Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 27 de xaneiro de 2023

Divulgando ciencia en galego


Fátima Barros, estudante de Medicina na USC, abordou o papel das redes sociais como canle de divulgación científica: a ciencia en galego como ferramenta de normalización lingüística. Outro vídeo máis da CTNL nesa magnífica iniciativa que é LGx15

venres, 20 de xaneiro de 2023

Domingo Frades, moito amou a súa fala

 

por Francisco Fernández Rei, nas Voces de ProLingua:

 

O 18 de decembro do 2004, na sede coruñesa da Real Academia Galega desenvolveuse un plenario extraordinario, co mesmo ritual de entrada dos académicos e académicas de número, para acoller catro correspondentes: tres en representación das comarcas estremeiras de Asturias, León e Zamora, e un pola rexión de Xálima (ou Val do Ellas), dos somontes da Serra de Gata en Cáceres, onde, en palabras de Lindley Cintra, existe un «falar também essencialmente galego», que, como o «falar fundamentalmente galego, mas com leonesismos, de Castelo Rodrigo e de Riba-Coa no séc. XIII», débese a repoboadores galegos frecuentemente lembrados pola toponimia (1). Xosé-Henrique Costas bautizaría como valego esas falas de Cáceres.

xoves, 19 de xaneiro de 2023

Os nosos dereitos lingüísticos: vivir en galego. A avogacía exercida dende o galego: casos e sucesos

Velaquí a 8ª edición do LGx15, o evento de charlas organizado pola CTNL. A primeira achega desta edición está protatonizada por Elsa Quintas Alborés avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística.

Elsa expuxo a lexislación da que nos podemos valer para conseguirmos vivir en galego, as contradicións normativas e as grandes lagoas existentes na lexislación respecto das linguas e os falantes. Mencionou supostos especiais que foron abordados pola Liña do Galego

martes, 17 de xaneiro de 2023

Conversa Bernardo Penabade-Valentina Formoso


Conversa de Bernardo Penabade e Valentina Formoso da serie "Ensino formal de galego. O que está a faltar? "
Despois duns requilorios sobre o ensino do portugués nos centros dos dous protagonistas da conversa, comeza unha análise profunda e moi interesante sobre a normalización da lingua desde o ensino.


 

venres, 6 de xaneiro de 2023

Trece anos e un día

Dende hai 13 anos sento na noite de Reis diante do ordenador, abro o editor do blogger, coloco a foto do camelo á esquerda e escribo unha entrada lembrando os primeiros pasos que daba nesta Carta Xeométrica

Se un comproba na columna da dereita o arquivo do blogue decatarase de que o número de publicacións dos últimos anos (unhas 150), especialmente do que acaba de rematar (só 101), reduciuse considerablemente. En boa medida isto é debido a que me comprometín conmigo mesmo a manter máis actualizado o outro blogue que teño, Retallos de matemáticas, que non é máis que outra forma de furar na normalización; neste caso, reivindicando desde a práctica o emprego da lingua galega no mundo das matemáticas. Si, aínda estamos tan atrasasados que aínda hai que facelo. Si, o ensino das matemáticas en galego continúa a estar prohibido. De aí xurde a necesidade deste dous blogues.

Espero continuar moito tempo, sobre todo moito tempo despois de que ese tipo de prohibicións quedaran atrás.

xoves, 5 de xaneiro de 2023

O milagre das maiorías lingüísticas no Censo de Poboación

 


por Mauro Fernández en Praza Pública:

O castelán ten maioría de falantes en Galicia, pero o galego tamén. O último Censo de Poboación e Vivendas do ano 2021 infórmanos de que a maioría (o 64%) das persoas residentes en Galicia falan castelán coa familia sempre ou frecuentemente. Pero tamén nos di que outra maioría (o 57%) falan sempre ou preferentemente galego. E imos xa polo 121%! Para que logo digan algúns que Galicia non é un “sitio distinto”.

mércores, 4 de xaneiro de 2023

Lingua e nacionalismo galego

 


por Miguel Anxo Bastos Boubeta en Nós Diario:

Leo con desacougo as estatisticas que informan de que a lingua galega xa non é de uso maioritario na nosa terra e sobre todo de que se está a perder de forma alarmante o sue uso entre os máis novos, algo que levo xa tempo constatando. Non son eu de votar culpa en outros dos malos resultados das estratexias en política lingüística, sexa na Xunta, no ensino, nos medios de comunicación de masas ou en calquera outra institución das que adoitan ser responsabilizadas deste fenómeno, sen buscala primeiro en men mesmo e logo de ser o caso extender parte da responsabilidade a praxe política ou cultural dos que nos reclamamos defensores da nación galega.

 

luns, 2 de xaneiro de 2023

Lingua en estado de alarma

 por Marcos Maceira en La Voz de Galicia:

Saltan as alarmas cada vez que se publican datos sobre o uso do galego. Especialmente cando o censo do INE de 2011, como no último de 2021, sinala que eran pouco menos da metade de galegas e galegos quen empregaban maioritariamente a lingua propia, natural e orixinaria do país, a que nos fai visíbeis e audíbeis como pobo con plena capacidade de se desenvolver.