Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 20 de xaneiro de 2023

Domingo Frades, moito amou a súa fala

 

por Francisco Fernández Rei, nas Voces de ProLingua:

 

O 18 de decembro do 2004, na sede coruñesa da Real Academia Galega desenvolveuse un plenario extraordinario, co mesmo ritual de entrada dos académicos e académicas de número, para acoller catro correspondentes: tres en representación das comarcas estremeiras de Asturias, León e Zamora, e un pola rexión de Xálima (ou Val do Ellas), dos somontes da Serra de Gata en Cáceres, onde, en palabras de Lindley Cintra, existe un «falar também essencialmente galego», que, como o «falar fundamentalmente galego, mas com leonesismos, de Castelo Rodrigo e de Riba-Coa no séc. XIII», débese a repoboadores galegos frecuentemente lembrados pola toponimia (1). Xosé-Henrique Costas bautizaría como valego esas falas de Cáceres.

 

Nese plenario insólito -nunca tal cousa se fixera nin se volveu facer en honra dos académicos correspondentes- simbolicamente estaba representada toda a Patria da Lingua Galega; e nese acto, en nome da RAG, tiven o privilexio de contestar os discursos “A inocencia da lingua”, de Carlos Xesús Varela Aenlle (Eo-Navia); “Dos megos nos soutos”, de Héctor M. Silveiro Fernández (Bierzo galegófono); “A carrixa no castañeiro”, de Felipe Lubián Lubián (As Portelas); e “Por que estó contentu de falar?”, de Domingo Frades Gaspar (Val do Ellas) (2).

 

O pasado martes 10 de xaneiro faleceu Domingo Frades Mingus, que nacera no 1936 en San Martiño de Trebello. Fora axente de Extensión Agraria do Ministerio de Agricultura e autor de traballos sobre apicultura estremeña. Falante da variedade mañega do seu concello, desde que tomou contacto co latín comezou a apreciar e a recompilar vocabulario, costumes e poesía popular, á vez que investigou con entusiasmo e divulgou con paixón a Fala propia da súa comarca natal, converténdose no referente indiscutible no relativo ó Val do Ellas. Da súa autoría son diversas publicacións sobre aspectos da historia, da cultura e da fala desa comarca, entre as que estarían Sierra de Gata: donde empieza Extremadura (1983) e Vamus a falal. Notas pâ coñocel y platical en nosa fala (1994), cunha 2ª edición do 2000, revisada e ampliada.

 

Presidente da Asociación Fala i Cultura desde a súa creación no 1992, da que formaban parte persoas das Ellas, de San Martiño e de Valverde do Fresno, no discurso de ingreso á RAG manifestou que esa Asociación «nun pretendi sel A FALA nin A CULTURA das tres Vilas i si traballal dóndi, cómu, cuándu i cuantu poi por esis temas»; e engadiu que nos doce anos de singradura, con pequenos traballos, fora «lograndu dignifical, prestigial, cambial actitudis, alcanzal recuñucimentu desti gran tesoiru que con un “Velei” te mostraban i guardaban eno axual das agüelas, contentus de mantelo i entre temerosus i meiu avergonzaus a maiuría dos falantis anti a “cultura” i a “socieai”, “institucións” i visitantis que, a maiuría pasaban con cascus castellanus sobre os “vulgarismus, arcaismus e incultura” dos que o que tiñan que fel era “hablar en cristiano”».

 

Vino por primeira vez en maio do 1999, cando en mañego se dirixiu ós asistentes do Congreso sobre “A Fala” celebrado nos “tres lugaris”, que organizaran a Junta de Extremadura, a Unión Europea, Adisgata, Fala i Cultura e a Universidad de Extremadura; e esa tarde convidou os galegos á súa “boiga” onde nos agasallou coa súa conversa e co seu viño. Antes do acto da RAG, en Galicia volvino oír falar en mañego na Casa do Concello de Moaña en maio do 2004; e meses despois en Agolada, cando lle outorgaron o I Pendello de Prata. Nesta ocasión agasallou os amigos galegos cun libro recén editado, Callejeiru Mañegu, con poesías en mañego sobre cada unha das rúas e dos moradores desas rúas, no fermoso e ben conservado San Martiño de Trebello.

 

Unha década despois publicou unha obra admirable, a tradución Novu Testamentu en Fala (2015). No “limiar”, Juan M. Carrasco sinala que esta publicación «convencerá sin duda a los propios hablantes de que es posible producir textos escritos de cualquier naturaleza en su variedad local». A lingua que atopamos neste libro non é unha koiné das variedades da Fala, pois, como salienta Carrasco, Domingo Frades optou por reproducir as características propias do mañego, «y dentro de ellas se ha decidido por las soluciones personales que más le satisfacían. Adviértase a este respecto que se trata de una persona culta, con conocimiento de idiomas (incluído el latín), que ha estudiado, trabajado y residido fuera de San Martín».

 

Ó longo das súas páxinas, o infatigable estudoso fai un claro achegamento ó sistema grafemático do galego moderno, particularmente nas sibilantes, pois agora non distingue as xordas e sonoras da súa fala mañega. A palatal sonora represéntaa con , grafía que usa, xunto con , para a xorda; e nas sibilantes non palatais usa para a xorda (nosa [ˈnosa]) e tamén para a sonora (casa [ˈkaza]).

 

Dez días antes de morrer chegoulle ás súas mans a primicia da publicación da compilación da súa obra poética, Versus valeoris da nosa fala. Poesía mañega completa, publicada pola gobernamental Editora Regional Extremeña en edición da doutora valverdeira Ana Alicia Manso Flores e do profesor galego Xosé-Henrique Costas. Logo de cinco anos na editora por fin vía a luz a poesía mañega completa de Domingo Frades, o mellor cantor das terras e das xentes do val que vertebra o río Ellas, o mellor valedor da póla do galego medieval que agromou nas abas do monte Xálima.

 

Que a terra lle sexa leve. Tal como figuraba no encabezamento da súa necrolóxica, Esti mañegu amó muto aos seis, ao sei lugal i á súa Fala.

 

Cacheiras (Teo), 12 de xaneiro do 2023.

 

(1) Luis F. Lindley Cintra: A linguagem dos foros de Castelo Rodrigo. Lisboa: Publicações do Centro de Estudos Filológicos, 1959, p. 535.

 

(2) Os discursos recolléronse na publicación A herdanza da lingua. O galego de Asturias, León, Zamora e Cáceres, dispoñible en https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/book/180

Ningún comentario:

Publicar un comentario