Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta terminoloxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta terminoloxía. Amosar todas as publicacións

mércores, 24 de abril de 2019

Novidades no bUSCatermos



Xa hai máis de 6 anos que se puxo a andar o bUSCatermos, o portal da USC que nos facilita a procura terminolóxica. Mais, se agora volvemos a traelo aquí é porque hai algunhas novidades. A súa apariencia gráfica continúa a ser a mesma, porén despois de introucir algún termo, poden desenvolverse varias capas de información. Especialmente podemos acceder a información específica do termo en distintas linguas. Ademais mellorouse a posibilidade de enviar comentarios ou achegas sobre os termos consultados premendo en no vocablo opina, e agora ofértase a posibilidade de compartir a ficha correspondente á voz coa que esteamos traballando; velaquí o exemplo de desvío padrón.
Quizais o mellor sexa ver este vídeo no que se nos explica todo isto con completa claridade.

mércores, 9 de maio de 2018

Dío en inglés, que queda máis moderno: o caso dos ‘badges’

por Xusto Rodríguez, no GCiencia:

Se algunha vez cursastes un MOOC, estaredes familiarizados cunha palabra coa que eu batín hai unhas poucas semanas, ao rematar a miña primeira experiencia de formación por esta vía. Xa comezara algún outro, pero… ai, a falta de constancia!

domingo, 1 de abril de 2018

168 pasos cara á normalización

por Iván Area Carracedo, en La Voz de Galicia:

Non lembro exactamente a data. Era un mes de agosto e podería ter eu arredor de 10 ou 11 anos. Estaba de excursión nun autobús indo ao norte de Portugal cun grande amigo meu, dentro das actividades das «Jornadas do Ensino de Galiza e Portugal». Antes de chegarmos á alfándega, o pai do meu amigo preguntoume polo permiso paterno/materno necesario para entrar en Portugal. Non o levaba comigo. Ao chegar ao control, subiu unha parella da Guarda Nacional Republicana para facer a oportuna revisión de pasaportes. O meu amigo mais eu estabamos sentados na última fila do autobús, xunto co seu irmán e a súa irmá. A medida que a parella avanzaba cara a nós, xunto co organizador José Paz que ía explicando quen era cada unha das persoas, o medo era maior. Ao chegar a nós, José Paz dixo: «Aqui os meus filhos: Jorge Paz, David Paz, Núria Paz, e Iván Area». E a parella respondeu «óptimo». Pasado o susto, e xa en Portugal, entrei nunha oficina (posibelmente) da Caixa Geral de Depósitos coa intención de trocar un billete de 500 pesetas (aqueles azuis con Rosalía de Castro) en escudos. A persoa que me atendeu preguntou simplemente ‘canto’ e eu respondín ‘cinco centas’, que interpretou como ‘cinco contos’ (cinco mil -pesetas-). Este malentendido foi máis complexo de resolver que o permiso para entrar en Portugal. Penso que foi a primeira vez que tiven conciencia da importancia dos números en galego.

mércores, 14 de marzo de 2018

Palabras secuestradas, palabras liberadas






















Parémonos un momento a reflexionar en como valoraríamos un goberno que prohibe palabras como democracia,  referéndum, liberdade de expresión,...
A mesma valoración merecía un goberno que non mermitise o uso destas palabras no seu contexto natural, isto é, no debate político, na lexislación, no sistema educativo....Nunha sociedade occidental actual iso sería inimaxinable.
Se o secuestro terminolóxico se referise a palabras como cotanxente, grafo, multiplicación ou topoloxía, a nosa consideración iría aínda máis alá. Efectivamente, alén da valoración moral e política cualificaríamos a situación con adxectivos como kafkiana, irracional, surrealista.,...
E se vos dixera que isto está a suceder agora e aquí?
O pasado luns (11/03/18) o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o responsable do Seminario de Lexicografía desa mesma institución, Manuel González, presentaron xunto a uns representantes dun grupo de traballo de terminoloxía matemática, a actualización de 168 termos do dicionario da Academia. Esta boa nova non o é só desde o punto de vista puramente lingüístico. Chega máis alá porque “un paso imprescindible para a normalización é o establecemento dunha terminoloxía suficiente e precisa”. Nesta mesma liña, destácase a preocupación "pola prohibición do emprego da terminoloxía matemática no ensino non universitario vía o decreto 79/2010 "pois un segundo paso esencial para a normalización é o uso natural da lingua no seu contexto. No caso dos termos matemáticos este contexto está nas aulas de matemáticas, especialmente do ensino non universitario, que é onde se aprende o significado dos mesmos.
Velaquí un grupo de palabras secuestradas. Pídovos que as liberedes nas aulas de matemáticas. Son vosas:

anelaplicaciónarranxobasebicadráticabilinealcentenaconxunto (baleiro), cordacosecantecotanxentecovarianciacrebadocubocadrado (perfecto), desviacióndesvíodeterminantedivisorelipseesferafocofracción , grupografohomeomorfismohomomorfismohexadecimalimaxeinterpolacióninterpolarintervalolímitemaximizarmedianamediaminimizarmodamódulomultiplicaciónmultiplicadornegativonúmero (abstracto, alxébrico, composto, e, i mixto, perfecto, pi, números_congruentes), optimizaroctalóvaloparámetroperimetralpipolinomialrecíprocaregresiónrestasecantesecuenciasucesiónsumatanxentetopoloxíatransitivaunidadeuniónunitario (conxunto)varianciavarianza

Como vedes, non son todas mais en todas elas poderase ver unha mensaxe como na da imaxe que acompaña esta entrada, informando da actualización. Certamente hai máis palabras que estas que se referencian aquí, pero non teñades medo a usalas. Non se gastan. Máis ben ao contrario, canto máis se usan máis forza cobran.
E quen pode ter medo de que as palabras, e con elas a lingua, cobre forza?

martes, 2 de xaneiro de 2018

Notas sobre as II Xornadas de terminoloxía matemática

Os pasados días 28 e 29 de novembro celebráronse na Facultade de Matemáticas as II Xornadas de terminoloxía matemática. Velaquí van unhas notas (parciais)  sobre como se desenvolveron. Os comentarios que non se atribúen a ninguén son meus.
As notas refírense sobre todo ás contribucións do primeiro día porque me interesaba especialmente dar conta tanto dos materiais en galego como dos aspectos terminolóxicos en discusión.

Materiais didácticos de matemáticas para secundaria
Sandra Sambade tiña a difícil tarefa de pescudar polo material en galego para o ensino secundario. Adiantou que o funesto decreto 79/2010 foi como o cabalo de Atila e que pouco queda. Velaquí a recompilación dese escaso material:

Material elaborado en galego
Matemáticas: habelas hainas, queremos contarchas!. 8 Vídeo-conferencias dunha xornada organizada na Facultade de Matemáticas o 09/11/17
No espazo Abalar hai un total de 21 (16) recursos en galego para a ESO fronte aos 159 en castelán. Chama a atención que os poidamos atopar no repositorio Abalar, da Consellería de Educación, cando é precisamente este organismo o que prohíbe a impartición de aulas de matemáticas en galego. Ata este nivel chega a hipocrisía.
6 dos materiais foron elaborados por Pila para 1º da ESO (Xeometría plana no mobiliario urbano (aula virtual) , Áreas e perímetros, Circunferencia e círculo, Triángulos, Polígonos e Xeometría plana no mobiliario urbano)
Outros 6 de xeometría plana elaborados por Teresa Otero e Alicia Pedreira para 2º da ESO (Polígonos,  Puntos e rectas notables, Puzzles matemáticos, Semellanza. Teorema de Thales, Teorema de Pitágoras, Triángulos)
Aparece 1 de álxebra (que realmente non existe) e outro, O xogo da oca (II), que é para Primaria
Actividades de reforzo, Xeoclic  que a min non me funcionou, (1º ESO)
Aprende xeometría (2º ESO)
Finalmente tamén están referidos os materiais EDAD da LOGSE de 1º, 2º e 3º da ESO pero trátase de aplicacións que requiren dunha versión obsoleta da máquina virtual Java, e que polo tanto non funcionan. Ao non haber persoal da Consellería con coñecementos da materia o desastre e a desorganización son a divisa do Abalar.
Para o bacharelato atopamos 51 unidades didácticas procedentes do IES San Clemente e unha de integración numérica do Proxecto Descartes que volve a ter o problema da desactualización.

Material traducido.
Aquí temos a maior parte dos recuros, especialmente os do Proxecto EDAD, con 12 unidades didácticas interactivas para cada unha das 6 materias de matemáticas que se imparten na ESO.
Tamén está Geogebra, que conta cunha versión en galego grazas aos contribuidores que verquen ao galego as actualizacións desta aplicación na que podemos elaborar e atopar recursos.

Libros
No relativo aos libros de texto, ao estar prohibida a publicación dos da ESO, non hai ningún. Pero prácticamente temos o mesmo panorama nos do Bacharelato, a pesar de que aquí si que podería habelos Sandra só os atopou en Anaya. Outras editoriais de gran implantación como S.M ou Santillana non os ofrecen en galego.

Publicacións
No apartado de publicacións temos os libros da colección Lemniscata e a revista Gamma, ambas distribuídas por AGAPEMA. (Aquí podemos acceder ao nº 13 de Gamma) e un libro de Antom Labranha O universo matemático (Xerais 2017).
Grazas ao labor dalgúns profesores promocionando e titorizando revistas elaboradas por alumnos temos Mathesis, do IES Otero Pedrayo (A Coruña) e no blogue Tetractis de Gonzalo Temperán, no IES Monelos (A Coruña).

Blogues
Tamén hai blogues de matemáticas en galego, (poucos) e neste artigo de Manuel Vilariño temos unha recompilación.

Outros materiais
Finalmente S. Sambade fixo referencia a outros materiais, que quizais non admiten clasificación nos apartados anteriores. Aquí temos, por exemplo, todos os recursos xeométricos do profesor de debuxo Paulo Porta e a unidade didáctica María Wonenburger. Unha matemática adiantada ao seu tempo. de María José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar, unidade didáctica, editada pola Xunta e o portal Matemáticas en pé de igualdade, da U. de Vigo sobre mulleres matemáticas
O concurso Explícoche matemáticas 2.0, que desafortunadamente non ten un portal propio, aínda que teñen os vídeos na canle de You Tube da facultade.


Materiais didácticos de matemáticas para a universidade
Alberto Cabada, catedrático da Facultade de Matemáticas, dou conta do breve listado de publicacións  de matemáticas do nivel universitario:

Tamén fixo referencia ás publicacións da SGPEIO. Aquí vou destacar as que se publicitan no seu portal: os boletíns INFORMEST e o libro Á Estatística, ¡en caricaturas!.
Cabada tamén se referiu a unha publicación de carácter terminolóxico, Termos esenciais de matemáticas para a economía e a empresaFinalmente falou das máis de 200 unidades didácticas que se elaboraron por iniciativa do SNL da USC. De entre elas hai algunhas de matemáticas:

Evolución e fixación do léxico matemático en galego
Xusto Rodríguez explicou que se está traballando para mellorar e ampliar con certos termos propios da matemática o dicionario da RAG. Neste sentido comentou que a Academia non fixará léxico especializado. O obxectivo non é que a Academia nos forneza de léxico, somos nós, os usuarios, os que debemos facer uso del.
En termos xerais hai poucos conceptos matemáticos en galego e están pouco difundidos. Tamén temos a sensación de que está deficientemente fixado porque hai pouco material científico en galego. Para unha maior fixación cómpre que se aumenten os contidos matemáticos. Así e todo, o léxico matemático, está bastante ben asentado. Basta que o comparemos co propio da informática para decatármonos.

