Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 28 de agosto de 2026

O ichó do bilingüismo simultáneo


 por Xosé-Henrique Costas, no Nós Diario:

É cada día máis frecuente toparmos á venda nas librarías do país unha mesma obra de autoría galega publicada simultaneamente en galego e en castelán sen nos indicaren cal é a orixinal e cal é a tradución (aínda que o supoñamos). E que moitas librarías nos metan polos ollos a obra en castelán. Deste xeito, por un lado o mercado vende autorías bilingües que non son tales e, polo outro, facilita doada e preferentemente o acceso á obra en castelán. E non hai que ser moi espelido para saber cal é a versión que se espalla nos medios de comunicación máis vendidos. Secasí, a pretendida oferta bilingüe equilibrada xoga sempre en contra do galego.

martes, 18 de agosto de 2026

Un plan con trampa

 


por Luís Álvarez Pousa, en Tempos Dixital:

Daquela, e para sorpresa de todos, Fraga Iribarne fíxolle a onda a un plan de normalización da lingua galega que recibiu o plácet unánime do Parlamento. Non o exprimeu como debera, pero tampouco o desvirtuou. Foi polo que o bipartito que o sucedeu na Xunta puido aproveitar para avanzar tirándolle partido a algunhas das máis de 400 medidas propostas, como a da impartición dun mínimo do cincuenta por cento das materias educativas en galego. Pero chegou Feijóo e, enmendándolle a plana ao mesmísimo don Manuel, cortou de raíz: envolveuse no discurso da imposición, que tanto eco tivo en La Voz de Galicia e demais medios acólitos, quitoulle rédito electoral e tirou por elevación contra o Plan do 2004 impoñendo no ensino un decreto para protexer o castelán e o inglés fronte ao galego, por invasor. O mundo ao revés. Naquela altura, todos os indicadores científicos amosaban unha lingua galega en estado depresivo e minguante.  

domingo, 16 de agosto de 2026

A lingua de Lía

 por Antón Riveiro Coello, en La Voz de Galicia:

Lía vén de nacer en Vigo e cavilo no mundo que agarda por ela, a escola á que irá, as amizades que fará e, inevitablemente, pregúntome tamén en que lingua vivirá. Na casa non teño dúbidas. A súa familia falaralle en galego, igual cós seus curmáns Aldán e Airas. Escoitará contos, cancións e conversas na lingua herdada. Pero iso non abondará. Transmitir o galego na familia deixou de ser garantía para que unha nena o poida incorporar con naturalidade á vida cotiá.

mércores, 5 de agosto de 2026

Un plan do galego para Rueda


 por Manuel Bragado, no Nós Diario:

Cando Alfonso Rueda encargou ao dezao José López a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude sabía moi ben o que quería. Desactivar o conflito do galego e diluílo nun preparado desaborido para Feijoo e Tellado nos seus faladoiros madrileños. Con todo, Rueda, participante nas mobilizacións de imposición do galego de febreiro de 2009, pretendía que o seu goberno mantivese liña por liña o decreto 79/2010 de Plurilingüismo e ofrecese ao mesmo tempo "un pacto pola lingua", a semellanza do consenso histórico que se conseguira en 2004 no derradeiro dos gobernos de Fraga. En definitiva, unha cuadratura do círculo de cuxo inevitable fracaso se culpabilizaría á oposición, sobre todo ao BNG, e as organizacións galeguistas, como a Mesa pola Normalización Lingüística, ás que chama extremistas e promotoras da imposición do galego e das políticas de inmersión lingüística.

luns, 3 de agosto de 2026

Futuro para o idioma ou plan do 'show'?



por Marcos Maceira, no Nós Diario:

O pasado 15 de xullo a Xunta presentou a revisión do Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNLG) de 2004. Un show descrito perfectamente nestas páxinas por Manuel Xestoso, que contrasta coa acción real da Xunta a respecto do idioma, tanto nos 17 anos que pasaron desde o retorno ao goberno do Partido Popular, como estes dous últimos con Rueda á fronte. Pasado o día, PP e Xunta condicionan a súa obriga de actuar a favor do galego a que as entidades sociais de todos os ámbitos que llo reclaman, acepten a rebaixa.  

sábado, 1 de agosto de 2026

A lingua dos convencidos


 por Ismael Ramos en El Diario:

“Sempre escribes en galego?”. A pregunta aparece en actos e entrevistas tanto fóra como dentro de Galicia. Cando sucede fóra, a maioría das veces hai nela un matiz de curiosidade xenuína, sobre todo se quen a fai é monolingüe. Existe un desexo inocente de saber máis, de aprender. Intúese nela, ás veces, mesmo certa xenerosidade. En cambio, cando a pregunta se enuncia dende dentro, os matices son máis variados: a evidencia do galego como lingua non normalizada fronte ao español, a perpetuación de prexuízos e estereotipos lingüísticos que a miúdo cremos superados —estar sempre á defensiva resulta tan aburrido!— ou a ignorancia máis absoluta. É neste último caso, cando xa non sinto rabia, só tristeza.