Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 8 de febreiro de 2013

Sempre se fixo así... até que decidimos mudar de modelo

por Matías Nicieza, Titulado en cinematografía. Colaborador do Modelo Burela e do Proxecto Lingua Viva, no Sermos Galiza:

Sen ser sociolingüista -e sen pretender selo- acho que outras iniciativas normalizadoras cometeron o erro fundamental de comezar a casa polo tellado. Adoptaron posturas excesivamente intelectuais e quixeron facer táboa rasa para alcanzar pola vía rápida un cen por cen de resultados. Baixo a miña opinión, un pobo adoutrinado na autoxenreira vai ignorar ese tipo de medidas ou -aínda peor- vanlle resultar antipáticas. O Modelo Burela funciona xusto ao contrario: foxe de elitismos e traballa desde a base, desde o cotián, desde o persoal, desde e para quen realmente mantén viva a lingua, o pobo que a usa e non os soportes que a musealizan. Aínda máis: este traballo faise sempre dun xeito aditivo e integrador. Outros esquemas lingüísticos pódense representar graficamente como un pastel de aniversario de forma circular e tamaño predeterminado. Neles cada porción é unha lingua e, para poder incluir idiomas foráneos, hai que retirar porción do propio. O Modelo Burela é unha tarta de voda: sobre dun piso principal que serve de base -o galego- pódense engadir tantos pisos-extra como se queira, un sobre outro, sen ter que quitar nada de ningún; todos eles nos dan fartura. Mais fica ben claro cal é a base.
Quen sustente que a defensa do uso da lingua en todos os ámbitos é cousa de roxos e independentistas, sorprenderase ao saber que varias das iniciativas pioneiras da galeguización da escrita na Mariña xurdiron dos sectores ideoloxicamente conservadores; quen pense que o galego é propio de xente sen cultura, que bote un ollo aos epitafios das lápidas dos cemiterios de Burela e se abraie ante a súa sensibilidade; e quen considere que esta nosa é unha lingua de posibilidades limitadas, debera ir desbotando a inercia do "sempre se fixo así" tal e como relatou a empresaria Dores Santos no seu inesquecíbel testemuño recollido no audiovisual do proxecto. "Sempre se fixo así" até que ti decidas como queres que se faga.


Ningún comentario:

Publicar un comentario