsos desde abaixo se vexan acompañados pola complicidade das institucións públicas. Infelizmente iso non se está a dar no noso país en relación ao goberno galego, en mans dun gabinete, o de Núñez Feixóo, que é o autor da primeira lexislación na historia da comunidade autónoma que reduciu a presenza da nosa lingua nas aulas. Canto á cidade, se ben timidamente, si que se deron algúns pasos adiante, como a recente aprobación da Ordenanza do Galego, impulsada polo BNG da Coruña, un necesario impulso á normalización do noso idioma cuxo cumprimento loxicamente vixiaremos. En todo caso, claro que queremos galego e querémolo como presente e como futuro; querémolo porque nos fai ser o que somos; querémolo, como di a rapaza no vídeo, “porque si, porque me gosta, porque me peta, porque me sae de dentro, de aquí do fondo... porque teño esperanza!
Parte dos argumentos que usa a moza para dar o paso de comeza a falar galego están tirados do texto 18 razóns (desesperadas) para falar galego na Coruña que Antonio M. Fraga escribiu para seu blog O Lugar do Sapo. Obrigad@s por nos permitires o seu uso! Aquí o texto completo.
Como parte das actividades da V edición de 21 Días co galego, o alumnado de 3º da ESO do Forgar de Santa Margarida (A Coruña) propónenos o reto de resolver este Pasagalego.
Trinta e tres anos despois da entrada en vigor da Lei do uso do galego como lingua oficial das entidades locais, no Concello da Coruña vimos de aprobar a ordenanza para o uso da lingua galega poñendo así fin a unha anomalía histórica. Somos a derradeira das grandes cidades galegas en dar este paso, Vigo e Santiago aprobaron as súas ordenanzas en 1988, Ferrol no 97, Ourense no 98, Pontevedra no 2004 e Lugo no 2012.
Velaquí o resultado da política lingüística da Xunta, e de España. Os reporteiros da cadea La Sexta fixeron o experimento de pedirlle a tradución ao galego de varias frases a rapaces da Coruña. O resultado foi un desastre total. Hai algún mozo galego que coñeza palabras de uso tan común como "maceira" ou "porco"?
O descoñecemento total da nosa lingua por parte das novas xeracións no que o funesto decreto contra o uso do galego no ensino ten moita culpa. Pois, que viva o Xacobeo!
Pronto se vai celebrar a 3ª edición de Malas linguas, esa xanela aberta da Deputación da Coruña á reflexión sociolingüística cargada de ideas ben construídas arredor da situación das linguas, especialmente da nosa, nunha época na que o paradigma é o silencio arredor deste tema. En varias ocasións xa apareceron por aquí referencias a esta feliz iniciativa ( [1], [2], [3], [4]
) e agora pareceume unha boa ocasión para compartir as reflexións de Encarna Otero sobre o tema que dá título a esta entrada: "Do xenocidio ao lingüicidio"
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organizaron unha homenaxe ao escritor Xabier P DoCampo, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e unha das voces máis singulares e galardonadas, o 29 de maio no teatro Rosalía Castro da Coruña.
O acto foi presentado por Yolanda Castaño. Interviron: Ensino: Alfonso García Sanmartín, Xavier Senín e Fina Casalderrey. Activismo: Suso de Toro, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Bragado. Literatura: Paco Martín, Mª Xesús Fernández, Xosé Cobas e María Canosa. O relato oral: Paula Carballeira. E a música na voz de Miro Casabella. Lectura da súa obra por parte de Daniel Laxe, Leire Bonome e Uxía López.
O declive da toponimia tradicional na Coruña como exemplo dun proceso xeralizado. Reportaxe de Nós Televisión a partir dun traballo de Iván Méndez publicado pola RAG dentro dos Estudos de Onomástica Galega IV. Os nomes das rúas
Manuel Bragado xa fixo unha crónica da súa experiencia na homenaxe que a AELG e Asociación Cultural Alexandre Bóveda lle fiseron a Xabier DoCampo, "primeiro ao pé da súa casa, onde se descubriu unha placa, e máis tarde cunha velada literaria no Teatro Rosalía de Castro". Aínda que nunca é o mesmo vivilo que velo nun vídeo, non sobra este vídeo para os que non estivemos presentes nesa xornada. Moita xente, moitas voces, todas intentando devolver unha parte da amizade coa que Xabier Docampo os desbordou a todos.
Este foi o resume que fixo Galiza-Contrainfo do desenvolvemento da xornada do 17 de maio en Vigo e na Coruña. Tanto nestas cidades como en todos os lugares nos que se se fixo efectivo o chamamento de Queremos Galego!, leuse este manifesto.
Conferencia do historiador Antonio Míguez Macho na II xornada de Malas Linguas, organizada pola Deputación da Coruña no que se procura definir o marco histórico no que se comeza a interromper a transmisión interxeracional do galego. Preténdese indagar no xeito violento no que os pobos abandonan a súa lingua e como as xeracións posteriores herdan o trauma vinculado á violencia e á represión lingüística.
Para a II xornada de Malas Linguas, organizada pola Deputación da Coruña, achegáronse os argumentos de Iria Ramos como experiencia de galega na sanidade pública. Cal é a actitude da Administración respecto do uso da lingua? A pouco que nos mergullemos no portal do Sergas (https://www.sergas.es/), cantas máis pantallas pasemos, máis se deturpa o uso do galego e nas pantallas ás que só teñen acceso os profesionais, o galego fica excluído.
"YO SOY UNA BURRA. YO NO SE HABLAR" Este era o lema dun cartel que lle colgaban a unha compañeira de Luz Fandiño por falar en galego. Luz é unha voz viva do sofrimento da represión lingüística durante a dictadura. Cómpre escoitala unha e mil veces para saber como se xeneralizaron os prexuízos.
Na anterior entrada xa faciamos referencia a estas xornadas organizadas pola Deputación da Coruña na que se presentaban as intervencións da xornada desenvolvida no Pazo de Mariñán o pasado 23/20/18. Segundo o programa dese día, aínda nos faltaba a intervención da tarde protagonizada por dous referentes no traballo normalizador: Nel Vidal e Valentina Formoso.
O primeiro deles propuxo non dirixir os discursos ás institucións, senón levalos a accións. Fixo memoria dun dos Cursos de Verán de Carballo no que se publicara Unha outra guía para a intervención lingüística.
Todas as accións sociolingüística deben ter tres características esenciais: empatía, positividade e a proactividade. Como mostra, tres botóns: apego, "gústame o galego", "cantas cousas".
Rematou a súa intervención falando da inmersión lingüística, indicando que "o goberno galego non está en contra da inmersión, está en contra do galego"
Valentina Formoso reclamou uque todo discurso de defensa da lingua tivese un sustrato mínimo e irrefutable. A lingua é patrimonio, polo tanto ten valor e hai que conservalo, ademais as linguas suman. Pódese usar a lusofonía como unha porta especialmente para os galegos pero advertiu que apelar a este discurso pode ser unha navalla de dobre fío.
O esencial é emitir discursos variados pois a non todos lle vai servir o mesmo para achegarse ao galego pois cada quen ten o seu pasado lingüístico e os seus prexuízos.
Valentina distinguiu entre as accións a levar a cabo segundo nos dirixamos a contornas galego-falantes ou castelán-falantes. Aos primeiros hai que reforzarlles a idea de que son modelo, que serán os transmisores da lingua e con eles hai que traballar a calidade lingüística e os comportamentos diglósicos. Nos amientes castelán-falantes cómpren políticas de inmersión, tal como aquelas liñas de galego en infantil. Destacou que non existe ningún programa da Xunta para inmersión de forasteiros. Comentou que nos centros de ensino se levan a cabo programas de inmersión en español aos inmigrantes hispanoamericanos, que xa saben español e que pola contra fican excluídos da integración na nosa lingua. Cómpren programas de inmersión, e programas ben organizados nos que forme e informe a profesorado e familias.
A Deputación da Coruña organiza as xornadas Malas linguas para facer diagnose, analizar a situación actual e, desde aí, trazar, imaxinar e coller folgos para continuar o camiño da normalización lingüística do galego, en definitiva, para redifinir a folla de ruta da política lingüística e centrala na a activación de falantes no século XXI.
O primeiro en intervir foi Suso Acevedo quen comenza co acertado concepto dos "anos da peste. Avogou por non teimar en falar da diglosia, nin tampouco na normalización, porque adquiriu matices pexorativos e propón usar outros termos como "igualación" xa que por unha banda indica que a situación do galego está en inferioridade con respecto á do castelán, proponse unha igualdade e ademais deixa en evidencia a quen se opoña.
