por Nel Vidal, no Praza:
Non é bo para o traballo estar todo o día detrás da pancarta. Claro que non é bo, porque cada vez que iso ocorre é que alguén foi despedido, que se recortaron dereitos, que se rebaixaron salarios, que houbo un evitábel accidente laboral ou que a xente ten que traballar máis e cobrar menos, e iso a que pode traballar.
Non é bo para cultura estar todo o día detrás da pancarta. Claro que non é bo, porque cada vez que iso ocorre é que esa cultura foi agraviada, que se lle faltou ao respecto, que se suspendeu unha programación, que se recortaron orzamentos, que se deixou de financiar un proxecto de base ou que non se sabe nada da programación da rede de teatros.
Non é bo para o ecoloxismo estar todo o día detrás da pancarta. Claro que non é bo, porque cada vez que iso ocorre é que unha zona natural está desprotexida, que unha ría foi contaminada, que se plantou un edificio enriba da praia ou que unha empresa canadense quere arruinar unha zona explotando unha irracional mina de ouro.
Non é bo para a sanidade estar todo o día detrás da pancarta. Claro que non é bo, porque cada vez que iso ocorre é que se precarizan e privatizan hospitais, que se impón o repagamento farmacéutico, que hai que esperar tres meses para unha consulta ou que unha persoa de Lugo que ten cancro ten que ir ata a Coruña para o tratamento de radioterapia, e por enriba pagar a ambulancia de ida e volta.
Non é bo para o ensino estar todo o día detrás da pancarta. Claro que non é bo, porque cada vez que iso ocorre é que se recortaron bolsas, que subiron as taxas da universidade, que as aulas están masificadas, que pecha unha escola unitaria no rural ou que se desatenden comedores escolares.
Non é bo para os dereitos das mulleres estar todo o día detrás da pancarta. Claro que non é bo, porque cada vez que iso ocorre é que unha muller está cobrando menos que un home polo mesmo traballo, que están invisibilizadas en moitos ámbitos, que o presidente fai comentarios machistas dirixidos a unha actriz ou que unha muller foi acoitelada pola súa parella.
Efectivamente, tampouco é bo para o galego estar todo o día detrás da pancarta. Claro que non é bo. Como vai ser bo!
“Non é bo para o galego estar todo o día detrás da pancarta”Valentín García, secretario xeral de Política LingüísticaGalicia por diante, Radio Galega (1 de febreiro de 2013)
Ningún comentario:
Publicar un comentario