O caso do léxico da estatística
Carlos L. Iglesias Patiño demostrou ser o campeón da innovación terminolóxica estatística galega, non hai termo especializado desta materia que se lle escape. Un exemplo: propón o termo mostraxe por rebandamento paracutt-off sampling, e non perde a ocasión de lembrar que mostraxe é un substantivo feminino.
Trasladou a idea de que a batalla da fixación terminolóxica en galego está perdida na imprenta pero que pode gañarse no mundo das TIC. Lembrounos que o Instituto Galego de Estatística (IGE) sempre empregou a lingua galega, aínda que considera que non o fixo coa suficiente precisión terminolóxica. Destacou que no portal do IGE hai un portal educativo e un vocabulario estatístico que poden ser de interese tanto para o ensino desta disciplina como para a divulgación da súa terminoloxía.

Algúns termos problemáticos
Xosé M. Masa centrou a exposición nas súas teimas terminolóxicas: alxébrico vs. alxebraico, euclidiano vs. euclídeo, veciñanza vs. entorno. Respecto a este último citou como o denominaba Hilbert -umgebung-, Frechet -voisinage-, ou como se di en portugués -vizinhança-. Rescatou da memoria propostas como a de carapucho esférico que aparece na versión dixital do Vocabulario de matemáticas (galego-castelán-inglés-portugués) [USC,1995], mentres que no libro aparece o termo calote esférico. Lembrou con cariño o temro conxunto senlleiro (referíndose ao conxunto unitario) do colectivo Vacaloura. Tamén se referiu ao termo inglés countable, en referencia aos conxuntos, que significa "finito ou enumerable", e que se debería aceptar contable con esta acepción para non ter que repetir unha e outra vez esa alocución -finito ou enumerable-. En México usan o verbo mapear, traído do inglés mapping, outro caso de posible adaptación para a nosa lingua. Pola contra, por veces a contaminación do inglés parece excesiva, como exemplo está a denominación de esfera unidade -unit sphere- vs esfera unitaria. Isto lembroume outro caso, que Masa non comentou nesta ocasión, que é o de círculo osculador -osculating circle-, que non ten moito sentido, pois o concepto refírese á circunferencia polo que se debería denominar circunferencia osculadora.
Para rematar a súa intervención fixo algunhas críticas ás decisións terminolóxicas da RAG. Empezou por  lineal (exclusiva do español) vs linear, o termo recollido en portugués e inglés, lineare en italiano, linéaire en francés, linearen en alemán,... Tamén criticou que o dicionario RAG recollera polinómico no canto de polinomial mentres que si aparece binomial. Finalmente apostou polo termo limitado ou límite superior e límite inferior no canto de cota superior e inferior. 

A segunda xornada
Comenzou esta xornada tratando sobre A lexislación actual no ensino das matemáticas en galego. Neste apartado fixen un repaso da lexislación desde o final da ditadura ata os tempos actuais. Resumindo: actualmente estamos como ao final da ditadura. Despois tocoulle o turno a Valentina Formoso, quen fixo unha detallada exposición dos prexuízos presentes na sociedade hoxe en día e que son os que, en boa medida, dificultan un discurso hexemónico de consenso arredor da lingua.
Laura Díaz Calaza e Soraya Suárez Quintas debullaron as asúa contribucións no estudo da dialectoloxía e mostraon como a estatística é unha ferramenta versátil para este propósito.

domingo, 19 de novembro de 2017

II Xornadas de terminoloxía matemática


Co obxectivo de reflexionar sobre a situación da lingua galega en diversos aspectos das matemáticas, a Comisión de Normalización Lingüística de Matemáticas organiza as II Xornadas de terminoloxía matemática que se celebrarán no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas da USC os vindeiros días 28/11/17 e 29/11/17.
No seu día, hai 4 anos,  xa informamos da celebración das I Xornadas de léxico matemático (curiosamente cambiou a terminoloxía na denominación das xornadas), da que saíu unha comisión para elaborou unha proposta de mellora do vocabulario matemático para o dicionario da RAG e da que esperamos, a non tardar moito, teñamos confirmación da propia sección de terminoloxía da Academia das súas conclusións finais.
Estas xornadas demostran que hai lingüistas, matemáticos e profesores que están interesados e implicados na normalización da lingua galega desde a súa actividade profesional a pesar das prohibicións impostas desde un goberno da Xunta que demostra acotío ser un enemigo declarado do galego.

