O peor dos prexuízos é que lle dan forma ao sentido común. Ese que nos acompaña na nosa vida cotiá como se do anxo da garda se tratase. Guíannos cando mercamos o pan, decidimos a cor dunha camisa, a canle de televisión favorita ou incluso a orientación do noso voto. Sempre é agradábel a presenza destes soportes invisíbeis do pensamento. Primeiro, porque mecen a tranquilidade das nosas ideas baixo a reafirmación nos tópicos de sempre. Segundo, porque aínda engaden maiores doses de relax ao evitar calquera tipo de contradición interna ou ollada incómoda desde outro punto de vista. Son o antídoto perfecto para esa enfermidade que é o pensamento crítico.
Algúns veñen de tan antigo que a súa orixe se perde na mestura entre os xenes e a letra escrita. Outros, recentemente saídos das factorías da comunicación de masas exploran novos mercados entre a mocidade planetaria. Vellos e novos responden a un mesmo esquema, simplificación e desprezo. Así podemos durmir tranquilos mentres un xefe de goberno prostitúe mozas porque xa sabemos que as mulleres no fondo serven para o que serven. Podemos ver brotes de xenofobia ao noso lado e reafírmanos no perigo que entraña que nos quiten os traballos peor pagados e aínda se empeñen en manter a súa cultura.
Vemos corruptos proclamándose candidatos e asentimos a un “todos fan o mesmo” que consegue deixar intacto o delincuente e desactivar o resto. Dixerimos que os bancos saian tranquilos da crise que eles provocaron baixo o lema “a banca sempre gaña” e así poderíamos seguir até esgotar os caracteres deste artigo ou caer no baixón definitivo. Ese que tes xusto no momento no que vas ligar e te atopas enfronte ou cun nacionalista ou cun bruto. Enténdaseme, quero dicir, con alguén que fala galego.
Cosidos durante séculos cos fíos da pobreza e a escaseza de formación, os prexuízos sobre a lingua galega son quen de adaptarse aos tempos. Ao igual que os virus teñen esa capacidade de penetrar nun organismo e paparlle todos os seus compoñentes para reproducirse e saír deste fortalecidos. Así, campando felizmente pola nosa sociedade andan á procura dun novo corpo ao que devorar para crecer e engordar.
Isto, que sería o natural dunha sociedade acrítica, atopou un abono especial nos últimos dous anos. Un goberno galego, especializado en cultivar os anestesiantes sociais, non escatimou en resortes mediáticos para engrandecer os tópicos sobre a inutilidade de coñecer a lingua. Xa non digo empregala, só coñecela ao nivel de poder facer un uso normal da mesma.
A respecto do galego, o dano causado en só dous anos será difícil de cuantificar neses estudos dos prestixiosos científicos da lingua. Ese mal non reside nos datos empíricos que un método máis ou menos axeitado pode analizar, senón que aniña no que non dicimos até que unha indiscreta cámara o proxecta para vergoña non só de quen o di, senón de quen o propicia e alenta.
Sabemos que Feijóo está de paso. Para esa viaxe hai moito que sacrificar polo camiño. Lingua arriba, lingua abaixo tampouco é para tanto. Ademais, tamén sabemos que en Madrid teñen claro que o galego ou é de brutos ou de nacionalistas, isto é, de brutos ideoloxizados. Polo tanto, de brutos elevado ao cadrado. Non imos defraudar os prexuízos da capital é seguro que saberemos estar á altura das circunstancias.
P.D.: Para os que se sintan de baixón humildemente recomendo a lectura de Descartes que xa nos alertaba de que o sentido común, sendo a cousa mellor repartida do mundo, necesita ser sempre posto en dúbida e darlle outra pensada. De non ter tempo, o efecto pode ser similar cunha terapia de media hora de risas compartidas sobre nós mesmos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario