Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Carme Adán. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carme Adán. Amosar todas as publicacións

mércores, 22 de febreiro de 2023

Cumpriuse a xustiza


Manifesto da AELG polo Día de Rosalía, por Carme Adán: 

 
As palabras outorgan existencia. Nomeamos as cousas, os sentimentos, os desexos, as accións pasadas e as futuras. Nomeamos para compartir, para saber ou para coñecer o mundo. Nomeamos para vivir.

 

Mais as palabras son esixentes: requiren da nosa lectura, da nosa escoita, da nosa mirada atenta. Necesitan do silencio para ser comprendidas. Tal é o ruído do mundo que transitamos que as palabras non chegan aos ouvidos, non pasan de ser grafías sen sentido. No noso cotián os berros das desigualdades, as violencias e as inxustizas baten contra muros de ruído e ignorancia. Non escoitamos. Estamos xordas. Xordos de tanta información sobre a información da información. Non escoitamos nada, nin a ninguén. Alguén berra. Está lonxe. Está noutra rúa, noutra clase, noutra cidade, noutro país, noutra lingua. Noutra pantalla.

 

Os ollos tamén outorgan existencia. Ou deberían. Se cadra fixérono noutro tempo e agora, cansos de tempestuosas imaxes, non son quen de mirar. Din aquelxs que aínda teiman en escribir Filosofía, que a dixitalización fai desaparecer o outro como mirada. Afirman que acentúa o noso egocentrismo nunha obsolescencia programada do mundo, da alteridade que nos configura en humanos. Malia ter sempre os ollos conectados, atentos a unha luz que se ilumina na pantalla, conectados a outro golpe de información, a outra mensaxe, ao próximo “gústame”; renunciamos a mirar.

 

Rosalía ensínanos a mirar e a escoitar. É unha guía, por momentos unha amiga ou unha camarada, que nos acompaña entre poemas, novelas e ensaios para superar a banalidade ética do noso tempo. As súas palabras dan existencia a un mundo de inxustizas e opresións contra as mulleres, os pobres, a lingua galega ou os migrantes. O seu narrar é a escoita do noso mundo. En cada verso xorde unha interpelación para nós: que ou quen permite e lexitima as desigualdades, as vulnerabilidades impostas, as guerras, as violencias, os corpos esquecidos e desposuídos de valor. Os que teñen fama de honrados seguen practicando a violencia? A mocidade que migra vai como rosas... e como volven? Ou volven? Poderá deterse o fascismo que vai percorrendo o mundo? Hai guerras que merecen a nosa atención e outras condenadas ao esquecemento? Só o consumo será o pracer do futuro? Merece a natureza ser oída? Que é unha vida vivíbel? Cada interrogante ábrenos unha nova cuestión ata que nos topamos de fociños contra o noso propio muro de ruído e ignorancia: Onde están as nosas palabras?

 

Hai un eco de vellas derrotas que nos paraliza.

 

Volvamos escoitar… Aí vén unha meniña gaiteira!

 

Moito máis forte é o eco das vitorias. Un eco indomábel que chega ata nós dándolle forma de dereitos a palabras como igualdade ou liberdade. Palabras activistas. Palabras que se resisten a ser esquecidas ou usurpadas. A xustiza é moito máis que unha palabra, si. Moito máis. Non obstante, necesita das palabras.

 

“Que a man tembrosa no papel só escriba 
palabras, e palabras e palabras!”

 

Dos moitos legados de Rosalía de Castro, destacamos un, o da filósofa que sabe libre o seu pensar e non cede ante as cadeas impostas. Rosalía ensinounos da liberdade do pensamento que se afunde na realidade para interrogala por un futuro mellor. Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma?v Se desoímos os berros do noso tempo, de que teremos a alma?

 

sábado, 20 de abril de 2019

O galego, esa lingua imposta


por Carme Adán no Sermos Galiza:




Hai pouco máis dunha década a dereita galega inaugurou a era das “fake news”, que vén sendo unha forma sutil de chamar ás mentiras de toda a vida, coa campaña sobre a “imposición do galego”. A lingua pasou a ser un verdadeiro campo de batalla para desgastar o goberno de coalición. O que se fixo foi potenciar e multiplicar os prexuízos sobre a mesma e propiciar unha involución que dez anos despois podemos comprobar con desacougo nas rúas e na aulas.

xoves, 5 de xullo de 2018

A tua privacidade é importante para nós

por Carme Adán no Sermos Galiza:

Moitas palabras fermosas e xustas afondan no gran legado que Xabier P. Docampo deixa tras de si. Aínda así, sabemos que moito fica por escribir da súa obra e da personalidade vital e comprometida que conseguíu fascinarnos.

sábado, 7 de febreiro de 2015

Voltamos a Compostela

por Carme Adán, no Sermos Galiza:

Voltamos a Compostela o domingo 8 de febreiro con gañas de festa. Con gañas de cantar e bailar pola nosa lingua. Con gañas de sentir a familiar humidade da Quintana ateigada de xente. Voltamos a Compostela porque nos peta. Porque somos así, teimosas e teimosos.

venres, 20 de decembro de 2013

Un forte acento galego

por Carme Adán no Sermos Galiza:

Hoxe quixera voar até un pequeno camiño que hai no lugar dos Muíños na parroquia de Vilanova en Lalín. Alí, subindo de Entre os regos cara o Castrelo, deixando a man dereita os Portalamas. Si os Portalamas. Onde se planta o cebolo e as leitugas. Onde viven as ras e as pitas-cegas. Onde os saltóns son grandes e gordos. Pois alí, xustamente a beira dos Portalamas camiña unha nena coa súa nai. Debe ter sete ou oito anos porque o seu irmán aínda é pequecho. De fronte ven unha señora vestida de negro cun pano na cabeza. Saúda a nai da nosa nena. Nai de brazos fortes e corazón duro que a emigración obrigou desde moi nova a traballar sen descanso limpando casa alleas.

venres, 10 de agosto de 2012

Ecolingua: mesa redonda sobre lingua e política



Ando a revisar algunhas cousas de atrás que son un aire anovador frente ao deserto que estamos a vivir nos últimos anos. Máis dunha vez incluín vídeos dese excelente Ecolingua celebrado hai xa tres anos pero aínda había algún que non recollera neste blogue, quixen recuperalos agora.
Mesa redonda cos deputados Carme Adán (BNG) e Francisco Cerviño (PSdeG-PSOE), no I Simposium Internacional Ecolingua, celebrado en Vigo os días 17, 18 e 19 de decembro do 2009.

venres, 1 de xullo de 2011

Un país a cachos

por Carme Adán, no Xornal:


Nese pequeno espazo, onde rematan os ósos do esterno e as vísceras asentan sobre o unto humano, debe aniñar a alma. Non sei se todas as almas, a galega si. Digo eu que debe atoparse nun oco entre o corazón e o bandullo porque aí teño unha dor intermitente que por días córtame a respiración. Ten que ser a alma galega, que se non? Sabemos que de natureza pneumática está feita dun sopro de vida. Así que se preme, necesita aire.
Atrapada entre os discursos do galeguismo amábel e os cascotes dun país en proceso de derrubo estou certa de que a alma galega busca aire entre moitos e moitas dos que estas palabras ledes. Din que cando escoitou que tamén pechaba Galicia Hoxe poucos folgos lle quedaban para unha inspiración contida de rabia e desazón. Eu a sentín con forza, non sei vos. Levei a man a ese espazo xusto, ese que vos dicía que a topografía humana sitúa un pouco máis abaixo do peito, e seguín correndo cara o meu despacho para ultimar as intervencións do próximo día. O traballo axuda porque a razón ten a capacidade de mitigar a dor anímica a través dun vello truco, limitar o pensamento ao que temos que facer mañá. Cando o labor remata, xa temos resituados os buratos internos e semella como que podemos seguir até a próxima. Porque seguro que hai próxima.
Escoito discursos e frases feitas sobre que debemos mudar, superar a esclerose da esquerda, constituír alternativas, elevar a indignación a novas categorías políticas. Vos tamén os escoitades? E que sentides? Eu as veces tamén teño que levar a man a ese punto exacto do meu corpo, ese para o que non atopo nome porque xa sabedes que as almas non gustan de enraizar nunha única ubicación, e pechar os ollos. Na escuridade das pálpebras baixadas tento visionar que me está ocorrendo. Sempre gocei das palabras, dos grandes discursos das ideoloxías, fun formada para perderme nos charramangueiros textos da filosofía e hoxe síntome orfa.
Como Descartes só quero unha pequena simpleza para construír. “Son galega, logo existo.” Son galega porque quero a esta lingua aínda a miña fonética fique perdida nos ecos das lembranzas. Son galega porque creo que podemos ser unha potencia pesqueira sen converter a nosa costa nunha gaiola xigante para eses híbridos de peixe, antibiótico e penso. Son galega porque creo que a cultura non se pecha en cidades, a cultura vive nos anónimos graffitis do meu garaxe. Son galega porque desexo que suban o Celta e o Deportivo. Son galega porque si, porque me peta.
Entón por simple que semelle... existo. E se fose certo que existísemos tantas e tantos galegos, que nos pasa? Se cadra non somos quen de recoñecérmonos. Poñamos apriorismos, prexuízos, rensentimentos, vellas desputas, sospeitas, e unha infinidade de cousas máis a un lado. Levemos a man aí. Si, onde xa sabemos, e preguntémonos coa voz queda do noso interior que nos ocorre. Por que o país se cae a cachos?

venres, 18 de febreiro de 2011

O galego dos brutos ao cadrado

por Carme Adán, deputada do BNG, no Xornal:


O peor dos prexuízos é que lle dan forma ao sentido común. Ese que nos acompaña na nosa vida cotiá como se do anxo da garda se tratase. Guíannos cando mercamos o pan, decidimos a cor dunha camisa, a canle de televisión favorita ou incluso a orientación do noso voto. Sempre é agradábel a presenza destes soportes invisíbeis do pensamento. Primeiro, porque mecen a tranquilidade das nosas ideas baixo a reafirmación nos tópicos de sempre. Segundo, porque aínda engaden maiores doses de relax ao evitar calquera tipo de contradición interna ou ollada incómoda desde outro punto de vista. Son o antídoto perfecto para esa enfermidade que é o pensamento crítico.
Algúns veñen de tan antigo que a súa orixe se perde na mestura entre os xenes e a letra escrita. Outros, recentemente saídos das factorías da comunicación de masas exploran novos mercados entre a mocidade planetaria. Vellos e novos responden a un mesmo esquema, simplificación e desprezo. Así podemos durmir tranquilos mentres un xefe de goberno prostitúe mozas porque xa sabemos que as mulleres no fondo serven para o que serven. Podemos ver brotes de xenofobia ao noso lado e reafírmanos no perigo que entraña que nos quiten os traballos peor pagados e aínda se empeñen en manter a súa cultura.
Vemos corruptos proclamándose candidatos e asentimos a un “todos fan o mesmo” que consegue deixar intacto o delincuente e desactivar o resto. Dixerimos que os bancos saian tranquilos da crise que eles provocaron baixo o lema “a banca sempre gaña” e así poderíamos seguir até esgotar os caracteres deste artigo ou caer no baixón definitivo. Ese que tes xusto no momento no que vas ligar e te atopas enfronte ou cun nacionalista ou cun bruto. Enténdaseme, quero dicir, con alguén que fala galego.
Cosidos durante séculos cos fíos da pobreza e a escaseza de formación, os prexuízos sobre a lingua galega son quen de adaptarse aos tempos. Ao igual que os virus teñen esa capacidade de penetrar nun organismo e paparlle todos os seus compoñentes para reproducirse e saír deste fortalecidos. Así, campando felizmente pola nosa sociedade andan á procura dun novo corpo ao que devorar para crecer e engordar.
Isto, que sería o natural dunha sociedade acrítica, atopou un abono especial nos últimos dous anos. Un goberno galego, especializado en cultivar os anestesiantes sociais, non escatimou en resortes mediáticos para engrandecer os tópicos sobre a inutilidade de coñecer a lingua. Xa non digo empregala, só coñecela ao nivel de poder facer un uso normal da mesma.
A respecto do galego, o dano causado en só dous anos será difícil de cuantificar neses estudos dos prestixiosos científicos da lingua. Ese mal non reside nos datos empíricos que un método máis ou menos axeitado pode analizar, senón que aniña no que non dicimos até que ­unha indiscreta cámara o proxecta para vergoña non só de quen o di, senón de quen o propicia e alenta.
Sabemos que Feijóo está de paso. Para esa viaxe hai moito que sacrificar polo camiño. Lingua arriba, lingua abaixo tampouco é para tanto. Ademais, tamén sabemos que en Madrid teñen claro que o galego ou é de brutos ou de nacionalistas, isto é, de brutos ideoloxizados. Polo tanto, de brutos elevado ao cadrado. Non imos defraudar os prexuízos da capital é seguro que saberemos estar á altura das circunstancias.
P.D.: Para os que se sintan de baixón humildemente recomendo a lectura de Descartes que xa nos alertaba de que o sentido común, sendo a cousa mellor repartida do mundo, necesita ser sempre posto en dúbida e darlle outra pensada. De non ter tempo, o efecto pode ser similar cunha terapia de media hora de risas compartidas sobre nós mesmos.

luns, 13 de decembro de 2010

“Tirar ao lixo seis millóns de euros en libros de texto é unha inmoralidade"

Nova entrevista de Manuel Vidal Villaverde, desta vez a Carme Adán, que foi presidenta da Aula Castelao de Filosofía e actualmente é deputada do BNG, no Galicia Hoxe. Premer na ligazón para ver a entrevista completa.


Bos días, Carme. Falar de bilingüismo e adxectivalo de harmónico, non é precisamente un acto que poidamos encadrar, xa non someter, a ningunha das coñecidas propostas epistemolóxicas susceptíbeis de se aplicar á lingüística comparada, cun mínimo de rigor científico, e aplicar aquí un subteorema, por así dicilo, dun empirismo descualificado e chocalleiro, como se unha cousa puidese ser e non ser ao mesmo tempo. Unha opinión tan disparatada e fóra de lugar é a que dunha banda á outra, sosteñen con non incerta incoherencia persoas mesmo próximas á túa militancia nacionalista, difíciles de compartillar xa co mínimo rigor da filoloxía, a lingüística, e mesmo a semiótica ou semioloxía aplicada, como calquera outra teoría física. Así unha boa parte do BNG, e por voz do ex voceiro Anxo Quintana, nunha desafortunada conduta propia dos falabarato, colonizados e embrutecidos, sostiña –sospeito que máis por boca doutros- máis que de motu propio, un solemne disparate a propósito dun suposto e mal entendido bilingüismo natural (ou algo así), hipótese que nunca se deu nin se dará na nación galega, nin por se camiño, nin pola escolla perversa e patética do PP e os seus asesores en materia lingüística. Prima e priva, ao meu meu ver, Carme, a diglosia, nas dúas e opostas direccións, unha diglosia estarrecedora, cóllamola por onde a collamos. O drama da imposición lingüística a favor do castelán, cómpre dicilo así, ten aí os resultados: nin castelán, nin galego, incluso entre individuos de niveis universitarios. En fin Carme, desculpa esta longa reflexión que fago, pero considéroa necesaria… Agradézoche que ti tamén reflexións cal consideres oportuno mesmo argüíndo –por que non?-, discrepando ou non, das miñas propostas… Serve?
Primeiro, as persoas comprometidas coa defensa da lingua e os intereses de Galiza como son os compañeiros e compañeiras do BNG non penso que poidan ser considerados uns falabaratos. Talvez sería mellor falar noutros termos máis respectuosos e buscando o consenso, xa que a situación pola que pasa a lingua galega hoxe é moi complexa e adversa. Cando o bipartito deu uns pequenos pasos para garantir que os nenos e nenas tiveran competencia plena en galego, tanto a través do decreto 124/2007 como creando as galescolas, o PP reaccionou cunha virulencia tremenda. Creou todo un discurso da imposición lingüística do galego nun país onde é practicamente imposíbel ler prensa, escoitar radio ou ver cinema en galego por poñer algún dos moitos exemplos máis chamativos. Este novo marco conceptual vendeuse moi ben na prensa e na campaña electoral . Agora o PP no goberno quere que todos xoguemos nese campo cheo de minas. Pretende que confundamos a aprendizaxe dunha lingua estranxeira, como o inglés, coa adquisición da compentencia lingüística en galego. Un absoluto disparate! Renega do propio termo de normalización e fala unicamente de dinamización, como se se tivera acadado xa un nivel normal nos usos da lingua. Por iso, o debate en termos de 50-50, como se a competencia plena nunha lingua, que xa non é a lingua inicial para unha boa parte das crianzas, que dependa só dun repartimento horario está trucado. O PP conseguiu que moitos tópicos e prexuízos volveran ao dominio público, tales como a inutilidade do galego para as ciencias ou outras lindezas dese tipo.
Incluso no Parlamento galego podemos ver como hai cargos electos democraticamente que non asumen o mandato estatutario de promocionar a lingua propia de Galiza e se expresan en castelán no ritual parlamentario a modo de provocación.
O máis triste desta situación é que a propia administración galega, que debería ser a vangarda para reverter eses estereotipos e contribuír a ampliar os usos do galego, dedique unha boa parte de esforzos e recursos públicos a todo o contrario. Lembremos un exemplo moi ilustrativo, máis de seis millóns de euros este ano e outros tantos no vindeiro tirados ao lixo en forma de libros de texto de ciencias en galego. Isto a maiores nun momento de crise económica onde tanta xente o pasa mal é unha inmoralidade.

venres, 3 de decembro de 2010

Categorías de moda para a lingua

por Carme Adán, deputada do BNG, quen tamén nos trae a súa reflexión sobre o debate propiciado polo documento do IGEA redactado por Monteagudo. No Xornal:

Calquera lugar é bo para unha ollada antropolóxica nesta Galiza atravesada pola crise, o desgoberno e os debates estériles. Esta semana atopábame nunha fría mañá na sala de espera dun hospital acompañando a miña nai, cando ese espazo irreal previo a unha diagnose transformouse nunha especie de laboratorio social. Moreas de persoas compartindo asentos nunha situación de tensión e preocupación sen ningunha fiestra cara á realidade exterior. Durante máis de catro horas observando entradas, saídas e conversas. Só tres persoas liamos, dúas xornais escritos integramente en castelán, eu un exótico obxecto chamado libro galego, en concreto de Sucasas.
Predominaban as mulleres. Pensaredes que na área sanitaria de Compostela pode que estas sufran un maior número de enfermidades que a media galega, mais non é o caso. Alí estaban unha chea de mulleres acompañantes. E case na mesma cantidade outras tantas máis novas acompañaban, en calidade de conductoras non profesionais, as mulleres que asumían o rol de coidadoras.
Nalgúns casos, o paso intermedio da cadea fora omitido e como hipótese considero que ficarían na casa facendo o xantar. Absorta na realidade sexual da sala estaba cando unha ringleira de pés calzados de negro interpuxéronse no meu ángulo de visión. Comecei a contemplar todas esas botas negras co piso de goma e na maioría dos casos cordóns. O exército de pés víase salpicado ao chou por pares de botas grises con piso de súela e tacón. Movín o pescozo cara á miña fila, botas negras de principio a fin até que cheguei ás miñas. Grises e polo xeonllo, semellantes ás da rapaza que tiña enfronte.
As botas negras falaban das enfermidades alleas e propias mentres as botas grises adoptaban a función de tradutoras para o mundo globalizado. Abducida pola capacidade das botas grises para a tradución desexei con envexa compartir esa fonética da que adoezo como neofalante de corte urbano que son.
Estaba encerellada na admiración desta labor de divulgación das bondades da tradución simultánea que as botas grises exercían na sala de espera cando de súpeto escoitei como unhas botas negras afirmaban en alto, “chegaches nena?” e uns tacóns grises afirmaban, “sí, ya he llegado”.
Pensei no estupendo que resultaba marcar o tempo trascorrido entre o inicio da acción até o momento en que esta conclúe, como nos ensinaron na escola, dado o tremendo esforzo que tivemos que facer as que asumiramos a proeza de aparcar nas inmediacións da infraestrutura hospitalaria. Incluso cando cansa da espera pedín un “café con leite” agradecín ser interpelada para buscar a miña aquiescencia sobre se a natureza do café tamén noutra lingua. Si, “con leche” e “white milk”, mais que o líquido branco provinte noutrora de mamíferos rumiantes estea morno por favor.
Da mañá de hospital saín convencida que de Galiza é a maior escola de tradutores e tradutoras do mundo, aínda que dubido que logremos na historia un espazo maior que a Escola de Toledo. Tamén se me deu por matinar que por moi aristotélicos que nos poñamos o problema ontolóxico non se resolve por dispoñer de categorías epistémicas de última xeración. As botas negras e grises explican un facto que excede e desborda a análise discursiva.
Mais eu pregunto se todos os que buscamos na compresión dos feitos unha vía para a transformación destes non compartimos unha pulsión. Non digo que compartamos unha ideoloxía, un credo, un ideario, unha doutrina, unha filosofía, unha teoría, unha política, un partido, unha corrente... mais si unha forza interior que nace do amor á lingua e que se proxecta a través da nosa vontade cotiá. Se cando menos temos un denominador común deberíamos presentarnos diante da cidadanía golpeada polo paro e a crise con toda a nosa diversidade potenciado o que de común temos.
Creo que as transformacións sociais as moven en grande medida valores e sentimentos, as ideas son ferramentas para expresalas. Non entendo abrir debates que non axuden á transformación, mais con todo o respecto, é o Partido Popular o máis interesado en enlearnos en debates categoriais. Moita xente está farta e só pide traballo e compromiso para fortalecer e ampliar os usos da nosa lingua. Se cadra o que necesitamos é mirármonos e recoñecérmonos entre nós con orgullo, fora das palabras e os discursos. Nese xusto lugar do inefábel que é a vida.
P.D: Desculpas para as botas de cor marrón. A tiranía da moda impón criterios incluso para os debates

mércores, 20 de outubro de 2010

‘Galician language’

por Carme Adán, deputada do BNG, no Xornal:

Nun país atlántico, do cal o nome poucos lembran, sucedeu hai ben pouco a maior transformación económica que a historia poida escribir. Cando o seu mediático presidente tiña un incremento do paro por riba dos seus veciños peninsulares, o leite o regalaban nas explotacións gandeiras, as centrais térmicas a piques de pechar polo decreto do carbón, astaleiros senlleiros con carga de traballo sen poder conseguir os avais para mantelos, as empresas referencia no téxtil con graves problemas e un sen fin de pequenos comercios pechando en cidades e vilas, decatouse da solución.
Logo dunha apresurada meditación de plató de televisión, o presidente comprendeu que a raíz do problema residía na resistencia da lingua local a desaparecer. Todos os sectores produtivos mudarían de súpeto con só falar inglés. Ben sabía o presidente que nos países anglosaxóns non existía crise e o seu modélico sistema de vida debíase á mellora cerebral que a fonética producía.
Con axilidade inusual decretou eliminar pouco a pouco a lingua local sen que se notara demasiado. “Múdese o sistema educativo para que só se fale inglés” decretou ao pouco. Comentáronlle que non era posíbel, xa que, se reduciran o número de profesores/as, o número de alumnado nas aulas incrementárase e as escolas de idiomas estaban sufrindo un grave ataque institucional en nome da austeridade selectiva.
“O mesmo ten”. Fágase unha boa campaña de marketing e logo a visita do Papa xa proverá. Contan que logo aqueles habitantes perderon a capacidade da fala e pouco despois, sen oikos que coidar, deixaron de existir.
Lectoras e lectores de Xornal de Galicia permítanme esta fabulación de preámbulo nun momento no que asistimos á construción dun ideoloxema que desde moitos espazos se repite e agranda. Os responsábeis de educación, co presidente a cabeza, queren asentar a idea de que temos que elixir entre a lingua inglesa ou a galega. E non deixa de sorprender que a venda desta proposta teña tantos ansiosos compradores. Eu acredito na importancia dun bo dominio das linguas estranxeiras, mais sen o coste de renunciar á propia e non só para o alumnado elixido.
Unha competencia axeitada nas linguas estranxeiras é efectivamente unha inversión de futuro, o mesmo que unha boa competencia en matemáticas, historia ou ciencias naturais. O que está en xogo no sistema educativo actual é ser quen de formar uns cidadáns que rodeados dunha cantidade inxente de información teñen dificultades serias para seleccionala ou entendela, uns cidadáns que saturados pola dialéctica dos valores son incapaces de exercer ningún. Desviar a atención cara etiquetas como centros plurilingües ou Abalar só serve para agochar os problemas dos comedores escolares, o transporte escolar ou a perda de moitos contidos importantes nos centros de ensino.
Lamentábel espectáculo dá o goberno deste país cando emprega fotos a toda cor con bolseiros/as para gabarse da mellora na aprendizaxe de inglés e elimina os desdobres nas aulas de idiomas nas escolas e institutos públicos. Iso si, no seu esforzo de parodia constátese ben que se encargou de enviarlle unha carta a cada un destes bolseiros, que farán funcións de auxiliares de conversa, para explicarlle que o contido do programa “versa sobre la enseñanza de la lengua inglesa a hablantes de español como lengua materna”. Para saber algo sobre esta terra, na que convivirán co alumnado durante nove meses, remíteos á Wikipedia. Ao introducir o termo Galiza, na pantalla só aparece: “pechado por derrubo”.

venres, 15 de outubro de 2010

‘Galician language’

por Carme Adán, deputada do BNG,  no Xornal:

Nun país atlántico, do cal o nome poucos lembran, sucedeu hai ben pouco a maior transformación económica que a historia poida escribir. Cando o seu mediático presidente tiña un incremento do paro por riba dos seus veciños peninsulares, o leite o regalaban nas explotacións gandeiras, as centrais térmicas a piques de pechar polo decreto do carbón, astaleiros senlleiros con carga de traballo sen poder conseguir os avais para mantelos, as empresas referencia no téxtil con graves problemas e un sen fin de pequenos comercios pechando en cidades e vilas, decatouse da solución.
Logo dunha apresurada meditación de plató de televisión, o presidente comprendeu que a raíz do problema residía na resistencia da lingua local a desaparecer. Todos os sectores produtivos mudarían de súpeto con só falar inglés. Ben sabía o presidente que nos países anglosaxóns non existía crise e o seu modélico sistema de vida debíase á mellora cerebral que a fonética producía.
Con axilidade inusual decretou eliminar pouco a pouco a lingua local sen que se notara demasiado. “Múdese o sistema educativo para que só se fale inglés” decretou ao pouco. Comentáronlle que non era posíbel, xa que, se reduciran o número de profesores/as, o número de alumnado nas aulas incrementárase e as escolas de idiomas estaban sufrindo un grave ataque institucional en nome da austeridade selectiva.
“O mesmo ten”. Fágase unha boa campaña de marketing e logo a visita do Papa xa proverá. Contan que logo aqueles habitantes perderon a capacidade da fala e pouco despois, sen oikos que coidar, deixaron de existir.
Lectoras e lectores de Xornal de Galicia permítanme esta fabulación de preámbulo nun momento no que asistimos á construción dun ideoloxema que desde moitos espazos se repite e agranda. Os responsábeis de educación, co presidente a cabeza, queren asentar a idea de que temos que elixir entre a lingua inglesa ou a galega. E non deixa de sorprender que a venda desta proposta teña tantos ansiosos compradores. Eu acredito na importancia dun bo dominio das linguas estranxeiras, mais sen o coste de renunciar á propia e non só para o alumnado elixido.
Unha competencia axeitada nas linguas estranxeiras é efectivamente unha inversión de futuro, o mesmo que unha boa competencia en matemáticas, historia ou ciencias naturais. O que está en xogo no sistema educativo actual é ser quen de formar uns cidadáns que rodeados dunha cantidade inxente de información teñen dificultades serias para seleccionala ou entendela, uns cidadáns que saturados pola dialéctica dos valores son incapaces de exercer ningún. Desviar a atención cara etiquetas como centros plurilingües ou Abalar só serve para agochar os problemas dos comedores escolares, o transporte escolar ou a perda de moitos contidos importantes nos centros de ensino.
Lamentábel espectáculo dá o goberno deste país cando emprega fotos a toda cor con bolseiros/as para gabarse da mellora na aprendizaxe de inglés e elimina os desdobres nas aulas de idiomas nas escolas e institutos públicos. Iso si, no seu esforzo de parodia constátese ben que se encargou de enviarlle unha carta a cada un destes bolseiros, que farán funcións de auxiliares de conversa, para explicarlle que o contido do programa “versa sobre la enseñanza de la lengua inglesa a hablantes de español como lengua materna”. Para saber algo sobre esta terra, na que convivirán co alumnado durante nove meses, remíteos á Wikipedia. Ao introducir o termo Galiza, na pantalla só aparece: “pechado por derrubo”.

venres, 10 de setembro de 2010

O conflito nas aulas

por Carme Adán, deputada do BNG, no Xornal:

Hoxe comeza un novo curso escolar. Os cativos e cativas diríxense cara as súas aulas con esa mestura de nervios e axitación que conleva o primeiro día. Nas escolas agarda o profesorado, mestres e mestras enfróntanse de novo a unha difícil tarefa, que nais e pais ás veces vemos doada, mais que a sociedade asume como crucial para o futuro das vindeiras xeracións.
Neste novo inicio existe un conflito, sementado por quen entende as campañas electorais como un "todo vale que logo xa veremos" e abonado con esmero polo goberno galego nos últimos meses, que eclosiona na vida cotiá dos centros de ensino. Pode que aos focos dos media xa non lles interese fotografalo, que os titulares busquen outras novas, que os políticos repitan mantras baleiros nos despachos; sen embargo, agora é o momento da realidade nas escolas. As persoas concretas que forman a comunidade educativa atópanse coas consecuencias de todo ese proceso. Moitos profesores e profesoras séntense afectados porque fixeron o esforzo de contribuír a construír lingua e saber en galego e como recoñecemento ao seu labor teñen enfronte a prohibición e a coacción. Moitas vontades fixeron o sobre esforzo de crear materiais educativos case da nada, de axudar modestamente a que o vocabulario científico sexa o máis acaído e rigoroso e, fundamentalmente, colaboraron para vencer as reticencias dun prexuízo moi enraizado que sitúa ao galego nunha situación de desvantaxe para crear coñecemento.
Hoxe semella tirarse ao lixo moito dese traballo e eu me pregunto: a cambio de que? Quen ou que gaña con todo isto? O alumnado? Non, xa que se lle furta no seu periodo de formación a posibilidade de adquirir a competencia lingüística nun campo tan importante para o futuro como é o científico e tecnolóxico. Lémbrese que neste momento a escola é o único espazo que existe para adquirir dita destreza en galego. As familias? Tampouco, este tema serviu de cortina de fume para un goberno que recorta todos os días o ensino público deste país. O profesorado? Foi invisíbel para a administración e non só a súa voz foi silenciada, tamén o propio Consello Escolar de Galiza foi desoído. Sen embargo, no incio de curso volta a ser visíbel para unha administración que envía todos os días mensaxes de prohibición. A lingua galega? Sometida a toda unha campaña de desprestixio institucional sobre a súa pertinencia ou non para ensinar cousas tan serias como as matemáticas, conceptualizada como un problema e nunca como unha riqueza e reducida a súa presenza dos cativos espazos onde con dificultades habitaba creo que non gañou nada.
A sociedade galega no seu conxunto non gañou nada. Non avanzamos en calidade educativa, retrocedemos en varios aspectos. As nosas industrias culturais ou editoriais non gañaron nada, a nosa economía nada, o paro aumentou de xeito considerábel, o leite baixou de prezo e os incendios nos deron unha lección de ética informativa... Todos perdimos algo porque decidir prescindir da nosa lingua só nos deixa sorprendidos desa vontade de tánatos que nos fai sentir fachendosos de destruírmonos.
Agora si que o conflito non é algo do que falamos os políticos e políticas, está nas aulas. Xusto onde non tiña que estar.

venres, 16 de xullo de 2010

Parabéns ás escritoras/es

por Carme Adán, deputada do BNG, no Xornal de Galicia:
Coñecín tarde a obra de Rosalía. Cando nena ensináronme que era unha muller moi triste que se lamentaba da pobreza dos galegos. De moza nin me preocupaba, e cando Woolf, Lispector ou Beauvoir acompañaban os meus pasos a súa ausencia ficaba como un oco que ningunha outra podería encher. Mais Rosalía ten calma. Son moitos anos de infravaloración ou limitación interesada como para apresurarse agora. Quen a ela se achegue sempre se sentirá na casa.
Con grande hospitalidade comparte os mecanismos de resistencia e tamén de subversión que tan ben coñece. Sabedora de que a orde establecida ten poderosas ferramentas para excluír, é a primeira en regalarnos a esperanza. Como a auga de chuvia, procura ese pequeno espazo na rocha e alí agarda polo frío. Ese que ao conxelar a alma estala o muro dos costumes, da moral patriarcal e do colonialismo cultural e político. Anacos dunha orde que moitos tentan, unha e outra vez, volver xuntar. Todo no seu sitio; a gobernar os de sempre e os demais a calar.
Seguro que Rosalía ri pensando que a Igrexa quere encerrala de novo, esta vez controlando a entrada dos que até o Panteón de Galegos Ilustres se acheguen. E os poderes terrenais que hoxe gobernan tamén desfrutando con ese peche forzoso, non vaia ser que de tanto fender os anacos sexan tan pequenos que non se poida recompoñer a orde correcta desta sociedade. Non vaia ser que este pobo teña a autoestima suficiente como para tirar as portas e tomarse a xustiza pola man.
Logo de 125 anos da súa morte moitas persoas fixemos o camiño desde Padrón a Compostela no tren da poesía. Percorrimos xuntos as rúas da cidade vella e compartimos palabras e pedras até chegar ás portas de Bonaval. Unha tarde de camiños conxuntos, que non idénticos, recitando a Rosalía; como metáfora do que nos resta por construír: un futuro compartido. Poucos sistemas literarios do mundo teñen a fortuna de que unha muller sexa a súa figura central. Unha escritora reivindicativa e comprometida, aínda hoxe incómoda só polo feito de mirar con outros ollos: os de muller, escritora e galega. Capaz, como unha deconstrutora vangardista das identidades ríxidas, de comezar as súas andainas polo interrogante. Por esa sospeita que se pega á pel e reconforta para sempre.
Eu comecei un dos meus primeiros discursos políticos xa fai algún tempo co que entendo é toda unha declaración: “Daquelas que cantan ás pombas i ás frores / todos din que teñen alma de muller; / pois eu que non as canto, Virxe da Paloma, /¡Ai!, ¿de qué a teréi?”. Aínda non atopei a resposta; nen agora estou certa da súa existencia. A pegada de Rosalía non se pecha nun panteón, nin nunha Consellaría de Cultura, nin en bibliotecas, libros ou lectores. Vaga sen presa agardando que a próxima estación sexa a nosa.

venres, 9 de xullo de 2010

Centros plurilingües

por Carme Adán, deputada do  BNG, no Xornal de Galicia:
En xeral o prefixo “pluri” tende a gustarme. Sempre é mellor ter unha variedade de tonalidades, de sons, de sabores, de ideas, de sensacións ou de experiencias fronte á unha realidade uniforme ou monocorde. Sen embargo, comezo a dubidar que o reiterado emprego do mesmo nos últimos tempos camiñe cara esa desexada explosión do diferente e a celebración do múltiple como característica humana. Mais ben todo apunta para a sutil imposición dun dos maiores dogmas do neodarwinismo social actual segundo o cal débese primar os que teñen maiores posibilidades de éxito que os demais dan igual.
Baixo esta consigna e, por estraño que semelle, coa entrada do calor e a invasión do fútbol a Consellaría de Educación segue sen tregua o seu esforzo por conseguir diferenciar as elites do ensino galego. E quero dicir o ensino do alumnado de Galiza, que ninguén poida pensar que existe un plan na Consellaría para facer do ensino en galego unha elite. Non, xa nos quedou claro que os delirios de valoración do propio están superados e son doutra época premoderna. Agora nós como a vangarda que representamos seremos quen de plasmar na escola a diferencia entre os que poden e os que non. Claro que esas etiquetas tampouco son acordes aos tempos actuais de eufemismos lingüísticos e na entrada da escola ninguén se atreverá a poñer “Centro para listos” ou “Centro para a formación de elites dirixentes”, pola contra rezará o moito máis moderno e enigmático rótulo de “Centro Plurilingüe”.
A modernidade é unha etapa histórica da que podemos valorar como un dos seus maiores legados a idea de que a educación debe ofrecer as mesmas oportunidades para eliminar tantas situacións diferentes que portamos nas mochilas coas que as nosas anatomías e as nosas casas nos foron cargando. Se este Goberno considera que aprender inglés é a pedra filosofal que vai transformar a Galiza nunha especie de Arcadía feliz debería poñer os medios para que todo neno ou nena galego teña as mesmas posibilidade de aprendelo. Pola contra o que fai é crear uns centros que estarán mellor dotados economicamente, que seleccionarán o alumnado e xa de paso eliminarán o maior atranco na procura da anceiada modernidade, o galego. A ninguén se nos escapa que tipo de centros se priorizarán e cal é a súa ideoloxía.
Así estamos, suando de calor e extasiados co fútbol, mentres se publica a orde que permite aos centros de ensino comezar un camiño tan tentador como converterse en “de primeira categoría”. Se non souberamos onde tería lugar o noso nacemento, nin que posibilidades intelectuais íamos ter de serie, nin todos os apoios familiares que se nos brindarían ou non para estudar, se non souberamos nada do porvir e tiveramos que decidir sobre o modelo de ensino, que decidiríamos? O mellor para unha elite? O máis inclusivo para todos os nenos e nenas? O que prioriza os recursos nunha minoría e aforra nos que a priori teñen poucas posibilidades de éxito? O que busca a igualdade a través da educación?
Seguro que hai quen pensa “os mellores sálvanse en calquera modelo”. Se aplaudimos o darwinismo e voltamos á lei do máis forte a pregunta é: para que necesitamos a administración educativa?

venres, 21 de maio de 2010

‘From now on’

por Carme Adán, deputada do BNG, no Xornal de Galicia
Xa está. Aprobouse por decreto o decreto que garante o plurilingüismo. De feito, no mesmo instante no que lía o primeiro teletipo sobre o Consello da Xunta xa comecei a sentir como os meus golpes de voz fluían con certo acento inglés. Quen alí estaba comentou, “pásache algo?”. Pois non, isto é o que ten ser plurilingüe e libre por decreto no mesmo día. Un ano de farsas e pantomimas empregando desculpas como a diversidade de linguas, a liberdade, o cosmopailanismo ou o que fose para agochar o que desde un principio estaba claro: dar un paso atrás na escasa garantía que existía de que o alumnado puidera adquirir competencias plenas en galego.
E para conseguir este obxectivo non importou para nada a opinión da comunidade escolar e dos seus representantes –incluído o Consello Escolar de Galiza. Moitas persoas preguntaranse de que serven os informes e ditames dos diferentes organismos e institucións do país, como poden ser o do Consella da Cultura Galega, da Real Academia Galega ou do Consello Consultivo. Hoxe todo semella estéril diante dun retroceso lexislativo tan importante. No entanto, todos os documentos seguirán acompañándonos e as súas letras e argumentacións formarán parte do novo arquivo histórico que agora inaugura Feijóo cando fala de pacto e mantén inalterábel o que se propuxera hai agora un ano. Seguro que moitos galegos e galegas que se manifestaban o luns en Compostela hoxe sentirán desánimo ou tristeza. Mais tamén é certo que tanto as experiencias vividas, como as impresionantes fotos das riadas humanas e das nenas e nenos que alí estaban, serán a materia viva para continuar traballando a cotío.
“Hoxe” é a palabra que máis repito neste artigo porque non se conclúe un proceso, todo o contrario. Agora comeza un traballo importantísimo de reconstrución. Feijóo, Vázquez e Lorenzo cavaron unha fenda tan grande no débil consenso lingüístico deste país que se necesitarán todas as mans para mostrar as súas mentiras, non só as 55 primeiras. Sobre todo, necesitarase dun esforzo colectivo para establecer as estratexias de resistencia e recuperación lingüística que precisamos. Con certa inxenuidade sempre pensamos que nesta materia a lexislación sería por progresividade e acumulación como se existise un punto marcado teleoloxicamente ao que chegar. Pois non é así, o punto de chegada é o camiño que emprendemos todos os días co noso traballo e coa máxima das ilusións.
Hoxe non é un día para a tristeza. Nin tan sequera para a indignación. Sabemos o que hai. Coñecemos o seu obxectivo. Cal é o noso? Pular por este país, pola súa cultura e a súa lingua? Pois nin un segundo de desalento. Hai que reconstruírse e iso sempre implica xenerosidade, unión é ánimo. Hoxe é o momento para ese Nós.

venres, 14 de maio de 2010

Letras, letras, letras

por Carme Adán, deputada do BNG, no Xornal de Galicia

Liamos poesía nunha chuviosa tarde de domingo. “Canta o cuco cala e canta / nos castiñeiros do val. Pasa o tempo e non di nada / e volta o cuco a cucar” (Novoneyra). Escollo esta porque é curta e fácil de copiar, argumentaba desde os seus sete anos quen sentado aínda non pousa os pes no chan. “E como cuca o cuco, mamá?”. A verdade é que non o sei, temos que preguntarlle á avoa de Lalín que cando nena escoitouno moito. “Mais, se nunca leu poesía como o vai saber?”.
O cuco que vive nas letras retrunca a Novoneyra e tráenos un tempo que si di. A min faloume de todas e todos aqueles que me precederon e que na súa vida nunca leron poesía. De mallas e segas, de tempos de cebolo e castañas. De emigración forzosa, traballo e loita. As letras só eran parte dunha fala que cumpría extirpar para buscar o paraíso noutro sitio. Horas de sacrificios para garantir un bo ensino en castelán para a xeración chamada a facer o tránsito entre o cucar e o ruído sen xeito da posmodernidade. Esa xeración que agora ten que decidir cara onde remar. Ten que decidir o que Galiza quere no económico e o social. Ten que decidir que modelo de caixa galega quere, se dá a batalla do benestar ou se prega á vontade do mercantilismo especulativo, se inicia o desmantelamento da escasa rede pública construída ou non, se segue estragando o territorio no altar dos bloques e a uralita ou enche os montes de muiños para crear os beneficios fiscais só alén de Pedrafita...
Moito por decidir, mais, para min, hai algo que é o fundamental: que pretendemos exactamente legar a esas pequenas mans que hoxe len poesía? Creo que a mellor sería a herdanza da coherencia. Ninguén asegurou que fose fácil, nin que se poida exercer de xeito perfecto mais é un dos camiños que nos permite vivir con e nesas letras que nos axudan a coñecérmonos para construír, que fan do eco esvaído do cuco no tempo unha razón para pensar algo novo. O 17 de maio é como a poesía, pura presenza.
Eu irei o 17 de Vigo a Compostela con Novoneyra no corazón. Non irei porque fun educada en castelán, lingua á que quero e respecto coma a calquera lingua do mundo. Non irei porque xa maior decidín vivirme en galego, lingua que é a miña e á que quero e respecto como a calquera lingua do mundo. Non irei porque sexa nacionalista, militante do BNG ou deputada, opcións vitais e políticas das que me sinto orgullosa e feliz de practicar.
O 17 de maio irei de Vigo a Compostela porque é unha festa, é a festa do noso amor con quen nunca leu poesía.