Rosa Berrio (USTEC-STEs/SomEscola) explica que SomEscola naceu no 2011 cando a Lei Wert atacou a escola co catalán como lingua vehicular. Antepóñese con carácter lúdico a todos os agravios ao catalán. Comenta como a política lingüística vai sempre a remolque das reivindicacións sociais. Fala da necesidade da imersión lingüística como primeiro paso para a revitalización da lingua, pero con isto non basta, cómpre socializar a lingua.
Marcos Maceira (A Mesa): é obvio que o galego é a lingua propia de Galicia. Pero temos que facer fronte ao racismo lingüístico, así vémonos esixidos de xustificación constante de falar en galego. O panorama é tal que é máis fácil atopar material en inglés ca en galego nas escolas infantís. O ataque chega ata o punto de que o ensino da historia de Galicia está excluído por mor da LOMCE ou a que se dea o caso de que a TVG é a única televisión autonómica que non ten unha canle adicada ao mundo infantil.
Jasone Mendizábal (Euskaltzaleen Topagunea/Proxecto Tosta) explica en que consistiu o Proxecto Tosta, un proxecto fundamentado na ecoloxía sostible. Arredor deste proxecto programouse un festival itinerante e elaborouse un manual para axentes culturais.
Diego Espiña Barros, profesor de literatura comparada en Chicago, ofrece a súa testemuña como galego no exterior.
A actriz María Vázquez expón a súa experiencia baixo a epígrafe "Argumentos para o galego". Coméntanos que as películas gañadoras dos Mestre Mateo 2002, 2003, 2004, 2005, 2006, 2007, 2008, 2009, 2010, 2011, 2013, 2014, 2015, 2016, 2017. Só nas edicións do 2012 e 2018 as gañadoras foron para películas en galego cando se supón que os Mestre Mateo son os premios do audiovisual galego.
Clara e Carla, dúas alumnas de 4º da ESO do IES de Monelos (A Coruña) colleron a cámara de vídeo e polas rúas da cidade foron recollendo diversas opinións entre a mocidade sobre a lingua galega. Despois de visto o panorama, desde a Xunta aínda se xustificará a prohibición das aulas en galego.
Un ano tras outro facemos referencia neste blogue á iniciativa 21 días co galego , por ser un traballo referencial na normalización lingüística. Por múltiples razóns, nesta ocasión, foise adiando esta entrada. Entrementres 21 días co galego recibiu un merecido recoñecemento da Academia Galega ao seren invitados nunha xornada de Encontros coa xente nova que se celebrou por primeira vez o pasado día 08/05/18 na Rúa Tabernas nº 11 (A Coruña)-
Quen mellor relatou este Encontro foi o portal educativo Botónsnun artigo cargado de información e con vídeos propios no que se daba conta fiel do desenvolvemento do acto. De alí recollín este vídeo, coa intervención de Lía Lema, alumna do Colexio Fogar Santa Margarida, cun discurso realmente impresionante e que debería divulgarse e fomar parte do peto educativo para a reflexión sociolingüística.
Lía é de Laxe, chegou á Coruña hai 8 anos. Explícanos como actúa a presión lingüística do español para o cambio de lingua e propón algunhas consideracións sobre o uso do galego e a súa situación actual.
Hoxe escribimos dende o optimismo, dende a alegría de saber que as cousas poden mudar. Ou que podemos axudar a que muden: con intelixencia, vontade e imaxinación. Hai cinco anos, unha profesora do instituto da Pobra do Caramiñal, Pilar Ponte Patiño, con alumnos de ESO e Bacharelato, botou a andar unha experiencia que xa corre polas redes. Rapaces e rapazas de 15 e 16 anos, moitos deles non galegofalantes, aínda que cunha competencia elemental no uso da lingua, comprométense a vivir tres semanas (21 días) usando decote a lingua galega: nas aulas, cos amigos, coa familia, na vida común, no lecer, dentro e fóra da casa. Tres semanas en galego, reflexionando sobre o que esa práctica significa, as dificultades que atopan, as contradicións, os prexuízos… Ao rematar a xornada, o rapaz ou rapaza conta nun vídeo a súa experiencia nas últimas 24 horas.
Este é o videoclip do grupo Os nenos da vella, gañador do primeiro premio na categoría infantil do II Certame de música infatil e xuvenil Quero Cantar. Foi rodado na cidade vella da Coruña baixo o paraugas da Deputación da Coruña.
O grupo musical gañador está formado por Noa (voz e percusión), Mikel (caixón e coros) e Yune (baixo e coros); acompañados de Javi, o seu mestre de música.