por Xosé Manuel Sánchez Rei, en Terra e Tempo:
Na liña dos artigos anteriores, podemos afirmar que unha utilización modelar da lingua non só rexenera o propio idioma, mais tamén contribúe para o dignificar e, por extensión, para igualmente dignificar a súa comunidade de falantes. O presente texto asenta agora noutra das faces dese proceso rexenerador, como é a restauración e o uso dos nosos topónimos, nalgúns casos tan propositadamente erosionados polos axentes colonizadores. A toponimia é unha parte da disciplina coñecida como onomástica e no estudo dos nomes de lugar converxen ámbitos doutros saberes, tales como a economía, a historia, a socioloxía etc. Vira, pois, unha esfera de coñecemento o suficientemente interesante como para repararmos na súa capacidade en nos axudar a sabermos máis de nós propios e dos nosos percursos históricos e lingüísticos particulares. Por este motivo, coidamos que debe ser debidamente restaurada e conscientemente empregada, xa que á sombra dun topónimo hai unha importante información cultural, histórica ou de humanización da terra que contribúe para nos caracterizar como pobo galego.
Calcúlase que aproximadamente a metade dos topónimos existentes na península ibérica se acha na actual Galiza, no norte de Portugal e nunha boa parte do occidente das provincias españolas de Asturias, León e Zamora, isto é, na Gallaecia, a antiga provincia romana que, após diversos avatares históricos e despois da chegada dos suevos no século V, sería o xerme do reino galego, o territorio peninsular máis influente política, cultural e lingüisticamente durante un longo período de tempo da Idade Media (V-XIII). Tal realidade canto aos topónimos xa pode dar unha idea da importancia que nomear a terra tivo (e ten) para as persoas que a habitan, pois dar nome aos lugares, ás correntes de auga, ás rochas do mar, aos vales, aos camiños, ás ribeiras, aos terreos que se cultivan etc. supón humanizalos e tornalos case unha parte da experiencia vital do individuo. Por este motivo, deturpar ou mudar caprichosamente as toponimias implica tamén, dalgún xeito, violentar a historia e a cultura do país, para alén de agredir directamente o idioma. Coidamos que os responsábeis políticos deberían ter entre as súas obrigas faceren con que este tipo de erosións, que danan o idioma e que escurecen ese percurso vital do pobo na humanización da terra, non se repetisen ou non fosen promovidas directamente desde os poderes socioeconómicos.
A barbarización dos topónimos
Se en artigos anteriores ponderabamos que a hibridación co castelán e a substitución por esta lingua son as dúas ameazas máis serias para a sobrevivencia do galego, tamén para o caso dos topónimos se achan, se non idénticos, parecidos paralelismos: a mestura co español e a substitución caprichosa dos nomes tradicionais por denominacións máis modernas alteran perigosamente a transmisión e o coñecemento da toponimia galega. Así pois, en primeiro lugar teriamos a barbarización ou hibridación co idioma imposto, practicada e dirixida nomeadamente polos axentes colonizadores durante séculos: administrativos, funcionarios, membros da igrexa, responsábeis municipais etc. Esa mesturaxe case acabou incrustándose parcelarmente na nosa comunidade lingüística, de modo e maneira que non faltan chasquidos guturais dalgunhas persoas que mesmo reivindican os nomes barbarizados. Na realidade, trátase dun tema xa denunciado por diferentes especialistas e non imos aprofundar máis nos seus argumentarios, mais exemplos abondosos hai ao longo e largo do territorio, á marxe das leis vigorantes, nacionais e mesmo estatais, as cales sinalan que os topónimos teñen como única forma a galega: *Calle Caballeros (por Rúa dos Alcabaleiros), *Irijoa (no lugar de Irixoa), *Orense (por Ourense), *Sobrado de los Monjes(en vez de Sobrado dos Monxes) etc. Interesa salientarmos que se tratou dun proceso constante mais de consecuencias asaz aleatorias: por que se chegou ao barbarismo *Puentedeume e non á forma *Puentevedra? Como é que se xerou un *Carballino e non se ten constancia dun río chamado *Mino ou dunha vila coñecida como *Porrino? De que maneira apareceu un "franqueinsteniano" *La Junquera polo lexítimo A Xunqueira e non deu xurdido un *Negrera en vez de Negreira...?
A tal españolización afectou as diferentes disciplinas para o estudo do idioma: tivo consecuencias na compoñente gráfica (*Forcarey en vez de Forcarei, *Guillarey no lugar deGuillarei, *Recarey por Recarei etc.), sacudiu o dominio fónico (*Arteijo por Arteixo, *Cumbrados por Cumbraos, *Teijeiro en vez de Teixeiro, *Villamor en lugar de Vilamoretc.), bateu no ámbito morfolóxico (*Los Puentes en lugar das xenuínas As Pontes, *Niñonespor Niñóns, *Sarandones por Sarandóns etc.) e mesmo chegou a producir singulares asneiras que nada significan nin no galego nin no español nin, que nós saibamos, en ningunha outra lingua románica coñecida (*La Gramela por Agramela, *A Grela en lugar de Agrela'agra pequena', *Niño de la Guía en vez de Niño da Aguia etc.). Con razón Castelao, de quen se fan 125 anos do seu nacemento perante o propositado esquecemento oficial desta efeméride, denunciaba este proceso de deturpación, o cal, séndomos sinceros, aínda se pode involuír facilmente cun pouco de vontade cidadá e cun moito de poderes políticos asentados na realidade cultural e lingüística do país.
