Un novo exemplo da metodoloxía da política lingüística da Xunta. Preséntase un traballo que pode contribuir á normalización e reclúese dentro das oficinas da SXPL.
Acaba de publicarse unha nova ferramenta para avanzar no uso da lingua galega no ámbito da hostalaría: o Dicionario de alimentación e restauración. É unha recompilación dos termos da linguaxe gastronómica e culinaria relevantes desde o punto de vista conceptual ou denominativo. O seu obxectivo é contribuír á normalización da terminoloxía gastronómica e culinaria en lingua galega, resolver dúbidas puntuais sobre os termos e facilitar a comunicación entre os profesionais do sector. Recolle aproximadamente 3000 conceptos, con 3600 denominacións en galego, 3700 equivalencias en castelán e 3500 en inglés, ademais de 320 nomes científicos.
Foi obra do TERMIGAL, o Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e mais da Real Academia Galega. Este traballo pode ser a base dun proceso de normalización no ámbito da restauración, porén todo indica que o goberno non está por este labor. Basta con lle botar un ollo á nota de prensa emitida pola Consellería de Educación, onde o que se destaca é a asistencia do consellerio á presentación do dicionario e o propio dicionario vese reducido a unha desculpa para redactar a nota. Non se aproveita a presentación para ofrecer conxuntamente un programa de normalización das cartas dos restaurantes, nin hai un convenio con, por exemplo, a Asociación de Hostelerios de Compostela, para promoveren unha galeguización das súas ofertas. Aínda máis, nin tan siquera aparece unha ligazón para descargar o dicionario que se ofrece libremente desde o Centro Ramón Piñeiro ou desde a RAG.
Tampouco achamos nin a máis mínima referencia ao dicionario no que debería ser o primeiro lugar onde tivera coñecemento e uso del: no Centro Superior de Hostelería de Galcia. Pero claro, este centro de formación, directamente ligado coa Secretaría Xeral de Turismo, non ten tampouco o sano costume de manter os seus perfís das redes sociais en galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario