Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 18 de febreiro de 2011

Memorias dun neno vilego

por Henrique Monteagudo, no xornal El País:

Acaba de cumprirse o cincuentenario da publicación das Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, unha das obras máis populares da literatura galega. A miña primeira lectura da novela é vella de 30 anos, así que cando a relín, con anovado deleite, na edición conmemorativa que deu ao prelo Galaxia, decateime ben da diferente perspectiva con que se pode abordar o mesmo texto cando un é mozo e cando é adulto. As lembranzas da miña propia vida petaron á porta do recordo, e o maxín comezou a gurgullar.


Teño familiares próximos na aldea, pero o certo é que fun criado nunha vila e ao xeito vilego. Nun porto de mar, Muros, de tamaño reducido e cunha localización periférica, pero cunha tradición moi arraigada. Un diría, sen pecar de localismo, que as súas pequenas dimensións non se gardan proporción co seu notable cosmopolitismo, que lle vén da súa dupla tradición mariñeira e emigrante. Aos 18 anos tiña eu amigos que xa atracaran en portos dos dous hemisferios, e contábanche de Hong Kong, Rotterdam ou Capetáun coma quen fala de Louro, Carnota ou Esteiro. Boa parte dos meus compañeiros da escola residen desde hai décadas en Nova York e o seu xiro, e xa se deu o caso de asistirmos a unha festa de ano vello no medio e medio de Queens os mesmos colegas que quince anos antes compartiamos troula na sala de festas da nosa mocidade, O Paraíso.

Na vila o castelán tiña unha notable presenza xa sendo eu cativo. A miña avoa, coma case todo o vecindario adulto, falaba sempre en galego, pero no colexio das monxas os escolinos cortabamos un castellano de quen quen. Eu practicaba o ghallegho local cos mosiños do Campo da Lúa. Pura xustiza poética, pois nais había que animaban os fillos a enredar comigo por ver de que eu lles apegase castelán, e acontecía á inversa. De mozos, os mesmos rapaces que platicabamos aquela xerga castelá nas monxas, tornaramos galegofalantes, influídos polos monolingües de sempre, que só foran á escola pública (latando seguido), de contado abandonada para "iren ao mar" ou á obra. Falar galego facía parte dos rituais de paso á mocidade. Así, a diferenza do que pasou coa xeración de Neira, para a cal o galego é o idioma da infancia, para moitos de nós foi máis ben un código adolescente.

Os nosos gustos e hábitos eran de corte urbano. Sabiamos cancións populares, que cantabamos ás veces a coro, conforme manda a tradición da vila. Pero as nosas músicas preferidas eran outras. Estabamos á última de canto disco de Lou Reed (por sinal) saía ao mercado, novidades que nos chegaban axiña a través dos amigos que moraban nos Estados Unidos e viñan de vacacións. A máquina de discos dos bares que frecuentabamos ofrecían un mostrario do máis escolleito do pop rock da época: alí podías oír The Passenger (Iggy Pop) ou Starway to Heaven (Led Zeppelin). Igualiño que no Platerías de Compostela. Poucas cousas me retraen á mocidade coa forza de Ramblin' Man -e non cito os Allman Brothers á vaiche boa!

Como se ve, a miña bagaxe vital ten pouco que ver co Balbino das Memorias. O certo é que se me deixase levar por certos preconceptos, nunca lería esa obra. Pero tampouco falaría galego, e xamais me tería rozado con rapaces que foron os meus amigos a pesar de que eu ía para a Universidade e eles ían ao mar ou curraban na obra. A perda sería miña, pois co galego saltei barreiras que pechaban os meus horizontes. Permitiume trabar amizades das que aprendín e coas que vivín unha morea de cousas estupendas, que non é o caso contar aquí. O relato de Neira Vilas engaioloume non porque eu sexa "un rapaz da aldea" ou teña a aldea mitificada -madía leva!- senón porque retrata un mundo que atesoura unha poderosa verdade humana, e faino con delicada firmeza, honestamente, sen concesións a unha enganosa saudade por un suposto paraíso perdido.

Entrementres, Marta da Coruña confesaba en Gran Hermano que coñecera un mozo guapo, pero ao sentilo falar galego lle deu "un bajón". Que "le tiene pasado" máis dunha vez. Que os rapaces de Lugo cortan un galego brután. Que na cidade só o falan os nacionalistas. Que caneou para non aprendelo no colexio, trampeando a canto podía. Que é unha mágoa que se perda, pero que lle imos facer! Atrapadas nunha arañeira de pezoñentos prexuízos, as Martas viven condenadas a non saír do seu cativo mundo, tan longo de pretensións coma curto de miras, erguido sobre a negación, a ignorancia e o desprezo das propias raíces. Coitadas de vós! Non quero quiñón!

Ningún comentario:

Publicar un comentario