Igualmente, leva sido unha práctica que non discriminou a orixe dos topónimos. Así, nomes de lugar de proveniencia prerromana ou mesmo céltica (como A Coruña, Arnoia, O Courel,Ogrobe, Os Ancares etc.), topónimos de filiación claramente latina (cal Ciadella, Eirixe, Fonte,Outeiro etc.), nomes de procedencia xermánica (do tipo Goiáns ou Goiás, Rúa do Franco,Xermaña etc.) ou mesmo topónimos de influencia arábiga (como A Atalaia, A Mesquita,Acea de Ama etc.) coñeceron a peste da erosión castelanizadora (cfr.: *La Coruña, *Arnoya, *El Caurel, *El Grobe, *Los Ancares etc.; *Ciudadela, *Eirije, *Fuente, *Otero etc.; *Goyanes, *Calle del Franco, *Germaña etc.; *La Atalaya, *La Mezquita, *Haciadama etc.). Non importou, xa que logo, que a denominación tradicional remontase a súa orixe en máis de 2500 anos, que se puidese localizar nos primeiros séculos da nosa era ou que inclusive chegase á Galiza (nome por certo de orixe prerromana) á volta da invasión sueva ou da chegada dos árabes.
A indecorosa substitución
E en segundo lugar, debemos facer referencia á mudanza de topónimo, adoito tamén promovida polo poder político e económico, que na práctica condenou ao esquecemento unha notábel cantidade de nomes tradicionais: falamos normalmente de microtopónimos, actualmente substituídos por outras denominacións, como as que se achan na maior parte das vilas e cidades galegas. Na situación da Coruña, que é a que mellor coñecemos, detéctase en casos cal o lugar denominado como A Cancela (hoxe en día a zona da Avenida de Fisterra próxima da rúa San Isidoro), Alto do Penedo (na actualidade correspondente á área do Observatorio máis próxima das rúas Canceliña, Páramo e Pascual Veiga e), Camiño novo (modernamente denominada rúa Juan Flórez), Campo da Leña (hoxe tamén coñecido polo nome de Praza de España), Campo do Carballo (agochado baixo a moderna zona da rúa Francisco Mariño), Hortas de Garás ou simplemente Garás (área da rúa de obsceno nome Primo de Rivera), O Lagar (presentemente confluencia da rúa Cabo Santiago Gómez coa antecitada vía Juan Flórez), Paiomouro (aproximadamente a zona actual do chamado Paseo das Pontes), Porta da Torre de Arriba (a área hoxe denominada Praza de Pontevedra) etc. Nestas mostras, a práctica institucional debería orientarse cara á recuperación dos topónimos antigos ou, tal e como se fixo en cidades como Pontevedra, sinalar a carón do moderno a antiga denominación, nalgúns casos difícil de restaurar debido ao grande uso que conseguiu ter a nova. E non falemos xa de nomes do rueiro dedicados a doutores da barbarie e do fascismo, como General Sanjurjo, Juan Canalejo, Millán Astra etc. para os cales nin tan sequera se cumpren as disposicións legais derivadas da lei da memoria histórica, que regran que tales denominacións teñen de ser eliminadas ou mudadas...
Mais temos de notar, cando menos nalgún caso, que se trata dunha tarefa non isenta de complicacións. O estudo e a recuperación dos nomes de lugar presenta certas problemáticas derivadas da evolución da sociedade galega na segunda metade do século XX. Non é unha novidade afirmarmos que a desruralización trouxo consigo que as cidades e as súas zonas de influencia máis próximas gañasen en importancia como referencias comerciais, culturais, económicas etc. dunha representativa parte da populación, mais tamén implicou que o campo fose ficando sen habitantes. A partir de aquí, moitos microtopónimos corren o risco de seren esquecidos ou de se perderen definitivamente, pois as diversas realidades a que daban nome, como os diferentes tipos de terreos, os camiños, as fontes etc. deixaron de ser rendíbeis do punto de vista económico. Aínda que algúns deles subsistan na memoria das persoas de máis avanzada idade durante certo tempo, é evidente que nin todos van ter a sorte de seren incluídos nas pertinentes instancias administrativas.