Toda a información, e formalización da inscrición, aquí

sábado, 30 de abril de 2016

A Chave e a artesa

A Chave
A carta de presentación do proxecto A Chave é un canto á normalización:
O proxecto da Chave súmase ao esforzo colectivo de lle dar valor e prestixio á lingua galega. A Chave quere contribuír a que abandonemos os vellos prexuízos lingüísticos e, antes polo contrario, que sexamos unha sociedade con maior consciencia lingüística, máis animada a coñecer e a usar o galego.
Polo de agora A Chave ofrece unha colección de léxicos de elaboración propia cos nomes galegos das algas, os cogomelos, as bolboretas, os anfibios, os réptiles, as aves e os cetáceos. No futuro tamén teñen previsto traballar na elaboración de dicionarios. Ademais, A Chave ofrece un directorio coas ligazóns a sitios web de referencia do ámbito da lingua, a cultura e a sociedade.

A artesa
A artesa nace dos XVIII Encontros para a Normalización. Consiste nunha caixa de recursos que nos permitirán crear espazos propios para o galego:

martes, 14 de outubro de 2014

Chiando e rechouchiando



No seu día xa se comentara neste mesmo blogue o proceso do nacemento do twitter en galego. Agora atopamos esta reportaxe sobre o twitter en galego na que entrevistan ao seu promotor, Carlos García Vieito.
Aproveitando a ocasión recollo unha anotación do Portal das Palabras sobre o termo rechiar (rechío, rechiado) no que se destaca que segundo o Dicionario da RAG é 'producir ao rozar un son áspero e desagradable', un significado sen relación semántica co cantar dos paxaros. Porén desde hai ben pouco, seguramente con posterioridade ao artigo do Portal das Palabras, si que aparece rechouchiar (e consecuentemente rechouchío, rechouchiado) como 'Compartir [un chío alleo] na rede social Twitter'. Penso que non sería mala idea recoller esta aportación terminolóxica para trasladala á rede social.

sábado, 5 de outubro de 2013

Xornadas de léxico matemático

As Xornadas de léxico matemático celebraranse os vindeiros días 5 e 6 de novembro na Facultade de Matemáticas da USC. Organizadas pola Comisión de Normalización desa facultade, aspiran a ser un lugar de encontro de xentes interesadas no uso da nosa lingua nas matemáticas, para intercambiar experiencias e puntos de vista, para saber de nós e, idealmente, ir tecendo uns medios que permitan a colaboración regular neste terreo.
A Facultade de Matemáticas vén esforzándose desde hai un tempo en facer agromar algúns destes medios, e estas Xornadas queren tamén servir de escaparate para difundilos e dinamizalos.
Entre estes medios contamos coa rolda de léxico, o concurso de vídeos Explícoche matemáticas 2.0 e a  nova iniciativa sobre Galipedia, que pode axudar a visualizar as matemáticas en galego.
Esperamos que esta iniciativa, que ten vocación de continuidade, marque un fito relevante na normalización da expresión matemática na nosa lingua.

INSCRICIÓN
A inscrición é gratuita. É necesaria para obter o certificado de asistencia, precísase nome e dni.
Pódese facer enviando un mail indicando xornadas no asunto a: zmatdeca@usc.es .
Data límite: 24 de outubro.
Homologación da Consellería de Educación, en trámite

venres, 15 de febreiro de 2013

Dicionario inútil?

