Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 13 de febreiro de 2013

En realidade... fan falta tantas horas de ensino en galego?

por Valentina Formoso, nas Voces de ProLingua:

Non hai moitos días que escoitei esta pregunta da boca dunha persoa a quen considero moi formada en sociolingüística, moi coñecedora da realidade lingüística galega e moi implicada coa súa normalización. A pregunta saía nunha conversa sobre outra cuestión cando se fixo unha mención ao desastre que estaba a supoñer o actual Decreto do plurilingüismo para o futuro do galego e aínda mencionou o seu afirmante, que non se move na realidade dos centros de ensino non universitario, que ademais a tiña escoitado doutra xente “que sabía do tema”. Non tiven oportunidade de preguntarlle se realmente con esa formulación estaba expresando o que eu estaba entendendo... o cuestionamento do papel do “ensino en galego” para a normalización desta lingua.
Se cadra aplicáballe ao galego un principio que comparto cando se aplica ao inglés e que está baseado no que din os expertos en didáctica das linguas estranxeiras: introducir unha lingua estranxeira como lingua vehicular no ensino, restándolle espazo á propia minorizada, non é a solución para que o alumnado domine esta lingua. Vez Jeremías, entre outros, desde a perspectiva dun plurilingüismo inclusivo, dá outras solucións para que os estudantes “aprendan” inglés, que non pasan porque se impartan nesta lingua o coñecemento do medio nin as matemáticas. Pero… nin o galego é unha lingua estranxeira, nin o inglés é cooficial aquí, por moito que haxa a quen isto lle gustaría.Dubidar da necesidade do ensino en galego resúltame unha idea perigosa, porque ao final avala unha política lingüística que se conforma arredor dunha filosofía da dinamización, e non da normalización real e efectiva. É que a dinamización lingüística, quitando nesta nosa terra, é un paso avanzado de calquera proceso normalizador, non un substituto del.Precísanse campañas de dinamización lingüística para o tempo de lecer? Por suposto que si. Poden estas substituír o papel normalizador que ten a escola? Nunca. A presentación amable dunhas actividades realizadas en galego para o tempo de ocio son moi necesarias, por suposto, pero non podemos enganarnos pensando que, por moi ben deseñadas e organizadas que estean, van conseguir un efecto formativo e de eliminación de prexuízos nos individuos que configuran o futuro do noso idioma. As horas de formación en galego son precisas, necesarias e insubstituíbles na escola porque este é o único lugar no que, de forma regrada pode cubrir as dúas necesidades máis urxentes que ten que superar a nosa xente para que se normalice a lingua. Isto é:a) A escola é a única forma coñecida para que os nenos, nenas, mozas e mozos deste noso impaís poidan formarse na lingua propia, condición imprescindible para que logo poidan escoller usala ou non usala. Ofrécelles formación no rexistro culto aos que teñen o galego de seu, e tamén aos que non teñen a sorte de escoitalo en ningún outro sitio e que, en pouco tempo, dificilmente entenderán o que se lles di nas actividades dinamizadoras que se programen para os domingos á tarde.b) O ensino de calquera materia en galego na escola supón unha das formas máis eficaces e eficientes para dotar unha lingua desprestixiada da dignidade que se lle presupón a todas as linguas hexemónicas. Móstrase que “vale” para todas as materias, científicas, tecnolóxicas, ligadas ao futuro, pero tamén ao presente e ao pasado. Porque sen pasado non somos ninguén, fainos falta conservarmos este patrimonio, este ben común que nos une, pero non coma un obxecto de museo, senón coma un ente vivo que precisa do seu uso continuo e abundante en todos os ámbitos para mantelo.E ademais das horas en galego, tamén son precisos nos centros de ensino os equipos de normalización (agora chamados de dinamización), onde se analizan as necesidades específicas, tanto lingüísticas como sociolingüísticas, do alumnado, dos docentes, das familias e do contorno e onde se deseñan, ou deben deseñar, plans de normalización axustados a cada centro. Porque unha actividade dinamizadora concreta pode funcionar tanto nun ámbito rural coma nun urbano, con pequenos e con grandes, pero unha planificación para busque unha promoción do galego que se traslade a un uso efectivo, non pode ser nunca igual en todos os centros, nin por suposto, en todos os concellos, nin sequera en todos os lugares dun mesmo concello.A dinamización está ben, pero sen base normalizadora non é nada. As horas de ensino en galego serían un elemento moi dinamizador se se sustentasen na idea de que o galego é unha lingua minorizada que precisa axuda e discriminación positiva para saír adiante. Se percibimos o galego coma un elemento molesto para desenvolver a parte seria das nosas vidas e do noso futuro e o acurrunchamos para enredos pequenos nas horas de lecer, claro que non fan falta tantas horas nos centros de ensino.

Ningún comentario:

Publicar un comentario