Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 17 de febreiro de 2011

Sobre ignorancia e pailanismo

por Miguel Anxo Fernán Vello, en Galicia Hoxe:

O dicionario define pailán como persoa pouco ilustrada ou persoa iletrada, mais eu tamén vexo nesa figura algo do que os gregos denominaban idiotismo ou idiocia, mal este -enfermidade, diría Voltaire- que resulta invisíbel para quen o padece, pois sempre son os demais os que por simple observación o sofren. Foi Einstein quen dixo que só había dúas cousas infinitas: o universo e a estupidez humana; e referido a esta última veume a un primeiro plano nos últimos días unha das leis fundamentais que, ao respecto, enunciou en emblemático ensaio o historiador italiano Carlos Maria Cipolla, aquela que nos advirte de que temos a tendencia a subestimar o número de individuos estúpidos en circulación. Mais vexamos. Todo isto vén a conto porque tiven estoutro día a ocasión de ver un vídeo enviado por un amigo no que unha concursante, galega e coruñesa, por máis sinais, dun popular programa (reality show) de TV, di, por exemplo, que cando un mozo ("tío bueno"), supoñamos, lle fala en galego "me da un bajón". A moza concursante, de vinte e cinco anos de idade, tamén di que o galego de Lugo "es muy bruto" e de xente "máis ignorante", o que deixa ben ás claras -a moza coruñesa representa aquí o pensamento e a opinión dun importante número de cidadáns- como se contempla o idioma propio de Galicia aínda estándomos como estamos na segunda década do século XXI. A concursante coruñesa, sen dúbida, é unha vítima máis da ignorancia e do pailanismo -paletismo urbano, se queren- que impera nun segmento non desprezábel da sociedade galega, ignorancia e pailanismo estes que se mesturan cos fenómenos -máis vivos do que adoito pensamos- do autoodio e da endofobia, verdadeiras lacras que son produto, ademais dunha inferiorización transferida, dunha clara dominación psicolóxica levada a cabo por séculos de imposición española e castelá. Pobres mozos e mozas galegos que, como a concursante coruñesa, son vítimas do pailanismo urbano e sobre todo da ignorancia. "Nada hai máis terríbel que unha ignorancia activa" (Goethe)..

Ningún comentario:

Publicar un comentario