Unha outra ameaza para a sobrevivencia dos topónimos e para a súa subsecuente recuperación deriva de actuacións urbanísticas absolutamente irrespectosas coas nomenclaturas tradicionais. Esta situación, aínda que non exclusivamente, costuma producirse na periferia urbana dalgunhas cidades, como, noutra ocasión, é caso da Coruña: debaixo dos quilómetros cadrados dun polígono industrial denominado Agrela-Bens, agóchanse, entre a néboa do tixolo, do cemento e do asfalto, moitas aldeas, lugares e casais varridos por rúas como Arquímedes, Copérnico, Edison, Galileo Galilei, Gambrinus,Guttemberg, Newton, Pasteur etc. Eses sitios, onde se localiza agora a tal sucesión de toponimia dedicada aos mestres da ciencia, eran coñecidos por nomes ben sonorosos comoAgrela, A Agra de Cances, A Agra dos Mallos, A Fontaíña, A Fontela, A Fortaleza, A Nabeira eAs Nabeiras, A Ramalleira, A Viña do Perruqueiro, As Cortiñas, As Torres das Vellas,Amarredonda, Gatón, Marfialla ou Marfealla, Marzán, O Bachiler, O Chinto, O Regueiro e Os Regueiros, Os Curros, Pousadoiro etc. Talvez resulte un tanto estrambótico o feito de alguén poder preguntar polo edificio coñecido anglosaxonicamente por "Work Center", en que na actualidade se achan sucursais bancarias, restaurantes, negocios hostaleiros etc., e que non saiba que o sitio en que asenta responde, na verdade, ao lugar da Ramalleira.
Na mesma liña, un agresivo desenvolvemento urbanístico verificado na segunda metade do século XX fixo con que lugares e aldeas tradicionais pasasen a se converter en rectilíneos trazados que deseñaron avenidas, rondas e rúas. Non é de estrañar que os hoxe chamados bairros coruñeses da Agra do Orzán (os campos desde os cales se vía o mar do Orzán, xa no extinto Concello de Oza), de Visma e do Peruleiro oculten nos seus cimentos nomes que, no mellor dos casos, só lembran as persoas idosas, ou que, con máis frecuencia, unicamente se documentan nas escrituras notariais de permutas, testamentos e vendas. Tal é o que se verifica con topónimos como Acaroada, Agro do Río, Esqueiro, Filgueiras, Maceiras, Matella,Pardiñas, Ribalonga, Ribeira do Cómaro, Seveiriña, So as Rimas, Terreo do Orzán, Terreo daRibeira etc., hoxe practicamente descoñecidos para o común da xente. Téñase en conta que en ocasións o único xeito de nos aproximarmos nos nosos días deses topónimos consiste na consulta de documentos legais e administrativos do pasado; sen ánimo de exhaustividade, puidemos comprobar nos manuscritos das Contadurías de Hipotecas de San Cristovo das Viñas e de San Pedro de Visma (datados en meados do século XIX) a existencia de nomes hoxe en día totalmente ignorados para a maior parte da cidadanía que mesmo habita esas partes da demarcación municipal: Abeneiro, Caldemoreiras, Carballeiras,Casanova, Chancellas, Codesal da Aira, Comareiro, Espiño, Fervenzas, Fontán, Lago,Laxeiras, Monte dos Chas, Pardiñeiros, Pasadoiro, Pedra Furada, Pereiro, Portafigueira,Revolta de Carrabouzal, Seara, Seixeda, Sobredomuíño, Torre da Fonte, Viña Vella etc.
De modo similar, as promocións inmobiliarias levadas a cabo no Monte da Zapateira, ao lado de un dos campus da Universidade da Coruña, promoveron nomes de rúas como Amberes,Berlín, Bonn, Burdeos, Copenhague, Ginebra, Londres, Lisboa, New York, Torino etc., borrando así os tradicionais da zona e voltando a complicar o estudo e a análise toponímica; o propio aparecemento das infraestruturas universitarias en Elviña e na Zapateira case proscribiu nomes como As Mariñas Douradas, finalmente salvado pola intervención das autoridades académicas.
Concluíndo
Os topónimos galegos, que do punto de vista cronolóxico son basicamente filiábeis ao mundo prerromano, latino ou xermánico, constituíron unha poderosa ferramenta para que o individuo tomase pose da terra que habitaba e que traballaba. O seu valor é, por tanto, digno de se salientar. Coidamos que ten de ser labor daquelas persoas que ocupa(re)n cargos de representación cidadá velaren para que todo este ricaz manancial onomástico non fique condenado ao descoñecemento consciente. Acabarmos cos nomes tradicionais, quer pola vía da barbarización co español, quer polo método da substitución, implica, como non podía ser doutro xeito, descernarmos unha parte do noso milenario legado lingüístico, mais tamén cultural, económico, histórico, sociolóxico etc. Por todo isto, moito nos pracen as actividades de certas entidades culturais, como a AC Alexandre Bóveda (a cal, desde xa hai tempo, leva promovendo proxectos de recuperación microtoponímica do Concello da Coruña) ou como os traballos da Concellaría de Normalización Lingüística deste mesmo organismo municipal (que ten impulsionado actuacións destinadas á conservación dos nomes tradicionais). E, igualmente, moito nos tamén agrada a actitude do candidato á alcaldía do concello herculino polo BNG, Xosé Manuel Carril, que, como persoa comprometida co país, sabe tomar cumprida e eficaz nota das demandas das xentes que tencionan que ese patrimonio onomástico non fique no esquecemento xeral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario