As políticas antisociais desenvolvidas en maiúsculas polo PP están a xerar unha grande contestación social. Quer mediante greves xerais, quer con reivindicacións sectorais, o certo que unha percentaxe ben alta da populación galega explicita estar cada vez máis farta das medidas adoptadas unilateralmente polas xentes da pérfida gueivota. Esas infelices actuacións debidas ao partido do goberno teñen como actuais consecuencias, entre outras, a emigración masiva das xeracións mellor preparadas do país nos séculos XX e XXI, a forte tendencia á reclusión das mulleres no fogar para coidaren da familia e atenderen os labores domésticos, a notoria baixa do nivel de vida para unha importante parte da cidadanía, a perda de poder adquisitivo en moitas camadas sociais, os fáceis despedimentos, o maior número de persoas desempregadas de toda a historia da Galiza, o pretencioso camiño cada vez máis firme cara á privatización dos servizos públicos, o proxecto de lingüicidio co idioma galego, o risco de exclusión e marxinalización social das faixas socioeconómicas menos favorecidas etc. Nestes medios, as centrais sindicais son puntos de confluencia social na loita polos dereitos cidadáns, nomeadamente a CIG, organización á vangarda na defesa das clases traballadoras galegas e preclara (ben antes que outras) na comprensión global das políticas involucionistas dos actuais gobernos da Galiza e do Estado español.
Con tal estado de cousas, vai sendo habitual que se organicen actos reinvindicativos de carácter nacional ou local para exprimiren a repulsa por tales medidas políticas. Neles, como é de esperar, a lingua maioritairia é o galego, sobre todo nas consignas que se entoan para chamaren a atención sobre a precariedade laboral, as mentiras do PP ou a ansia de exterminio dos dereitos sociais e lingüísticos. Todo ese conxunto de proclamas, estruturalmente ben variadas, pode agruparse nunha epígrafe do tipo “textos orais político-propagandísticos” ou “político-patrióticos”. Algúns levan unha melodía asociada moito simple, o que os fai seren máis doados de lembrar, e non faltan aqueles que se apropian das músicas de coñecidas cancións tradicionais para se ornamentaren adecuadamente neses contextos. Outros, polo contrario, posúen un contido máis sinxelo, como dúas ou tres palabras (Galiza nación, autodeterminación!). E hainos que, conforme a tipoloxización de textos que se acha na innovadora Gramática do texto (2006) de Freixeiro Mato, inclusive se caracterizan por un relativo formato dialóxico ou conversacional ao se organizaren cal un simulacro retórico de pregunta-resposta (–A culpa de quen é? –Do goberno do PP!).
Mais, estando a cidadanía nunha situación crítica, a lingua, entanto que fiel reflexo da comunidade que a emprega, tamén se ve profundamente alterada. Xa dicía o escritor Octavio Paz que, cando unha sociedade entra en crise, unhas das primeiras evidencias van detectarse no idioma. Así as cousas, queremos centrar este contributo nesas proclamas e cánticos que se reproducen nas manifestacións e concentracións, pois, dada a súa grande repercusión como elementos que son continuamente reiterados, algúns deles poden erixirse en modelos de prácticas gramaticais pouco ou nada recomendábeis. Na verdade, convén sinalarmos que non representan unha novidade: serven para corroboraren certas proporcións de mesturaxe do galego co español que tamén están presentes, infelizmente, no resto de usos da lingua, de forma que, en termos xerais, batemos co mesmo proceso de erosión. É a nosa vontade deixarmos constancia, antes de máis, de que non se pretende levantar nin a máis mínima censura do espírito que inspira esas proclamas; parécenos, porén, que ás veces a forma con que son xeradas representa unha incomprensíbel e escura maridaxe de trazos lingüísticos da nosa lingua coa española, o que, como é obvio, si é cuestionábel.
Loxicamente, nin todas as proclamas se achan barbarizadas: hainas, as máis delas, que foron compostas nun galego normal (A crise social, que a pague o capital!; A mina, a mina, a mina contamina!; Galiza nación, autodeterminación!; Ilegalizar o Partido Popular!; Onde están, que non se ven, os postos de traballo do PP?; etc.). Mais, no caso daquelas que presentan as consecuencias da influencia do irregular convivio entre os dous idiomas, interesa subliñarmos que a maior parte das compoñentes da lingua se ve afectada: non se libra nin a esfera fonética, nin a morfolóxica, nin a sintáctica nin tampouco a lexical. Desta forma, a comezarmos polo ámbito fónico, chama poderosamente a atención como se vulnera a existencia dos sete elementos vocálicos do sitema fonlóxico do galego para, sen explicación posíbel, reducir tal número a cinco, que son os mesmos que os do castelán. Tómese como exemplo disto unha ben coñecida rima, Aquí está, aquí se ve: a mocidade galega en pé! (con certas variantes: o estudantado galego en pé! etc.), usada para deixar constancia de que a xente nova do nacionalismo se preocupa polo futuro do país. Pois ben, a pouco que se pense, poderá repararse en que ve non pode rimar con pé, xa que a vogal do verbo é un fonema palatal medio fechado e a do substantivo corresponde a un fonema palatal medio aberto. Na mesma situación é que temos fórmulas como –A culpa de quen é? –Do goberno do PP! ou –A culpa de quen é? –Dos que votan o PP!, pois a forma verbal é exixe vogal media aberta e a pronuncia da sigla PP, pepé, ocorre, polo contrario, con vogal media fechada. E dito sexa de paso que, caso insistísemos nesta última consigna, e non querendo utilizarmos unha lingua sexista, talvez fose máis recomedábel a versión –A culpa de quen é? –De quen vota o PP!, estrutura en que se non marca o xénero e que vira por isto moito máis neutra e aconsellábel para tales actos públicos.
Idéntica asimetría entre as vogais de grao medio a respecto do caso anterior é a seguinte proclama que acompañou a manifestación nacional do día 27 de xaneiro de 2013. Así, concordándomos totalmente co seu espírito, non podemos estar de acordo, no entanto, coas súas explicitacións, do tipo Galego e portugués a mesma lingua é, en que, máis unha vez, se constata a falta de equivalencia entre a vogal tónica de portugués, media fechada, e a de é, media aberta; nótese, a este respecto, que a ortografía máis internacional da nosa lingua sinala mediante o emprego dos acentos circunflexo e agudo esa característica (Galego e Português a mesma língua é). Na mesma liña, o grao máximo de aqueloutramento fonético-fonolóxico asenta en cando, manténdose este texto, se vernizou ese mesmo día 27 co fenómeno da gheada, (Ghalegho e portughés…), o cal representa o colmo do despropósito da vontade inicial da proclama ao ser o tal trazo fonético un elemento de orixe española que diferencia, infelizmente, unha notábel parte das falas galegas das súas homólogas lusitanas, brasileiras ou africanas de expresión lusófona.
Segunda concesión ao español: unha amorfa morfoloxía. Na concentración do pasado día 17 de xaneiro de 2013 na Coruña, outra das consignas que se reproduciron ao longo do traxecto tiña como albo a defesa dos servizos públicos face ás tentativas de aniquilación do goberno do PP. Con este estado de cousas, algunhas persoas non tiveron dúbidas en afirmaren que, con efecto, *O público é servicio, o privado beneficio!, aínda que onde si manifestaron ter certas hesitacións foi no uso do sufixo -zo e -cio: o correcto sería O público é servizo, o privado beneficio!, embora así tamén se non mantivese a correlación rímica... No entanto, cientes de que isto non estaba de todo certo, outros individuos decidiron regaleguizar a palabra beneficio para deste modo a faceren equivalente en termos rímicos coa anterior; o produto, na liña dos abondosos casos de pseudogaleguismos detectados durante unha boa parte do século XX, dana, con todo, as características morfolóxicas da lingua ao xerar un inexistente *benefizo (*O público é servizo, o privado benefizo!).
Terceira concesión ao español: unha indecorosa colocación dos pronomes átonos. Os clíticos ou formas pronominais átonas presentan de seu unha disposición característica no sistema lingüístico galego-portugués, que vén sendo mantida, con algunhas mudanzas, xa desde a Idade Media. Entre os trazos que definen a tal estruturación, existe un que sinala que, excepto en casos especiais de focalización do suxeito ou de alteración locacional dos elementos clausais, o pronome átono ten de aparecer nas cláusulas enunciativas afirmativas despois do verbo. Sabendo isto, vira difícil darmos por válida unha popular construción como *Isto nos pasa por un goberno facha!, xa que o esperábel tería de ser Isto pásanos por un goberno facha!; mais así, como xa se ve, tampouco se mantén a simetría rímica e a calidade poética parece descer un degrao. En parecidas circunstancias é que se acha un cántico entoado tamén nese mesmo día 17 de xaneiro na Coruña, *A sanidade non se vende: se defende!, en que, segundo pode verificarse, o clítico principia ‘contra natura’ un período sintáctico onde debería disporse após o verbo: A sanidade non se vende: deféndese!
Comentemos agora unha mostra da cuarta preitesía gratuíta: un léxico de orixe allea. Segundo ficou dito máis arrriba, tamén a compoñente lexical da lingua se ve afectada en aras da produción de retrousos para os xustos actos reinvindicativos. Sen dúbida, un dos máis recorrentes nos últimos tempos é o que comeza por *Se isto non se arregla, guerra, guerra, guerra! e continúa co consabido *Se isto non se amaña, caña, caña, caña!, onde se verifica a utilización de elementos lexicais foráneos ao noso sistema lingüístico. Mesmo en xente singularmente consciente de sentimento favorábel ao galego afloran estes e outros versos polo estilo: no pasado día 27 de xaneiro houbo manifestantes que durante o traxecto que vai da Ferradura até á Praza da Quintana non dubidaron en deixar claro que *Non nos engañan, que o -ñ- é de España! En fin…
Á vista do comentado até agora, por que o galego non pode xerar por si propio textos desta índole sen pasar pola concesión dos seus trazos á lingua española? Na realidade, tal e como comentabamos ao principio, os exemplos que acabamos de expor non son máis que outras tristes evidencias da presión lingüística a que está sometido o idioma. Non importa que se deixe a alfándega aberta á libre penetración de españolismos, pois “o galego popular”, din algúns, “é así, permeábel, plástico, vivo...”; “fálao o pobo”, argúen, como se a historia do pobo galego se desenvolvese libremente, sen a sombra e as consecuencias do centralismo. Porén, cómpre facermos a pregunta de se noutras linguas próximas tamén se producen similares mostras de barbarizacións para goce de retrousistas e consignistas. Se a resposta for negativa, deberemos igualmente reparar no inxusto e desigual trato que damos ao galego cada vez que nun acto de defesa dos servizos públicos, dos nosos dereitos lingüísticos ou das clases traballadoras, atacamos, só para conseguirmos rima fácil e ritmo doado de ser memorizado, os trazos xenuínos que fan diferente a lingua galega das outras que se utilizan no mundo.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
mércores, 20 de febreiro de 2013
A lingua das proclamas das manifestacións: máis un caso da bárbara mestura
Curiosa e educativa análise das proclamas nas manifestacións, por Xosé Manuel Sánchez Rei, en Terra e Tempo:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario