Que feliz e rara coincidencia que dúas figuras senlleiras da Cultura de Galicia cumpran este ano o 125 aniversario: Castelao, do seu nacemento; Rosalía, do seu pasamento. Xusto ao ano seguinte do pasamento de Rosalía (1885), vén ao mundo Daniel Castelao (30-8-1886). Por esta razón, 2011 foi declarado pola Xunta Ano de Castelao. Segundo lin na prensa, hai quen se lamenta que a Xunta o fixera "tarde, mal e arrastro". Polo menos, iso lle parece a Ana Pontón, responsable de Cultura do Grupo Parlamentario do BNG, quen reclamou que este 2011 fose declarado Ano de Castelao.
Todo isto proba o que xa escribín noutras ocasións: Que os nosos actuais gobernantes xunteiros, en especial os responsables da Cultura deste País, non son devotos das figuras de Castelao nin tampouco de Rosalía. O presidente Núñez Fejóo lamentouse de que o presidente de España non se dignara honrar o Xacobeo visitando Galicia. Non lle falta algo de razón; pero si enviou o seu segundo de abordo, porque Zapatero foi a Barcelona para despedir, xunto ás súas Maxestade os Reis, a Súa Santidade o Papa. Puido vir noutro día calquera durante todo o Ano Xacobeo. E non o fixo. Mandou tamén un dos segundos de a bordo. En fin, cuestión de sensibilidades, preferencias e prelacións. Por iso, os rianxeiros tamén poderiamos lamentarnos (incluso, deberiamos) respecto da ausencia da Xunta nos actos de Castelao, polo menos nas conmemoración máis significativas.
Respecto de Rosalía, teño noticias de desatencións semellantes e incluso máis graves, especialmente nas cuestións económicas referidas á súa Fundación. Unha vítima máis dos famosos recortes da Xunta por mor da crise? Polo que se vai vendo noutras institucións de tipo socio-cultural, parece máis unha cuestión de amor que de diñeiro. Ou, dito doutro xeito, aténdense ben aquelas institucións que lle son máis queridas por seren tamén máis afíns ideoloxicamente. Se son galegas, ben está. Pero, aqueloutras que, sendo máis galegas, non gozan desas afinidades, deben ser tratadas dun modo proporcionalmente equitativo. Iso, polo menos. Porque deber, ética e politicamente consideradas, as entidades socio-culturais galegas deberían ser tratadas dun modo preferente por un autenticamente galego e para os galegos. Isto sen prexuízo das e atencións que, como Comunidade Autónoma, nos correspondan respecto do Estado.
Outra das peticións importantes que fixo a Deputada Ana Pontón foi a de que a obra de Castealo sexa declara Ben de Interese Cultural (BIC). A casa da familia Castelao xa foi declarada BIC polo Goberno anterior. Pero, a súa obra, non. E penso que, ademais de moi conveniente, é absolutamente necesaria. E, neste punto, é preciso posuír un catálogo integral desa obra que ata non hai moito tempo estaba sen facer. Era necesaria unha exhaustiva investigación desa obra desperdigada por mans particulares. A Fundación Castelao encargoulle esta tarefa ao Sr. Seixas. Tería que dar conta dela. Fíxoo? A un servidor non chegou..
Ningún comentario:
Publicar un comentario