Un novo exemplo da metodoloxía da política lingüística da Xunta. Preséntase un traballo que pode contribuir á normalización e reclúese dentro das oficinas da SXPL.
Acaba de publicarse unha nova ferramenta para avanzar no uso da lingua galega no ámbito da hostalaría: o Dicionario de alimentación e restauración. É unha recompilación dos termos da linguaxe gastronómica e culinaria relevantes desde o punto de vista conceptual ou denominativo. O seu obxectivo é contribuír á normalización da terminoloxía gastronómica e culinaria en lingua galega, resolver dúbidas puntuais sobre os termos e facilitar a comunicación entre os profesionais do sector. Recolle aproximadamente 3000 conceptos, con 3600 denominacións en galego, 3700 equivalencias en castelán e 3500 en inglés, ademais de 320 nomes científicos.
Foi obra do TERMIGAL, o Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e mais da Real Academia Galega. Este traballo pode ser a base dun proceso de normalización no ámbito da restauración, porén todo indica que o goberno non está por este labor. Basta con lle botar un ollo á nota de prensa emitida pola Consellería de Educación, onde o que se destaca é a asistencia do consellerio á presentación do dicionario e o propio dicionario vese reducido a unha desculpa para redactar a nota. Non se aproveita a presentación para ofrecer conxuntamente un programa de normalización das cartas dos restaurantes, nin hai un convenio con, por exemplo, a Asociación de Hostelerios de Compostela, para promoveren unha galeguización das súas ofertas.  Aínda máis, nin tan siquera aparece unha ligazón para descargar o dicionario que se ofrece libremente desde o Centro Ramón Piñeiro ou desde a RAG.
Tampouco achamos nin a máis mínima referencia ao dicionario no que debería ser o primeiro lugar onde tivera coñecemento e uso del: no Centro Superior de Hostelería de Galcia.  Pero claro, este centro de formación, directamente ligado coa Secretaría Xeral de Turismo, non ten tampouco o sano costume de manter os seus perfís das redes sociais en galego.

xoves, 22 de novembro de 2012

A utlidade da terminoloxía matemática en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC promove unha rolda de discusión de terminoloxía matemática: o LEXI_GA_MATH, aberta a todos os interesados no uso correcto do vocabulario específico desta ciencia. Esta anotación quer ser tamén unha invitación a apuntarse nesta lista a todos os interesados en fornecernos dunha terminoloxía correcta no ámbito das matemáticas.  Apelo a un interese que non se pode desligar do uso. Para iso paso a facer algo de memoria.

Principios
No ano 1979 publícase o que , segundo o seu editor,  Xulián Maure, sería o primeiro libro "non só de Europa, senón do mundo enteiro, dedicado ó ensino das matemáticas en galego". Tratábase dun libro de texto para 1º de bacharelato, elaborado por un grupo de máis de medio cento de profesores coñecido como  Colectivo Vacaloura. Os seus integrantes tiveran que facer o traballo sen referencia terminolóxica algunha. A súa achega respondía a unha necesidade imperiosa da sociedade galega de prestixiar unha lingua prohibida, a súa lingua.

Para continuar este traballo e facelo como correspondía, con rigor científico, precisábase un vocabulario de termos especializados que fose o resultado dun traballo que non nos aportara simples traducións do castelán. Compría que alguén que sentira a lingua e con coñecementos da área dera o primeiro paso. Velaí que por fin no ano 1995 se presenta na Facultade de Matemáticas un libro editado pola USC e coordinado por X. M. Masa Vázquez e  A. B. Fortes López. O seu título: Vocabulario de Matemáticas.  [Pode descargarse o documento de texto desde aquí.]. O amigo e compañeiro Manuel Vilariño tivo a feliz idea de subilo á plataforma Scribd para que a súa consulta fose máis accesible a todos



As matemáticas en galego comenza a ocupar o seu lugar
De certo que este traballo contribuíu en moi boa medida a que a edición de libros de texto de matemáticas en galego nos anos seguintes se fixera de forma máis coordinada e pisando en chan firme.
É o caso que cos comenzos do século XXI as normalización comenza a notarse no eido do ensino das matemáticas. Todas as editoriais que querían estar realmente presentes nos centros escolares, tiñan que ter o seu libro de matemáticas en galego. Isto contribuiría a que tradutores, pedagogos, profesores, e moitos outros profesionais desenvolveran un traballo que se agradecía acotío nas aulas. As matemáticas comenzaban a andar o seu viaxe da man da normalización lingüística, sobre todo co impulso dado polo decreto 124/2007 que establecía que o ensino das matemáticas se desenvolvería en galego. Esta decisión non foi otra cousa que a ratificación do que se indicaba no PXNLG, aprobado por todos os grupos políticos  do parlamento galego no ano 2004.
Desta época temos dous traballos máis, desta vez da Universidade da Coruña, incluídos dentro dun listado de vocabularios que desenvolven a campaña 'Profesionaliza a túa lingua', gañadora do primeiro premio Luísa Vilalta ás iniciativas normalizadoras. Estámonos a referir a:
  • Pérez Vázquez, L.; P. Precedo Estraviz; N. Seoane Bouzas (2006): Profesionaliza a túa lingua: matemática. A Coruña: Universidade da Coruña. [Accesible en liña desde aquí].
  • Pereiro Felípez, M. C. et alii (2008): Profesionaliza a túa lingua: estatística. A Coruña: Universidade da Coruña. [Accesible en liña desde aquí].
Todos estes documentos son esenciais para abordar a edición de propostas didácticas na nosa lingua. Así o foi, por exemplo, na elaboración de EDAD en galego que contén unha lista de 60 unidades didácticas que abarcan todos os contidos de matemáticas da ESO e accesible desde aquí. Hoxe este material é como un oasis no deserto da imposición do español.

O estado actual. 
A ruptura do consenso establecido no PXNL levou ao defenestrado estado actual de prohibición de impartición das aulas en galego no ensino non univeristario, asinado no funesto decreto 79/2010. Unha materia que sempre gozou de prestixio, a matemática, non podía ser explicada nunha lingua que se quería desprestixiar.
Isto non significa que o traballo normalizador esté completamente pechado. Acaba de sair a noticia de que o Insituto Galego de Estatística (IGE) elaborou un vocabulario estatístico galego-inglés-castelán.   Grazas ao traballo do SNL da USC temos unha ferramenta terminolóxica que nos permite buscar, caso por caso, o termo no que estemos interesados. Trátase do bUSCatermos, aberto a todos os internautas desde comenzos do novembro pasado. Precisamente este buscador incorpora na súa base de datos o vocabulario publicado no ano 1995 e que agora se está a revisar na rolda do LEXI_GA_MATH.

A utilidade da terminoloxía matemática en galego.
A cuestión central que se suscita despois de comprobarmos que dispoñemos de toda unha serie de recursos para establecer o vocabulario matemático é: para que queremos todo isto?
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) financia a base de datos bUSCatermos. Pola contra esa mesma SXPL é o maior valedor do decreto que prohíbe o uso do galego no ensino das matemáticas que é precisamente o eido natural que lle pode dar máis valor e uso a toda esta recompilación terminolóxica. En ningún outro caso se pode ver con máis claridade unha das características fundamentais da política lingüística dos úlitmos anos. Trátase dunha política que parte de considerar ao galego como unha lingua de museo.
 Algarismo,  alxébrico, arranxo ... Que triste é ver todos eses termos disecados!
 Contra unha política lingüística forense debemos propugnar unha medicina de habitos saudables pois única postura coherente é a que correlaciona interese pola lingua co seu uso. Temos que recuperar a necesidade imperiosa de prestixiar unha lingua prohibida e iso pasa por impartir as aulas de matemáticas en galego.

mércores, 3 de outubro de 2012

bUSCatermos: un John Deere para o deserto

Coincidindo co comenzo do mes de outubro, o Servizo de Normalización Lingüística da USC puxo a disposición dos internautas o acceso libre á base de datos terminolóxica bUSCatermos.
Esta ferramenta achéganos información sobre 150.000 conceptos de áreas especializadas en galego, español e inglés aínda que tamén conta con datos doutras linguas como o catalán ou o italiano)
Esta nova posibilidade é un paso adiante na divulgación da terminoloxía. Ata o momento dispoñíamos dos materiais do SNL da UdC, 'Profesionaliza a túa lingua' e do Andel de traballos terminográficos do SNL da USC. Por centrar o tema, no campo das matemáticas podíanse consultar os seguintes manuais: Profesionaliza a túa lingua. Estatística e Profesionaliza a túa lingua. Matemática,extraídos dos recursos da UdC, ou este outro da USC:Vocabulario de matemáticas. Santiago de Compostela. Universidade., de Xosé Masa Vázquez (1995)
Pero a min, o que máis me chamou a atención da presentación desta base terminolóxica foi a cara de Manuel Núñez Singala, o director do SNL. Que estaría pensando nese momento? Estaría remoendo en como medir a incidencia deste recurso? Andaría a darlle voltas a se a SXPL se apropiaría mediáticamente do traballo realizado pola Área de Terminoloxía do seu departamento? Non o podemos saber, mais si é posible analizar, desde o punto de vista de quen se interesa na normalización, cal é a aportación do bUSCatermos.

O bUSCatermos e a normalización
Para que queremos o bUSCatermos? Se lle facemos caso á SXPL, hai dúas razóns principais coas que esta ferramenta contribúe á normalización. A primeira é que isto é unha mostra da potenciación do galego na internet. Tamén é a única mostra destas características que veu da man da SXPL nos últimos tres anos. Se un traballo realizado por máis de 200 expertos conclúe que o galego está en risco de extinción dixital por mor de que o apoio recibido é "feble ou inexistente" estaremos achegándonos a cal foi a política real da Xunta en materia de promoción nas TIC da lingua galega. Vou citar só un exemplo. No caso da Consellería de Educación, crearon toda unha plataforma, a do Abalar, procedente dun programa do MEC para a implementación das TIC na escola, coa obsesión de abrir unha porta todo aquel que quixera excluir o galego da navegación pola mesma. Isto dou lugar á creación dun recompilatorio de unidades didácticas nas que por cada unidade en galego aparecen dúas en castelán.
O outro vector normalizador do recurso bUSCatermos, segundo a SXPL, consiste en poñer a disposición dos profesionais os medios terminolóxicos suficientes que faciliten o emprego do galego nas actividades profesionais. De certo que o maior colectivo que podería sacar partido desta ferramenta sería o dos docentes. Claro que, se isto se fai nun campo no que por medio do decreto 79/2010 se lle prohíbe ao profesorado a impartición das clases en galego, para que queremos o bUSCatermos? Sabendo que a Consellería de Educación fixo todo o posible para boicotear este material didáctico da materia de matemáticas polo feito de estar en galego podemos entender ata onde chega o extremismo dos que só mediante unha radical hipocrisía intentan disimular a súa zunia anti-normalizadora. Intentando levantar un muro que tape a política que procura asegurar espazos de exclusión e prohibición do galego, izan a bandeira do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). Isto só poden facelo ocultando que as medidas 2.1.26 e 2.1.27 do PXNLG establecen un mínimo do 50% de mínimo (non de máximo) de docencia en galego no ensino non universitario asi como o establecemento das áreas de matemáticas e tecnoloxía como principal referente para impartírense en galego. O decreto 79/2010 establece xusto o contrario.
Temos pois unha boa maquinaria, o bUSCatermos, que como un moderno Jonh Deere  vainos ser completamente inútil porque... quen se vai poñer a arar no deserto?

domingo, 21 de novembro de 2010

Un idioma preciso

Como debemos chamarlle a isto que estás lendo? Blog, blogue, bitácora?
Xusto Rodríguez Río (Cangas/Foz, 1970), que aquí presenta a obra do título editada por 2.0editora, desenvolve o seu traballo no Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e dedica os seus labores de investigación a traballos sobre terminoloxía e lingua galega.
Cun discurso coherente, claro, achegado á realidade social e moi ben estruturado explica como as achegas terminolóxicas contribúen á normalización  e de paso desmonta algúns prexuízos sobre o galego.


Conversando sobre "Un idioma preciso" from 20editora on Vimeo.